sábado, 1 de noviembre de 2008

Eduardo Collol: o escritor meticuloso

Souben da existencia de Eduardo Collol logo de escoitarlle unha noite a un tipo que vestía de chaleque e camisa branca coas mangas abombadas que había un escritor en Galicia que debería ser de lectura obrigatoria nas escolas, institutos e universidades. O fantástico Eduardo Collol, así me dixo. Eu non coñecía a súa obra e intereseime pola mesma a partires daquel día. Visitei as poucas bibliotecas da cidade onde pasei horas e horas, cecais días. A experiencia da súa procura serviume para aprender outras cousas. Nunha mesma tarde achei as relacións entre anestesia, amnesia e kinestesia, verbas todas relacioadas co esquecemento e a memoria, permaneceu para sempre en min a historia dun antropólogo francés que a mediados de século liscou ao quinto carallo de Asia para o estudo dunha das tribus mais antigas que seguían existindo no praneta. Viaxou só e contratou xa no sitio a un guía chamado Yourimu, ámbolos dous adentráronse en canoa nunha das rexións mais indómitas entre Birmania e Bangladesh. O antropólogo levaba consigo abundante café, tabaco e té en bolsiñas para lles ofrecer aos salvaxes en caso de atopalos. O caso é que desapareceu e non se voltou saber del en cinco anos. Foi atopado por militares franceses que se atopaban na zona: pesaba 29 quilos. O seu aspecto era calamitoso, e regresárono a París, onde permaneceu varios meses no hospital. Perdera a capacidade para falar, foi afeitado dunhas guedellas e barbas que lle chegaban aos pés. Pouco a pouco puido voltar a facer tareas habituais: lavarse, vestirse, decir ola e adeus, pero non falaba nada da súa experiencia. Dicía que precisaba tempo para ordear os seus pensamentos, ía dar unha serie de conferencias para referir a historia da súa viaxe. O caso é que en canto se atopou algo mellor, logo dun ano, obsesionouse coa idea de voltar cos salvaxes, cousa que conseguiu, pois burlando os coidados familiares e a vixilancia do centro médico no que seguía recluído, liscou e nunca mais se soubo del. Deixou unha carta escrita, un documento único polo que relata e pola sensación que esperta en aqueles que o len: "...adentreime na rexión na compaña do guía que contratara, un home de rasgos afiados, vestido co mínimo, un home calmo, que gostaba da carne de cocodrilo, eu vin como pelexaba con un, sempre andaba descalzo e logo de oito meses de viaxe, dixo que abandoaba, él non seguiría internándose na selva. Fiquei só pero continuei adiante, entrei sen guía naquela rexión que xa non se atopaba cartografiada en ningures, coa única compaña da miña mochila, un vello machete e algo de café, tabaco e bolsiñas de té. A viaxe foi dura, tiven febres, vómitos, pelexeime cun tigre, vin as noites mais fermosas que ninguén teña ollado nunca na inmensidade da selva descoñecida e logo de tres meses de viaxe, que cecais foran círculos arredor de ningures, pois xa me perdera, localicei aos salvaxes. Recibíronme sen inmutarse, os vellos durmían todo o día, e o resto deles ignorábanme. Deixei en sinal de boa vontade café, tabaco e té aos seus pés. Nunca o tocaron. Descubrín que a súa linguaxe compoñíase de moi poucas verbas. Coa verba "simura" denominaban a febre, o remedio, o solpor, o amor, os fillos, a fame, a pesca, a morte, o nacemento, a herba, as bestas, a lúa, a terra, os cocodrilos, a auga, a sede, a guerra e as prantas medicinais. Cada vez que morría algún ancián eliminaban da súa linguaxe unha palabra que nunca mais empregaban. Logo dalgúns meses, espertei só un día na aldea. Non había ninguén. Todos liscaran. Collín unha canoa e remontando o río atopeinos novamente instalados naquelas chozas sobre a auga logo de tres semanas de viaxe. Recibíronme coa mesma indiferenza, de calquera xeito eran totalmente pacíficos conmigo. Aos dous días liscaron de novo. Voltei atopalos. Cada vez alonxábanse mais de min, internándose en lugares cada vez mais inhóspitos e de imposible acceso. Eu seguinos. Descubrín que celebraban ritos nos que rogaban á auga que os levara ben lonxe de min, que ninguén soubera da súa existencia. Unha noite, tres mil deles, nunha sorte de imaxe abismal, axeonlláronse aos meus pés e permaneceron así por espazo de cincuenta horas, soportando a choiva, o sol, o frío da noite e o calor tropical abafante do día. Eu adormecín. Á mañá seguinte non estaban. Voltaran liscar. Levaba cinco anos vivindo con aquela xente, que a cada pouco tentaba borrarse sen deixar mais rastro. Cando me repoña, penso que voltarei xunto deles, para sempre."

O caso é que eu non atopaba obra ningunha de Eduardo Collol e un día, cando xa ía dar por vencido, un bibliotecario de case oitenta anos contoume a historia do singular escritor. Suicidárase logo de chegar ao cumio da súa obra. Empregara mais de corenta anos en escribir un manuscrito de cincuenta mil páxinas, a súa grande obra. Logo invertira case dez en corrixila, e con grande pulcritude fora borrando aquelas verbas que consideraba sobrantes. A obra comezara a disminuir. Ao cabo de cinco anos tiña pouco mais de dúas mil páxinas, e aos nove anos de correción o manuscrito non estaba conformado por mais de nove follas, que Eduardo Collol exhibía xa feble e paranoico polos cafés literarios. No intre da súa morte atopáronse dous anacos de papel, o único que quedaba xa do manuscrito orixinal, no que se podía ler:


A Obra


Coñecín a Eduardo Collol logo de escoitarlle a un tipo...


No hay comentarios: