viernes, 10 de abril de 2009

Larry e Wayne: Early morning rain


-Ei, rapaz, que foi? Seica toleaches?-berra Larry Mulligan.

-Claro, non oes ao meu amigo? Baixa antes de que partas a cabeza-replica agora Wayne Norton.

-Maldita sexa, que acontece cos rapaces de hoxe en día, Wayne?- di Mulligan.

- Non o sei, Larry, non o sei, alabado sexa Deus. Escoita pequeno, o mellor que podes facer agora é baixar, senón chamaremos á policia- volta berrar Wayne- Cecais ten algún problema.

-Será cabrón, este rapaz quere que levemos un infarto, ei, tes lume?- pregunta agora Larry.

-Si, teño, toma. Será o mellor, relaxarnos un pouco. Veña, rapaz! Baixa dunha vez, escoita, xa sei que seguro ves o mundo mal e todo iso, e que lle vas facer?

-Iso, que lle vas facer? Di, que lle vas facer? Se os rapaces enchen os bares e róubanlle o diñeiro aos seus pais para poñerse até o cú e logo non lembrar nada, veña, ti non podes facer nada, baixa agora, prégocho...

-Escoita, o meu amigo ten razón, aínda que non vexas saída algunha, tes que baixar xa, veña, faino agora. Se baixas cecais secuestremos ao paiaso de Bon Jovi e lle cortemos as cordas vocais, eu que sei...

- Iso tivo graza, Wayne, si. Ei, veña, ti! Baixa, xa escoitaches, se baixas cecais todos os teus problemas se resolvan, aínda eres novo, pero mira nós, acabamos de perder o traballo, e non nos queixamos.

-Ei, que perdimos que? Ti e eu traballando? Non me lembro de ter traballado nunca.

-Cala a boca, que máis ten, dígoo para facer que baixe, é unha metáfora.

-Iso non é unha metáfora.

-É unha mentira, que máis ten? Estás a chamarme mentireiro?

- Escoita, eu non che estou a chamar nada, só digo que se queres convencer a ese rapaz de que baixe de aí enriba, iso non está ben, non está ben, Larry, síntoo. Non a calquera prezo.

-Veña, só estaba tentando que o rapaz baixara, non te poñas agora con tonterías.

- Non son tonterías, digo que se es capaz de mentir agora, como podo saber que non me mentiches co prezo da maría?, ou cando me dixeches que non voltarías entrarlle á Wendy, a animadora de quinto curso?

- Ei, eu nunca dixen que fora liarme con ela, non poñas na miña boca cousas que non son.

- Xusto! Tentas desviar a atención? Porque só te refires ao tema da Wendy? Tentas centrar o asunto aí e que eu me esquenza do que me roubaches por mercar esta herba de merda? E ti, rapaz! Baixa dunha vez, fala polo menos, ou aparte de louco eres tamén mudo e xordo? Baixa agora mesmo!!

- Estasme a chamar ladrón?

- Non tería que chamarcho?

- Eu non che roubei nada...

- Mírame aos ollos e dime que esta merda que estamos fumando custa cincuenta dólares...

- Ei rapaz! Baixa xa se non queres que lle desfaga os dentes ao meu colega, estase a poñer pesado pola túa culpa. Baixa!

- Resposta a miña pregunta.

- Está ben, vai ao diaño, que queres? Custaba corenta, ei, debíalle dez dólares ao meu irmán, prestoumos onte para ir á boleira, non teño un peso, teño que sentirme culpable?

- Non, era só para poñerte a proba, non me importa, en serio, collérache vinte dólares da guanteira do coche a semana pasada, xa tiña pensado devolverchos, quedamos en paz.

- Descansando ou en paz, pero nunca as dúas cousas ao mesmo tempo, ahaha...

- Ahahaa...

- Escoita, rapaz! Ou nos fas caso e baixas ou subiremos a por ti, atópaste ademais profanando un templo relixioso, baixa agora mesmo!

- Non nos oe.

- Tes que manter a fé.

- Café? Queres café agora? Entón para que estamos fumando? Meter os pés no xeo, e prenderlle lume ás mans, es idiota ou que? Rapaz! Baixa dunha vez! Como non baixes agora mesmo, vas meterte en problemas!!

-Malditos raparigos. Xa non respetan nada. Antes había outro respeto.

- Si, e veña, limpa o cú cuns toxos, ou lava os dentes con gasolina, café e herba. Iso é unha estupidez.

- O coche de teu irmán vai a gasolina, non? Por iso o dixeche...

- Dixen o que?

-Estás insinuando que meu irmán está enganchado á herba, e iso verdade? Estableciches o paralelismo coa gasolina e a herba, non si? Non pensei que foras tan cabrón.

- Ei, esquence esas tonterías, hai un pobre rapaz aí enriba, e pode caer e matarse e ti vesme agora con intrigas persoais, eu só dixen se o coche de teu irmán ía a gasolina...

- Rapaz! Estás a quentarme os miolos! Última oportunidade, se non baixas en dez segundos chamaremos á poli, claro que si.

- Coido que non vai baixar, e por riba faise o parvo, escoita anormal! Agora xa é mellor que non baixes, porque como te colla vouche amañar os fuciños, pequeno cabrón!

- Se o insultas, non vai baixar...Ei, rapaz, baixa, como te vexa o pai Brown aí enriba vai ser el o que che poña os fuciños guapos.

- Agora que o penso, teríamos que falar con Sam, esta merda é de moi pouca calidade. Rapaz! Baixa! Darémosche un pouco desto se baixas, pero veña, deixa de facer o idiota, rematarás por mancarte.

- E se subimos a por el? Veña, suxeita aí...


O coche patrulla do axente Scott detívose nese intre diante da igrexa do pai Brown. Soa a radio: Que foi, Scott? Todo ben?

- Aquí o axente Scott, falsa alarma, non ides crer o que estou vendo. Son Larry Mulligan e Wayne Norton, os do Distrito Norte, levan unha fumada do carallo. Están agarrados do Xesucristo que hai no alto do cruceiro á entrada da igrexa, están falando con el, malditos anormais...
-Ei, Scott, que canción levabas posta?
- Early morning rain- resposta o axente Scott- É bastante cedo, é unha bonita mañá...Xa sabedes.

No hay comentarios: