Porco, s. (Porcus omnivorus) Animal estreitamente relacioado coa raza humana polo esplendor e a viveza do seu apetito que, nembargantes, é menos variado có noso, dado que non acostuma comer porco.
O reloxo non soou ben esta mañá. Na rúa vai frío e Servando érguese con fonda desgana da cama. Recuperando a verticalidade, sinte fortes dores na cabeza. Os efectos das cervexas da noite anterior exercen a súa función de recordatorio dos bos hábitos conductuais. Non beberás mais da conta. Servando, voando por riba deste tan vilipendiado mandamento, inxeriu unha ducia de cervexas no karaoke, e algunhas copas, na compaña doutros colegas do servizo de limpezas do concello.
No karaoke, a golpe de domingo, uns imsomnes de aínda non vinte anos, un vello duns setenta, tres mulleres chegando á cincuentena, e o Servando e os do concello. Mais a camareira, o encargado da música e a dona do local. Alí, foron interaccionando uns e outros. Miradas, sorrisos, xestos de dominio da situación diante do micrófono e Servando que desatou o delirio cunha interpretación moi sentida de Pimpinela, escenificando ós dous protagonistas namorados da canción. Os colegas de Servando, en tanto él cantaba, xa foran cercando ás mulleres da cincuentena, e comezaran a falar animadamente con elas. Logo saíron a cantar unha canción elas e os colegas do concello, en grupo. Interpretaron unha do Sabina, rancheira xa clásica. Destrozárona. Pero ficaron satisfeitos. Servando baixara do esceario e dirixira a súa atención cara a camareira, unha rapaza de bo ver. Achegárase á barra co mono azul de traballo co escudo do concello no peito, botas de montaña e unha cazadoriña sen mangas azul marino, todo elo presidido por esa barba espesa que o Servando luce con decoro:
-Has de porme otra cerveza cuando puedas, ei!
-Y podré...Servando, que tal vas?
-Ia ves, mañana es el último día de trabajo antes de las vacaciones, pero nosotros decidimos ya celebrarlo hoy. Hay que quencer los motores para despedir el año.
-Ganas teneis. Io no libro hasta después de Navidad. Vaea raiada. Aguantar borrachines todas las noches, pendexos, y todas las cenas de empresa, todos esos bestas...
-El sector privado es lo que tiene, nena...nosotros, los del concello, destinto nivel, porque el concello somos todos, eje, ejejeje, y tú se quisieras, te hacía io del concello en un tris, tengo contactos...
-Uuuhm, a ver, querías otra cerveza, no?Bueno, pues toma y me lo cuentas.
E así que a visión de expectativas sexuais por parte do Servando e a visión de expectativas de mellora laboral por parte da camareira, que ten cara de chamarse Beatriz, Bea, ocasionan unha conversa na que os dous só están pendentes do obxectivo final da mesma. O que comunmente se coñece como diálogo de xordos.Servando pensa: "...bueno, agora termo un pouquiño, a verdade é que está bastante boa esta chavala, e ben pensado aínda podía falar co de persoal, custar non me custa nada,...ai que ver papi, vaia feituras ten a chavaliña esta...," ó tempo que Bea pensa:"...uff, aguantar este fato, pero bueno...mira que si ó final me consigue colocar no concello...ademais, fede a suor o asqueroso iste, mira para aí, co mono de traballar enriba, vaia animal, fedendo a churrasco...bueno, a ver se sacamos algo en limpo..."
Entón o Servando xa perde a serenidade e comeza a pedir cervexas de xeito compulsivo. A música torna cada vez mais difusa, e por momentos, vóltanse xigantes as formas da camareira e o desexo do Servando vese incrementado notablemente. O tema do traballo, por parte do Servando, perdeu notoriedade dentro do seu discurso, mellor dito desapareceu, e agora só os aloumiños e as loubas á beleza da Beatriz manteñen o groso do mesmo. A Bea aguanta estoicamente, loitando para manter viva esa esperanza dun traballo mellor, e o que ten claro é que non quere saber nada do Servando. Servando invade por momentos a zoa de protección persoal que posuímos tódalas persoas e achégase rubindo pola barra coma un koala. Quédaselle pequena. Servando xa só quere acadar a beleza de Bea, quere fundirse nela, e este desexo irrefreable opera que a cervexa chea lle caiga polo mono azul do concello. Soa unha versión ridícula dun boleiro, interpretada polo vello que ficaba en soidade no fondo do local, un boleiro titulado "Mi padre, mi viejo, mi amigo" e Servando, nun momento de lucidez intrígase e pensa, ollando para o vello, subido no esceario cos ollos medio pechados, onde irá xa o pai do vello, en todo caso, pensa que é un bonito xesto. Servando pouco mais pensa xa. Na parede hai un misterioso póster de Paul Newman; agora o póster non se detén, senón que xira de xeito vertical coma se fose unha máquina recreativa dos limóns. Paul Newman, Paul Newman, Paul Newman...gaña maletíns; ten que suxeitarse na barra. Trata de recuperar a compostura pero é inevitable. Cando volta a ollar o póster, volta a ver ao Newman xirando. E agora vese él mesmo xirando tres veces dentro do póster. Aparece o Servando subido na máquina enceradora, ou reparando un enchufe da sala de reunións do concello, xirando tres veces; e agora vese él mesmo xirando coa Beatriz, a camareira. É entón cando se lle enchen os ollos de limóns e premios especiais e pulsa o botón de doblar a aposta. Servando, xa a desesperada, trata de remontar a situación e diríxese á Beatriz. Beatriz xa perdeu as esperanzas do traballo e atende ó persoal doutro lado da barra. Os compañeiros do concello fixeron boas migas coas de cincuenta e inclusive se abrazan ao tempo que beben. Servando é rexeitado por Beatriz. Servando pide unha copa dirixíndose a ela coma se non a coñecese. Dignidade. Comeza a beber a copa e pousa os seus ollos no encargado da música. Un tipo vestido de coiro negro. Comeza o Servando a sentir atracción polo individuo. Achégase e dille:
-Oes, precioso, eres un buen becerro...faime algo de caso, cho suplico chaval, me encuentro solo. Si che digo que non te vexo tan feo, me gusta como pones la música, chico...estou tan solo, tan solo.
Servando cae ó chan, cego perdido. Érguese. Érguese e diríxese ó póster de Paul Newman:
-Que guapo eres, Paul, non coma a Beatriz, mírala, tan orguiosa, tan chea de odio, cabrona, bícame Paul, bícame...bícame tres veces, premio especial, premio especial...
Servando sente odio, ira, agora vai cara a porta. Sae fóra. Vai frío. Non hai ninguén na rúa. Servando colle as chaves do coche logo de pensar si o trouxo e entra como pode no coche. Métese e acende. Choca co de diante para sair. Mete as catro marchas rúa arriba, embrague, freo ó máximo, viraxe monumental Rally de San Remo, primeira especial do día. Agora atópase a cincocentos metros da porta do karaoke rúa arriba:
-Esta ímola cantar todos xuntos, Beatriz.
Servando suxeita con forza o volante. Primeira, merda de postureo administrativo e lamecús do concello, metede os cartos no cú, ladrós. Segunda, mira como teño as mans de traballar toda a puta vida por catro pesetas, cambiando enchufes. Mete terceira, xa vai a oitenta, o Paul Newman vai de listo tamén, chupando do frasco sen pagar pao á auga. Cuarta, becerro pinchadiscos, onde vas con tanto coiro rapaz, de listo conmigo non eh?. Xa estamos a cento vinte, metendo quinta, vinte metros para a porta do karaoke. Beatriz, o noso puido ser un grande amor, golfa desagradecida e mañán non sei se teño turno de tarde ou de...
No interior do karaoke, canta unha versión de Roberto Carlos un camareiro dun coñecido bar da zona vella da cidade. Acude alí solitario, gasta sesenta euros na máquina na que xiran limóns e non Paul Newman, outros sesenta en cubatas e logo, cando xa está profundamente triste e derrotado e se ve sen saída, pensa no suicidio, e remata cantando co Puma. Está facendo unha versión incrible. Beatriz sente latexar o corazón e pódese observar a luz dos seus ollos. É o amor que asomou a faciana ás seis da mañán no karaoke. A luz dos ollos de Beatriz refléxase nas cadeas de ouro escondidas entre os pelos do peito do camareiro cantante. O camareiro cantante é deslumbrado polo reflexo do amor de Beatriz. Pensa nun futuro cheo de actuacións polas mellores salas de festas de Benidorm interpretando a Roberto Carlos, acompañado pola Beatriz e por catro pequenos aspirantes a camareiros felices, seus fillos. Tamén sinte un ruído estrano e non sabe de onde procede. Instintivamente mira cara a porta e é entón cando pon os seus ollos no Paul Newman do póster. Paul Newman tamén está mirando cara a porta. Alguén deixou esquencido un koala riba da barra. O koala mira cara a porta. O tipo vestido de coiro negro apaga o equipo e mira cara a porta. As mulleres de cincuenta e os compañeiros do Servando miran cara a porta. Faise un pequeno silencio.
No exterior, o coche de Servando é o Enola Gay. O coche do Servando é Vietnam. Servando durme prácidamente a cento vinte cara a porta do karaoke.
Servando sinte o timbre da porta e volta a sentir o sabor das cervexas na gorxa. Ten resaca. Érguese e ve que ten postos, xunto cos calzoncillos e a camiseta de tirantes, as botas de montaña. Voltan chamar no timbre. Abre a porta e ve a dous axentes da policía municipal e outros dous da nacional:
-¿É vostede Servando Cortón Pelotas?
- Xa ve, a medias aínda, pero sí...e logo?
Un dos policías entrégalle un impreso e dille:
-Lea e si ten a ben, poña os pantalóns e acompáñenos.
Servando abre o sobre e le:
Denuncia contra D. Servando Cortón Pelotas
Hora: 06:04 horas da madrugada
Lugar: R/ Franco Alférez
Feitos denunciados: A Policía Municipal, logo de ser alertada por particulares, denuncia que:
O cidadán Servando Cortón Pelotas, propietario do vehículo Renault Kangoo, color grana, matrícula M-8234-T, invadiu a beirarrúa impactando contra o inmobre correspondente ó portal nº 6 da rúa Franco Alférez, introducindo o vehículo contra natura nun local de ocio (karaoke) con número de rexistro 666.832.5324E no Rexistro Mercantil, ocasionando graves desperfeitos na fachada do mesmo asi como no interior, deténdose o vehículo ó pé da zona do local adicada ó esceario. Testemuñas consultadas pola policía, aseguraron tamén, que logo do impacto, dito cidadán, abandoou o coche, roubando unha cervexa da barra e quitando un mono azul de traballo que levaba posto, camiñando con aparente tranquilidade cara a entrada do local, en dirección á rúa. Antes de sair, sempre segundo os denunciantes, gritou con xesto de satisfacción:
-Arrastro!!
Fdo: Modesto Longarela Valledor
Nº de praca: 243.44.82
Policía Municipal de Lugo
lunes, 17 de diciembre de 2007
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario