Onte debutei na literatura(ou pseudoliteratura) oral, na oralidade. Supoño que me atopaba algo nervoso. Foi no salón de actos do I.E.S. Monterroso, convidado polos responsabeis da Área de Música e pola súa directora. Foi unha conferencia- monólogo e performance, se tal mestura existe, co alumnado de 4º da E.S.O.
O motivo da mesma era a relación da música cos medios de comunicación, si ben é certo que se tocou a literatura, o teatro, o cine, tamén a publicidade. Falouse de motosegadoras e de rebeldía, do poder misterioso da música, da imaxe e da palabra literaria para modificar os estados anímicos das persoas, das musas gregas e shakesperianas e da Terceira División, de rock e de folclore, de jazz e de baixar abraiados a pendente, da Guerra dos Mundos e de castiñeiros que son naves espaciais, da negación dun mesmo e de queimar edificios, tamén houbo teatro radiofónico, H.G. Wells, Orson Welles, o ele ápico-alveolar fricativo sonoro e o ese alveolar fricativo xordo, a importancia dunha correcta dicción ao falar en inglés, conversacións surrealistas escoitadas en pubs(ou pafetos), da experiencia musical, de afondar nun mesmo, de libros e dos primos da aldea, e tamén estivemos a escuras, con música, imaxes e un texto escrito para a ocasión. Desfilaron os nomes e facianas de moita xente, houbo algunha que outra gargallada e o que é máis importante, conservei a miña integridade física logo dunha hora e corenta minutos. Se os rapaces se aburriron, unha de dúas: ou foron moi ben educados ou disimularon moi ben. E quero transmitirlle a miña gratitude á Carme Sarmiento e ao Rodrigo, pola súa xenerosidade. Tamén ao alumnado que asistiu ao acto, pola súa actitude e por deixarse levar sen medo, con respeto e humor.
Concerto do Xoan Elías: os regueiros do talento
Á noite, no conservatorio, deixou o seu arrecendo xenial un pianista académico, excelso, novo, brillante, tantas cousas que se esgotan os adxectivos: un pianista e músico con maiúsculas chamado Xoán Elías Castiñeira, alumno aventaxado de Granados e demais figuras senlleiras da música clásica e universal. Pezas de Beethoven, Mompou, do propio Granados e Albéniz resoaron no auditorio do Conservatorio Lucense facendo tremer os miolos dos que puidemos asistir. Foi grande. Evidentes e tamén agochadas eran as alertas de atoparse ante un fenómeno do piano, que nas súas mans semellaba unha autopista do talento. A miña sensación foi semellante á dun analfabeto escoitando un conto de Borges: percibes que estás asistindo a algo moi grande, pero non sabes de onde procede tanta grandeza; intuín o infinito da dedicación, da disciplina, do método e da exercitación, e sentín vertixe; ademais vin a un rapaz delicadamente culto e pedagóxico co heteroxeneo dos seus ouvintes. E vin que aquel rapaz co que compartín pasaxes da miña infancia está a facer realidade algúns dos seus soños polo mundo adiante. O xoves, no Teatro Jofre de Ferrol, ás oito do serán, Xoan Elías actuará como convidado especial da Filarmónica Galega. Noraboa, Xoán!
No hay comentarios:
Publicar un comentario