domingo, 18 de mayo de 2008

O contertulio: historia do que fumos.


É unha longa historia. Logo de pubricar oito libros sobre a nobreza lucense e galega, decateime que xa non había mais nobreza que reflexar nas páxinas de futuros libros. Nembargantes, a miña traxectoria até ese punto fora meteórica. Comezara enviando cartas ao director de El Regreso; gardo con especial cariño unha que lle adiquei como agasallo ao señor vispo, con motivo do seu nomeamento. Lugo enteiro era frores nos balcóns e alegría desbordante nas rúas do centro. Por aquel tempo eu comecei a abandoar a compaña dos borrachos que seguían con atención os meus progresos na inxesta alcohólica e as miñas crónicas trepidantes sobre calquera suceso que acontecera na cidade ou na miña aínda refulxente imaxinación. Era o mellor da nosa vida. Como dicía, deixei a estes borrachos, ignorantes e pendencieiros na súa inmensa maioría. Tamén deixei o traballo, e deixei á miña muller, e deixei varios fillos e fillas coa miña impronta ao ancho e longo da comarca lucense. Ao tempo, comecei a explorar os límites da literatura, e deixei melena. Saía pola mañá da casa e comezaba a andar, lendo, eu que sei, un libro sobre Cela nun pobo que se chamaba a Casa de Cristo, e ao chegar á metade, erguía a vista e xa me atopaba na Tolda. Logo daba a volta e chimpábao nun vertedoiro. Á noite xa non me lembraba do que lera, pero toda a cidade vira ao seu tótem lendo coas guedellas ao vento o libro dos elixidos. O caso é que, abandoei a compaña daqueles borrachos e comecei a frecuentar a compaña doutros escritores da miña xeración, mais borrachos e mais cultivados que os meus primeiros seguidores. Ao comezo, xuntabámonos en calquera taverna da Milagrosa, ou da Ponte, e pedíamos unhas tortillas e falábamos de mulleres, de homes, e tamén, algo, de política. Logo, cando xa as nosas carreiras comezaron a medrar, decidimos que unha xeración de escritores tiña que ter un local emblemático. Acordamos que un vello bar ou café no casco vello sería un marco idóneo para as nosas pretensións. Pero aquelas reunións esporádicas, logo tornaron nun hábito que ocupaba as longas tardes e noitiñas de inverno, e que se transformou no centro da nosa actividade: nacera a Tertulia. Todo aquelo desencadeou unha serie de comportamentos rituais e actitudes que nunca teriamos pensado que se poidera dar. O motivo principal foron os ciúmes. Os ciúmes literarios. Eu que sei, se nun bar un entraba só, e era convidado a un café ou a unha copa polo dono, pronto a nova se espallaba coma a pólvora, e entón alí acudían de contado os demais do grupo, esixindo o mesmo trato. Nunha ocasión, un contertulio meu, abriulle a cabeza a un pobre home que rexentaba un modesto bar na Rúa Nova. Entrou feito un furacán, din que botaba espuma pola boca, e colleu e preguntoulle ao home que pensaba da obra literaria de Boris Vian. O vello díxolle que alí non servían merdas desas ou algo así, e entón o meu contertulio ollouno con faciana afectada e díxolle solemne:" É vostede un fillo de puta, e o peor de todo, é vostede un completo ignorante". Logo saiu do bar recitando cancións do Vian, e enganchou un tabrón dunha obra, ingresou de novo no bar, e preguntándolle de novo se se atopaba conforme e seguro coa súa resposta, colleuno dunha orellla e levouno para fóra da barra. Logo partiulle o tabrón na cabeza. Namentres o pobre home laiaba no chan, sangrando pola cabeza, o meu contertulio serviu unha copa de güisqui e procedeu a axeonllarse á súa altura, recitándolle as pasaxes mais sustantivas da existencia e da obra do Boris Vian. Facía acenos coas mans ao tempo, e inclusive botou unhas bágoas resaltando o conmovedor daquela escritura.

As cousas non ficaron así. De súpeto, comezamos a desconfiar os uns dos outros. Ao principio tentábamos o clásico destes encontros: despistar. Se a tertulia se celebraba pola tarde, pola mañá cada un preparaba as súas armas, lendo frases ou pasaxes preferidas dunha obra determinada. Unha frase dun matemático grego por aquí, unha afirmación dun pensador do século XIX por aló, unha canción memorizada, algún rasgo do compositor da mesma, cousas así, tamén o vestiario. Houbo unha temporadiña na que comezáramos a levar garavata. Logo, todo eran competicións por quen levaba a garavata mais bonita. Pronto observamos que o feito de que combinara cos carpíns era algo que chamaba a atención dos demais, e si coincidía coas feituras do pano, moito mellor. A hora de chegada ao café ou ao bar tamén era importante. Coidábamos que o feito de ser o último outorgaba algo de literario a quen se retrasaba."Atoparase rematando ese gran artigo, xa o coñecedes...él é así". Pronto comezamos a chegar tarde, e entón, como xa era algo que todos facíamos, chegou a época das razóns mais convincentes. "Non, é que me detiven cun par de policías na Porta Falsa, levo varios días detrás deles, ando estudando aos personaxes da miña próxima novela" , ou "cando me erguín esta mañá atopábame no termo municipal de Barallobre, nunha casa de putas, onte estiven con dous coñecidos pintores e unha escultora da cidade, e unha cousa levou a outra e...", e tamén o clásico "non puiden chegar antes. Miña muller fíxome limpar todas as paredes da casa. Marchou unha semana coa nai a tomar as augas, e cando entrou leu os dous primeiros capítulos do meu ensaio escritos na parede da cociña, comecei a crear e...". En definitiva, aquelo estábase a desviar dos cauces normais dunha reunión literaria. Pero o peor de todo é isto que agora contarei. Un ano, co gallo do Día das Letras Galegas, saiu o tema. Dunha banda, dábase a circunstancia de que os oito escritores que compoñíamos aquela tertulia publicabamos libro a comezos do verán. E polo outro, nalgúns corriños da Praza de España, comezara o infundio da posibilidade de que un de nós podería ser homenaxeado se se dera a terrible circunstancia da nosa desaparición. Isto creou polémica. Uns falaban de matar ao mais veterano da tertulia, pois aquelo daríalle o pulo definitivo á nosa xeración. Outros falaban de simular unha morte, a do mais novo, pois aquelo outorgaríanos o malditismo que, para seren francos, non posuíamos. Dous membros houbo que deslizaron nos días posteriores que pensaban no suicidio, dicían que por problemas económicos, unha mala racha. Ao final, só se atreveu un, un pobre diaño da zona de Alfoz, que escribía infumábeis historias de homes viúvos que choraban na soidade, e alí, na escuridade, comezaban a recitar monólogos de gardaría. O moi fillo de puta foi orixinal. Arrincou todas as follas do seu último libro, ainda sen publicar, e comeunas. Morreu por perforación estomacal. Os editores sacaron unha por unha as follas do libro, faltáballe o final. O moi pillabán gravárao nos cuadrís cunha punta da caixa das ferramentas. Pobre diaño. A verdade é que eu nunca o tivera moito en conta, pois só se animaba a falar a partires das oito da mañá, cando os demais xa entráramos na decadencia dos berros salvaxes e os lanzamentos de botellas. Por riba, tivo mala sorte. No último momento, un escritor da zona de Verín, provincia de Ourense, guindárase dende o alto da igrexa do pobo, e convocara por escrito a tódolos viciños. Alí falara sobre a necesidade dunha actitude radical ante a literatura, e logo saltou o malpocado. Din que os viciños miráronse os uns aos outros e logo foron tomar o vermú. Así que, pasado o Día das Letras Galegas, e pasada a presentación de tódalas nosas obras, veu cecais o mais curioso desta insólita historia. Era a procura do argumento para a seguinte. Influídos por unha obra de Poe, na que falaba da capacidade dos nenos para saber o que pensan os maiores adoitando a súa mesma expresión facial, comezamos a non mirarnos aos ollos directamente. Aquelo provocaba que, ao mellor se discutira a nova poesía latinoamericana e que os contertulios nos atopasemos ollando o chan. Rematamos por non falar, só diciamos incoherencias, tentando non facer ningún aceno sospeitoso de pensar nunha cousa determinada. E pouco a pouco, a tertulia foi derivando nunha sorte de procesión silenciosa de enaxenados, que pedían as súas consumicións, ficaban en silencio unha hora e logo ían para a casa, a escribir. Aquelo deteriorou a unión que se estabrecera entre nós e nunca mais voltamos vernos. Hoxe recibín unha carta dun deles e, de súpeto, entendín toda aquela loucura febril. A carta dicía o seguinte: "Mirade, Cabaleiros, coido que é hora de rematar con esta tolería e de poñer as cousas en claro. Para tal motivo, convoco a tódolos antigos membros da Tertulia a un combate a morte no aparcadoiro do Anxo Carro, á medianoite, baixo a luz da lúa. Só levaremos enriba a nosa pel, quero dicir que acudiremos espidos, e sen mais armas que as nosas mans, os pés, e os collóns que cada un considere pertinente empregar. Será un combate a morte. Só o mais forte debe continuar escribindo. Os demais deben desaparecer. Alí vos agardo. Asdo: O Cabaleiro da Piringalla."

E agora, minutos antes de partir cara a batalla final, cara a gloria literaria, aquí, espido ollándome nos cristais do portal, decido deixar acta escrita do que fun, do que fumos, aquela Tertulia, os homes que quixemos trocar o mundo. Déixolle as chaves da finca de Mos á miña irmá Esmeralda, se algo malo me pasara dalle de comer ao Roni e colle as chaves de riba da entrada.


Asdo: O Cabaleiro de Fontiñas.

viernes, 25 de abril de 2008

As bágoas do descoñecido


"A auga é vermella. Agora é noite. O ceo é vermello tamén. Ferve. Non se ve nada. Por algún estrano motivo só se adiviñan sombras, imprecisas doutra banda, a cada unha das beiras desta sorte de río. A corrente baixa salvaxe. O vermello deste ceo é escuro e non convida a relaxarse. Unha profunda presenza invádeo todo. Pequenas nubes de fume saen desta auga que só incita a berrar. Ninguén fala, ninguén hai, ou iso semella. De súpeto, algúns ruídos estranos comezan a escoitarse dunha das beiras. Si alguén navegara o río, contra a corrente, cecais fora empurrado pola corrente. Remonta-lo río é unha fazaña inimaxinábel. A cada intre hai mais fume, a cada intre mais ferve a auga, chega das beiras do río un triquetraque enxordecedor, serras? non se sabe. Agora non se ve nada, o ceo mudou en negro, só unha grande sombra, a súa sombra...




Polas vellas táboas de madeira que conforman o chan dun piso algo coñecido corre un fío de sangue. A sangue que repousa xa case que seca, é negra, escura. Mais arriba, un regueiro de sangue, aínda vermello, aínda húmido, aínda quente, corre con violencia dende o corpo sen vida dalguén. Hai unha muller que repousa no chan. Está morta. A súa faciana é a da morte, o afiado do seu debuxo e o enrugado da súa pel fai pensar que se trataba dunha muller de avanzada idade. Hai un silencio brutal. Non. Hai alguén mais. Alguén que vive e que respira axitadamente. Riba dunha cama, sentado, nunha habitación preto do corredor, un home tamén ancián, repousa a cabeza sobre as mans e os brazos. Olla para o chan. Non ten pelo. Alí, no chan, hai un coitelo cheo de sangue. Algunhas pingas aínda penduran deste. Agora a respiración modérase. Nunha das pingas hai un reflexo, agora a pinga é mais e mais grande, do tamaño dun grande espello roxo. Nese espello hai unha faciana que non se acerta a recoñecer. Esta faciana descoñecida achégase ao espello, fúndese no vermello da sangue...




Agora só se ve con dificuldade a superficie dese gran río roxo, que ferve mais e mais, coma cando un se mergulla na auga e se sumerxe non por completo, dese xeito se ve. De súpeto, e agora sí, unha enorme figura sae do descoñecido, do medio da vexetación imprecisa dunha das beiras. Pero é unha sensación estrana, alguén familiar pero descoñecido a un tempo. Agora achégase. Sí, é él..."






Estimada Lily:





Vou morrer de calor, ou o que é peor, de desesperación. As rúas desta cidade, se así se lle pode chamar, feden a fideos, a humidade, non atopo o teu arrecendo por ningures. Onte tiven un sono extrano. Nel, atopábame nunha casa, extraordinariamente familiar, mais que soño era un pesadelo, pois dese xénero eran os feitos que nesta visión acontecían. Había un grande río, era de noite, o ceo era roxizo e escuro, nunha combinación insólita, a auga fervía. A auga era roxa. Nas beiras deste río fantasmagórico, anunciábase o medo en forma de sombras imprecisas e difusas.Sentín moito medo e logo acordei. Eran as cinco da mañá e ollei pola fiestra e bebín auga. Esta cidade semella que non durmira nunca. Hai algo sorprendente pero inquedante en todo o que aquí se produce. Non sei, é coma si algo malo estivera por acontecer.Filipinas non é exactamente o Vietnam, pero supoño que moi semellante; Manila non é Hanoi. Onte camiñei por Roxas Boulevard e vin moitas luces. Estas rúas son semellantes ás do pobo, coma as rúas do noso pobo pero as luces do primeiro día en que as vimos, así son as rúas de Manila. Roxas Boulevard está ateigado de postos de comida rápida, hai fume por todas partes. Hai un home que vexo tódolos días antes de coller o autobús que me dirixe á rodaxe. Él olla para min e saúdame, pero é un saúdo bastante misterioso, pois sempre o fai no intre en que eu me xiro dende o bus para comprobar si se esqueceu. O mais sorprendente é que hoxe achegueime e o home era cego, coma nas películas de artes marciais das que se ri Franz na rodaxe. Aquí ninguén o coñece. Él semella bastante tranquilo, aínda que a semana pasada chegou unha carta de California, na que lle comunicaban que perdera a casa. Dentro dun mes irán tres anos de rodaxe. Os actores din que se arruinou, que xa non lle queda mais diñeiro. Os dos helicópteros dixeron que non saen mais sen que lles pague o que lles debe. A produtora di que nuns días pecha o asunto, e todos de volta. Non sei que vai ser. Onte trocando un teleobxectivo, un Bolex, case vai a cámara ao carallo. Eu atopábame a tomar imaxes dunha das esceas dende unha barca no río. Charlie chegaba ao campamento ao final do río. Houbo un grande golpe na barca e o filipino que andaba no motor, case cae á auga do impacto, dixo que fora un cocodrilo. O caso é que o teleobxectivo foi para o río. Non me quedan mais, dos de 21 mm, e entón tiven que facer o resto da escea cun de 25. Os de montaxe e mesmo Francis ficaron abraiados polo efecto, e pola noite leváronme a tomar algo con eles á cidade. Bótote de menos. Non sei que clase de loucura é esta. Eu xa perdín o fío da historia. Todo ía ben ao principio, remonta-lo río e todo iso, pero agora xa non sei nada. Xa non sei se son cámara de cine, ou un simple louco. Por riba, o divo desapareceu da rodaxe. Os de maquillaxe din que agora durme no esceario da escea final, que só poden entrar alí o director e dous actores, ninguén mais. O río. O río está presente todo o día. Se vamos tomar algo, alguén antes ou despois saca o tema do río, e que? que queren que lles diga eu do río? que boto dezaseis horas ao día facendo probas coas putas cámaras para cando o divo decida que é o intre de rodar? Non sei, onte pensei en abandoar. Díxenllo a Francis, díxenlle que se buscara un cámara, eu son demasiado novo, hainos a centos coma min, e él, con toda a tranquilidade dun louco que perdeu toda a súa fortuna e a casa nunha puta rodaxe, colleume polos ombreiros e díxome se tiña reparado nas luces de Hanoi cando chega a noite; Hanoi! Atopámonos en Manila e este enaxenado preguntoume se gostaba das luces de Hanoi! O peor de todo é que comezou a falar das luces de Hanoi, dos taxis e das bicicletas e a suor dos rapaces que pedalexan levando aos turistas, faloume dos farois das casas de masaxe, das portas vermellas dos restaurantes, do presumidos que son os filipinos, preguntoume se tiña reparado nos espellos que hai por metro cadrado nesta puta cidade, e eu díxenlle que sí, que sí, que vira moitos espellos e que vira como as recepcionistas de tódolos hoteis dos que nos botaron non deixaban de mirarse ao espello, e chiscaban o ollo ó rapaz das maletas, e o rapaz das maletas subía na bicicleta que por suposto levaba espello tamén, e o rapaz ollábase. E así, Lily, así botamos dúas horas falando dos espellos de Manila, ou de Hanoi, a cidade con mais espellos de toda Asia. Logo díxome se tomábamos unha cervexa, e dixen que sí, e esquecín os teleobxectivos no taxi, e díxome que a clave atopábase nos chinos. Os chinos, Paul, díxome. Paul, os chinos son a maxia, cando os europeos aínda non sabiamos que nos atopabamos vivos, os chinos cruzaban os mares con barcos xigantes nos que levaban hortas e prantaban froitas e hortalizas, e legumes, e evitaban o escorbuto, e trouxeron ata aquí os espellos. Os chinos traían os espellos, e os espellos son a auga, Paul. Imaxina ao señor Coppola dicíndome que os espellos son a auga, porque reflexan a vida, porque o xeneral Kurtz comprendeuno e afastouse dos espellos, para ser él, e non ser toda a vida o reflexo dun espello, comprendiches Paul? Iso quero que graves. Se non te ves con forza, me dixo, aquí mesmo, toma, colle mil dólares e colle o primeiro avión, pero se aínda confias en min, aguanta, xa nos atopamos preto. "Esto é mellor que Disneylandia" pensei e pensei nas walquirias, e en toda esa merda de Wagner, e cheguei ao hotel medio borracho, pero orgulloso de atoparme rodando co señor Coppola, e na habitación lembreime de tí, e comecei a dar golpes na parede da habitación, e xa era noite, e logo chorei. E chorando, caéndome as bágoas por tí, por tí Lily, vin a través das bágoas as luces de Hanoi, de Manila quero dicir, e esas luces na noite, na noite abafante de Manila, semelláronme as luces mais bonitas que tivera ollado nunca. Pero faltabas tí, Lily. Pronto estarei aí. Bótote en falta. Logo tumbeime na cama, baixo o ventilador, e vinme en Saigón, pero o meu ventilador non funciona, e voltaron esas horribles imaxes do sono que che contei antes, xa non aguanto mais. Quérote.



P.D.: Non sei se poderei xuntar diñeiro para ir este mes. Pero pronto estaremos xuntos. Moitos bicos e coida moito de meus pais.



Paul Letterman, Manila-Filipinas, Outubro de 1972




Telegrama urxente

Oficina da Embaixada Americana

Á atención de Paul Letterman

Remitente: Lilian Jones, Main


Querido Paul:


É urxente o teu regreso á casa. Aconteceu algo terrible. Túa nai apareceu morta na casa. Teu pai entregouse á policía. Quérote mais que nunca. Non consigo conectarme telefonicamente co hotel. Síntoo moito.








martes, 1 de abril de 2008

Saltimbanqui (Making off): Premio Diario Cultural



Un día do 2007, concretamente entre o 2 e o 5 de Decembro, un rapaz entra nunha páxina web e ve que se convoca un premio de teatro radiofónico. Logo, tecrea nas bases da primeira edición do ano anterior. Observa que o gañador da edición pasada chámase David Rodríguez, e que traballa de repartidor en Pontevedra, e que gañou cun texto que era unha conversa entre dúas persoas no interior dun coche. Moito antes, puidera escoitar a obra, tidúada "O bambán".




Comeza o xogo. Comeza en canto que o rapaz ten gañas de facer algo, pero agora o problema é qué facer exactamente. O xénero do teatro radiofónico é algo descoñecido para él, e inclusive no teatro, tendo lido algunhas cousas, considera que non abonda para aventurarse xa na escrita dun guión.






Así que se propón, de xeito informal, centrar os seus pensamentos en definir os personaxes da súa obra. Isto non ten porque ser sentado nunha cadeira, nunha habitación en silencio, ou con música. O rapaz pensa no tema camiñando pola rúa, por momentos; no coche, adestrando, ou antes de durmirse, e como resulta que é un xogo pracenteiro, pois tampouco constitúe un problema.



Nos días seguintes, logo de considerar que sería un pouco temerario, e se cadra irrespetuoso co xénero, acometer a empresa da escrita sen ler algo mais, rebusca un pouquiño mais na Rede, e atópase cunha das sorpresas mais agradables de todo o proceso: navegando na Internet, chega por casualidade a unha referencia da obra radiofónica de Enrique Santos Discépolo. Sorprendido, pois coidaba que o arxentino, o tanguista e letrista só se adicaba á música, decide afondar nesa primeira pista e rebusca un pouquiño mais. A sorpresa non se fai agardar; na páxina dunha universidade peruana, ou chilena, agora non se lembra, atopa a edición informática dun libro de Enrique Santos Discépolo, tidúado "Mordisquito", 150 follas nas que se atopan os monólogos que durante algún tempo o autor arxentino pronunciaba nas ondas herzianas, nunha sección que recibía o nome de "Mordisquito", na radio arxentina. A sorpresa é meirande aínda, cando accede a algunha das deliciosas narracións en formato de audio, que multiplican a calidade duns textos de por sí xa excelentes, a mágoa é que eran monólogos ou sinxelas reflexións sobre temas diversos fundamentalmente, aínda así, a experiencia é conmovedora.



Emocioado pola lectura e a escoita deste tesouro inédito, segue na procura de mais cousas. Le na Rede tamén algunhas cousas de Bertold Brecht, o autor de orixe alemán que tamén traballou coa radio. Mais animado xa, decide reler algunhas obras do teatro grego e compretar outras, que xa tiña lido meses atrás, libro que lle deixara Meiriño, un detective da cidade, mellor dito, o detective da cidade. Xa enganchado na idea do guión, acude a unha libreiría. Aínda non é suficiente, cómo ía abondar? Faise coa obra teatral de Bertold Brecht, outra peza teatral de Harold Pinter, pertencente á colección dos Libros Do Centro Dramático Galego. Lee tamén Os vellos non deben de namorarse, obra teatral de Castelao. Uns meses antes, tiña completado a lectura do Don Hamlet de Cunqueiro, logo de ler o libro de Darío Xohán Cabana sobre o ilustre mindoniense, tiduado "Cunqueiro no San Froilán, Don Hamlet en Lugo".




Veñen os problemas. Dunha banda, o feito de ler sen máis é unha empresa bastante reconfortante en sí mesma, sen necesidade de escribir, e por outra, canto mais lé sobre o teatro, mais respeto lle pon facer algo él mesmo, aínda que sexa sen pretensións obviamente. Pero él pretende facer algo digno, non presentarse por presentar. De calquera xeito, pensa que xa está pagando a pena, porque en pouco tempo coñece varias obras que agora degusta cada vez que as lembra. Entramos xa na segunda quincena de Decembro. O prazo remata o 8 de Xaneiro do 2008. Aínda non ten nada escrito.




Pensa o rapaz nas fontes das que tentará beber para a súa obra, e conclúe fundamentalmente que son dúas, ademais de comprobar unha característica de sí mesmo que agora se citará:




As dúas fontes: 1.- A fonte da súa propia estupidez; fonte que doutra banda mana cantidades inxentes de estupidez ata puntos sorprendentes para o propio estúpido.



2.- A fonte da Quinta de Pérez: a uns poucos metros da casa de seus pais, fonte a onde o rapaz ía coller a auga en dúas garrafas de auga cando era pequeno(set´anos) e alí coincidía habitualmente cun home de faciana helvética, enroxecidas as meixelas, algo gordo e que recollía a auga en dúas garrafas de cristal de Johnnie Walker de 3 litros, feito este que impacta profundamente ao rapaz ata gravarse xa como parte das visións da súa infancia. Pode que esta visión pesara mais que tódalas lecturas interesantes que agora de maior acometía o rapaz co ánimo de ilustrarse un pouquiño? Pode.



Característica de sí mesmo que agora se citará: relacioada coa primeira fonte, isto é, a da súa propia estupidez. E referímonos ao impermeable desta estupidez, é dicir, ao grao de resistencia a ser influída polas múltiples lecturas de natureza teatral que o rapaz acometeu. Isto, sen dúbida, é unha traxedia. Tentar documentarse dende a humildade e o respeto, un achegamento prudente ao xénero teatral, e rematar escribindo a historia de dous borrachíns, por outra parte, totalmente respetables. Rematar escribindo a historia do Maca e do Buxía. Iso, en verdade, non entraba dentro dos plans. Nin o rapaz sabe de onde saiu o triángulo amoroso do tío do Maca, o Ricardo, e a Ermenilda, ou Ermelinda. Segunda sorpresa do proceso. Unha historia que surxe dentro do propio acto da escritura, sin ideas preconcebidas.




Nota: Por suposto, este concepto da fonte da propia estupidez non é obra do rapaz, senón doutro rapaz que viviu hai un par de séculos, chamado Thomas De Quincey. Gratitude, Tom.




Séntase a escribir nos primeiros días de Nadal. Consigue escribir as primeiras liñas, non máis de media páxina. O detective Meiriño tíñalle deixado parte da obra teatral de Valle-Inclán. Acotacións perfectas do autor de Luces de Bohemia ou Martes de Carnaval. Fica impresionado de novo.



Continúa a historia e a sorpresa acontece no proceso da propia escritura. A historia que logo dará tíduo á obra, a historia do sereno, a historia do Saltimbanqui aparece sen premeditación e nunhas poucas horas queda lista a primeira parte de toda a obra, aínda sen corrixir nin revisar. Pasan alegres os días de Nadal, xa queda menos. Lembra, malia todo, algo que lle gustaría que ficara reflexado na súa historia, independentemente do mellor ou do peor que sexa esta, ou da capacidade ou incapacidade do autor para expresala axeitadamente. É o feito de tentar non ficar na anécdota, é dicir, na sucesión de historias baixo un rexistro coloquial ou sinxelo, senón tentar darlle pulo ao propio idioma tentando usar verbas que pertenzan a un galego culto tamén, tentando mesturar ambos rexistros, un mais coloquial e outro mais culto, pero claro, isto pensado dende as limitacións evidentes que ofrece quen o tenta.





Para variar o rexistro, e darlle un pequeno xiro ao rexistro e á historia, surxe a figura do Eleuterio, que o rapaz sí ten clara dende o principio. Un pesimista, un iluso cultivado, un tanto patético pero que sexa capaz de elevar algo o rexistro do Maca e do Buxía, non moito tampouco, pero sí ofrecer o contraste que provoque o escarnio por parte dos outros dous. A terceira sorpresa ven cando surxe na escritura, unha vez mais, algo que non estaba no guión. O ser consciente de que o resultado final será unha mestura entre o que se pensaba que ía resultar e o que vai surxindo polo camiño é algo que axuda a non deterse durante a escritura, polo menos sí lle axuda ao rapaz. E coida que é isto, a incertidume, o que engancha do acto de escribir, en función da expectación que se vai acumulando no interior de quen escribe. Así que, sen avisar, surxe a historia do viño con sabor a queixo, e a historia do trono que persegue ao pai do Buxía, aínda que esto ben podería ser algunha copia inconsciente das historias de Os outros feirantes, ese libro estupendo de Cunqueiro(está de mais que diga que isto é xogar a xogar a ser imitador de Cunqueiro, non é unha comparación). Aquí sí hai que ter coidado, porque hai xente que consume a vida escribindo cousas que xa están escritas, e supón o rapaz que se cumpre iso de que toda a literatura é unha parte incompleta dun poema universal eterno, e que tódolos argumentos que se lle ocorran a un xa están inventados, e que ademais o número de argumentos que se poden inventar e finito, limitado, aínda que sexa un grande número deles. Esta concepción é aterradora e pode atrancar a escritura, así que o mellor é continuar para diante. Finalmente, no último día do ano, pola tarde, na soidade da habitación, o rapaz conclúe a historia, tentando relacioar o contado polo Eleuterio coa historia do tío do Maca, pero só nalgunhas cousas, non se pretende un relato exactamente elíptico. É tarde xa para variar a natureza da obra creada. Peca de pretensión literaria e teme o rapaz que non se axuste ás esixencias do Premio. Boas sensacións por ter rematado e por divertirse ao escribila, pero demasiadas dúbidas. Son as seis da tarde aproximadamente. O móvil soa; son os amigos que agardan para xuntarse e tomar unhas cervexas. O rapaz non atende o móvil. Ao tempo que foi compretando a obra, foi pensando un pouco no tema da música.Para o disparate, Tom Waits, ou Otto e Mezzo(esta era demasiado rápida), pensa ao momento en Django Reinhardt e Stephan Grapelly, xa se inspirara na figura do Django para a fisonomía do Eleuterio, pois o Django só tiña dous dedos nunha man, e aínda así chegou a ser considerado o mellor guitarrista do mundo, pero un día abandoou todo e foise a vivir ao campo e iniciouse na pintura. Pensa tamén no Tomatito e no Michael Camilo, nunha canción que o Cadaval usara nunha emisión dunha historia do rapaz, unha historia de náufragos mariñeiros que lera o ano pasado durante unha emisión na Boca da Noite. Aquí chega un punto patético antes de sair á rúa para xuntarse cos colegas: comeza o rapaz a facer probas coa gravadora do móvil coas cancións de Youtube de Tom Waits instrumental e as acotacións do texto da obra; a figura de Eleuterio era tamén unha ironía sobre o malditismo, e descóbrese o rapaz achegando a boca ao móvil na penumbra da habitación e lendo as acotacións, iso foi pisar a lama. O rapaz abandoa a casa. Chega o 2008 e Meiriño bótalle unha visual a última hora a obra, e onde o rapaz vía algún erro, Meiriño ve cinco. Mais gratitude. Convencido de que non revisara suficientemente a obra, chega a revisión pesada co diccioario ao lado. Por fin remata, e redacta unha mísera folla de suxerencias para a súa dramatización, nos que inclúe unha pequena descripción dos persoaxes. No papel do narrador pon: descoñecémola súa natureza, pero imaxinámolo cunha voz penetrante, profunda, sombría. Cecais individualista, sabe ler. Sobrio.





A sorpresa é maiúscula meses despois cando escoita a obra e descobre que o Cadaval, director da adaptación, colleu o papel de narrador. O rapaz coida que a adaptación radiofónica debeulle dar bastante traballo ao Cadaval, e aos actores, pero o resultado paga a pena, porque lendo o texto orixinal, e escoitando o resultado, compróbase que un texto cecais excesivo, desmesurado, tornou pola man do Cadaval, nunha HISTORIA con MAIUSCULAS con vida propia, da man da voz duns actores que o bordan, nun exercicio de sensibilidade, xenerosidade e bo gusto por parte dos actores e o director. É de xustiza recoñecelo. E o rapaz síntese moi agradecido. E así o expresa. Para que conste. E agora, o rapaz entra no blog do gañador do ano pasado e inclúe o enlace para esta historia que aquí se conta. Boas noites.

PD: E un saúdo ao Goyeneche, aló onde se atope, sabios versos.http://www.youtube.com/watch?v=ZPabI7xRUYs

martes, 25 de marzo de 2008

A historia que non quere ser contada


Ben, logo de esquivar tódalas trampas que esta historia puxo no meu camiño, tentarei antes de que se decate, contala sin que ela o saiba. Porque esta historia ten unha historia. Hai trece meses, nun día de neve, atopábame eu en Viveiro(onde non nevou ese día), diante dun ordenador, na miña habitación, rematando unha historia. Por causas que aínda descoñezo, pero sin dúbida asociadas coa miña pouca pericia coa informática, a historia, coma un atracador logo do asalto, borrouse e non puiden voltar vela. Levaba cinco bonitas páxinas escritas e coidaba que estaba a quedar redondiña. Pero xa digo, de súpeto, foi borrada no medio da neve, e o estupor conseguinte de quen escribía por aquel entón e o fai agora. Pasou a nevada, a primaveira chegou e foise, e sen tempo para coller o bronceado chegou o verán. A finais de Xullo, atopábame eu escribindo a mesma historia nunha noite bastante calurosa. Inclusive visualizara toda a versión da primeira historia e engadira cousiñas que coidei, podían virlle ben á mesma, coa perspectiva tranquila do tempo que pasara dende a nevada. Levaba xa sete páxinas e coidaba que estaba quedando mellor ca primeira versión. De tódolos xeitos, unha historia perdida é unha traxedia, porque por moito que un se afane en escribila de novo, sen dúbida xa vai haber algún filtro mais. E tampouco vai ser a mesma persoa a que a escriba. Uns segundos ou uns anos poden ser dabondo para trocar o maxín ou a persoa enteira. Un xa é outro, aterrador de todas formas. O caso é que xa estaba rematada, e entón collín un lápiz portátil e metín a historia no mesmo, ou eso coidei eu. Non a gardei no ordenador. Cal sería a miña sorpresa cando ao día seguinte, ao tentar recuperala deste aparatiño que levaba conmigo no peto, tan só había o molde. A historia xa bulira dalí. Non estaba. Aquelo abondou para que me comera o pensamento riba da toalla, unha tarde enteira na praia. Onde carallo vai o que escribín eu?, niso pensaba.




E así que chegamos ata o mes de Febreiro, hai uns días, cando xa feita por terceira vez, teño un problema co ordenador e perdo non só a historia, senón outras seis e toda a música que gardaba no aparato do diaño, no ordenador, refírome. Sete historias e moitísimas cancións que como dicía algún: "Só fixen unha canción boa, o resto eran boas cancións".




Isto era a historia da historia. Unha historia que se resiste a ser contada.




A miña historia consistía nun home polaco que se atopaba nunha ponte moi bonita, propia da bonita capital polaca, sobre o río que cruza a cidade. Este home tiña bigote e ollaba o río en silencio. No río vía moitas cousas: a merda que naufragaba co propio río, a auga...pero tamén vía cousas da súa imaxinación. Eu adornaba este momento con evocadoras esceas da súa infancia, dando detalles con nomes propios da capital polaca, de barrios, rúas, o nome do río que agora non lembro, e este home, no medio dos seus pensamentos, vía a un vello dándolle de comer a unha pomba; mais ben, aquel vello ríase da pomba. Sí, aquel vello dalí que agora vos estades imaxinando, e ben podería ser algún coñecido voso, ou familiar ou o que queirades. Entón o vello facía o seguinte: conseguía chamar a atención da pomba cunha boliña de pan entre os dedos e logo, amagaba o lanzamento cara a pomba, pero no último momento facía un lixeiro movemento cheo de armonía e a boliña de pan pasaba mansamente por riba do bico da pomba e caía no chan. Isto provocaba que o vello rira a esgalla e repetía unha e outra vez a operación. Eu, neste punto da historia, introducía unha imaxinación que xulguei perfecta, e era a seguinte: diante desa visión, o noso home bigotudo da ponte, tiña un pensamento erótico, e pensaba nunha noite disipada na que unha polaca de pel branca ceibaba a roupa interior nunha vella habitación podre dunha mísera pensión, ata que esta roupa interior caía nos fuciños do imaxinador. A continuación describíase unha cópula evitando caer no obvio, primando aspectos básicos do erotismo, segundo Bataille: a tensión sexual, a iconografía receptor-transmisor e tamén o tamaño dos peitos segundo as distintas culturas...elementos todos que estou inventando, porque aínda non rematei de ler un libro do propio Bataille, pero o texto quedaba magnífico.


A miña historia continuaba coas visións do home bigotudo que camiñaba cara o barrio bohemio da cidade cavilando no lanzamento do pan por parte do vello. Logo entraba nun pub cara a noitiña e aquí descubriamos que o bigotudo en cuestión era futbolista profesional. E xogaba nos Bohemians, un equipo polaco, mítico por outra parte. Eu incluía algunha divagación da orixe do nome do equipo, e asociábaa ao primeiro bohemio declarado en Polonia, que comezara a empregar un elefante para tirar do arado, sustituíndo o seu vello tractor. Eu relataba que ao principio este troco non daba moito resultado, porque o labrego polaco posuía, cecais influenzado pola xenética, maior destreza para apreciar as irregularidades do terreo a través dos perceptores kinestésicos do seu cú sobre o asento dun trator Husqvarna que riba do lombo morno, vital, peludo dun elefante indú de nove anos.


Asimesmo, mencioaba de pasada un coñecido relato do Cunqueiro sobre un soño no que o protagonista voaba polo ceo riba dun elefante, e estabrecía unha pregunta intrigante: era coñecedor o Cunqueiro da existencia deste labrego polaco cando escribiu o conto ou era o labrego polaco lector ávido e insólito do Cunqueiro? Por outra parte, eu deslizaba a posibilidade, que agora xa non poderei facer, pois xa non me lembro de cómo continuaba, que o feito de que a marca Husqvarna introducira maquinaria agrícola en toda Europa provocara cecais que a contemplación do seu logotipo tivera efectos similares en canto a imaxinar cousas semellantes como subir nun elefante para arar a terra ou voar riba dun elefante en soños e que esa fora a causa final da coincidencia, ou fora tan só iso, unha coincidencia?


Concluía esta loucura cunha bonita afirmación, que tentarei lembrar o mellor que poda:"...e entón o labrego polaco, riba do seu elefante, e matinando no seu vello tractor Husqvarna coas rodas cheas de esterco, sentiu no seu peito o de sempre. Invariablemente, cando pensaba nos quilos de patacas que ía vender na feira de Varsovia, sentía como o seu peito se entumecía e o seu corazón de labrego polaco enrugaba, entón baixaba do elefante, achegábase ao valado e sacaba a pirola emocioado para mexar nas terras do seu viciño Smolarek, labrego prantador de patacas coma el, pero que se vendera aos fillos de puta da John Deere e manexaba fachendoso aquel tractor ianqui. Ogallá te arruínes, Smolarek, pensaba o labrego polaco...o primeiro bohemio de Polonia".


Claro, estos desvíos da narración principal, eu adornábaos coas mellores verbas que eu sabía, e coidei que quedaba bastante ben, antes de entrar xa, na parte final e central da miña historia, unha historia que xa nunca vou poder ver escrita enteira como eu a soñara.


O caso é que logo de tomar unhas cervexas, o noso amigo ía para a casa e durmía e tiña un sono no que, nun penalti, imitaba o lanzamento do pan que fixera o vello, isto é, unha vaselina, pois así se coñece comunmente esta sorte futbolística. Ao día seguinte dirixíase emocioado cara o campo de adestramento do seu equipo, unha instalación que eu describía nun día de choiva, gris, a carón dunhas fábricas que non paraban de botar fume, mais descoñezo o tecido industrial polaco daquel entón, pero ficaba bonito o contraste entre o día gris, as fábricas co fume e un verde campo de adestramento baixo a choiva, no que ía emerxer o lanzamento de vaselina de penalti, ou a Panenka, pois tal era o nome do bigotudo. Panenka, un lanzador de penaltis que fixo historia co seu espectacular lanzamento que lle deu a Polonia unha Eurocopa. Eu describía con perfección como transcorrera o adestramento, o cansanzo dos xogadores, a rectitude dos sistemas de adestramento polacos. O Fartleck polaco e un detalle moi interesante para a historia: a tensión entre as olladas que se dirixían Panenka e o porteiro do seu equipo no momento de ensaiar os penaltis. Logo a historia continuaba coa descripción do xesto de Panenka, pero como un lixeiro erro no último intre da execución fixera que o porteiro non caera ao chan e detivera o golpeo.


O mais interesante desta historia que xa nunca vou poder contar é o seguinte detalle: Panenka vai cara a casa entristecido por ter errado o penalti que imaxinara, e continúa adestrando durante meses sen voltar repetilo. Sabe que o porteiro e calquera xogador manexan referencias inmediatas de adestramentos anteriores, accións recentemente acontecidas e empregan toda esa información para non cometer os mesmos erros. O feito de que Panenka resista tres meses sen voltar ensaiar o lanzamento de Panenka cando desexa constantemente facelo é sinxelamente xenial, e isto aconteceu así. Tres meses agardando que o porteiro do seu equipo baixara a garda para voltar repetir o lanzamento. Cando o repite por segunda vez, Panenka non erra. O porteiro pica e cae ao chan, en tanto a pelota entra de paseniño na portería, coma a boliña de pan do vello, describindo no aire unha parábola perfecta. Eu remataba a historia narrando como só foron testemuñas desta primeira Panenka da historia o propio Panenka, o porteiro do seu equipo e un rapaz que recollía as pelotas que ían fóra durante os adestramentos. Logo, meses despois, nun estadio cheo, na final dunha Eurocopa, no penalti decisivo, Panenka lanza a Panenka. Un dos goles mais fermosos da historia do fútbol, e precursor dunha sorte futbolística que tivo en Djalminha ou Zidane(no derradeiro partido da súa carreira) a ilustres imitadores do golpeo primixenio. E eu remataba describindo os bigotes de Panenka, que corría pola banda celebrando o gol con ese corpo de electricista e as perniñas brancas. E do mais fondo da Polonia, dunha paisaxe gris, industrial, dun inverno duro e depresivo, dalí florecera o arte feito fútbol. Un home desafiara a tristura e inventara a Panenka.


E eu atópome triste porque perdín aquela historia e nunca a vou poder contar. Só lembrala así, sen mais.


PD: Gracias, Antonin Panenka. Velaí vos vai: http://www.youtube.com/watch?v=KdvUnhSv7cs

viernes, 14 de marzo de 2008

Cecilio& Chuck Berry (Oh Carol)


Houbo un día no fútbol sala, polo menos un día, ou varios días, nos que Cecilio puido ser fácilmente o mellor xogador do mundo. Houbo días nos que Cecilio foi Maradona. Cecilio foi un deus. Ninguén se lembra, porque só vale a actualidade, pero así foi. E agora nós imos lembralo. É de xustiza. É decisión(Xavi,estás aí, Ione? Ione anda a cen)


Chuck Berry foi o inventor do rock. Segundo as súas verbas, triunfou porque escribía letras para brancos. Escribía sobre historias da escola, á que él non ía. Escribía sobre historias de coches, un Cadillac cor café e cousas así, como os coches que él mesmo arranxaba para os brancos antes de se facer famoso. Escribía historias sobre os rapaces que verten os batidos polos pantalóns cando ven cruzar ás animadoras a carón de fontes que verten de mais nos días de verán, batidos que o Chuck non probara na súa vida. Por suposto escribiu Johnny Be (or B. or not to bee) Good. E cando a campá da canción soou ( just like the ringing bell), Chuck Berry pegou en tódalas radios e hipnotizou durante décadas ao mundo, e iniciou aos Beatles, e aos Stones, etc...


Cecilio foi Chuck Berry.


Chuck Cecilio contoume unha historia que sempre lembrarei e logo visitarei outra de Chuck Berry, ou ao revés, agora non me lembro. Praia de Ipanema, é verán, os turistas enchen a praia para queimar o corpo e ver as cadeiras dos garotos e garotas deslumbrantes pola area, en tanto beben copos de cachaça. Ce, que é un Zé pequeno, coma na película, corre polas favelas abaixo, detrás dun neumático(isto do neumático saqueimo eu da manga) xunto con ducias de nenos, rapaces e quincallada en xeral, aos ollos dos alleos. Xente da rúa para os dalí. Polo visto, ao se achegaren á zona da praia, conflúen nas grandes avenidas e multiplícanse. Aí chega a pelada. A pelada é a historia en sí. A pelada consiste nunha marea de ducias, cecais un cento de garotos negros da favela que comezan a correr ao louco invadindo a praia. No camiño, arrasan reloxios, carteiras, copos de cachaça, lentes de sol, toallas, todo...logo fuxen. Isto mesmo é o que contei algunha vez dos pirañitas, é un fenómeno habitual onde hai necesidade(os pirañitas son en Perú). Os turistas fican aterrorizados baixo os efectos da cachaça e a indignación. Pobriños. Sinten pavor, ou uncanny (curiosamente os ingleses encontraron un só termo para definir o horror sobrenatural).


En canto a Chuck Berry, contaban algúns, que nos seus tempos mozos andaba cunha pistola no peto, mais que nada por precaución. Contan do Chuck que un día, cando caera na bebedoira pediulle casamento a unha puta a altas horas da madrugada. Aquelo non prosperou.


Anos despois, Chuck Berry, logo dun partido para esquecer nunha cidade mediterránea, e logo dunha tangana monumental, da que de milagre saímos él e eu os primeiros polo túnel de vestiario de puro milagre, Cé pequeno comezou a falar cunha animadora que pasaba, apoiado na parede coma se nada. Eu aínda estaba tentando esquecer as ostias ofrecidas no parqué.


O feito estético( a inminencia dunha revelación que nunca se produce, pero que con Ceclilio sí se producía)


Nun corpo de negro ancestral, baixo moreas de músculos que dibuxaban un incerto perfil, aúnaba a explosividade, a forza, o músculo, a resistencia(calcius, altius, fortius, negrus) e uns pés do corenta e cinco que semellaban os dunha bailarina das de Nureyev. Pero o mellor de Cecilio, tendo todo isto, ademais de técnica, disparo, regate infinito( regate cun punto en todas partes e unha circunferencia en ningures) e os pés tortos e planos, o mellor non era isto. O mellor era algo que non se ve nos xogadores, pero que todo aquel que o vira, e entendera un pouco, desexaría posuir. A súa imaxinación para inventar aquelas xogadas paralizantes, chamánicas, o phármakon dunha viaxe psíquica cara o centro do xogo, cara o estado orxiástico, cara o desconcerto. Só restos de rivais vencidos. Nove disfrazados de xogadores e só un negro xogador verdadeiro. Esa era a miña impresión partido tras partido. O Cecilio nacera para ir vestido de xogador, o resto íamos disfrazados de putos espantallos, deses que lles caga unha pomba negra dende o alto do ceo. Cecilio debuxaba chilenas, elásticos, rabonas, bicicletas, cordas, taconazos, lambretas, recortes con traxe incluído, túneis cara atrás e cara diante, Cecilio era Cézanne. Xogaba coas zapatillas de cores, e foi o mais semellante a un ídolo que puiden ver nas expresións dos ollos dos nenos daquel entón. Cecilio regateaba ata as porterías, queda claro?


Chuck Berry era mentireiro, folgazán, un día dixo que non podía ensaiar porque lle doía o pulso, e ao final do ensaio, estaba a tirar chilenas co fillo do baixista. Berry gastaba en coches, era egocéntrico, pantasma, pero Chuck Berry existiu e existe, e é un bo rapaz. Porque aínda que cumpra cento vinte anos calquera día, Cecilio sempre será un neno que corría polas favelas ata Ipanema, para a pelada, e será lembrado con respeto como xogador por aqueles que se dignen de entender algo deste xogo. Os que se rían del, corren o risco de ser espantallos tamén. Non vístedes que xa vos está facendo un caño, ah, e que pensei que saías tí á axuda, joder co negro este. Facemos saque de centro?


Ceo azul, piscina elegante, auga límpida, quietude, xardíns que impoñen, soa unha melodía dunha slide guitar que adormece aos vivos e fai bailar aos mortos. A cámara vai achegándose por riba da piscina ata unha casa branca, unha mansión. Cruza o xardín nun travellin perfecto, chega ao vestíbulo, hai escuridade. Todo o chan está enmoquetado en roxo, hai unhas paredes de cristal transparente e a melodía pode escoitarse agora con maior claridade. Hai unha luz no medio da escuridade. Nunha cabina transparente, Chuck Berry rasguexa a slide guitar. Vai vestido de roxo. Logo non sucede nada mais. Cecilio autonauta do seu propio espazo infinito. Oh...Carol.


Pd: Gourmet edition. Chuck Berry e Keith Richards ensaiando Oh Carol. Atención facianas de Chuck e de Keith, e do pianista gordo.


lunes, 18 de febrero de 2008

Unha Copa mais, por favor: á estupidez convido eu.


Cuenca é dende xa unha das cidades mais bonitas que teña visto nunca. Lémbrame a Toledo, pero mais espectacular aínda, cecais pola súa situación xeográfica, polo accidentado do topos (perdoade esta crecida do topos que me acabo de sacar da manga, ocurríuseme agora,dubido que sexa correcto)no que se ergue. Testei o excelso arte culinario que se agocha nesta cidade divina. Pero eu viñen aquí a falar do meu libro(saúdos a Umbral, alí onde se atope).
Tivo lugar a Copa de España de fútbol sala e imos a falar un pouquiño deste evento, xogado no polideportivo “El Argal”, unha instalación que non está capacitada, ao igual que os dirixentes da Liga Nacional, para acoller un torneo destas características. É como muxir unha vaca, e logo tirarlle o cubo cheo de leite por riba da cabeza. Camiño do recinto, comezan a aparecer os policías, os buses de tódolos equipos participantes, unhas pistas ao aire libre con xogos e actividades para os mais novos, e chegamos á porta. Alí, temos que agardar a que unha persoa nos facilite os pases asignados para poder ingresar na instalación. Puiden percibir as presas, o estrés, os nervos de moita xente que ía dun lugar para o outro, móvil nas mans, que todo esté correcto e todo iso. Na porta, un guardia de seguridade advírtenos que non podemos entrar cun bote de refresco. Eu coméntolle si me deixan ir a por un vaso de plástico ao bar que se atopa no interior e dime que sí, sempre que deixe o bote de refresco alí na entrada. Vou a polo vaso e á volta, verto o contido do bote no vaso. Logo tiro o bote no lixo. O garda de seguridade, cando eu me alonxo, asoma a faciana ao lixo e extrae o bote, móveo, pensando quen sabe si nunha bomba, ou en beber un pouco do refresco, e logo mírame ao lonxe, como pensando: salvácheste, voltaremos vernos. Camiño entre a xente ollando facianas, e chego ao meu asento. Vexo a xente coñecida, da miña cidade tamén. Comeza o partido. Vexo nervos e tensión nas caras dalgúns xogadores, vexo a xogadores que había tempo que non vía e lembro outras batallas. Comprobo que moitos deles estrean modelo de zapatillas para xogar a Copa. Debaixo de onde eu me atopo, dous periodistas dunha coñecida páxina de fútbol sala teñen o portátil listo para introducir os datos. Vexo que un deles manexa o panel de entrada á páxina, onde se marca o contrasinal ou código para poder introducir datos e modificar cousas. Por un intre, observo as súas mans no tecrado da computadora e penso en descubrir o contrasinal, e na posterior sabotaxe á páxina en cuestión, introducindo barbaridades e fotos obscenas, ou noticias falsas, ou a guerra dos mundos. Logo rexeito a idea e decido concentrarme no xogo. Logo comezo a fixarme nas pancadas, na platea. Vexo aos membros do vixente campión de Liga, nos asentos ao outro lado da pista, xusto á miña altura. Tento identificar ao coñecido peche, campión do mundo, e lembro unha habitación de hotel que compartín con él nun Mundial Universitario que xogamos xuntos en Brasil. Lembro que era de noite ás cinco da tarde, lembro as gargalladas coas que nos obsequiaba un terceiro xogador que viña á nosa habitación polas noites, e que por certo agora se atopa na pista xogando. Lembro a historia deste xogador, ceutí para mais datos, a historia do león ceibe. Un día, cando este xogador era neno e se atopaba en Ceuta, a cidade viviu unha das súas xornadas mais incertas, pois no barrio mais marxinal da mesma, alguén tivo a feliz idea de ceibar un león. O león correu, camiñou, bramou durante todo o día pola cidade aterrorizando aos seus habitantes. Un león solto en Ceuta. Polo visto, esta circunstancia e outras mais infames e míseras, foran as que levaran a este xogador ceutí a non querer voltar a Ceuta na súa vida. Pecho a porta daquel recordo brasileiro e do xogador ceutí, apuntando que no ano seguinte, aproveitei que nos enfrentábamos en Móstoles, para quedarme con él o fin de semana e puidemos ver ao Fari,sí, o cantante, nun espléndido Mercedes saíndo do garaxe da súa casa en Villaviciosa de Odón, casualidades sorprendentes da vida. Sigo vendo o partido. Disfruto como un neno observando unhos movementos sin balón do mellor caneador da Liga nas costas do defensor, espléndidos. Imaxinemos unha finta para enganar ao defensor. Imaxinemos que ese defensor e o público en xeral sabe que as fintas son algo habitual no xogo. Imaxinemos entón que o atacante, sabedor de que se enfronta a un extraordinario defensor, sabe tamén que non vai a ser tan fácil de enganar. E agora comento o movemento. O balón teno na man o porteiro, que é o mellor porteiro do mundo. O xogador que mellor canea da Liga atópase no campo contrario, a dez metros da liña de gol, nas costas do defensor. Normalmente, a finta do pívot para poder recibir o balón execútase no ángulo morto do defensor, isto é, as súas costas, amágase a un lado e cun cambio de ritmo e dirección vaise ao outro. Ben. Moitas veces un movemento moi habitual é aquel que consiste en correr cara o defensor en progresión, colocarse detrás del, realizar un xesto moi marcado, unha pausa, e de súpeto ofrecerse de costas, desandando o percorrido uns pasos cara atrás. Pois a maxia ven neste punto. O atacante fai todo isto, camiña cara o defensor en progresión, detense cando se atopa xusto detrás del, fai que vai a aparecer por onde veu, e de súpeto e de xeito rapidísimo, sae polo outro lado, e non só iso, senón que o balón xa está indo polo aire a grande velocidade e cando chega á súa altura, o mellor caneador da Liga, controla co peito e déixao morto no pé en décimas de segundo. Logo, o xogo continúa. Chega o descanso. Aquí ven o bo. Subo as escaleiras, porque me toca ir a por refrescos e auga. Poido ver a un coñecido adestrador leonés co que falei no verán para irme a xogar aló. Fai que non me ve mirándome aos ollos. Eu míroo aos ollos e fago que non o vexo tamén. Camiño cara o bar e poido ver ao que poderiamos denominar negreiro clásico do século XXI. É un home de avanzada idade, algo gordo, alopécico pero bronceado,e vestido de xeito estrafalario. Unha de cal e unha de area. Un fular completa a estampa. Coñézoo porque era o representante de dous brasileiros que xogaron conmigo hai uns anos. Por aquel entón puiden ver unha discusión surrealista no vestíbulo dun hotel en Madrid. Un dos brasileiros que xogaba conmigo xa non ía continuar naquel equipo, e entón viaxaba con nós ata Madrid e en teoría este o seu representante, recollíao no hotel e á mañá seguinte collería un avión que o regresaría a Brasil. O caso é que alguén daquel equipo decidiu que dende que baixara do bus en Madrid, xa non sería membro do clube, polo que non podería entrar a cear ao hotel e moito menos durmir no mesmo. Así que podedes imaxinar a farabusta que se armou cando chegou este representante. O representante leva unhas comisións por parte do clube no que coloca ao xogador, ou ben obtén unha porcentaxe da cantidade anual asinada no contrato do xogador. Os problemas veñen cando hai representantes que xogan coa necesidade dun raparigo brasileiro que xoga algo ben e que ten necesidade de vir a Europa a xogar para sair da miseria e coloca ao xogador nun equipo no que é sabedor de antemán, que o xogador vai ter dificuldades para cobrar puntualmente. Isto é a infamia. A infamia pode ser meirande, si o clube se atopa conchabado co representante, de tal xeito que lle extrae ao xogador do seu propio contrato, unha comisión inexistente que en teoría tivo que pagar o clube ao representante. Este, ademais, xa lle cobrou de antemán diñeiro ao xogador para buscarlle equipo na Europa. O clube, cando rompa o contrato, e lle deba diñeiro ao xogador, poderá descontarlle da débeda o diñeiro que tivo que pagar á Federación Brasileira de futebol de salao para que esta federación emita a carta de liberdade para xogar no estranxeiro ou mais concretamente, ao home que fichou a Romario para o Flamengo, un coñecido capo do fútbol sudamericano, home de finanzas en Rio.
*Engadido 10 horas despois de realizar o escrito: atopo pola mañá no vestíbulo do hotel ao negreiro século XXI. Atópase coa que presumiblemente sexa súa muller e non a rapaza do verán. Ela comenta que en Alicante está chovendo e él asinte sen interese ollándome polo espello. Non creo que sepa que estou falando mal del, ou?

Dase a casualidade que este representante tamén o era ata hai pouco, do xogador ceutí amigo meu, que estaba xogando na pista había uns intres. O ano pasado, na copa celebrada na miña cidade, púideno ver bailando animadamente no entretempo da final, nas escaleiras do palco vip, cun puro na boca e varios billetes nas mans. Logo, no reservado, puidérao ver manexándose con soltura entre dirixentes, adestradores sen traballo, xogadores e tan feliz pedindo copas, aproveitando que eran gratuítas como corresponde a este tipo de reservados. O verán pasado, casualidades da vida tamén, vino da man dunha muller uns trinta anos mais nova ca él, camiñando despreocupado por unhas terrazas de Boadilla, ao xeito dos proxenetas.
Continuei camiñando cara o bar do pavillón e crucei ao mellor pívot do mundo, saudoume ao xeito en que o fan os brasileiros, erguendo o pulgar. Logo vin a un peche da mesma nacionalidade, e aínda que tamén me viu, non me saudou. Os dous víranme anteriormente o mesmo número de ocasións, nalgún partido, o que me fai pensar que lle caín mellor ao primeiro que ao segundo, cousa rara pois ao segundo non lembro terlle dado patadas nas canillas. Pedín os refrescos e a auga e logo voltei ao meu asento. Antes de reubicarme no mesmo, voltei a ver ao adestrador que antes simulara non verme, e nesta segunda ocasión, detívome suxeitándome do brazo e saudándome efusivamente. Preguntoume que era da miña vida, se non ficaba magoado por ter rexeitado a súa proposta do verán. Eu resposteille que algo sí, e que algo non, e que todo ben, e que nunca se sabía onde podía rematar un, e observei que un dos seus ollos non gardaba simetría co outro. Baixei cara o asento para sentarme. Estaba a piques de comezar o segundo tempo. Vin camiñar cruzando a pista, ao segundo máximo responsable do corpo técnico da selección de España. Sorrín vendo como elixira sorprendentemente un percorrido pouco habitual para dirixirse dende o posto de comentarista que ocupaba, á beira da pista na zona media, para ir aos vestiarios como logo comprobei. Primeiro cruzou a pista pasando polo círculo central cun móvil na orella polo que misteriosamente non falou e logo colgou ao chegar á outra beira. O sorprendente foi que logo se dirixira cara os vestiarios, porque estes atopábanse xusto na dirección contraria. Cecais sorrín porque pensei que o que fixera o señor técnico, tan habituado por outra banda aos focos e ao recoñecemento público, non fora outra cousa que exhibirse un pouquiño como dicindo: ei, aquí estou eu, non son o primeiro seleccioador, pero son o axudante e eu conto tamén nesta historia, vedes? poido cruzar a pista sen que ninguén me chame a atención, porque eu pertenzo á historia deste deporte.
Comezou a segunda parte e o partido foi gañando en emoción. O peixe pequeno ía gañándolle ao peixe grande, e un xogador que o ano pasado se enfrontara a min, levaba xa dous goles fronte ao mellor equipo do mundo. Como estaredes comprobando, vedes que xa son varias as veces que relacioei a xogadores importantes deste deporte coa miña persoa, e isto non é o azar. Quero que así sexa, pero o motivo deste acto de reafirmación ven ao final da historia, unha nova que non me fixo moita gracia, pero que tentarei encaixar con deportividade, pois non é a primeira labazada que sufro dende que son xogador. Por outra parte, unha labazada como xogador doe menos que unha dos problemas reais. Esquencíame. Tamén presenciei un acto que non acerto a catalogar, e que agardo que o que aquí o lea me axude a tildalo. O protagonista do mesmo é José María García, ese precursor da piromanía radiofónica que sufrimos hoxe en día por parte da emisora dos vispos. José María García, home franquicia do ámbito deportivo no seu día, facendo da mala educación, do insulto, da polémica, do despotismo, os valores que guiaron a súa vida profesional . Na actualidade multimillonario, con grande peso na Telefónica, no grupo Zeta e outros conglomerados editoriais, El Corte Inglés, relacioado co peor da clase política mais reaccionaria e próxima ao fascismo que pode existir neste país. Ben, José María García é propietario do mellor equipo do mundo de fútbol sala. Se o queredes ver coa elástica deste equipo no Municipal de Lugo hai trinta anos, so tedes que achegarvos ao Bar Fernando(local clave na historia do fútbol sala lucense e galego por ende), bar sito na Piringalla, na rúa do bar Gol, bar famoso por ser o punto de reunión dos empregados municipais da limpeza e por outros temas que trataremos aquí outro día.Pero voltando ao Bar Fernando, alí descansa unha instantánea en branco e negro de José María García vestido coa camiseta do mellor equipo do mundo, que lucía a publicidade dunha coñecida revista de espidos integrais. O asunto é que xa ía rematar o partido, cando un dos mellores xogadores da historia deste deporte rompeu o seu xeonllo esquerdo en mil anacos, coido que así foi. Este xogador xoga no equipo propiedade de José María García. Eu observaba os xestos do afamado periodista dende o comezo do partido, non sei, pensei que sería un espectáculo que lle engadiría mais espectáculo aínda ao partido, observar como vivía o partido José María García. E o José María García non defraudou. Segundo o xogador se caeu ao chan e comezou a axitar violentamente os brazos procurando auxilio e poñendo de manifesto a gravidade da lesión, José María García ergueuse do seu asento no palco e baixou as escaleiras todas ata chegar aos cartaces da publicidade. Resultaba estrambótico velo baixar as escaleiras, aquel anano entre dúas xigantescas bandeiras de España que separaban o palco do resto da grada e que o rodeaban, alongándose dende o alto do mesmo ata a pista. Logo saltou á pista, e bordeando a mesma, con expresión grave e correndo cos pés cara dentro, achegouse ata o lesioado, axeonllándose e botando dalí a todos os que o rodeaban. Particularmente, coidei que aquel xesto de magnanimidade de José María García non era tal, mais ben respostaba tamén á necesidade de deixarse ver, de gañar foco, ei, ese é o José María García, mira, mira, anda pero si resulta que anda metido no do fútbol sala. Logo abandoou a pista a carón da padiana na que ía o xogador lesioado, entre os aprausos dun público entregado. Ben, supoño que tamén, consciente da lesión do xogador, e do feito de que este verán se xoga o Mundial, non dubidou en prestarlle a axuda que precise, pois é determinante a actuación inmediatamente posterior a unha lesión destas características.
O partido reanudouse e puiden distinguir na outra grada ás mulleres dos xogadores do mellor equipo do mundo, que exhibían a súa idealidade e aos seus fillos reclamando tamén un pouquiño de atención por parte do respetable. Os fillos das estrelas balompédicas, algúns aínda meniños, xogaban cunhas xirándolas de cores que abaneaban unha e outra vez berrando polo papá. O partido rematou. Houbo prórroga. Logo penaltis, a única pena na que o executor pode ser o executado, como moi ben apuntou no seu día Valdano, no caso de errar o tiro. E así foi. A fin de semana seguiu, e logo puidemos participar dunha cea incrible no gastronómico, pero que produxo sensacións contraditorias no que aquí escribe por cousas que non é pertinente explicitar. Participaban dela persoeiros políticos, empresariais, asi como xornalistas e enviados especiais, adestradores e afeccioados tamén. Puiden comprobar distintas motivacións e intereses diverxentes, e fiquei agradecido pola invitación xenerosa dunha das persoas que mais fixo e segue a facer por este deporte en Galicia. Logo saímos de troula e na compaña do xogador co currículo deportivo mais abraiante do fútbol sala, e antigo representante meu, puidemos observar como todos deixaban un pouquiño á marxe os problemas e preocupacións deportivas para abrazar, uns de xeito sutil e outros non tanto, o hedonismo. Paseamos ao día seguinte o casco histórico e vimos abraiados as casas penduradas, elementos iconográficos do conquense. Percorrimos o carril de Cristo e a rúa do Colmiño, na que sentín medo e ollei cara atrás pois ía só e era unha rúa inquedante. Logo, xa cos meus, puiden ver mais adiante un cartaz nunha casa que me deixou estupefacto. O cartaz poñía: Restaurante La Soga. Pero isto non é o mais sorprendente. Debaixo poñía: antigua casa de José Luis Perales.
Alba foime relatando a historia do crime de Cuenca, que dera nome a película que rodara a Pilar Miró, e que lle custara o exilio temporal do país, ao tempo que subiamos cara o punto mais alto da cidade, no corazón do casco histórico. Saudounos un cura, conquense presumiblemente. E logo recibín unha chamada telefónica. Comunicábame un compañeiro meu de equipo que xa saíra a lista de convocados do Galicia- Uruguai, primeiro partido con carácter verdadeiramente oficial que disputa a selección galega, e eu non me atopaba nela. A nova, non por agardada me deixou de molestar, pero sí me fixo cavilar no irregular da miña experiencia deportiva, unha experiencia tan anónima e prescindible coma a de moitos por outra parte, e tinxida de paos que xa non sinto tanto, pero que me fan dubidar da miña valía como xogador, de si perdín o tempo ou non. O meu espírito crítico faime pensar que a veces sí, e outras veces non, pero voltando ao da convocatoria, sí me deixou no corpo algo semellante á melancolía ou a unha tristura distante, que visita a un como o carteiro que ven coas cartas, pero sen molestar. Vin un vertedoiro con ladrillos rotos, area, merda, un bidé, pezas de gres inservibles e comentei con ironía que aquilo semellaba o meu palmarés.Ogallá todas as penas e as preocupacións de todos foran unha estupidez nimia coma isto, xa o sei, e por isto mesmo é polo que xa me esquencín aos dous minutos, pero sempre lle da un voltas a estas cousas menores cando a vida non se atreve aínda verdadeiramente a inquedar a un, e tento non perder esa perspectiva. Ficar agradecido por seguir vivindo. O demais, ten solución. Cuenca é unha pasada, e como non se me ocorre un final digno da estupidez que preside este texto, rematarei cunhas verbas que pronunciou un músico de jazz psicodélico dos setenta, logo de caer inconsciente dun cuarto andar á rúa, nunha festa de Jimmy Page, dos Led Zepellin, e ficar paralítico dende entón:
“Foi un gran paso adiante na miña carreira”.

jueves, 31 de enero de 2008

Retrato dun caníbal(son moitos)


O escritor número 1 ten vinte anos. Un bo día decide escribir un breve relato dunhas tres páxinas, sobre a súa concepción da vida, os seus gustos, as súas apetencias, e tamén unha historia de amor. Logo gárdaa nun caixón, e por cousas da vida, traslada a súa residencia a Nova Iorque durante vinte anos, voltando de cando en vez para ver á familia e recoller lisonxas e premios. Un bo día, cando conta cincuenta anos, revisa a súa traxectoria persoal e literaria namentres o avión no que viaxa atravesa o Atlántico, de volta no país. Cando chega á súa vella casa, e inspirado polos pensamentos do avión, decide escribir un artigo no que conte a súa concepción da vida, os seus gustos, apetencias, e unha historia de amor. Síntese cómodo esa tarde, inspirado. Logo escribe tres páxinas sen demasiada dificuldade. De súpeto, sinte que aquelo xa o viu nalgures. Rapidamente, érguese da cadeira do seu vello despacho, que non pisaba dende había anos, e de súpeto, sin saber porqué, abre un caixón detrás doutro. Ve uns vellos papeis e sinte frío e suor nas costas. Comeza a ler o seu contido, e sinte vértigo. É exactamente o mesmo que escribira hai trinta anos. Pensa que nada daquelo ten sentido e o nervosismo instálase no seu corpo, comeza a falar só. Logo sae rindo ao xardín da vella casa, entra nun pequeno alpendre e dun vello arcón, saca unha escopeta de caza de seu avó. Pégase un tiro. Morre pensando en que todo o que fixo non era mais que un exercicio reiterativo. Isto pénsao moi rápido porque morre ao momento. Acabouse a historia do escritor número 1.




O escritor número 2 camiña polas rúas da cidade, abraiado, estupefacto, ingrávido, logo de ler o xornal. O famoso e idolatrado escritor número 1, a inspiración da súa vida, suicidouse cunha escopeta de caza; atopou a policía seis páxinas manuscritas, iguais tres a tres, con lixeirísimas variacións unhas respecto das outras, nembargantes as súas datas, segundo obra nos papeis correspóndense con períodos de tempo distintos, distan trinta anos a unha da outra. O escritor número 2 pensa que cecais todo se debera ao feito de que o escritor morto chegara á conclusión de que a escritura é un sinxelo acto de repetición, e isto é cruel, pensa.




O escritor número 2 atópase pola rúa co escritor número 3, ao que lle refire a sorprendente e impactante historia do escritor número 1. O escritor número 3 quita o sombreiro da testa abraiado e seca o suor, logo de escoitar a historia. Pregúntalle ao escritor número 2 que pensa facer. "Escribirei unha grande historia sobre a vida e a morte do escritor número 1". Logo despídense. Pouco mais tarde, por desgrazas inoportunas desta vida, o escritor número 2, cando camiñaba coa metade da súa grande obra baixo o brazo, é esmagado por un piano branco, que sin ás voou lixeiramente dende un cuarto piso dun hotel. O escritor número 2, en xesto de irmandade coas tecras brancas e negras do instrumento desfeito, descansa tranquilamente sobre a beirarrúa, en tanto que os papeis da súa grande obra sobre o escritor número 1 voan polo aire desa mañá de outono.




É noite. O escritor número 3 comenta coa súa muller o desgrazado incidente da morte do escritor número 2. Choran e a dona do escritor número 3, abrazando ao seu home, pregúntalle que vai facer agora. O home, coas bágoas na faciana, están na cama e xa é tarde, resposta: "Escribirei unha grande obra sobre a vida e morte do escritor número dous.Iso farei" Logo...nada mais.

sábado, 26 de enero de 2008

Roberto Bolaño (In Memoriam): sen mais


Clarín, 25.03.2001
ROBERTO BOLAÑOUn narrador en la intimidad En este texto exclusivo, el narrador chileno muestra los secretos de su escritura con humor desopilante. Un tono irreverente que vuelve a aparecer en "Nocturno de Chile", la última novela que acaba de publicar Anagrama.
ROBERTO BOLAÑO
Mi cocina literaria es, a menudo, una pieza vacía en donde ni siquiera hay ventanas. A mí me gustaría, por supuesto, que hubiera algo, una lámpara, algunos libros, un ligero aroma de valentía, pero la verdad es que no hay nada.A veces, sin embargo, cuando soy víctima de irrefrenables ataques de optimismo (que finalizan, por otra parte, en alergias espantosas) mi cocina literaria se transforma en un castillo medieval (con cocina) o en un departamento en Nueva York (con cocina y vistas de privilegio) o en una ruca en los faldeos cordilleranos (sin cocina, pero con una fogata). Metido en estos trances generalmente hago lo que hace toda la gente: pierdo el equilibrio y pienso que soy inmortal. No quiero decir inmortal literariamente hablando, pues esto sólo lo puede pensar un imbécil y a tanto no llego, sino literalmente inmortal, como los perros y los niños y los buenos ciudadanos que aún no se han enfermado. Por suerte, o por desgracia, todo ataque de optimismo tiene un principio y un final. Si no tuviera final, el ataque de optimismo se convertiría en vocación política. O en mensaje religioso. Y de ahí a sepultar libros (prefiero no decir "quemarlos" porque sería exagerar) hay un solo paso. Lo cierto es que, al menos en mi caso, los ataques de optimismo se acaban, y con ellos se acaba la cocina literaria, se desvanece en el aire la cocina literaria, y sólo quedo yo, convaleciente, y un ligerísimo aroma de ollas sucias, platos mal rebañados, salsas podridas.La cocina literaria, me digo a veces, es una cuestión de gusto, es decir es un campo en donde la memoria y la ética (o la moral, si se me permite usar esta palabra) juegan un juego cuyas reglas desconozco. El talento y la excelencia contemplan, absortas, el juego, pero no participan. La audacia y el valor sí participan, pero sólo en momentos puntuales, lo que equivale a decir que no participan en exceso. El sufrimiento participa, el dolor participa, la muerte participa, pero con la condición de que jueguen riéndose. Digamos, como un detalle inexcusable de cortesía.Mucho más importante que la cocina literaria es la biblioteca literaria (valga la redundancia). Una biblioteca es mucho más cómoda que una cocina. Una biblioteca se asemeja a una iglesia mientras que una cocina cada día se asemeja más a una morgue. Leer, lo dijo Gil de Biedma, es más natural que escribir. Yo añadiría, pese a la redundancia, que también es mucho más sano, digan lo que digan los oftalmólogos. De hecho, la literatura es una larga lucha de redundancia en redundancia, hasta la redundancia final.Si tuviera que escoger una cocina literaria para instalarme allí durante una semana, escogería la de una escritora, con la salvedad de que esa escritora no fuera chilena. Viviría muy a gusto en la cocina de Silvina Ocampo, en la de Alejandra Pizarnik, en la de la novelista y poeta mexicana Carmen Boullosa, en la de Simone de Beauvoir. Entre otras razones, porque son cocinas que están más limpias.Algunas noches sueño con mi cocina literaria. Es enorme, como tres estadios de fútbol, con techos abovedados y mesas interminables en donde se amontonan todos los seres vivos de la tierra, los extinguidos y los que dentro de no mucho se extinguirán, iluminada de forma heterodoxa, en algunas zonas con reflectores antiaéreos y en otras con teas, y por supuesto no faltan zonas oscuras en donde solamente se vislumbran sombras anhelantes o amenazantes, y grandes pantallas en las cuales se observan, con el rabillo del ojo, películas mudas o exposiciones de fotos, y en el sueño, o en la pesadilla, yo me paseo por mi cocina literaria y a veces enciendo un fogón y me preparo un huevo frito, incluso a veces una tostada. Y después me despierto con una enorme sensación de cansancio.No sé lo que se debe hacer en una cocina literaria, pero sí sé lo que no se debe hacer. No se debe plagiar. El plagiario merece que lo cuelguen en la plaza pública. Esto lo dijo Swift, y Swift, como todos sabemos, tenía más razón que un santo.Así que este punto queda claro: no se debe plagiar, a menos que desees que te cuelguen de la plaza pública. Aunque a los plagiarios, hoy en día, no los cuelgan. Por el contrario, reciben becas, premios, cargos públicos, y, en el mejor de los casos, se convierten en best-sellers y líderes de opinión. Qué término más extraño y feo: líder de opinión. Supongo que significará lo mismo que pastor de rebaño, o guía espiritual de los esclavos, o poeta nacional, o padre de la patria, o madre de la patria, o tío político de la patria.En mi cocina literaria ideal vive un guerrero, al que algunas voces (voces sin cuerpo ni sombra) llaman escritor. Este guerrero está siempre luchando. Sabe que al final, haga lo que haga, será derrotado. Sin embargo recorre la cocina literaria, que es de cemento, y se enfrenta a su oponente sin dar ni pedir cuartel.

Encontrado en: http://old.clarin.com/suplementos/cultura/2001/03/25/u-00301.htm

jueves, 17 de enero de 2008

Dolce Jovita


" Y nada temí más, que mis propios cuidados" Góngora


A semana pasada faleceu a Jovita. Isto, así dito, é para moitos como dicir: "Morreu crista". Concedo a estupefacción.A Jovita, no inconsciente colectivo, é algo así como unha dealer da terceira idade. O contacto subversivo interxeracional. A Jovita, dende a súa modesta tendiña, sita na Ronda da Muralla á altura da Porta de Santiago, na beirarrúa contraria, uns metros mais arriba, preto do Casa Rivas, abasteceu á sedenta concurrencia moza e non tan moza. Non había posibilidade de erro. Jovita, recibía habitualmente á clientela na súa bata azul, nas súas zapatillas de andar pola casa, e alí, entre berzas, cola-cao, chourizos, ovos, leitugas, café, todo elo mal iluminado, e aínda que aquí tería que vir a parte melancólica, non será nesta acta onde caigamos na melancolía, dado que nin considero que o local tivese encanto algún, mais ben todo o contrario, nin a propia Jovita tiña un encanto especial; mais ben semellaba, humildemente para min, unha anciá preocupada polos cartos, mais que por outra cousa. En todo caso era moi habitual recurrir á pequena tenda para poder encher o tanque cos amigos: ron, güisqui, refrescos, e cecais algo de comer si ese era o desexo. A Jovita ben puido significar involuntariamente, un símbolo de resistencia ao capital foráneo (véxase Carrefour), e combateu cos seus horarios escravos ós horarios escravos do Carrefour, que dalgún xeito, e con carácter inédito, comezaron a escravizar aos traballadores e consumidores da nosa cidade, pois quen abría antes ata esas horas? Nin Deus. E para os que dubiden desta última afirmación, Deus tampouco. Calquera o pode comprobar. Abondará con achegarse ata calquera porta automática dun centro comercial. Si Deus estivera en todas partes, si fora ubicuo, as portas automáticas dos centros comerciais ficarían sempre abertas. Isto sabemos que non é así. Velaquí un feito incontestable da inexistencia de Deus, según algúns. Mais voltando á Jovita, que dicir...aló foi. Durante algúns anos, aquel ultramarinos foi unha sorte de reducto para persoaxes de calquera estirpe, case que sempre de natureza incerta, diversa, marxinal tamén. Nunha ocasión, foramos mercar unhas botellas de auga mineral, por exemplo, non lembro ben agora, e observamos que as bombonas que había a un lado do mostrador estaban encadeadas. Intrigados, preguntámoslle á Jovita a razón, e ela contounos que un ionqui entrara e pedíralle limóns. En tanto a Jovita ía polos limóns, aló foi o ionqui: colleu a bombona como puido, e botou a correr. Seica a Jovita intentou collelo antes de que abandoara o local, pero non puido, mesmo sufriu unha caída na súa persecución. O ionqui escapou coa bombona, e a Jovita, derrotada, tirou a toalla naquel inédito ring da Ronda da Muralla. Dende aquela, encadeaba as bombonas do gas, que a rouben agora, dicía. Uns amigos meus tiveron alugado un piso preto da Jovita, e con estricta disciplina adornaban a cociña do piso coas botellas vacías de ron que a Jovita vendía. Imaxino as botellas de ron pasando polos ollos da Jovita, transformadas en pesetas. E agora, logo de tantos anos, traballando a reo día e noite, pois abría de madrugada, abría os domingos, agora, a Jovita abandoou este mundo. E con ela, co seu ultramarinos, péchanse tamén as portas dalgunhas lembranzas que nada teñen que ver con ela, pero sí cos anos nos que as rúas sempre estaban por descubrir, molladas, tódolos pubs pechaban demasiado cedo, e a sede vencía ó sono, e os sonos vencían ás certezas, á certeza.

sábado, 12 de enero de 2008

Ladrillo salvaxe


Ladrillo Salvaxe é do barrio onde viven meus avós, e hai moito tempo que non o vexo. Ben, minto. A última vez que o vin sería este verán. Eu estaba sentado nunha terraza, ía calor de Xullo. De súpeto, vino ao lonxe, saíndo dun banco. Ía mal vestido, coa expresión cansa. Falaba por un móvil. Logo cun tipo de traxe que o agardaba no medio da praza. Eu, sorprendido, lembreino noutra época. Coñecino sendo eu neno. Él era un rapaz novo, emprendedor, digamos que coa mestura de insolencia, atrevemento e ignorancia que todos posuímos cando aínda non temos conciencia da magnitude da vida. Non digo que agora a teña, pero sí un pouco mais, para algo tiña que valer o paso do tempo. Eu coñecín a Ladrillo Salvaxe. Un home de rasgos moi marcados, cunha expresión delatora, en termos elementais. Así que vin como este home emprendía o ascenso cara un deses cumios que non existen. Logros laborais, mellora da condición económica, unha familia, etcétera; se nos atopáramos nunha película americana soaría así: "e así foi como o novo Jack, con esforzo e ousadía, fíxose un home de proveito. En pouco tempo foi coñecido na cidade, e xurdían novos amigos e toda clase de persoas dispostas a compartir esa ascensión baixo o seu cobertor mesiánico...ata que un día..." Ben, dende aquí continuarei eu. Son recurrentes nos filmes de calquera nacionalidade as argumentacións arredor do mito da ascensión e da caída. Véñenme a cabeza esceas que presenciei. Evitarei, por respeto, caer no sensacionalismo ou na morbidez, pero o caso é que a traxectoria de Ladrillo Salvaxe era meteórica. En certos círculos escoitaba falar eu que si Ladrillo Salvaxe isto, que si Ladrillo Salvaxe o outro, e é un deses casos que aínda que non saibas a causa, ou sí, mellor dito sí, sabes que antes ou despois rematará mal. A causa atópase nos contos infantís, nas películas de Scorsese, en Mario Alberto Kempes, nas frases con mensaxe que escoitas dende cativo. Así que primeiro presenciei como Ladrillo Salvaxe abandoaba a categoría na que nacera, presenciei como se rodeaba de inéditas amizades que enredaban arredor del, o termo exacto sería mais ben lambecús ou triunfadores século vinte e un. Decidido, crecido, Ladrillo Salvaxe emancipouse dos contactos que facilitaran en parte o seu ascenso cara o Parnaso: o Parnaso neste caso é unha chea de millóns na conta, e logo o clásico dupricado, pois no concepto de dobre reside para moitos a felicidade: dúas casas, dous coches, dous traxes, dúas televisións, dúas empresas, dúas mulleres, e logo deste estadio camiñas cara o concepto de triple, e así ata chegar ó cumio. Por certo, dixen que non existía?


Comezou a sair nos periódicos, cada vez mais elegante, cada vez mais popular, pero de súpeto, ou pouco a pouco, a súa estrela trocou. Digamos que aconteceu o que na canción de Sinatra: "That´s life, that´s life, you´re high on April and shot down on May", ata chegar ó momento actual, cando cunha mestura de sorpresa, estupor, preocupación( preocupación en tanto que o coñecín, e ninguén se pode aledar de cousas así), recibo a noticia de que Ladrillo Salvaxe, logo de botar unha época fóra destas terras, dinme que se atopa nun centro hospitalario restablecéndose dunha malleira. Axustes de contas. E eu fico perplexo ollando a rúa, e penso nas voltas que da a vida, e preocupado, dentro da lóxica, por cumplir coa miña hipoteca. E penso tamén en tódolos fillos de puta que lle andaban lambendo o cú, e pregúntome onde están agora que a vida lle botou unhas cartas mal dadas. E cando oio falar do asunto, penso en silencio: Eu coñecín a Ladrillo Salvaxe.

jueves, 10 de enero de 2008

O autobús suicida(soñado onte pola noite)


Como xa reflexei algunha vez neste foro, neste blogue(termo cortesía do señor Meiriño, para mais señas, abondará con entrar nunha libreiría e elexir Chuvia Mansa ou Xeada Negra, da colección Manolo Meiriño, editorial Tris Tram),aínda que tamén o utiliza moito un descoñecido no seu blog http://www.olladasmiudas.blogspot.com/ , polo visto e referido polo señor Thomas de Quincey, que apareceu neste espazo hai uns días, a carne crúa era inxerida por algúns poetas ingleses do século dezaoito ou dezanove, tamén italianos(Fuselli), para facer mais vívidos os seus soños. A este respecto engadía o xenial De Quincey que "canto mellor lles iría, tendo inxerido opio.." do que o señor De Quincey foi un tráxico pero namorado consumidor. Ben, isto serve para enmarcar o feito acontecido onte pola noite. Engado que non inxerín, nin carne crúa, nin opio, tan só un memorable plato de arroz de Calasparra con polo, setas e xamón. Logo acosteime, pero cecais algunha seta malvada, colocada entre as demais nunha inocente bandexa de carácter comercial, obrou o pesadelo posterior: eu viaxaba co meu equipo nun autobús, era de noite, non sabería precisar o lugar, cecais algunha rúa se asemellaba á vila de A Estrada, ou cecais Ribadeo, non o sei, recordos difusos. O caso é que ía no autobús, na zona do medio do mesmo, ía comodamente recostado, coas pernas pousadas no asento de diante, sen falar. De súpeto, todo se complicaba, porque a alarma xurdía entre os meus compañeiros. O conductor enredara en acelerar o autobús e entón eu comezaba a ter medo. Os compañeiros dicían: "Xa vai a cento oitenta!!", o cal eu considerei unha temeridade, en pleno centro urbán. Logo dicían: "Xa vai a douscentos!!". O bus movíase moito, eu agarrábame con forza ós asentos pensando no peor, os meus compañeiros voaban polo pasillo, por riba de min, levaban golpes épicos coas cabezas contra o teito, contra os asentos, só eu resistía no meu lugar, e o fillo de puta do conductor no seu. Miraba polo cristal e só vía as rúas voar, mirei cara diante e observei que nos íamos estrelar contra un muro que protexía un campo de fútbol(logo conectei esta imaxe cun suceso estremecedor que presenciei na miña infancia, cando acompañaba a meu pai a un torneo de verán a Vilalba. De camiño, observamos un accidente na estrada: un coche saira da mesma e voara aproximadamente vinte ou trinta metros, atravesando unha leira e deténdose contra un muro dunha casa, obedecendo estrictamente ás leis fundamentais da física. Tratábase dun Lancia Delta Integrale, propiedade dun coñecido de meu pai, logo souben que era o terceiro que esnaquizaba, e que o propietario xa fora evacuado cara o hospital, en Lugo. Cando chegamos ó pavillón onde se desputaba o torneo, os compañeiros do accidentado, incluído seu irmán falaban entre eles, e eu quedei acolloado cun dos comentarios dun dos compañeiros ó irmán da víctima:"Agora estás en Vilalba, teu irmán está no hospital, o partido comeza en dez minutos, agora tampouco che paga a pena voltar para Lugo, xa foi, joder, agora fica aquí, xogamos e logo xa arrancamos para Lugo...", e claro, eu, que non contaría mais de oito anos, decidín que aquilo non era correcto. Non debes xogar un partido en Vilalba se teu irmán voou trinta metros polo aire, atravesou unha leira e esnaquizou un Lancia Delta(roxo) contra un muro, porque a hostia tivo que ser, ó igual que os voos dos meus compañeiros no bus do soño, digo que a hostia tivo que ser épica. Voltando ó soño, dicía que íamos estrelarnos contra o muro do campo de fútbol, pero, de xeito incrible, voábamos por riba del, e caíamos no campo atravesando a línea medular, destrozando o valado e pasando para a outra beira. Saíamos do campo, o bus aterraba novamente nas rúas de A Estrada, ou onde fora, e eu conseguía reunir valor, atravesaba o pasillo do bus e propináballe unha labazada ó conductor que se resistía a abandoar o seu posto de piloto suicida, ataviado coa súa camisiña azul da Empresa Monforte e un bigote. Estaba gordo e ollábame con rabia. Logo o bus detívose. Baixamos todos aliviados, pero eu observaba que o míster e un dos xuvenís estaban a pelexarse e o xuvenil, cos ollos feitos un desastre dos golpes recibidos, dicía: "As cousas non son así", e collían a froita do maleteiro coma noutra viaxe calquera. Eu ollaba ó conductor, e él ollando o chan, coma arrepentido, dicía: "Non o entendo, fóiseme das mans, ¿e mais ou menos, a qué hora rematades o partido, para calcular eu, e así aproveito e dou unha voltiña por aí, non sabes?"

martes, 8 de enero de 2008

Minuto de silencio


O minuto de silencio exerce no ámbito deportivo a función do loito, o lamento colectivo e o símbolo de respeto pola pérdida. Somete tamén a exame o grao de urbanidade dunha determinada afección. Lembremos un incidente curioso que vivín en calidade de afeccioado cando non contaría mais de nove ou dez anos. Aconteceu no Anxo Carro, e daquela xogaba o Lugo na 2ª división, contra o Betis aquel día. Entón gastaba Gordillo, o mítico zurdo (zocata) que militara no Madrid e na selección, as súas últimas carreiras pola banda, levando o balón no último suspiro e saltando por riba do defensor, coas medias baixas. Pois aquel día, Xelos Rúas, ou Ángel Calles para a afección en xeral anunciaba pola megafonía do estadio que se ía a proceder a gardar un minuto de silencio, pola morte da nai de Gordillo. O Calles anunciaba outras moitas cousas que logo os pequenos dramatizábamos camiño da cidade para botar unhas partidas ás máquinas no salón recreativo "El Recreo", ou cando voltábamos para a casa. Así, o Calles anunciaba a "Taberna de Marcos, especialidad en churrasco y bacalao a la portuguesa", "Renault Abelleira, Abelleira, Abelleira, carretera de Santiago, Abelleira"; "Chorizos Ceide, se hacen en Lugo y se comen en toda España"; ou "hai cambio no clube deportivo Lugo, retírase Cacharrón e entra Carolo", etcétera. O caso, e voltando ó minuto de silencio, é que era na memoria da nai de Gordillo. O silencio fíxose sepulcral no Anxo Carro cando asubiou o árbitro. Todos os afeccioados maiores, polo que eu vía, observaban solemnes a Gordillo e eu observaba solemne as súas medias verdes baixas, case que á altura dos nocellos, e imaxinaba o meu maxín merengue aquelas perniñas debuxando regates coa camiseta do Madrid. Pero aconteceu un feito esquencible, que coma moitos dos feitos esquencibles, ficou para sempre na miña cabeza, inesquencible. Un rapaz da Milagrosa, o Ufo, sí, o Ufo, berrou: " Gordillo, me cago en tu puta madre". Eu quixen que me tragara a terra, pois atopábame moi preto do Ufo, un rapazote que carecía de moitas cousas que agora son mais evidentes do que o eran por aquel entón, pero xa se facía notar. Os maiores ollárono indignados e eu tamén entendín aquela indignación. Comezaba a entender algúns códigos inquebrantables do xogo, e da vida tamén. Un pouco de respeto. Ufo foi porteiro e hai pouco vino o día de Noiteboa á tarde, algo adormecido nunha cervecería da Milagrosa. Dubido que lea o blog(blogue, blog?). En todo caso, mal feito, Ufo; non o de non ler o blog, senón o de gritar semellante animalada. Pase en longo en diagonal e cambio de orientación.


Hai un mes, atopábame eu por esas cousas da vida, axustándome as medias e as zapatillas e botando unhas carreiras nunha pista galega, non direi cal, posto que aínda non xogamos o partido da segunda volta, e quen sabe..., o caso é que eu quentaba, intentaba enganar un pouco xa antes do partido: correr con cara de concentración, xesto de rabia, vitalidade; cando ves a un xogador así diante de tí, polo menos respetas, sempre se engana algo deste xeito, porque o contrario di: "Carallo, ese é o Lois, anda ben este ano..." e esa clase de parvadas que nublan o pensamento dos xogadores no canto de estar pendentes das variables que dependen directamente deles. Engado que si acompañas esta demostración física dun par de controis elegantes ou un bo carallazo á portería, incrementas un pouco o efecto. Non fai falla facer o que facía Indiao, un "armario" internacional brasileiro, que os tiña ben postos, e que antes dos quencementos se achegaba ó medio da pista e lles berraba ós contrarios: "Ei, cara, vamos maxucar, fillos da puta!". Tamén se pode optar por outra opción mais autóctona que executaba un coñecido porteiro mítico do fútbol sala nacional, que lles dicía: "Sí, sí, me podeis tocar, soy de verdad". Unha parede, ei, bótama ó espazo.

O árbitro pitou e eu, coma os outros xogadores que nos atopábamos na pista, centramos a atención na faciana e no físico dos colexiados, tentando atopar algún sinal inequívoco de estupidez. Logo, observas ós demais xogadores contrarios tentando establecer os primeiros contactos visuais: quen mantén a mirada, quen a torce, quen se agocha, quen te mira con mais desprezo...prexuízos. Pero tocaba agardar un minuto de silencio. Morrera a avoa dun dos contrarios. O caso é que durante eses momentos pódese escoitar o ruído dunha zapatilla que se roce co parqué. Da igual que haxa cinco mil persoas na pista que que haxa cen. Escóitase igual. É unha sensación bastante curiosa. Óese respirar ós contrarios, ós nenos na grada rir, pois aínda non o entenden. Así que tentas adoptar unha posición que exteriorice respeto e solemnidade e comezas a xogar coa vista. Análise de zapatillas; no fútbol sala, segundo o modelo pode significar a priori un perfil de xogador ou outro, xa digo, sempre a priori, non é unha ciencia exacta. Deste xeito, unhas Munich Gresca, nos seus modelos mais sinxelos, e observando o estado de conservación das mesmas, xa nos pode dar unha idea da entrega física, do nivel técnico, da veteranía, aínda que agora moitos raparigos xa lles poñen esparadrapo tamén, e así semellan mais veteráns. Se son de cor rosa ou verde fluorescente, normalmente predispóñente negativamente, no senso de que é unha proba evidente de querer chamar a atención ou querer facerche un túnel xa no primeiro minuto. Viaxe contra o cartaz publicitario. Logo atópase o xeito de colocar os carpíns ou medias de xogo. Por riba dos xeonllos, ó xeito de Henry, sen ser Henry, tamén é algo que non gusta atopar. Implica que ese xogador pensa que ten un punto mais de elegancia, de influenza sobre o xogo do seu equipo: viaxe contra o cartaz publicitario. Durante o minuto de silencio ollas tamén a faciana do afectado, e tratas de intuir si nese intre está pensando: "Vouno dar todo polo finado, a él gustaríalle, xogarei co corazón,..."ou esta serie de estupideces que logo esquences cando comeza o partido. Logo tamén observas o grao de beleza dos rivais, ou a aridez dos seus rasgos, que che dan unha idea aproximada do autóctonos que son, e no caso de que parezan moi autóctonos(esta condición cursa cunha coloración excesiva das meixelas, cellas ben poboadas, musculatura contundente e un bo nivel dos coñecidos "cañotos"), teremos que ter coidado nos balóns divididos. Logo acaba o minuto de silencio e todos din: "Vamos, me cago en crista, fuerte desde el principio, eeeeeehh".