lunes, 24 de diciembre de 2007

De alegría e de entrega: Barcelona-Madrid




Hoxe xogaron Barcelona e Madrid un interesante partido no que a victoria foi para os brancos 0-1. Xogada vertixinosa, combinativa, cun pase do holandés Van Nistelroy de verdadeiro mérito, tendo en conta que habitualmente gasta zapatos de trote. Definición maxistral de Baptista, nun deses golpeos nos que se xoga a dobre ou nada, pois aínda tiña tempo para acomodar o balón, pero o instinto dictoulle outra cousa. Síntese profunda relaxación cando todo sae ben logo dun golpeo arriscado: pola velocidade, pola superficie, pola traxectoria que dibuxara o balón previamente...




O Barcelona fai moitas cousas ben, pero non atopou para min o xeito de entrar con mais claridade no último cuarto de cancha, ben pola baixa de Messi(séptima velocidade, nocello con reminiscencias maradonianas, medo que exerce nos defensas, clarividencia, estado de gracia, imaxinación). Stop. A propósito desta facilidade de Messi para os caneos, contan polo Brasil que un xogador moi afamado da década dos corenta, logo de canear a mais de medio equipo rival(poñamos que en Maracaná, sí, esta anécdota precisa que sexa Maracaná) e meter gol, non o celebrou, senón que retrocedeu dende a liña de gol ata o medio campo onde iniciara a xogada borrando as marcas das botas para non deixar rastro e que ninguén puidera repetir a acción. Beleza egoísta.


Continúo. "...ben pola baixa de Messi, ben polo baixo estado de forma de Ronaldinho, que agora mesmo está entre os trinta mellores xogadores do mundo, pero habería que esixirlle que volte ós cinco primeiros, onde todos o queremos ver xogar. Abusou en exceso do pique de banda para o interior e logo un pase, pero non nos enganas, non estás ben,o sorriso está ben cando che acompañan as forzas, agora escóndeo. E traballa. Para min as novas mais emocioantes do Barcelona son en primeiro termo, Iniesta. Inmenso. Velocidade, actitude, clase, verticalidade. E ademais dan ganas de invitalo a comer á casa os domingos. Sabes que lle podes prestar o diñeiro, e sabes tamén que si andivese vestido coma un rapeiro e tivese a idiotez e egoísmo estúpido doutros futbolistas de Madrid ou Barcelona, cobraría tres veces mais. Paradoxos do fútbol. Queremos que nos faga un xesto de líder.


Por outra banda, como madridista, ando algo inquedo, porque unha estirpe de raparigos do carallo, semella que se tivesen posto dacordo para derrocar ó Ronaldinho. Susurran polo baixo: "César debe morrer, César debe morrer, César debe morrer." Primeiro era Messi, logo Giovanni, agora Bojan. Talento. Sí.


No tocante ó Madrid, coido que foi claramente superior, na segunda parte, aínda que iso non che garantiza nada no Camp Nou. Contundencia defensiva en Pepe, que ten nome de albañil, pero que demostrou nos cruces que hai galóns para algo grande, e Cannavaro, discutido, odiado; porque é guapo, porque é italiano, porque é baixo, porque é tosco...vale. Cannavaro é un fenómeno. No seu traballo que é defender. Hai accións que definen a un xogador. Aí vai unha: balón dividido no medio campo, Abidal que vai a controlar de costas porque chega antes e Cannavaro que ven claramente dende atrás en desventaxa, ó sprint. En vez de entrar directamente ó balón, xa non chegaba, segue correndo e no último momento fai que choca con Abidal e logo cae él varios metros cara diante...cortiña de fume. Acción cortada. O árbitro non saca tarxeta. Intelixencia.


Continuemos. Góstame Heinze de medio campo para atrás. Nada mais que dicir. Simpatía por él neste espazo do campo. Será cos anos cando valoremos na xusta medida a figura de Roberto Carlos, que por outro lado sempre me semellou un paiaso. Pero iso non era razón para que calquera "intelixente" lle chamara macaco cada vez que perdía un balón.




Baptista e Sneijder danlle pulos renovados ó Madrid e póñeno noutra marcha agora mesmo, igual que Robinho que, sen estar brilante, hoxe semellou un xogador mais maduro que hai un ano. Zidane non tería problema con estas bestas. Mención aparte merece Diarra. É o clásico armario estilo Emerson, Davids, Touré Yaya, Desailly,...mais do mesmo. Ten dous ladrillos por pés. Gran traballo defensivo, pero pouco dotado para o xogo. No pase, case nunca elixe ben a superficie de golpeo, nin o momento, nin mide se o compañeiro ten espazo e tempo ou non para recibir, para que ese pase sexa mais tenso, ou en parábola. Os adestradores teñen o estrano costume de alinear antes ó xogador que rouba tres balóns e perde catro, en lugar do que...(completade o crucigrama vós)


Raúl segue ó seu. Compromiso. Hoxe non tivo o día. Esforzo.


Rijkaard e Schuster non deberan ser discutidos polos seus coñecementos, pero non sei o porqué desa tendencia autodestructiva dos adestradores. O tempo dirá...


Curiosas estampas de cabaleiros diversos nos palcos, cargos que defender, apariencias, lamentable...


E non me quixera ir sen lembrar a acción técnica do partido, cara o final, roulette de Iniesta case na súa área, pegado a cal, e balón por elevación para Bojan, que bonito. Perdemos pero non vos esquezades de min, dixo o rapaz.




¿Terá Messi na casa uns planos dos submundos que se agochan no céspede do Camp Nou?


¿Qué comería Ronaldinho agora á noite?


¿Vería Zidane o partido e diríalle a seus irmáns: "E que queredes, non ía xogar toda a vida..."?


¿Fumaría Rijkaard un canuto en pelotas vendo as luces das Ramblas dende o seu piso minimalista?


¿Sergio Ramos faría forza nos abdominais mirándose no espello, elexindo as roupas ideais para calquera inauguración, lendo Estilos de Vida?


¿Ficará Baptista nunha cámara de auga conxelada?


¿Porque Heinze xoga con Puma?¿Quere facer notar ó contrario que non se anda con ostias?¿Ou que non esquence a Maradona?


¿Eto`o?¿Onde está Eto`o?


¿Que cara poñería Diarra cando vía facer unha roulette a Zidane?¿Non o entendo,profesor?


¿Porque Schuster se deixou ese bandullo?


¿Porque Calderón semella o presidente do Puertollano?


¿Segue fumando farias Beguiristain debaixo da ducha, sen que se lle apaguen, digo?


¿Pepe está contento por chamarse Pepe?


¿Porque o Camp Nou semella tan grande?


¿Puyol, colle as potas que queiman sen guantes, os domingos na comida familiar?


¿Guti alédase cando gaña o seu equipo?


¿Non vos gustaría estar agora, ás catro da mañán, no Camp Nou, e botar un berro dende o centro do campo?


¿Xavi, por que pasa tan ben, de pequeno sempre levaba os deberes feitos?


¿Que pensará de todo isto Menotti?














No hay comentarios: