jueves 5 de febrero de 2009

Camiñar entre a herba


Conseguín chegar á aldea, non sen deixar de sentir certa inquedanza ante o que sentira horas antes no medio do silencio. Abandoei a xuntanza dos vellos cos máis novos cando íamos pola lección das aprendizaxes do Todo. Eu sabía algunhas de memoria: que aprendemos do aire? que todo se pode perder nun intre, que aprendemos da choiva? que todo pode mollarse. Que aprendemos do silencio? Que o que non oímos, tamén existe. Que aprendemos do lume? Que adiviña a cinza. E por suposto, o meu preferido, que aprendemos do descoñecido? Aprendemos a descoñecelo.
"Aqueles lugares son o máis semellante a poder ver", así falaban os vellos da aldea, logo sempre se oían gargalladas, respiracións fortes, certa sensación de ledicia compartida. Claro que non teño motivos para saber que é o máis semellante a poder ver, tampouco esas voces dos vellos que o din cheos de sabiduría, cecais eles só sexan uns impostores. É moi difícil saber quen minte e quen non. Así que saín da choza como puiden, o que sempre nos acontece a todos aquí. Os maiores nunca se pode saber se o son ou sinxelamente se fan pasar por maiores. O bosque sempre é unha aventura. Algo percorre o meu corpo cando me alonxo da aldea e ingreso no descoñedido da natureza. Moitas veces sinto o mesmo cando saio da choza. Outros moitos da aldea, os que se din meus amigos, din que sinten algo semellante cando saen das súas chozas ao mencer, un mencer que ben puidera ser a noite máis perdida do tempo, ¿e de que xeito ían saber uns e outros se saen da súa choza ou saen da doutra xente? Fun ben educado en andar ben á espreita dos ruídos que se poden oir, até o silencio ten son. Tamén fumos ben instruídos no exercicio do tacto, respirar ben forte e cheirar: texturas, falsas pistas de xantares de festa, pequenas fogueiras, o arrecendo dos pais, das mulleres, dos alleos, dos amigos. Pero sobre todo, escoitar. Cando me acheguei ao bosque hai unhas horas camiñara arredor de cincocentos cincuenta pasos dende a choza, xa non oía son algún dos outros. Só oía aos paxaros e os meus pés que camiñaban entre a herba. Sentín medo. Erguín os brazos até tocar as moitas árbores que naquel lugar había. Nunca deixan ir só a ninguén alí. Hai anos, ou din que hai anos, ben puidera ser onte, dous rapaces camiñaron máis de setecentos pasos en dirección ao bosque. Nunca máis se soubo deles. Ou iso din. A confianza é moi importante na aldea. Uns confían en outros, hai que confiar nos demais, nas palabras dos demais. Na aldea está prohibido mentir, o consello sanciona a mentira, pero eu o outro día preguntei en voz alta si alguén na aldea podía saber certamente o que era mentira e o que non.
Seguín camiñando polo bosque, o medo seguía alí. O medo nunca se vai cando un camiña pola choza, cando oe algún son que non é familiar, cómpre ir sempre moi esperto. Non foi até os cinco anos que oín falar das cinco aldeas. Iso é o mundo no que me tocou vivir. As cinco aldeas. Cinco formas de habitar a vida, cinco formas que non nos permiten vivir con tranquilidade, sempre resultou todo excesivamente incerto. Os libros din que no futuro todo será distinto. Pero eu sempre respirei o bosque de forma distinta. Sempre sentín o seu arrecendo rechamante, dende que aprendín a falar. ¿Cómo sabemos que as palabras que empregamos son as axeitadas? Algo me incitara sempre a facer o que fixen hai unhas horas. Contei exactamente, o meu corpo tremía: seiscentos noventa e nove pasos. Nin un máis. Nin un menos. Non oía nada, non conseguía tocar nada ao meu carón, axeonlleime. Os meus brazos, as miñas mans nada podían tocar, igual os meus pés. Din un paso cara atrás, imaxineime a min mesmo dun xeito extravagante: certas formas que tocara na miña vida, arrecendos salgados, iso dixeran que era aquel sabor que eu notaba ao pasar a lingua pola miña cara cando viña a febre. Esa sorprendente escuridade intermitente cando un durme, non precisaba saber máis, ou si, se cadra lembranzas varias, sons de músicas das celebracións da primaveira: o mesmo medo no medio de toda aquela confusión de berros de ledicia, música de tambores, os berros confusos dos meus, o cheiro do fume, sempre conviña non alonxarse moito dos maiores, dicían os maiores que durante aquelas festas producíanse os máis sorprendentes extravíos, polo cal todos éramos irmáns, todos eran pais, era demasiado difícil atinar coa choza correspondente, ao día seguinte sempre se producía a reubicación da maioría de todos, pero non sempre se conseguía voltar coa familia axeitada. Dicíase que só polo timbre da voz iso era posible, pero coa idade aprendéramos que aquelo só era unha superstición para ficar máis tranquilos ou non perder a cabeza. O tempo ensináranos que ter o control das cousas sen algo máis era totalmente imposible, non dende a Grande Explosión, aquelo que nos deixara naquel terrible estado dende había séculos, tanta escuridade, aquelo que nos deixara tal como seguiríamos por moitos séculos máis.
Moi devagar, voltei sobre os meus pasos e alonxeime daquel lugar incerto do bosque até volver escoitar os sons de sempre: as voces, o lume, os tambores...Tamén o cheiro do fume, a comida, o son das bestas, era importante ter moito coidado con elas.Todo por mor daquelo que nos deixara así: completamente cegos.