miércoles, 2 de julio de 2008

Pappo Napolitano ou a guitarra que fala


Norberto Pappo Napolitano é parte da historia do rock arxentino. Con dezasete anos, todas as bandas dos anos sesenta en Arxentina, se disputaban os servizos deste rapaz melenudo de Chacarita, algo caprichoso e bastante temperamental, pero cun sentimento para a guitarra eléctrica e para o rock co que só nacen algúns. Así, nun período convulso do rock arxentino, de fundación, nun prazo duns poucos días, si, días, e duns poucos meses, figura como pianista de Manal, Los Abuelos de la Nada e finalmente chega a Los Gatos, nos que non durará moito tempo, pero dabondo para deixar rexistrado un dos riffs mais gloriosos do rock: "Rock de la mujer perdida".


Viaxa a Estados Unidos nos setenta e coñece as orixes do blues, do rock, si é que aínda non as sabía ben, pois dende os dez anos insistía na guitarra escoitando na súa habitación os discos de Little Richard, Bo Didley, Steve Ray, e algúns mais...Actúa por todo o país. Á súa volta á Arxentina deixa editados volumes para a lenda baixo a mítica formación de Pappo´s Blues, verdadeiro libro sacro do rock arxentino, un compilado exemplar de pureza roqueira, salvaxismo, sensibilidade, melodía e actitude. Posteriormente fundará Riff, unha formación de heavy metal, cun nome redondo por certo(Riff) e como case que todos os que algunha vez pisan os terreos do non establecido, ten os seus altibaixos, pasa por intres de gloria e decadencia a partes iguais, pero coido que fiel a si mesmo. Hai varios feitos salientables, moitos mellor dito, pero só citarei algúns: sube ao escenario dun ateigado Madison Square Garden da man de B.B. King e é presentado por este coma "un dos mellores bluesman do mundo". Pappo merca ese mesmo día pola tarde nalgunha tenda neoiorquina, o único traxe de toda a súa vida. Xira con B.B. King, comparte esceario en Buenos Aires con Motorhead e telonea a AC/DC. Nun momento especialmente delicado para o roqueiro, Juanse, o líder de Ratones Paranoicos, unha formación mais actual da música arxentina, convídao ao esceario nun concerto multitudinario e Pappo triunfa unha vez mais. Posteriormente, un disco coa creme do rock arxentino, Pappo&Amigos, recolle a profunda pegada e admiración compartida que multitude de artistas e músicos insignes do rock recoñecen en Norberto Napolitano. A finais do século XX participa en grabacións con Calamaro, con Charly García, e con varios dos artistas mais reputados da Arxentina, xira por todo Estados Unidos no comezo do século actual, a dúas semanas de distancia de B.B. King, como lle gostaba dicir a el. En cada disco, graba unha canción de Freddie King( o que foi membro, xunto con Albert King, the Velvet Bulldozer, e B.B. King, do trío de reis do blues).


Auténtico showman, abonda visionar calquera vídeo do Pappo Napolitano para saber a que caste pertence. O seu gusto polo blues e polo rock provocaba certa confusión entre os músicos norteamericanos, pois existe unha certa separación entre os músicos dos dous xéneros, non o digo eu, dicíao o propio Pappo(así que xa sabedes, se non estades dacordo, investigade e logo borro o que escribín...). Pappo, entre outras moitas, deixa unha frase para a posteridade, que define o que se agochaba baixo a imaxe do Carpo(así se lle coñece no argot roqueiro): "Cuando me siento algo triste, o algo me parece injusto, o me siento algo solo, por ahí es que me sale mejor el blues".


Ao tempo, sempre combinou a súa vida de roqueiro co traballo no seu taller, herdanza de seu pai que rexentara "Siderurxia Napolitano", e no que repara coches antigos e motos. Sobre a súa pasión polos coches cómpre dicir que chegou a participar en carreiras de coches, ao estilo desas nas que se pegan uns hostións criminais. No seu taller, agocha tamén un dos segredos mais preciados polos seguidores do rock arxentino, a súa colección de guitarras, cun par de bos candados na porta. Recoñece que cunha das guitarras que empregaba, durmía todas as noites. Se xa vos animastes a ver algún vídeo, é prausíbel(prausíbel e posíbel?) a explicación que ofrece do curioso bus no que realiza as xiras. Polo visto, só era perigoso cando comezaba a respostar con monosílabos guturais.


Deixa para a historia da música, auténticos himnos como "Fiesta Cervezal", "El hombre suburbano", "Sucio y desprolijo", "El tren de las 16", "Ella es un ángel", "Rock de la mujer perdida", "Desconfío", "No obstante lo cual", "Rock and roll y fiebre", "Ruta 66", "Mi vieja", por poñer algúns exemplos que o convirten nunha lenda, non nun mito, nunha lenda dos pés á cabeza.


Norberto "Pappo" Napolitano falece nunha madrugada de febreiro de 2005, nun accidente de moto, á saída dunha parrillada, logo de cear co seu fillo e coa noiva deste. Manexaba, nese fatal momento, a Victoria, unha Harley Davidson a que, ironías da vida, lle chamou así, Victoria. Con esa mesma moto, con Victoria, cruza nalgún día da década dos setenta, a mítica Ruta 66, para hoxe deixar algo mais triste a un cando escoita "Juntos a la par". O mundo é algo mellor por momentos grazas á súa música. Tiña 54 anos. Pappo Napolitano.








Especial de Pappo en La Viola(impresionante) http://es.youtube.com/watch?v=Ad9azTL-mkk


Pappo, quentándose un pouco co paiaso dun presentador http://es.youtube.com/watch?v=j8OURMFhVRU&feature=related


No hay comentarios: