O minuto de silencio exerce no ámbito deportivo a función do loito, o lamento colectivo e o símbolo de respeto pola pérdida. Somete tamén a exame o grao de urbanidade dunha determinada afección. Lembremos un incidente curioso que vivín en calidade de afeccioado cando non contaría mais de nove ou dez anos. Aconteceu no Anxo Carro, e daquela xogaba o Lugo na 2ª división, contra o Betis aquel día. Entón gastaba Gordillo, o mítico zurdo (zocata) que militara no Madrid e na selección, as súas últimas carreiras pola banda, levando o balón no último suspiro e saltando por riba do defensor, coas medias baixas. Pois aquel día, Xelos Rúas, ou Ángel Calles para a afección en xeral anunciaba pola megafonía do estadio que se ía a proceder a gardar un minuto de silencio, pola morte da nai de Gordillo. O Calles anunciaba outras moitas cousas que logo os pequenos dramatizábamos camiño da cidade para botar unhas partidas ás máquinas no salón recreativo "El Recreo", ou cando voltábamos para a casa. Así, o Calles anunciaba a "Taberna de Marcos, especialidad en churrasco y bacalao a la portuguesa", "Renault Abelleira, Abelleira, Abelleira, carretera de Santiago, Abelleira"; "Chorizos Ceide, se hacen en Lugo y se comen en toda España"; ou "hai cambio no clube deportivo Lugo, retírase Cacharrón e entra Carolo", etcétera. O caso, e voltando ó minuto de silencio, é que era na memoria da nai de Gordillo. O silencio fíxose sepulcral no Anxo Carro cando asubiou o árbitro. Todos os afeccioados maiores, polo que eu vía, observaban solemnes a Gordillo e eu observaba solemne as súas medias verdes baixas, case que á altura dos nocellos, e imaxinaba o meu maxín merengue aquelas perniñas debuxando regates coa camiseta do Madrid. Pero aconteceu un feito esquencible, que coma moitos dos feitos esquencibles, ficou para sempre na miña cabeza, inesquencible. Un rapaz da Milagrosa, o Ufo, sí, o Ufo, berrou: " Gordillo, me cago en tu puta madre". Eu quixen que me tragara a terra, pois atopábame moi preto do Ufo, un rapazote que carecía de moitas cousas que agora son mais evidentes do que o eran por aquel entón, pero xa se facía notar. Os maiores ollárono indignados e eu tamén entendín aquela indignación. Comezaba a entender algúns códigos inquebrantables do xogo, e da vida tamén. Un pouco de respeto. Ufo foi porteiro e hai pouco vino o día de Noiteboa á tarde, algo adormecido nunha cervecería da Milagrosa. Dubido que lea o blog(blogue, blog?). En todo caso, mal feito, Ufo; non o de non ler o blog, senón o de gritar semellante animalada. Pase en longo en diagonal e cambio de orientación.
Hai un mes, atopábame eu por esas cousas da vida, axustándome as medias e as zapatillas e botando unhas carreiras nunha pista galega, non direi cal, posto que aínda non xogamos o partido da segunda volta, e quen sabe..., o caso é que eu quentaba, intentaba enganar un pouco xa antes do partido: correr con cara de concentración, xesto de rabia, vitalidade; cando ves a un xogador así diante de tí, polo menos respetas, sempre se engana algo deste xeito, porque o contrario di: "Carallo, ese é o Lois, anda ben este ano..." e esa clase de parvadas que nublan o pensamento dos xogadores no canto de estar pendentes das variables que dependen directamente deles. Engado que si acompañas esta demostración física dun par de controis elegantes ou un bo carallazo á portería, incrementas un pouco o efecto. Non fai falla facer o que facía Indiao, un "armario" internacional brasileiro, que os tiña ben postos, e que antes dos quencementos se achegaba ó medio da pista e lles berraba ós contrarios: "Ei, cara, vamos maxucar, fillos da puta!". Tamén se pode optar por outra opción mais autóctona que executaba un coñecido porteiro mítico do fútbol sala nacional, que lles dicía: "Sí, sí, me podeis tocar, soy de verdad". Unha parede, ei, bótama ó espazo.
O árbitro pitou e eu, coma os outros xogadores que nos atopábamos na pista, centramos a atención na faciana e no físico dos colexiados, tentando atopar algún sinal inequívoco de estupidez. Logo, observas ós demais xogadores contrarios tentando establecer os primeiros contactos visuais: quen mantén a mirada, quen a torce, quen se agocha, quen te mira con mais desprezo...prexuízos. Pero tocaba agardar un minuto de silencio. Morrera a avoa dun dos contrarios. O caso é que durante eses momentos pódese escoitar o ruído dunha zapatilla que se roce co parqué. Da igual que haxa cinco mil persoas na pista que que haxa cen. Escóitase igual. É unha sensación bastante curiosa. Óese respirar ós contrarios, ós nenos na grada rir, pois aínda non o entenden. Así que tentas adoptar unha posición que exteriorice respeto e solemnidade e comezas a xogar coa vista. Análise de zapatillas; no fútbol sala, segundo o modelo pode significar a priori un perfil de xogador ou outro, xa digo, sempre a priori, non é unha ciencia exacta. Deste xeito, unhas Munich Gresca, nos seus modelos mais sinxelos, e observando o estado de conservación das mesmas, xa nos pode dar unha idea da entrega física, do nivel técnico, da veteranía, aínda que agora moitos raparigos xa lles poñen esparadrapo tamén, e así semellan mais veteráns. Se son de cor rosa ou verde fluorescente, normalmente predispóñente negativamente, no senso de que é unha proba evidente de querer chamar a atención ou querer facerche un túnel xa no primeiro minuto. Viaxe contra o cartaz publicitario. Logo atópase o xeito de colocar os carpíns ou medias de xogo. Por riba dos xeonllos, ó xeito de Henry, sen ser Henry, tamén é algo que non gusta atopar. Implica que ese xogador pensa que ten un punto mais de elegancia, de influenza sobre o xogo do seu equipo: viaxe contra o cartaz publicitario. Durante o minuto de silencio ollas tamén a faciana do afectado, e tratas de intuir si nese intre está pensando: "Vouno dar todo polo finado, a él gustaríalle, xogarei co corazón,..."ou esta serie de estupideces que logo esquences cando comeza o partido. Logo tamén observas o grao de beleza dos rivais, ou a aridez dos seus rasgos, que che dan unha idea aproximada do autóctonos que son, e no caso de que parezan moi autóctonos(esta condición cursa cunha coloración excesiva das meixelas, cellas ben poboadas, musculatura contundente e un bo nivel dos coñecidos "cañotos"), teremos que ter coidado nos balóns divididos. Logo acaba o minuto de silencio e todos din: "Vamos, me cago en crista, fuerte desde el principio, eeeeeehh".
2 comentarios:
Atopámonos aquí coa mesma cuestión do ovo e a galiña, ¿quen foi primeiro?
¿Quen inentou o liturxia, a Igrexa o a protoigrexa, é dicir. o paganismo?
O minuto de silencio é unha homenaxe. O partido é unha batalla. Non hai andrómenas: a deportividade consiste en gañar.
No fútbol sala xógase con zapatillas e non sei o dano que pode facer unha patada. Noutros deportes xógase con outros instrumentos -na fórmula 1, tan de moda agora mesmo xógase con armas letais, aínda que, incríblemente, sobrevivan case todos- moito máis contundentes.
O minuto de silencio ven sendo o espazo de concentración anterior á entrada en combate. Máis que irmanar, provoca carraxe. Máis que paz, procura guerra. Máis que respecto ocasiona xenreira. ¡Hai que gañar por el!
Os mortos, onder mellor están é enterrados e logo que sobrevivan na memoria de quen poida aturar a súa lembranza.
Minuto de silencio.
Sempre fico sorprendido cos comentarios que caen neste artiluxio, e case que debería en ocasións invertir o formato: comentarios e logo a entrada. Bravo polo urxente e tamén polo ambrosiano. Nome de central, por certo. En italiano, ambrosinni sería nome de mediocentro torcebotas que non entende o significado do xogo a un toque. Asdo: Ulises Lima.
Publicar un comentario