martes, 1 de abril de 2008

Saltimbanqui (Making off): Premio Diario Cultural



Un día do 2007, concretamente entre o 2 e o 5 de Decembro, un rapaz entra nunha páxina web e ve que se convoca un premio de teatro radiofónico. Logo, tecrea nas bases da primeira edición do ano anterior. Observa que o gañador da edición pasada chámase David Rodríguez, e que traballa de repartidor en Pontevedra, e que gañou cun texto que era unha conversa entre dúas persoas no interior dun coche. Moito antes, puidera escoitar a obra, tidúada "O bambán".




Comeza o xogo. Comeza en canto que o rapaz ten gañas de facer algo, pero agora o problema é qué facer exactamente. O xénero do teatro radiofónico é algo descoñecido para él, e inclusive no teatro, tendo lido algunhas cousas, considera que non abonda para aventurarse xa na escrita dun guión.






Así que se propón, de xeito informal, centrar os seus pensamentos en definir os personaxes da súa obra. Isto non ten porque ser sentado nunha cadeira, nunha habitación en silencio, ou con música. O rapaz pensa no tema camiñando pola rúa, por momentos; no coche, adestrando, ou antes de durmirse, e como resulta que é un xogo pracenteiro, pois tampouco constitúe un problema.



Nos días seguintes, logo de considerar que sería un pouco temerario, e se cadra irrespetuoso co xénero, acometer a empresa da escrita sen ler algo mais, rebusca un pouquiño mais na Rede, e atópase cunha das sorpresas mais agradables de todo o proceso: navegando na Internet, chega por casualidade a unha referencia da obra radiofónica de Enrique Santos Discépolo. Sorprendido, pois coidaba que o arxentino, o tanguista e letrista só se adicaba á música, decide afondar nesa primeira pista e rebusca un pouquiño mais. A sorpresa non se fai agardar; na páxina dunha universidade peruana, ou chilena, agora non se lembra, atopa a edición informática dun libro de Enrique Santos Discépolo, tidúado "Mordisquito", 150 follas nas que se atopan os monólogos que durante algún tempo o autor arxentino pronunciaba nas ondas herzianas, nunha sección que recibía o nome de "Mordisquito", na radio arxentina. A sorpresa é meirande aínda, cando accede a algunha das deliciosas narracións en formato de audio, que multiplican a calidade duns textos de por sí xa excelentes, a mágoa é que eran monólogos ou sinxelas reflexións sobre temas diversos fundamentalmente, aínda así, a experiencia é conmovedora.



Emocioado pola lectura e a escoita deste tesouro inédito, segue na procura de mais cousas. Le na Rede tamén algunhas cousas de Bertold Brecht, o autor de orixe alemán que tamén traballou coa radio. Mais animado xa, decide reler algunhas obras do teatro grego e compretar outras, que xa tiña lido meses atrás, libro que lle deixara Meiriño, un detective da cidade, mellor dito, o detective da cidade. Xa enganchado na idea do guión, acude a unha libreiría. Aínda non é suficiente, cómo ía abondar? Faise coa obra teatral de Bertold Brecht, outra peza teatral de Harold Pinter, pertencente á colección dos Libros Do Centro Dramático Galego. Lee tamén Os vellos non deben de namorarse, obra teatral de Castelao. Uns meses antes, tiña completado a lectura do Don Hamlet de Cunqueiro, logo de ler o libro de Darío Xohán Cabana sobre o ilustre mindoniense, tiduado "Cunqueiro no San Froilán, Don Hamlet en Lugo".




Veñen os problemas. Dunha banda, o feito de ler sen máis é unha empresa bastante reconfortante en sí mesma, sen necesidade de escribir, e por outra, canto mais lé sobre o teatro, mais respeto lle pon facer algo él mesmo, aínda que sexa sen pretensións obviamente. Pero él pretende facer algo digno, non presentarse por presentar. De calquera xeito, pensa que xa está pagando a pena, porque en pouco tempo coñece varias obras que agora degusta cada vez que as lembra. Entramos xa na segunda quincena de Decembro. O prazo remata o 8 de Xaneiro do 2008. Aínda non ten nada escrito.




Pensa o rapaz nas fontes das que tentará beber para a súa obra, e conclúe fundamentalmente que son dúas, ademais de comprobar unha característica de sí mesmo que agora se citará:




As dúas fontes: 1.- A fonte da súa propia estupidez; fonte que doutra banda mana cantidades inxentes de estupidez ata puntos sorprendentes para o propio estúpido.



2.- A fonte da Quinta de Pérez: a uns poucos metros da casa de seus pais, fonte a onde o rapaz ía coller a auga en dúas garrafas de auga cando era pequeno(set´anos) e alí coincidía habitualmente cun home de faciana helvética, enroxecidas as meixelas, algo gordo e que recollía a auga en dúas garrafas de cristal de Johnnie Walker de 3 litros, feito este que impacta profundamente ao rapaz ata gravarse xa como parte das visións da súa infancia. Pode que esta visión pesara mais que tódalas lecturas interesantes que agora de maior acometía o rapaz co ánimo de ilustrarse un pouquiño? Pode.



Característica de sí mesmo que agora se citará: relacioada coa primeira fonte, isto é, a da súa propia estupidez. E referímonos ao impermeable desta estupidez, é dicir, ao grao de resistencia a ser influída polas múltiples lecturas de natureza teatral que o rapaz acometeu. Isto, sen dúbida, é unha traxedia. Tentar documentarse dende a humildade e o respeto, un achegamento prudente ao xénero teatral, e rematar escribindo a historia de dous borrachíns, por outra parte, totalmente respetables. Rematar escribindo a historia do Maca e do Buxía. Iso, en verdade, non entraba dentro dos plans. Nin o rapaz sabe de onde saiu o triángulo amoroso do tío do Maca, o Ricardo, e a Ermenilda, ou Ermelinda. Segunda sorpresa do proceso. Unha historia que surxe dentro do propio acto da escritura, sin ideas preconcebidas.




Nota: Por suposto, este concepto da fonte da propia estupidez non é obra do rapaz, senón doutro rapaz que viviu hai un par de séculos, chamado Thomas De Quincey. Gratitude, Tom.




Séntase a escribir nos primeiros días de Nadal. Consigue escribir as primeiras liñas, non máis de media páxina. O detective Meiriño tíñalle deixado parte da obra teatral de Valle-Inclán. Acotacións perfectas do autor de Luces de Bohemia ou Martes de Carnaval. Fica impresionado de novo.



Continúa a historia e a sorpresa acontece no proceso da propia escritura. A historia que logo dará tíduo á obra, a historia do sereno, a historia do Saltimbanqui aparece sen premeditación e nunhas poucas horas queda lista a primeira parte de toda a obra, aínda sen corrixir nin revisar. Pasan alegres os días de Nadal, xa queda menos. Lembra, malia todo, algo que lle gustaría que ficara reflexado na súa historia, independentemente do mellor ou do peor que sexa esta, ou da capacidade ou incapacidade do autor para expresala axeitadamente. É o feito de tentar non ficar na anécdota, é dicir, na sucesión de historias baixo un rexistro coloquial ou sinxelo, senón tentar darlle pulo ao propio idioma tentando usar verbas que pertenzan a un galego culto tamén, tentando mesturar ambos rexistros, un mais coloquial e outro mais culto, pero claro, isto pensado dende as limitacións evidentes que ofrece quen o tenta.





Para variar o rexistro, e darlle un pequeno xiro ao rexistro e á historia, surxe a figura do Eleuterio, que o rapaz sí ten clara dende o principio. Un pesimista, un iluso cultivado, un tanto patético pero que sexa capaz de elevar algo o rexistro do Maca e do Buxía, non moito tampouco, pero sí ofrecer o contraste que provoque o escarnio por parte dos outros dous. A terceira sorpresa ven cando surxe na escritura, unha vez mais, algo que non estaba no guión. O ser consciente de que o resultado final será unha mestura entre o que se pensaba que ía resultar e o que vai surxindo polo camiño é algo que axuda a non deterse durante a escritura, polo menos sí lle axuda ao rapaz. E coida que é isto, a incertidume, o que engancha do acto de escribir, en función da expectación que se vai acumulando no interior de quen escribe. Así que, sen avisar, surxe a historia do viño con sabor a queixo, e a historia do trono que persegue ao pai do Buxía, aínda que esto ben podería ser algunha copia inconsciente das historias de Os outros feirantes, ese libro estupendo de Cunqueiro(está de mais que diga que isto é xogar a xogar a ser imitador de Cunqueiro, non é unha comparación). Aquí sí hai que ter coidado, porque hai xente que consume a vida escribindo cousas que xa están escritas, e supón o rapaz que se cumpre iso de que toda a literatura é unha parte incompleta dun poema universal eterno, e que tódolos argumentos que se lle ocorran a un xa están inventados, e que ademais o número de argumentos que se poden inventar e finito, limitado, aínda que sexa un grande número deles. Esta concepción é aterradora e pode atrancar a escritura, así que o mellor é continuar para diante. Finalmente, no último día do ano, pola tarde, na soidade da habitación, o rapaz conclúe a historia, tentando relacioar o contado polo Eleuterio coa historia do tío do Maca, pero só nalgunhas cousas, non se pretende un relato exactamente elíptico. É tarde xa para variar a natureza da obra creada. Peca de pretensión literaria e teme o rapaz que non se axuste ás esixencias do Premio. Boas sensacións por ter rematado e por divertirse ao escribila, pero demasiadas dúbidas. Son as seis da tarde aproximadamente. O móvil soa; son os amigos que agardan para xuntarse e tomar unhas cervexas. O rapaz non atende o móvil. Ao tempo que foi compretando a obra, foi pensando un pouco no tema da música.Para o disparate, Tom Waits, ou Otto e Mezzo(esta era demasiado rápida), pensa ao momento en Django Reinhardt e Stephan Grapelly, xa se inspirara na figura do Django para a fisonomía do Eleuterio, pois o Django só tiña dous dedos nunha man, e aínda así chegou a ser considerado o mellor guitarrista do mundo, pero un día abandoou todo e foise a vivir ao campo e iniciouse na pintura. Pensa tamén no Tomatito e no Michael Camilo, nunha canción que o Cadaval usara nunha emisión dunha historia do rapaz, unha historia de náufragos mariñeiros que lera o ano pasado durante unha emisión na Boca da Noite. Aquí chega un punto patético antes de sair á rúa para xuntarse cos colegas: comeza o rapaz a facer probas coa gravadora do móvil coas cancións de Youtube de Tom Waits instrumental e as acotacións do texto da obra; a figura de Eleuterio era tamén unha ironía sobre o malditismo, e descóbrese o rapaz achegando a boca ao móvil na penumbra da habitación e lendo as acotacións, iso foi pisar a lama. O rapaz abandoa a casa. Chega o 2008 e Meiriño bótalle unha visual a última hora a obra, e onde o rapaz vía algún erro, Meiriño ve cinco. Mais gratitude. Convencido de que non revisara suficientemente a obra, chega a revisión pesada co diccioario ao lado. Por fin remata, e redacta unha mísera folla de suxerencias para a súa dramatización, nos que inclúe unha pequena descripción dos persoaxes. No papel do narrador pon: descoñecémola súa natureza, pero imaxinámolo cunha voz penetrante, profunda, sombría. Cecais individualista, sabe ler. Sobrio.





A sorpresa é maiúscula meses despois cando escoita a obra e descobre que o Cadaval, director da adaptación, colleu o papel de narrador. O rapaz coida que a adaptación radiofónica debeulle dar bastante traballo ao Cadaval, e aos actores, pero o resultado paga a pena, porque lendo o texto orixinal, e escoitando o resultado, compróbase que un texto cecais excesivo, desmesurado, tornou pola man do Cadaval, nunha HISTORIA con MAIUSCULAS con vida propia, da man da voz duns actores que o bordan, nun exercicio de sensibilidade, xenerosidade e bo gusto por parte dos actores e o director. É de xustiza recoñecelo. E o rapaz síntese moi agradecido. E así o expresa. Para que conste. E agora, o rapaz entra no blog do gañador do ano pasado e inclúe o enlace para esta historia que aquí se conta. Boas noites.

PD: E un saúdo ao Goyeneche, aló onde se atope, sabios versos.http://www.youtube.com/watch?v=ZPabI7xRUYs

2 comentarios:

O Fuco dijo...

Aquí ando de visita co fin de parabenizalo e agradecerlle as palabras que me dedicou e que, sinceramente, non creo merecer. Saúdos!

Anónimo dijo...

¡Unha magnífica exposición do proceso creativo dunha peza literaria! Parabéns, meu querido Ulises Lima, ou sexa, ti. Parabéns por esta exposición e, naturalmente, polo premio acadado no certame do Diario Cultural.

Manolo Meiriño, varias veces aludido no texto, unha vez cumprido o rito das felicitacións, desexa puntualizar algunhas cousas. Ningún mérito ten Meiriño nos libros que che emprestou, xa que foron os que ti lle pediches. Estaban alí quietiños nos andeis, e non parecía nada malo que se ti os querías para lelos e traballar sobre/con eles, os levases. Iso si, cando che pareza ben, mos devolves. Pode ser certo que onde ti vías un fallo Meiriño vise cinco. Pero é que cando Meiriño escribe onde el ve cinco hai outros que ven vinte. Iso forma parte do traballo de escritor. E por último, Manolo Meiriño quere facer constar a súa máis firme convicción de que os dicionarios, por moi bos que sexan, non gañan premios literarios, pero si que os perden. A lingua é o instrumento co que traballamos os que escribimos e constitúe unha obriga ineludible traballar e traballar sen descanso para conseguir dominala/coñecela o mellor posible. É un traballo que non ten fin. Así que ti saberás onde te metiches. A historia era túa, a creatividade era túa, as voces e as fasquías dos personaxes eran túas, as indicacións de cómo debían ser interpretados eran túas. Advertirche de catro ou cinco fallos insignificantes non conta para nada. Simplemente para o decoro, a dignidade do texto. Pero por ahí movémonos todos. TODOS. Ninguén naceu sabido. A forza conseguese co esforzo.

Parabéns de novo, e conste que, despois de verme citado unhas catro veces, considero deber de cortesía comparecer aquí. Aínda que a cortesía se convirta nun abuso.

Saúdos.