viernes, 25 de abril de 2008

As bágoas do descoñecido


"A auga é vermella. Agora é noite. O ceo é vermello tamén. Ferve. Non se ve nada. Por algún estrano motivo só se adiviñan sombras, imprecisas doutra banda, a cada unha das beiras desta sorte de río. A corrente baixa salvaxe. O vermello deste ceo é escuro e non convida a relaxarse. Unha profunda presenza invádeo todo. Pequenas nubes de fume saen desta auga que só incita a berrar. Ninguén fala, ninguén hai, ou iso semella. De súpeto, algúns ruídos estranos comezan a escoitarse dunha das beiras. Si alguén navegara o río, contra a corrente, cecais fora empurrado pola corrente. Remonta-lo río é unha fazaña inimaxinábel. A cada intre hai mais fume, a cada intre mais ferve a auga, chega das beiras do río un triquetraque enxordecedor, serras? non se sabe. Agora non se ve nada, o ceo mudou en negro, só unha grande sombra, a súa sombra...




Polas vellas táboas de madeira que conforman o chan dun piso algo coñecido corre un fío de sangue. A sangue que repousa xa case que seca, é negra, escura. Mais arriba, un regueiro de sangue, aínda vermello, aínda húmido, aínda quente, corre con violencia dende o corpo sen vida dalguén. Hai unha muller que repousa no chan. Está morta. A súa faciana é a da morte, o afiado do seu debuxo e o enrugado da súa pel fai pensar que se trataba dunha muller de avanzada idade. Hai un silencio brutal. Non. Hai alguén mais. Alguén que vive e que respira axitadamente. Riba dunha cama, sentado, nunha habitación preto do corredor, un home tamén ancián, repousa a cabeza sobre as mans e os brazos. Olla para o chan. Non ten pelo. Alí, no chan, hai un coitelo cheo de sangue. Algunhas pingas aínda penduran deste. Agora a respiración modérase. Nunha das pingas hai un reflexo, agora a pinga é mais e mais grande, do tamaño dun grande espello roxo. Nese espello hai unha faciana que non se acerta a recoñecer. Esta faciana descoñecida achégase ao espello, fúndese no vermello da sangue...




Agora só se ve con dificuldade a superficie dese gran río roxo, que ferve mais e mais, coma cando un se mergulla na auga e se sumerxe non por completo, dese xeito se ve. De súpeto, e agora sí, unha enorme figura sae do descoñecido, do medio da vexetación imprecisa dunha das beiras. Pero é unha sensación estrana, alguén familiar pero descoñecido a un tempo. Agora achégase. Sí, é él..."






Estimada Lily:





Vou morrer de calor, ou o que é peor, de desesperación. As rúas desta cidade, se así se lle pode chamar, feden a fideos, a humidade, non atopo o teu arrecendo por ningures. Onte tiven un sono extrano. Nel, atopábame nunha casa, extraordinariamente familiar, mais que soño era un pesadelo, pois dese xénero eran os feitos que nesta visión acontecían. Había un grande río, era de noite, o ceo era roxizo e escuro, nunha combinación insólita, a auga fervía. A auga era roxa. Nas beiras deste río fantasmagórico, anunciábase o medo en forma de sombras imprecisas e difusas.Sentín moito medo e logo acordei. Eran as cinco da mañá e ollei pola fiestra e bebín auga. Esta cidade semella que non durmira nunca. Hai algo sorprendente pero inquedante en todo o que aquí se produce. Non sei, é coma si algo malo estivera por acontecer.Filipinas non é exactamente o Vietnam, pero supoño que moi semellante; Manila non é Hanoi. Onte camiñei por Roxas Boulevard e vin moitas luces. Estas rúas son semellantes ás do pobo, coma as rúas do noso pobo pero as luces do primeiro día en que as vimos, así son as rúas de Manila. Roxas Boulevard está ateigado de postos de comida rápida, hai fume por todas partes. Hai un home que vexo tódolos días antes de coller o autobús que me dirixe á rodaxe. Él olla para min e saúdame, pero é un saúdo bastante misterioso, pois sempre o fai no intre en que eu me xiro dende o bus para comprobar si se esqueceu. O mais sorprendente é que hoxe achegueime e o home era cego, coma nas películas de artes marciais das que se ri Franz na rodaxe. Aquí ninguén o coñece. Él semella bastante tranquilo, aínda que a semana pasada chegou unha carta de California, na que lle comunicaban que perdera a casa. Dentro dun mes irán tres anos de rodaxe. Os actores din que se arruinou, que xa non lle queda mais diñeiro. Os dos helicópteros dixeron que non saen mais sen que lles pague o que lles debe. A produtora di que nuns días pecha o asunto, e todos de volta. Non sei que vai ser. Onte trocando un teleobxectivo, un Bolex, case vai a cámara ao carallo. Eu atopábame a tomar imaxes dunha das esceas dende unha barca no río. Charlie chegaba ao campamento ao final do río. Houbo un grande golpe na barca e o filipino que andaba no motor, case cae á auga do impacto, dixo que fora un cocodrilo. O caso é que o teleobxectivo foi para o río. Non me quedan mais, dos de 21 mm, e entón tiven que facer o resto da escea cun de 25. Os de montaxe e mesmo Francis ficaron abraiados polo efecto, e pola noite leváronme a tomar algo con eles á cidade. Bótote de menos. Non sei que clase de loucura é esta. Eu xa perdín o fío da historia. Todo ía ben ao principio, remonta-lo río e todo iso, pero agora xa non sei nada. Xa non sei se son cámara de cine, ou un simple louco. Por riba, o divo desapareceu da rodaxe. Os de maquillaxe din que agora durme no esceario da escea final, que só poden entrar alí o director e dous actores, ninguén mais. O río. O río está presente todo o día. Se vamos tomar algo, alguén antes ou despois saca o tema do río, e que? que queren que lles diga eu do río? que boto dezaseis horas ao día facendo probas coas putas cámaras para cando o divo decida que é o intre de rodar? Non sei, onte pensei en abandoar. Díxenllo a Francis, díxenlle que se buscara un cámara, eu son demasiado novo, hainos a centos coma min, e él, con toda a tranquilidade dun louco que perdeu toda a súa fortuna e a casa nunha puta rodaxe, colleume polos ombreiros e díxome se tiña reparado nas luces de Hanoi cando chega a noite; Hanoi! Atopámonos en Manila e este enaxenado preguntoume se gostaba das luces de Hanoi! O peor de todo é que comezou a falar das luces de Hanoi, dos taxis e das bicicletas e a suor dos rapaces que pedalexan levando aos turistas, faloume dos farois das casas de masaxe, das portas vermellas dos restaurantes, do presumidos que son os filipinos, preguntoume se tiña reparado nos espellos que hai por metro cadrado nesta puta cidade, e eu díxenlle que sí, que sí, que vira moitos espellos e que vira como as recepcionistas de tódolos hoteis dos que nos botaron non deixaban de mirarse ao espello, e chiscaban o ollo ó rapaz das maletas, e o rapaz das maletas subía na bicicleta que por suposto levaba espello tamén, e o rapaz ollábase. E así, Lily, así botamos dúas horas falando dos espellos de Manila, ou de Hanoi, a cidade con mais espellos de toda Asia. Logo díxome se tomábamos unha cervexa, e dixen que sí, e esquecín os teleobxectivos no taxi, e díxome que a clave atopábase nos chinos. Os chinos, Paul, díxome. Paul, os chinos son a maxia, cando os europeos aínda non sabiamos que nos atopabamos vivos, os chinos cruzaban os mares con barcos xigantes nos que levaban hortas e prantaban froitas e hortalizas, e legumes, e evitaban o escorbuto, e trouxeron ata aquí os espellos. Os chinos traían os espellos, e os espellos son a auga, Paul. Imaxina ao señor Coppola dicíndome que os espellos son a auga, porque reflexan a vida, porque o xeneral Kurtz comprendeuno e afastouse dos espellos, para ser él, e non ser toda a vida o reflexo dun espello, comprendiches Paul? Iso quero que graves. Se non te ves con forza, me dixo, aquí mesmo, toma, colle mil dólares e colle o primeiro avión, pero se aínda confias en min, aguanta, xa nos atopamos preto. "Esto é mellor que Disneylandia" pensei e pensei nas walquirias, e en toda esa merda de Wagner, e cheguei ao hotel medio borracho, pero orgulloso de atoparme rodando co señor Coppola, e na habitación lembreime de tí, e comecei a dar golpes na parede da habitación, e xa era noite, e logo chorei. E chorando, caéndome as bágoas por tí, por tí Lily, vin a través das bágoas as luces de Hanoi, de Manila quero dicir, e esas luces na noite, na noite abafante de Manila, semelláronme as luces mais bonitas que tivera ollado nunca. Pero faltabas tí, Lily. Pronto estarei aí. Bótote en falta. Logo tumbeime na cama, baixo o ventilador, e vinme en Saigón, pero o meu ventilador non funciona, e voltaron esas horribles imaxes do sono que che contei antes, xa non aguanto mais. Quérote.



P.D.: Non sei se poderei xuntar diñeiro para ir este mes. Pero pronto estaremos xuntos. Moitos bicos e coida moito de meus pais.



Paul Letterman, Manila-Filipinas, Outubro de 1972




Telegrama urxente

Oficina da Embaixada Americana

Á atención de Paul Letterman

Remitente: Lilian Jones, Main


Querido Paul:


É urxente o teu regreso á casa. Aconteceu algo terrible. Túa nai apareceu morta na casa. Teu pai entregouse á policía. Quérote mais que nunca. Non consigo conectarme telefonicamente co hotel. Síntoo moito.








No hay comentarios: