sábado, 12 de enero de 2008

Ladrillo salvaxe


Ladrillo Salvaxe é do barrio onde viven meus avós, e hai moito tempo que non o vexo. Ben, minto. A última vez que o vin sería este verán. Eu estaba sentado nunha terraza, ía calor de Xullo. De súpeto, vino ao lonxe, saíndo dun banco. Ía mal vestido, coa expresión cansa. Falaba por un móvil. Logo cun tipo de traxe que o agardaba no medio da praza. Eu, sorprendido, lembreino noutra época. Coñecino sendo eu neno. Él era un rapaz novo, emprendedor, digamos que coa mestura de insolencia, atrevemento e ignorancia que todos posuímos cando aínda non temos conciencia da magnitude da vida. Non digo que agora a teña, pero sí un pouco mais, para algo tiña que valer o paso do tempo. Eu coñecín a Ladrillo Salvaxe. Un home de rasgos moi marcados, cunha expresión delatora, en termos elementais. Así que vin como este home emprendía o ascenso cara un deses cumios que non existen. Logros laborais, mellora da condición económica, unha familia, etcétera; se nos atopáramos nunha película americana soaría así: "e así foi como o novo Jack, con esforzo e ousadía, fíxose un home de proveito. En pouco tempo foi coñecido na cidade, e xurdían novos amigos e toda clase de persoas dispostas a compartir esa ascensión baixo o seu cobertor mesiánico...ata que un día..." Ben, dende aquí continuarei eu. Son recurrentes nos filmes de calquera nacionalidade as argumentacións arredor do mito da ascensión e da caída. Véñenme a cabeza esceas que presenciei. Evitarei, por respeto, caer no sensacionalismo ou na morbidez, pero o caso é que a traxectoria de Ladrillo Salvaxe era meteórica. En certos círculos escoitaba falar eu que si Ladrillo Salvaxe isto, que si Ladrillo Salvaxe o outro, e é un deses casos que aínda que non saibas a causa, ou sí, mellor dito sí, sabes que antes ou despois rematará mal. A causa atópase nos contos infantís, nas películas de Scorsese, en Mario Alberto Kempes, nas frases con mensaxe que escoitas dende cativo. Así que primeiro presenciei como Ladrillo Salvaxe abandoaba a categoría na que nacera, presenciei como se rodeaba de inéditas amizades que enredaban arredor del, o termo exacto sería mais ben lambecús ou triunfadores século vinte e un. Decidido, crecido, Ladrillo Salvaxe emancipouse dos contactos que facilitaran en parte o seu ascenso cara o Parnaso: o Parnaso neste caso é unha chea de millóns na conta, e logo o clásico dupricado, pois no concepto de dobre reside para moitos a felicidade: dúas casas, dous coches, dous traxes, dúas televisións, dúas empresas, dúas mulleres, e logo deste estadio camiñas cara o concepto de triple, e así ata chegar ó cumio. Por certo, dixen que non existía?


Comezou a sair nos periódicos, cada vez mais elegante, cada vez mais popular, pero de súpeto, ou pouco a pouco, a súa estrela trocou. Digamos que aconteceu o que na canción de Sinatra: "That´s life, that´s life, you´re high on April and shot down on May", ata chegar ó momento actual, cando cunha mestura de sorpresa, estupor, preocupación( preocupación en tanto que o coñecín, e ninguén se pode aledar de cousas así), recibo a noticia de que Ladrillo Salvaxe, logo de botar unha época fóra destas terras, dinme que se atopa nun centro hospitalario restablecéndose dunha malleira. Axustes de contas. E eu fico perplexo ollando a rúa, e penso nas voltas que da a vida, e preocupado, dentro da lóxica, por cumplir coa miña hipoteca. E penso tamén en tódolos fillos de puta que lle andaban lambendo o cú, e pregúntome onde están agora que a vida lle botou unhas cartas mal dadas. E cando oio falar do asunto, penso en silencio: Eu coñecín a Ladrillo Salvaxe.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Normal. Esta é unha das palabras máis horribles/terribles que podemos atopar en calquera lingua. Normal.

Mira, querido, hai unha caste de xente (homes/mulleres) que están dotados pola xénese -¿xenética?- dun impulso irreprimible de autodestrución.

O seu contorno trata por todos os medios de salvalo. Pero el/ela sabe que o seu fin último -a súa vocación- é autodestruírse. Normalemente consígueno. Ás veces os libran do seu destino e convertense nunhas pobres parias.

Cando un se adentra en certos foxos, queridiño, resulta que os foxos non teñen fondo.

Ladrillo Salvaxe. Autrodestrución.
e moitos fillos de puta, que conste. Mais o conto ven sendo o mesmo.

Saúdos.

Unknown dijo...

Xa ves, exemplos de vellos males en cabeciñas novas e ocas. Todo se reproduce inexorablemente.