jueves, 8 de abril de 2010

Da xustiza e do ladroízo




Por certo
Non o quito da cabeza,
Ás veces é coma se vira
Extenderse diante miña,
Toda a vida enteira,
coma se descubrira a farsa
de que a vida é moi longa,
cando en realidade
non hai tanto que andaba
berrando por miña avoa,
dende o cuarto de baño,
lémbroo coma se fora onte,
e aínda se supón que todo
é fantástico, non sei,
ás veces miro arredor,
vexo a moitos por aí,
engulindo a nación,
engulindo a Deus,
engulindo a economía,
erguendo bandeiras absurdas
que non elixiron
Ás veces penso que
canto máis se esforza un
por entender as cousas,
é coma se o teu coche
se detivera no medio da autovía,
e cando te dirixes a un puto teléfono
deses que poñen SOS(a eterna curiosidade)
descólgalo e descubres que é de xoguete.
Non hai ninguén ao outro lado.

lunes, 29 de marzo de 2010

El mundo se desmorona, padre, ¿y usted me habla de Dios?


Que clase de sociedade adormecida temos, que os actuais escándalos que sacuden a unha das súas institucións máis poderosas e corruptas, a Igrexa, non merecen ningún tipo de sanción pública por parte dos nosos dirixentes políticos? Que hai no interior da cabeza de tanta xente que confía nesta institución, que non lle permite observar ningún tipo de reflexión que mude o seu comportamento servil e displicente verbo da mesma?

Como o vispo desta capital de provincias pode dicir tan tranquilo sobre a polémica da pederastia, que a carne é débil e quedar tan tranquilo?

A min prodúceme noxo e repulsión non só o vispo de Lugo, senón a maioría de persoas que pertencen a esta organización, a Igrexa, Conferencia Episcopal, ou como lle queiramos chamar, porque representan a inmobilidade e a ausencia de actividade cerebral relevante. Porque dende sempre viven estreitamente vencellados ao conservadurismo, cando non ás ditaduras que matan ou mataron ás persoas que pensan de xeito distinto ao seu, ofrecendo o seu silencio cómprice.

Porque lle dan voz ao elitismo e ao fanatismo ignorante, porque colaboran nesta infatuación da culpa e do pecado, e afunden ás persoas no medo e na ignorancia de descoñecerse a si mesmos.

Tamén me dan noxo pola súa ideoloxía neofascista, e pola hipocresía coa que actúan.

Dende sempre, actuaron como ferramentas de control do individuo, polo demais coma moitas outras institucións; como organizacións represivas da liberdade da persoa, dirixindo e presidindo as principais actividades da vida en sociedade.


E falemos de sexo: reprimindo, castigando e condeando a bisexualidade, homosexualidade ou a poligamia, contribúen dende sempre á persecución e aniquilación do natural instinto das persoas. Con esta acción, provocaron que as persoas tiveran que perseguir a satisfacción destas necesidades de primeira orde, postergando a posta en dúbida da orde estabrecida noutros ámbitos(político, económico...), favorecendo a perpetuación das inxustizas e desterrando a maxia e a orixinalidade que todos levamos dentro.


A súa teima en dicir que todas as verdades da vida son mentiras, a súa iconografía e vestiario, son tan absurdos coma anacrónicos. Sinto vergoña de pertencer a unha sociedade que colabora co seu silencio en moitos ámbitos, a que unha organización así dirixa a vida de tantas e tantas persoas coma min.


O que digo non é nada novo, pero boto de menos palabras rotundas de moita máis xente.

Agardo con fonda sinceridade que o medo á morte e a inseguridade das persoas ofreza no século vinteún unha alternativa realmente transformadora e positiva para as persoas, que convirta a vida nunha viaxe apaixoante e non nun camiño alumado pola idiotez, e que este fato de indocumentados e reprimidos sexuais non goce dun minuto máis de perdón nin indulxencia por parte de ninguén.


Comezando polo propio vispo de Lugo e polo seu tío, Rouco Varela, e demais tropa. Desaparezan do espazo público.


P.D: Desculpen a falta de orixinalidade.


P.D.:


martes, 2 de febrero de 2010

Ao señor Anxo Lorenzo


Leo con sorpresa na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística: "..Iniciativas innovadoras para promover o uso da lingua galega. Os proxectos galardoados cos Premios de Innovación en Normalización Lingüística destacan, principalmente, por promover o uso do galego a través da introdución do audiovisual nas aulas, do achegamento ás novas tecnoloxías e da posta en valor do multilingüismo. As iniciativas gañadoras botan man de diversos medios, como campañas de difusión, blogues, obradoiros, teatro radiofónico e mesmo festivais escolares de cine, entre outros. Así mesmo, todas elas se caracterizan pola súa colaboración con diversas entidades culturais, asociativas, empresarias, deportivas etc..."


Ninguén discute o plurilingüismo como principio para a aprendizaxe das linguas. Pero a xente que alí estaba, con maior ou menor acerto, que supoño eu que houbo de todo, fundamentalmente o que puxo en valor foi o uso do galego na educación, sinalando a necesidade de fomentar o seu coñecemento e de afondar en novas formas de traballar coa lingua galega, especialmente a través dos proxectos galardoados.

Resulta sospeitoso que as informacións se modifiquen ao gusto de quen as emite. Mellor dito: non resulta sospeitoso, resulta patético e vergoñento.
Eu estiven alí, lin varios proxectos, e o acento que se pon en todos eles é a importancia de fomentar o uso do galego, niso si que destacan a maioría.
Un vídeo da xornada realmente bo, a través dun enlace á páxina-proxecto-maravilla dos colegas(na acepción máis agarimosa e tamén literal do termo) do IES Porto do Son, representación moi activa e co proxecto que máis me gustou de todos. As caras son o que semellan ou iso din...


martes, 19 de enero de 2010

En relación ao galego


E ao final hai un lugar que é a escola. Un lugar onde só hai nenos e nenas que entran e saen e un día serán coma nós, cando nós xa non figuremos, imaxinemos calquera de nós cincuenta ou sesenta anos, non tantos...(dicía un uruguayo do Depor chamado Manteca Martínez preguntado pola súa pouca participación: yo acá no figuro). O feito obxectivo é que as bases deste novo decreto supoñen un retroceso evidente do idioma que corre o perigo de desaparecer, podendo engadir que o castelán e o inglés atópanse lonxe dese risco. Pero non sigamos coas obviedades. É manifesto que existe na opinión pública e na opinión publicada un posicioamento político previo que condiciona os xuízos que sobre a cuestión se fan; é normal, coma calquera asunto relacionado coa vida en sociedade, a ideoloxía determina en grande medida o achegamento a unhas posicións ou outras. Podemos afirmar sen risco de enganarnos que hai un partido de dereitas que non posúe sensibilidade dabondo polo tema da lingua e por outros moitos, fundamentalmente os vencellados ao eido cultural, e tradúcese en que estes aspectos non importan moito á sociedade galega, ou ben é unha sociedade bastante desinformada, co grao de inconsciencia que iso provoca. A realidade é que sobre as bases dun plurilingüismo que ninguén pode discutir que é o enfoque axeitado para a aprendizaxe dos idiomas(aínda que a formulación do mesmo resposte a criterios electorais afastados da preocupación pola educación, ou que a posta en práctica do mesmo en relación ás linguas estranxeiras non é realista, viable nin desexable), o galego diminúe obxectivamente a súa presenza na educación de levarse adiante o futuro decreto, entre outros aspectos tan lamentables coma que un goberno derive nos pais as súas responsabilidades no tocante a preservar o patrimonio lingüístico e cultural dun país, un xeito de interpretar a realidade que por riba de consideracións políticas, é resultado da despreocupación que unha parte moi ampla da sociedade galega sente respecto ao idioma, triste realidade que non debemos esquecer. Pero hai máis. Hai tamén un problema de alternativas no presente e houbo un problema de habilidade política no pasado recente. A confrontación directa non é o camiño, xa vemos a virulencia que desataron na dereita e nas organizacións que ben saben onde teñen a man dereita, iniciativas e actitudes viscerais por parte do bipartito no tocante ao idioma, especialmente por parte do nacionalismo, unha percepción de suposta imposición idiomática(manda carallo) que non se soubo ou non se puido contrarrestar. O liderazgo e a cobertura mediática que reciben certos grupos ou asociacións, concretamente a Mesa pola Normalización, non axuda tampouco a que sectores da sociedade galega reaccionen e abandoen a súa inacción, interiorizando a gravidade dun problema que require algo máis que axitar unhas bandeiras polas rúas ou establecer diálogos de xordos na televisión sen algo orixinal que aportar, sen que isto estea mal, porque de feito é preciso, pero non abonda. De seguido se plantexa outra cuestión: se unha persoa coma Feijoó pode gobernar Galicia e o máximo expoñente da defensa do galego pode ser Carlos Callón, a lectura é aterradora: que referentes posúe Galicia entre a xente nova? Onde están os individuos representativos que sexan aceptados pola xuventude que dentro duns poucos anos terá a responsabilidade de decidir sobre o futuro galego? Eu boto de menos xente brillante que trascenda coa súa actividade, sexa o eido que sexa, o ámbito local ou autonómico, e se convirta nun verdadeiro exemplo pola súa actividade. No seu lugar, vexo sobre todo individuos abafados pola dinámica das elites, de acadar determinados lugares, sexa o eido cultural, político, empresarial; si, xa o sei, é a vida. Pois non. Falta algo de risco, algo máis de desapego, e de rebeldía. E algunha iniciativa máis de tipo individual, afastada do proxecto: a miña sensación é que faltan iniciativas e sobran proxectos. Por riba, os medios de comunicación non descoñecen este feito, e axudan a visualizar a defensa do galego como algo propio de fundamentalistas viscerais asociados ao nacionalismo máis rancio, no canto de darlle voz a xente que posúa algo máis que o desexo de ascender postos dentro dunha organización política, e teña finalmente algo intelixente que dicir e chegue a máis xente. Xa o sei, supoño que é unha visión utópica e pouco realista. Pode ser. Pero se hai que conformarse con isto, dacordo. Eu irei á folga e manifestareime, porque así coido que debe ser, porque me avergoña ser gobernado por un fato de indocumentados, pero sigo a pensar nestas cousas, e se non hai máis cera da que arde e con isto hai que conformarse, e entón Galicia vai estar representada por personaxes tan grises e faltos de orixinalidade, non o acepto. Di Pessoa: "Me resultaría indiferente que invadiesen Portugal, siempre que no me agredan personalmente".



jueves, 24 de diciembre de 2009

Corgo City: A miña verdade


O Certame Terras de Chamoso de relatos ten un gañador, un chaval da zona, un bo chaval...
Nova extraída do diario El Regreso, nunha esquina da sección comarcas.


sábado 19 de DICIEMBRE de 2009 el progreso
El concurso literario Terras de
Chamoso ya tiene ganadores


redacción
LUGO. El lucense Lois Pérez
Díaz, por la obra ‘A miña verdade’;
y el moañés Xosé Daniel
Costas Currás, por el poemario
‘O delicado cheiro de Aumaxab
Marma’, han logrado el primer
premio de relato y poesía, respectivamente,
en la categoría de
adultos del certamen Terras de
Chamoso. El jurado del concurso
literario convocado por Arumes
do Corgo dio a conocer ayer los
trabajos premiados de entre las
70 obras presentadas, 39 de ellas
en relato corto y 31 en poesía.
El acto de entrega de premios
se celebrará el día 26 en el centro
sociocultural de O Corgo, a partir
de las nueve de la noche.

domingo, 8 de noviembre de 2009

Mención especial para A Distancia

En Abelleira, sendo as 16.00 horas do día 26 de setembro de 2009 reúnense os membros do xurado do IIIº Certame de Relato Curto "A Orola", organizado pola A.C.R. Ponte Vella de Abelleira.

O xurado formado por:

  • Dona Caridad González Cerviño(Presidenta do xurado e Presidenta da Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio histórico-artístico da Deputación da Coruña).
  • Don Xosé Manuel Sande Chouza (Mestre e xornalista de La Voz de Galicia).
  • Don Xosé Antonio Formoso Lado(filólogo)
  • Don Antonio Priegue Leis(secretario do xurado, con voz e sen voto.

Despois de comentar os relatos e deliberar sobre os mesmos o xurado decidiu por unanimidade:

Conceder o premio como gañador ao relato presentado baixo o lema "Axóuxere". Unha vez aberta a plica correspondeu a autora Rocío Leira Castro co título O ALPENDRE DOS MEUS SOÑOS.

Así mesmo, o xurado quixo facer unha mención especial ao relato A DISTANCIA de Lois Pérez Díaz.

Sendo as 18.00 horas levantouse a sesión e redactouse a presente acta da cal como secretario dou fe.

En Abelleira, 26 de setembro de 2009

martes, 20 de octubre de 2009

Galicia Bilingüe: Borges, os caníbais e Stevenson


Non todas as palabras do título pertencen á mesma caste: Galicia Bilingüe, a asociación, non debería figurar nunca ao carón de Borges(non as noces, senón o arxentino), os pobres caníbais da Polinesia e o Stevenson, pero permítanme que o deixe así sen máis para agora amosarlles o que sen dúbida algunha constitúe un "didáctico" e "respetuoso" exercicio de intolerancia cara a miña persoa por parte desta asociación veciñal galega( ao seu pesar), a partires dun correo recibido na escola onde traballaba hai dous anos, e que por puro diletantismo me decidín a respostar, sen agardar ser requerido de novo por dita asociación, en claro estado de desenfreno brasileiro, pero que deixa ben claro o nivel de fondura intelectual deste colectivo aldraxado nos seus dereitos, sempre á fronte da vangarda intelectual(ou tan só sempre á fronte, máis ben).

Agardo saiban perdoar certa inocencia na argumentación pola miña parte, aínda non revisara de xeito adecuado o tema idiomático, agora tampouco son un grande experto, pero daquela escribírao a título individual, dende a perspectiva dunha persoa que traballaba de mestre substituto e lía por azar aquel correo; admiren tamén a prosa fluída e erudita, ancorada na reflexión calma e no trato respetuoso dos responsábeis de Galicia Bilingüe. Sen máis, velaí van os correos:


Correo 1, lido na biblioteca da escola unha mañá do 15 de Abril de 2008:



----- Mensaxe orixinal -----
De
info@galiciabilingue.es
Data
Mon, 14 Apr 2008 16:38:49 +0200 (CEST)
Para
undisclosed-recipients
Asunto
Conferencia Galicia Bilingüe
Estimados Señores:En un archivo adjunto les enviamos una carta de invitación para asistir ala conferencia que Galicia Bilingüe celebrará el próximo viernes, día 18,a las 20.00 horas, en la ciudad de Lugo (Gran Hotel de Lugo). También lesenviamos una presentación en Power Point con imágenes de nuestrasanteriores conferencias.Un saludo de Gloria Lago, presidente de Galicia Bilingüe.



Resposta do mestre substituto Lois Pérez, ás 13:55 da mañá do 15 de Abril de 2008:


Estimad@s membros de Galicia Bilingüe(á atención de Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe):

Diríxome a vostedes para comunicarlles que non asistirei a dito acto que a súa organización celebra. Malia iso, quixera manifestarlles os motivos para non facelo:


1. As ideas que vostedes promoven, por riba de achegarse a posicioamentos anticonstitucionais, parten de supostos que na realidade non se dan, isto é, unha suposta marxinación do castelán e un hipotético dereito vulnerado a elixir que non é tal. Tod@s temos dereitos, pero tamén temos obrigas, de natureza constitucional.


2. Pensar ou o que é peor, querer facer pensar aos demais, que o galego e o castelán están en igualdade de condicións con respecto ao seu uso por parte da poboación, neste caso a comunidade escolar, iso é unha infamia.


3. O bilingüismo é un feito fácilmente corroborable en Galicia. Agora ben, o uso dun e doutro idioma, e as dificuldades para o seu uso non son as mesmas nunhas zonas que en outras, se ben a nivel estatístico, o estudio da situación idiomática informa que o uso do galego é moito menor que o do castelán, e que evidentemente atópase en claro retroceso e desvantaxe con respecto ao castelán en moitos ámbitos sociais.


4. A súa organización agocha unha ideoloxía política determinada que, ao abeiro de determinadas problemáticas de ámbito estatal(concretamente, o País Vasco e Cataluña) que un determinado Partido tenta promover como asuntos de capital importancia, pretende trasladar de xeito análogo a Galicia, cando obviamente iso non se corresponde coa realidade.


5. Non me interesan as xuntanzas de xente que o último que pretende é resolver os problemas reais da cidadanía, senón plantexar problemáticas de natureza política, transformándose en sinxelos voceiros de formacións políticas e non en membros con capacidade propia para pensar e movilizarse.


6. Non me interesan as xuntanzas (como a que a súa organización celebrou en Vigo, de xeito suntuoso por certo) na que se descalifica a distinguidos membros da comunidade cultural galega tan só por non defender posturas como a súa, e posuír ideoloxías distintas.


7. Galicia Bilingüe pode ubicarse no imaxinario colectivo, á mesma altura doutras organizacións que até hai ben pouco tamén saíron á escea pública e que axiña como naceron, pronto se esvaíron misteriosamente. Poñamos algúns exemplos: Manos Limpias, Agua para Todos...etcétera, lémbranse?


8. O idioma, neste caso o castelán e o galego, son fonte de riqueza, un xeito de intepretar a realidade, legado cultural dos nosos devanceiros, nexo de identidade, e o seu uso non é antagónico, senón complementario(xunto coa aprendizaxe doutros idiomas, cantos máis mellor), e isto fai medrar ás persoas, e achégaas a plenitude persoal, que as pon no camiño de ser cidadáns mais capacitados para decidir, para saber, para actuar...Para vivir mellor. E teñen que saber que o feito de que vostedes non compartan a importancia por igual dos dous, ou a discriminación histórica dun deles, isto é, o galego, non significa que as institucións non teñan que cumprir coa súa obriga de defender o propio patrimonio lingüístico e cultural, tentando discriminar en positivo o uso do mesmo, sen negar a importancia do castelán, que por suposto a ten, tanta como o galego. Pero o punto de partida non é o mesmo.


9. Cando de verdade teñan propostas coherentes que ofrecer á cidadanía, cando menos, falaremos.



Atentamente, Lois Pérez Díaz , mestre substituto 33337051-T


Correo recibido ao día seguinte por parte da asociación Galicia Bilingüe, xa dirixido directamente á miña conta de correo:



Señor Lois Pérez:


Dicir que as nosas propostas son inconstitucionais amosa un notable graode ignorancia (niso compite con Manolo Rivas, que non le do que fala). E iso que a xurisprudencia do TC parécenos verdadeiramente disparatada - ten párrafos memorables, a parte de non ter nin idea do que é 'centro de gravidade' en Física - no que atinxe á STC 337/1994, xa que di o que a CE dí o que claramente non di (compartimos o voto discrepante de Diáz Eimil eos criterios que sostiña de aquela o TS). No resto debería vostede informarse das nosas propostas, e no que atinxe a que somos instrumentosde certo partido político fai que a sua catadura moral sexa consideradacomo ben baixa por nós. O punto 8 do seu correo encaixa perfectamente conque propón GB, e desde logo non coa presente normativa lingüístcia deGalicia. As linguas non teñen dereitos, e os cidadáns deben ter dereito aempregara a que queiran ( e a aprender a que queiran, mesmo estamos encontra da obriga do deber de saber castelán, que, por outra parte, é undeber imposible de esixir ou de sancionar aos 'infractores'). Estude as políticas lingúísticas dos países democráticos: todas están, com matices,baseadas nas propostas de GB, e ningunha se achega ás que se levan a caboen certas rexións de España. Desde logo, é un problema que haxa mestres con ideoloxías totalitarias no ámbito lingüístico, e tamén certo grao deignorancia: é un risco para os seus alumnos, aínda que tales especimens abondan no sistema educativo, e non só na rede pública. Así saen alumnos, compunxidos, que din que non son quen de falar a súa lingua propia e barbaridades coma esa (curioso que alguén non saiba falar a súa propia lingua: os mudos seica).Mellor que non vaia a nosa conferencia e aproveite o tempo para estudar, mestre substituto, aínda que algo aprendería, sonbre todo en materia de dereito comparado. Máis que nada para non dicir disparates ou manipular a realidade ou as propostas de outros. Saudiña.



Correo enviado por min, o mestre substituto(daquela), na mesma semana:


Obviarei o de estimados:


"Ideoloxía totalitaria", "ignorancia", "compite en ignorancia"...Que máis podo engadir? Comprobo non sen indiferenza(isto é, con indiferenza) a linguaxe que vostedes manexan para contrastar as súas ideas coas miñas. Non dubido do seu coñecemento do dereito, pero semella sensato pensar que o tema da lingua require algo máis que o coñecemento do dereito...Diversas formas da sensibilidade. Engaden que compito en ignorancia con Manuel Rivas: as súas palabras énchenme de satisfacción, pois non agardaba eu na mañá de hoxe recibir loubanza semellante. En canto ao de "especimen", tan só engadirei que se escribe con til( espécimen ou espécime) en castelán e en galego, e deberían coidar a ortografía indistintamente do idioma que usen. En canto ao significado do termo, totalmente dacordo, engado: ser, exemplar coas características principais que definen a unha determinada especie.


Neste punto, penso agora en Herman Mellville, o autor de Moby Dick(hai edicións fantásticas en castelán e en galego, de feito, en case que calquera idioma no que se sintan aldraxados), que embarcou polo Índico e logo desertou indo a parar a unha illa das moitas que na Polinesia son. Alí, topou, coma min, cunha tribu de antropófagos(forma culta de caníbais) que o acolleron, ao contrario que vostedes, con fondo respeto, antes de que liscara dalí.

"...mesmo o dereito a non saber castelán..." Ben, aquí coido que non se poden facer afirmacións tan lixeiras, e remítoos ao punto central do meu anterior correo: a lingua, por riba de ser un determinado xeito de expresarse, constitúe un legado cultural que vostedes son incapaces de valorar, e soster posturas como as que vostedes refiren na súa carta, é case que alinearse co todo e coa nada; por suposto que hai moitos dereitos que se poden defender, así poderiamos defender o dereito a non ir á escola tamén, ou o dereito a saltar os semáforos en vermello..A viaxe a ningunha parte. Aquela película do Fernán Gómez(excelente) ou o disco de Bunbury(do mesmo nome) na que os cómicos vagaban polos pobos sen rumbo. É unha boa metáfora do lugar a onde vostedes se dirixen: a ningunha parte. Pero gostaríame insistir nun punto básico: o feito de que vostedes non teñan a preocupación dabondo pola conservación dalgo que trascende o que é unha lingua, non implica que as Administracións non teñan que estar na obriga de preservar un patrimonio que forma parte da esencia dos que aquí vivimos(dalgúns, por outra parte) e que conforma un patrimonio de todos de calquera xeito. Iso non exclúe o coñecemento do castelán, eu non estou defendendo prantexamentos extremos, pero a discriminación en positivo do galego é unha medida necesaria e pertinente. Os cidadáns, na medida en que se atopan nun lugar onde teñen a sorte de posuír dúas linguas(cando menos), están en disposición de gozar e de usar un patrimonio cultural inmenso, aprender a valoralo, para poder decidir dende o coñecemento e a sensibilidade pola lingua, polo que comporta, para gañar en calidade de vida. Iso non se consigue do xeito que vostedes promoven, baixo un bilingüismo tan indeterminado que abonda con ingresar no seu foro, para saber de que están a falar, a aniquilación. A liberalización xa ten outros terreos, onde por desgraza, se reproduce o que acontecería co idioma: o grande come ao pequeno, e o último que peche a porta.


Reclaman vostedes un suposto paraíso idiomático(xa sabemos a que conduciu o bilingüismo armónico, verdade?) no que cadaquén elixe en liberdade, coma quen fora mercar froita. Estabrecen un decálogo no que, polo visto, a ausencia de posicioamentos mais explícitos é unha constante, e por riba, en cartas coma a que tiveron a ben facer para respostarme, caen nos tópicos e en sentenzas de tribunais, cando o que se lles pide é que razoen, e a poder ser, emitan argumentacións..


Ah, agora xa o entendo, son vostedes borgianos. Defenden o esquecemento(do idioma neste caso) coma unha manifestación complexa da memoria.


P.D.: E que hai do dereito ao islandés, refírome ao dereito de mexar en territorio islandés?