domingo, 11 de noviembre de 2007

Dente Azul


No espello da sala podía observar con precisión como o seu corpo se movía fóra de tempo ó ritmo daquela música tropical techno. Había unhas vinte persoas de toda condición, mais a monitora, que con xesto enérgico e convencido tentaba convencer ó personal das maravillas do aerobic. Percibiu dende un primeiro momento a estructuración espontánea do grupo. Na primeira fila atopábanse un grupo de sete persoas, cinco mulleres e dous homes, que tanto pola súa fisionomía exercitada e o seu rostro desinhibido denotaban confianza e familiaridade. Aquela expresión variaba en canto miraban a algún membro do resto do grupo. Entón tornaba en distanciamento e asepsia. Despois había un grupo de seis persoas, homes e mulleres, que polo interese que poñían era fácil presumir que trataban de acadar o nivel do primeiro grupo. Eran aceptados sen dificultade. A continuación, nos laterais, comezaba a exclusión. Dous homes, que polo seu físico semellaban mais, bos afeccioados á Champions nas tabernas do río. Do tipo olles, fichou o Chelse ó negro do Milán e o outro di eh? Nos a quen fichamos, a quen, en Crista! A quen, ponos outras, dame cambeo. Por suposto, a indumentaria era propia dos alleos á actividade física realizada con regularidade. Pronto se decatou deste punto cando observou a ollada condescendente dun home do primeiro grupo. Este home que miraba con repulsa a indumentaria do outro, vestía unha camiseta en verde fluorescente, que reafirmaba os seus pectorais, e uns pantalonciños moi curtos de licra en laranxa fluorescente tamén, a xogo coas raias que daban lustre ás súas zapatillas, futurismo. Levaba as pernas depiladas e lucía un abraiante moreno para a aquela época do ano. O home que era observado con condescendencia ofrecía un branco tradicional do país, deses que cando che dan unha palmada no peito fica a marca dos dedos ben roxiña durante tres días. Vestía, en contraposición ó do grupo destacado, inspirado pola causalidade mais elemental: unha camiseta de Ron Habana en branco, uns pantalóns curtos de algodón gris claro dos anos setenta, carpíns executivos que ofrecían ese estrano contraste entre unhas pernas leitosas de varón, pelos grosos e abundantes e a transparencia dos propios carpíns salientando esa pureza viril, tan pouco sutil, e unhas zapatillas Paredes de reminiscencias heavy en branco, un cuadro demoledor en definitiva. O seu acompañante, o outro, vestía dun xeito moi semellante, variando en pouco, acaso as cores. Por outra parte, os dous tiñan unhas belas meixelas ben enroxecidas polo viño infatigable que tiñan inxerido cando a Copa de Europa aínda era iso, a Copa de Europa.
Mais ó fondo, unha muller presentaba lagoas coordinativas que o noso home puido percibir tamén polo espello. As mulleres do primeiro grupo ollábana de reollo e reafirmábanse na súa destreza, enfatizando a expresión de interese. Así, aumentaba a sensación de aprehensión dos náufragos do aerobic, en tanto a monitora suaba a indumentaria ó berro de vamos, eso es, ahora esas piernas en uno, dos, tres, y arriba! A música techno pechaba aquela estrana instantánea de mens sana in corpore sano. Mais atrás, xa no fondo, atopábase él, xunto a outros tres. Só ían alí para deleitarse observando as mulleres. Él non disimulaba nin se atopaba especialmente incómodo por manter aquela actitude de lascivia moderada. Os outros tres completaban aquel grupo diseccionador. Ollábanse os uns ós outros a través do espello sorrindo abertamente, clavando a ollada nunha cacha, ou nunha cadeira, a duras penas eran capaces de seguir o ritmo. O mesmo daba. Tiñan interiorizado que era un dereito que lles pertencía, ir alí, á clase, e mirar para as mulleres. Eran catro machos convencidos. A clase rematou cuns estiramentos e facianas agotadas. A monitora despediuse e saiu dando as gracias, ollando ós alumnos. Él e os outros tres, despedíronse dela reparando unicamente na súa cadeira e nas pernas. Dirixíronse ó vestiario. Logo entraron os dous da taberna do río e, por último, dous homes do primeiro grupo, o dos avanzados. Comezaron a espirse, ó tempo que un deles abría as duchas. Un dos que estaba en forma quitou a camiseta diante do espello. Observou os pectorais con expresión de satisfacción e seriedade, xuntando os beizos. O seu compañeiro, outro destacado do aerobic, ollaba para él sentado, sorrindo e dicíalle estás definiendo muy bien esta semana, creo que de pecho estás perfecto. Ao tempo que realizaba a observación, acariciaba as súas propias pernas, comprobando a suavidade do depilado. O outro respostaba: hoy le di muy duro, para la semana tenemos que subir un par de series de tríceps, es todo mental, todo mental. Os dous do río, mirábanse o un ó outro con xesto ausente. Estaban sentados. Un deles sacou a camiseta e dixo: estou feito unha merda. O seu amigo non se molestou en rebatirllo. Ó tempo, os catro machos, incluído él, seguían a cantar as virtudes da monitora: vaia cachonda, dicía un. Os outros dicían: está moi cachonda. Despois non dicían nada. E asi, entre vagos comentarios e impresións diversas, ingresaron todos eles espidos na ducha. Oito homes espidos nas duchas dun ximnasio. Uns mirábanse ós outros en silencio, con disimulo. Os atléticos reparaban no físico descuidado dos atletas da taberna, e un destes, observaba os atributos doutro que se atopaba na esquina. Logo miraba para sí. Pechaba os ollos e pensaba nunhas cervexas. Él foi o primeiro en abandoar a ducha. Vestiu os slips con esa urxencia que se experimenta logo dunha ducha reparadora. Puxo o chándal e as zapatillas e, diante do espello, tratou de acomodarse da mellor maneira os cabelos. Botou colonia dabondo e sorriu ensaiando. Atopábase ben. Moi ben. Hoxe era xoves e iría cos compañeiros da oficina a tomar unhas copas. Pasaría pola casa para cambiarse e poñerse aquela camiseta apretada da que tanto gostaba. Se non se entretiña, cecais se atopase coa monitora de aerobic para botarlle unha mirada antes de abandoar o ximnasio. Non puido ser. Ó sair dos vestiarios, logo de despedirse dos seus tres colegas, non puido ver á monitora nas dependencias do ximnasio. Só dous tipos que facían pesas e se animaban o un ó outro: vamos, vamos, vamos, una más, una más. Logo dunha última repetición pegábanse unha palmada e berraban entusiasmados. Saiu ó aparcamento. Sorriulle a sorte. Alí estaba aínda a monitora gardando a bolsa deportiva no maleteiro e subindo ó coche. Achegouse e díxolle: hasta mañana, chica. Pensaba que dicindo chica quedaba de seductor moderado ó tempo que mostraba especial afecto pola rapaza en sí. A rapaza devolveulle o saúdo sorrindo, pensando na cara de idiota que tiñan él e os outros tres daquel grupo de individuos bañados en testosterona que facían daquela clase de aerobic un verdadeiro incordio para ela. Él, ó achegarse ó seu coche, contemplou satisfeito como a monitora acendía o seu e se borraba do recinto. Antes de subirse, puido ver unha furgoneta desas dos setenta, marca Wolkswagen. No interior da mesma puido ver a un rapaz duns trinta anos, cun gorro de lá, de simboloxía xamaicana, e a unha rapaza nova ó seu lado. Semellaba que estivesen a fumar un canuto. Ollounos con desprezo e logo arrincou o coche e perdeuse de vista.

- Xa, tía, molan Toots and the Maytals, van nun rollo aí tranquilo que te envolven moito,- comezou a dicir o rapaz do gorro de lá- eu ás veces cando os poño na furgalla, alucino. En ocasións igual transcurren trinta kilómetros e vou tan metido na súa música que cando me volto a centrar na estrada, non sei onde estou. Que medo, tía. Imaxínaste que un día vas conducindo e te esquences de onde ves e para onde ías? Pasoulle a un colega meu.
- Como se che vai, que dis?- dixo a rapaza pasándolle o canuto.
- Un colega meu que fai snowboard en Noruega, Breixo.
- Breixo? Non o coñezo, pero xa me dirás ti que fai un tío que se chama Breixo en Noruega.
- O Breixo é un tipo que xa se saltou varios límites no transcurso da súa vida. Sempre foi moi deportista,…, uhum! uhum! Joder coa marihuana esta, sí que está forte.
- É norueguesa?
- A marihuana?
- Non oh, a tipa que fixo que un tío que se chama Breixo rematara en Noruega, porque se non, non o entendo. Noruega…Os noregueses semellan robots. Meu pai di que os noregueses, os suecos, os finlandeses, que están todos tolos, que non teñen puta idea de nada. Bueno, vale, inventaron o Linux e o Bluetooth…
- Ti sabes quen era Dente Azul?
- Quen, Bluetooth?
- Sí, Dente Azul era un pirata dos mares do norte que ía co barco cheo de mulleres que secuestraba polas costas dos países do norte. Por exemplo, chegaba a Estocolmo, que non sei se ten mar, é un exemplo, collía o loro e o parche, entraba na taberna do peirao e dicía en alto: Onde están as mulleres desta vila? Poñédeme unha botella de ron, se non cólloas a todas e marcho no barco, e logo cagábase en Cristo, pero en noregués.
- Deixasme flipada, estás inventando?
- Como cho conto…toma, fuma ti un pouco, eu xa vou servido. Mola esta canción…pois sí. Dente Azul. E entón foi que chegou a xuntar mil setecentas mulleres nas adegas do barco. Claro, os piratas nin pirateaban nin a virxe, andaban flipados todo o día, querendo entrar nas adegas do barco, pero Dente Azul non lles deixaba. Cada noite, facía que lle trouguesen unha muller ós seus aposentos. Alí, bebendo ron, trataba de calmar á rapaza e logo comezaba a lerlle versos que escribía nas noites de insomnio. Collía o libro entre as mans, erguía da súa cadeira, e comezaba a pasear pola habitación espido, só iluminado pola escasa luz dunha vela, e erguía as mans, recitando emocioado. Xa te imaxinas ti ó Dente Azul, espido, co parche no ollo, o loro no ombro e recitando:

“Son Dente Azul, navego fuxindo da tristura,
teño o corazón rachado e a espada dura,
e si me deixas, tocaríache o cú.”

-Estás a inventar, mintes…
-E que gañaría eu con mentirche, pero déixame rematar:

“son o terror dos Mares do Norte, o pirata dos poetas,
teño roubado moito e herdei horribles cicatrices,
poido ver os perigos nas formas das tetas,
e fun amante de oito mil meretrices”

- Ala, pois menudo poeta estaba feito o Dente Azul, a min así non me ligaba.
- Xa, a ti non, pero a aquelas chavalas cheas de medo, sí. O Dente Azul era un sentimental, e nunca lle fixo dano a ningunha daquelas mozas. Namorounas a todas, ás mil setecentas, e cada noite namoraba unha. Tivo fillos e tivo que roubar un barco mais grande, pois xa non cabían todos. Tivo algún problema cos piratas que querían andar coas rapazas, e chimpounos á auga coas pernas cortadas para que non puideran nadar, pensaba en todo. Logo, mandábaos á auga sen os brazos tamén, porque un pirata seu que fora sorprendido pasando notiñas que escribía en virutas da barrica do ron a unha das mulleres de Dente Azul, conseguira chegar ás costas de Dinamarca.
- E como?
- Din que se agarrou coas brazos a unha táboa de madeira que había na auga, colleu as súas propias pernas cortadas e remou con elas ata chegar. Dende aquela cortoulles tamén os brazos, porque a Dente Azul non lle gustaba que lle andivesen tocando tanto os collós, bueno, que llos andivesen tocando os seus piratas.
- Estás tolo, toma e remata o canuto, porque ó final non me contache o do Breixo, por comezar coas tonterías esas de Dente Azul,...
- É verdade, Breixo. Breixo tiña costume de drogarse sen establecer límites a priori. Un día que se foi á neve, ós Pirineos, levaba tanta droga na súa furgoneta como para unha xira mundial dos Led Zepellin, e ía coa música posta, un disco de Frank Sinatra. Gustáballe tanto Frank Sinatra, que decidiu que nunca mais voltaría a falar ata que alguén, por azar ou por confundilo, lle chamase Frank. Botou catro anos e tres meses sen falar ata que un día, nun supermercado, falou.
- Joder, e quen lle chamou Frank?
- Ninguén, o que pasa é que estaba moi canso de non falar con ninguén, e alí, no supermercado, adiantoulle unha vella no turno da carnicería, e cagouse en todo, e despois xa voltou falar. Estábao desexando. Polo visto, o mais duro de non falar son os tres primeiros meses, despois xa vai todo ben.
- E ti como sabes iso?
- Díxomo Breixo cando levaba tres meses sen falar. Foi a única excepción. Despois non voltou falar mais ata o día do supermercado, catro anos despois.
- Ostiá, vaia tipo o Breixo. Pero como chegou logo a Noruega?
- O asunto é que, como che dixen, facendo snowboard e drogándose non había un como él en toda Galicia. Polo visto, ía por Irún, ou así, e colleu e parou a furgoneta. Ía moi pasado. E decidiu que o mellor sitio para facer snowboard sería por Noruega ou así.
- E arrincou?
- Arrincou a pé ata Noruega, logo de prenderlle lume á furgalla e coller o diñeiro e a tabra de snowboard. Tardou dous meses e medio en chegar. Pero agora vive moi feliz alí, aínda que hai moitos suicidios, porque o clima é moi deprimente.
- Pero non ías contar que o Breixo, de tan drogado que ía, e ó meterse tanto na música, esquencérase cara onde ía, e rematou en Noruega?
- Bueno, a verdade é esta que che contei agora. Vamos bastante fumados neste preciso intre, non?
- Sí, excedímonos un pouco, pero qué, faite outro aí, que a noite promete. Baixamos e imaxinamos durante os próximos vinte minutos que somos noregueses? Pero imaxinando de verdade, hai que intentar pensar como se fosemos noregueses.
- Vale, apagarei o equipo de música. Ou déixoo acendido. Mellor facemos de noregueses aquí dentro. Eu vou facer de Boca Azul, e ti eres unha chavala de Goteborg, roubeite hai dous días. Estamos nos meus aposentos. Vamos ó asento de atrás.

A noite segue o seu curso, e a parella da marihuana disfruta dos viaxes a ningures no interior dunha furgoneta marca Wolkswagen. Nalgún lugar dos mares do norte, un barco afundido soterra os segredos do pirata Dente Azul, que un día, enfermo de amor, por non poder querer ás mil setecentas mulleres a un tempo, decidiu afundir o seu propio barco coas súas mulleres e os seus piratas, e asi rematar coa súa dor. Dende entón, os suecos, os noregueses, os finlandeses, non teñen tempo para quererse. Só saben inventar Linux, Bluetooth, Ikea, e quedar eliminados das eliminatorias do Mundial de fútbol.
Lugo, 10 de Novembro de 2007
PD:A continuación, ofrézovos unha "xoia" de documento gráfico, pertencente a unha peculiar intervención do Salmón por excelencia na televisión arxentina. Moi grande, a partir do minuto cinco de video, ata o sete que remata, o solo de guitarra coa orquesta do programa. Impagable. Da época mais oscura do salmón. Ano 2000: http://es.youtube.com/watch?v=jKBQwtLKOco

No hay comentarios: