sábado, 20 de septiembre de 2008

O xogo de espellos( Premio Fontanaría 2005), de espellos, de espellos...


"Leva algún tempo pelexando no meu interior un estrano pensamento que, ás veces, torna perfectamente claro e lexíbel, e outras simplemente non aparece ou si o fai, pronto se esvaece. Pode perfectamente que fora a outra fin de semana, nun día espléndido de sol, camiñando pola rúa. Cando se trocan os ritmos do sono, froito de trasnoitar, o corpo e a mente atópanse inutilizados para moitas cousas, pero nunca me deixa de sorprender a natureza diverxente de moitas fases do pensamento. En ocasións, estas diverxencias condúcente diretamente cara ningures e noutras, coma unha milagre, veñen para se quedar durante unhas horas, e por algún estrano motivo sabes que ese camiño que se vai debuxando ten un porqué, e que cecais só teña sentido para o propio ser pensante, pero aínda así, un coida que no fondo, soterrado, aquelo que está agochado pode revelar algo. Unha vez, cun amigo meu, pensamos que nos atopabamos chegando a un punto importante dese algo estrano, falando dalgunha lectura preferida que nos tiña apoiados cunha perna a cada un nunha parede dunha casa nalgún punto da Milagrosa: pode que fora verán, pode que foran as cinco da tarde, pode que tiveramos aspecto de chapeiros, pode que estiveramos ollando cara o chan, pode que houbera dous homes ao outro lado da rúa, ollando para nós con cara de póquer, pode que foran fontaneiros, pode que pensaran en nós coma chapeiros. Ben puidemos estar medio minuto calados, interrogando o aire, máis sería entrar no literario, e como non entrar? Logo despedímonos coma sempre, e eu fun convencido e contento de que algo comprendera, pero o caso é que ao tempo que conducía decateime que non sabía o motivo da miña ledicia. Souben que non comprendera nada.


Así que o outro día, eu atopábame nun intre deses, tentando atar cabos: ao tempo que camiñaba, e ollando as árbores(minto, non ía ollando absolutamente nada), pensaba nun fragmento de 2666, a derradeira obra do Roberto Bolaño, na que un destacamento de soldados alemáns chega a un vello castelo da Rumanía, no que se atopan cun escadrón de soldados rumanos completamente ebrios, ou loucos,e ingresa no patio. Alí, os soldados ollaban sorprendidos un grande lume medio acendido, e unha enorme cruz desigual presidindo a insólita combustión, unha cruz feita con cachos de mobres, e o que é mais sorprendente, o propio capitán dos soldados rumanos, espido e algo queimado(algo normal cando un expón a pel ao lume). Os alemáns asústanse, pero os rumanos fican calmos. Logo, un rumano explícalles aos alemáns que levan alí un mes, e que eles o que fixeron o primeiro día foi facer a cruz, e só logo de tres semanas se lles ocorreu crucificar ao capitán, que luce tres cravos en cada pulso, e outros tantos nos pés. Non sabían o motivo de erguer a cruz, nin tampouco porqué o capitán se atopaba alí. O capitán lucía un pene de trinta centímetros, tamén algo queimado, froito da elevada temperatura do lume. Claro, eu pensaba sobre esta escea camiñando(algo que non ten excesivo mérito: todos podemos camiñar, parar, pensar un pouco, e voltar camiñar) e pensaba tamén en Funes o memorioso de Borges, aquel que tiña a "funesta" virtude de poder lembrar todo con exactitude, precisaba un día enteiro para lembrar como fora o día anterior; pensei no conto do Chéjov, aquel que de súpeto comeza a pedir excusas todos os días ao seu xefe por terlle cuspido sen querer e finalmente mátao, pensei de novo no castelo da Rumanía do libro do Bolaño, e aquí aconteceu algo, lembreime do mosteiro de Sobrado dos Monxes, lembrei un escritorio que non se podía tocar, eu tería nove anos, e como sentín o desexo de achegarme ao escritorio e tocalo aínda que sabía que non estaba permitido, recorrín algunha parte daquel castelo mentalmente, facía frío á sombra. Comecei a preguntarme despois desta regresión infantil, si realmente un libro era o que semellaba, ou era algo mais perigoso. Voltei pensar no Borges, no conto aquel no que unha familia de aldeáns rematan por aforcar ao convidado, establecendo un paralelismo entre este e un mártir, froito dunha historia que él lles conta previamente. A forca levoume a pensar nun home que coidaba ovellas preto da casa de miña avoa, nós voltabamos polo medio das berzas despois do colexio, eu tería nove anos tamén, e alí, naquel canellón de terra e madeira carcomida, un home de moi mala virxe saía ao noso encontro, os seus dedos interrogaban sempre aos seus dentes e moas, se cadra comera queixo, e igual xuraba de carallo e nos ameazaba. Nós sentíamos medo, pero non deixabamos de pasar por alí. Él guindábanos pedras ou coios, e nós si nos atopabamos con forza igual lle chamabamos fillo de puta, ou cabrón, e corríamos rindo. Un día non apareceu no canellón, aforcárase no galiñeiro.

Así que eu seguía andando, pensaba nos contos recurrentes do Rulfo, os do Llano en Llamas, e na caste de home que podía ter erguido acta de tanta tristura e beleza a partes iguais, e pensaba no Rulfo escribindo durante horas folios e folios, na soidade na que sempre viviu, corrixindo escrupulosamente aquelas maravillas, e logo queimándoas unha despois de outra, até que un amigo lle roubou unhas e as levou a unha editorial. Aquí tentei conectar estas lembranzas con algún soño meu próximo no tempo, coma aquel no que voaba e aterraba e vivía dentro dunha tenda de campaña chea de silvas, ou no que ía coa miña rapaza a un bar e vía a un rumano coa súa noiva, o mesmo rumano que vira no verán en Salvador de Bahía, logo algo ía mal e baixabamos cara o aparcadoiro subterráneo, que estaba deserto, e eu camiñaba e camiñaba e non daba co coche. Había alguén sempre fitándome medio revirado ao pé dunhas escaleiras, e eu sentía a necesidade recurrente de correr e non poder. Tamén o lamentábel soño de entrar en Zara e que un comando terrorista, non sei porqué, comezaba a ametrallar o edificio: un edificio no que todas as prantas eran deseñadas para ananos, de tal xeito que eu case que non me podía deitar para evitar os disparos porque batía coa testa no teito.


Neste punto do razoamento, a miña sensación era de satisfación e de medo moderado, e lembrei ao Bioy dicindo aquelo de que abonda camiñar media hora só para petar ás portas da loucura, o conto aquel do arxentino cos colegas en París. Comecei a pensar nas facianas daqueles tipos na Francia de posguerra, e pensei con satisfacción que chegara á clave do asunto: Bolaño coñecía aquel conto de Bioy, claro que o coñecía e sería por este motivo que eu, no meu pensamento, lle vía a mesma cara ao tipo arxentino que ao capitán rumano crucificado no castelo. Xa estaba, como non me decatara antes? Bioy coñecía Rumanía, e pode que Sobrado, logo pensei no Rulfo crucificado riba dos seus contos ardendo, e logo vin aos soldados rumanos ríndose de min, pode que foran uns impostores. En realidade, pode que Bolaño fora un impostor tamén, e Chéjov, con ese puto nome ruso, e toda esa corte de escritores rusos que só saben escribir para que nos imaxinemos historias en branco e negro, ou case sen contraste, pode que Borges fora alemán, si, esa era a clave, Borges era alemán, e o pai de Borges era cego, e vagaba xa maior polas rúas sen recoñecer a ninguén, por iso eu imaxinaba cego ao capitán, por iso Bolaño pensou nel, mais ben pode que todos foran uns fillos de puta mentireiros, pode que eles mesmos foran en realidade o grupo de soldados rumanos. Pode que sí. Pode que non. Pode que todo fora coma un eterno xogo de espellos para o puto home invisible.


E así, camiñando, decidín voltar para a casa. Achegueime á ventá, e non souben que era mais tétrico, si calquera soño aterrador, ou aquel xardín verde, calmo, limpo, aquel xardín que eu pensei fantasmal."



Abelardo Mañanes, fontaneiro, extraído da súa obra "Pensamentos dende a fiestra"


Nota: Este conto foi premiado no certame literario para fontaneiros Fontanaría 2005.

Abelardo Mañanes nunca mais voltou escribir. Un lavabo Roca precipitouse dende dez metros sobre as súas mans, non opoñendo estas resistencia algunha ao impacto. Dende entón, entreténse aconsellando aos amigos nas partidas de birisca.

Hai un ano, perdeu os pés, logo de acompañar á súa filla no coche, cando lle indicaba o movemento de volante nunhas prácticas de aparcamento en batería.


Hai dous meses, Abelardo Mañanes, coroando un ano cheo de adversidades, partiu os dous brazos, froito dunha discusión familiar sobre o peso dun frigorífico. Hai tres días, Abelardo Mañanes foi declarado fontaneiro oficial de San Pedro, aló no alto do ceo, o mesmo ceo que apagou coa súa choiva o lume daquel castelo rumano do libro de Bolaño.


http://es.youtube.com/watch?v=Q1VGoKBKR3I

domingo, 31 de agosto de 2008

Lecturas de Javier Clemente


"Un pasador defínese coma alguén que ten unha especial sensibilidade e talento para esta acción do xogo. É o elemento que lle achega o sentido colectivo ao xogo. Un mal pasador acostuma ser odiado por un pasador nato, e inclusive pode ser odiado por todo un equipo, pola súa regularidade na perda de balóns, froito de pases mal executados. Acostuma ter algún defecto na carreira e, de seguro, pésimas eleccións nas zapatillas de xogo. Poida que sexa xogador, pero non tería acontecido nada si decidira ser fontaneiro ou arquitecto. Un bo pasador, polo contrario, non un pasador ocasional, senón un pasador en toda regla, un xogador que disfruta en cada pase da acción en sí, pode ser de calquera xeito mais capullo que un mal pasador, poida cecais que despistado ou déspota, ou analfabeto e loiro. Un bo pasador é moito mais necesario que un mal pasador, e camiña normalmente coma o que é, un bo pasador. Por contra, un xogador pouco dotado para o pase, pode camiñar pola pista coma un búfalo, ou coma un turista neozelandés recén espertado logo dunha bebedeira, ou pode camiñar coma un mono. A sensación acentúase si está canso, porque é como si ademais de neozelandés e borracho, e turista, tivera cento dez anos. Un mal pasador non acostuma falar demasiado de fútbol, non acostuma falar demasiado de nada. É un tipo calado e apesadumbrado, que non se emociona cando lembra a Zidane, ou Maradona, ou se imaxina a Miguel Porlán "Chendo" correndo infinitamente por un carril dereito cheo de silvas e maleza indómita, cos nocellos sangrando baixo un deserto de tibias e peronés. Un mal pasador, cando é pequeno, entende perfectamente as matemáticas e pega aos demais, e non ten medo na escuridade. Iso é así. Un mal pasador é un tipo uranofóbico, con medo ao paraíso terreal, e acostuma abusar da sal e da zona "punteiril" do pé.


Un bo pasador, normalmente pasa ben porque ve o xogo dunha determinada maneira: ademais de ver compañeiros e contrarios, e un balón, e unha portería, e xente nas gradas, olla a ruta. E disfruta cando non se sabe que tocou o balón porque o tocou de primeiras e continúa escoitando os latidos do seu corazón e desexando que a pelota non se deteña, que siga de pé en pé, disfruta co tacto dun balón. Un bo pasador entende que pedra e pase non sonan ben, do mesmo xeito que un mal pasador pode emocioarse coas palabras cabalo e piano xuntas. Un mal pasador só ve sombras, e sospeitosos no seu camiño cara a portería contraria. Dentro de sí, latexa a frustración e o odio cara o balón. Para él sería perfecto si non existira o balón, mesmo si non existiran as porterías, nin as liñas, en realidade un mal pasador é un tipo gris e aburrido, e acostuma dar patadas. De cando en vez berra na ducha e escarállase da risa, e pouco mais. Porque eu pregúntome porque os malos xogadores dan patadas? Pois polo odio interior que albergan contra todo o que se pareza a un xogo, eles viñeron á guerra. E ao mellor, cando chegan aos dominios duns cantos bos pasadores se atopan cunha alegre merenda no campo, e ninguén leva reloxo...un mal pasador acostuma conducir ben o seu coche, hai tempo os malos pasadores acostumaban poñer os mal chamados "guardabarros" no seu coche. Isto non é algo matemático, pero sí moi frecuente nas zonas costeiras..."


Ikao Jonosaka, adestrador de Zico no Yokohama Marinos, extraído de Bushido Football: the resource of a legendary game




"Os xogadores negros teñen unha boa caralla e esto pode axudarlle ao adestrador a facer risas e brincadeiras para facer vestiario, ademais o tamaño do pene (por riba dos vinte centímetros nos xogadores procedentes da África), indícanos que poden funcionar moi ben na posición de mediocentro, polo centrífugo da súa natureza"


Alan Simons, ex- adestrador do extinto Dover Wailer extraído de Football Magistral Lessons


"O xogo é unha merda en sí mesmo, e nós temos que sacar petróleo. A vida ven antes que a morte, e nós temos que sacar petróleo. Arriba atópase o ceo, e embaixo o inferno, o petróleo, que está preto do inferno, pode conducirnos cara o ceo, e por certo, God Bless You.Sempre hai que pasar ao ataque."


Michael Thomas Bush, presidente do Cosmos de Nova Iorque nos anos 70, da súa esencial "Enciclopedy of Football Esence: Business and Oil"


"O xogo é un sistema de decisións correctas e incorrectas. A maior número de decisións correctas, menor número de decisións incorrectas. As variábeis que inflúen na toma das mesmas son a excusa dos febles. Os nosos xogadores teñen que estar por riba do ben e do mal, teñen que decidir ben. Para iso debemos promover a súa docilidade e disciplina, pois iso evitara que cuestionen o sistema en sí. Calquera elemento intruso no sistema debe ser eliminado e traspasado no mercado de inverno. Adoitan levar pelo largo, ou pegar un taconazo, ou queixarse do adestrador. Si nós deixamos que estos díscolos se propaguen, estaremos debilitando o sistema. Para decidir ben, cómpre que os xogadores leven unha dieta rica en carne de cabalo(o cabalo é un animal dócil á man do home), carne de ave(o medio aéreo é fundamental), e sobre todo, unha actividade sexual eminentemente procreadora, alonxada da recreación e o placer, pois estas prácticas fomentan pensamentos relativos ás vaselinas, sombreiros, túneis, autopases ou rabonas. Isto contradice o sistema. Si o sistema está ben aplicado, o equipo sairá adiante. Un equipo sen decisión é como martelexar uns cravos contra os propios collós e contar un chiste de escoceses ao mesmo tempo...fracasaremos seguro."


Jackie "Avestruz" Charlton, irmán do mítico Bobby Charlton e ex-adestrador de Eire.



"Un grupo é unha bomba de reloxaría, e nós somos quenes debemos canalizar toda esa dinamita emocioal cara o noso propio beneficio. Os xogadores non queren adestradores. Os xogadores queren anarquía e partidiños de adestramento. É importante non otorgar sinais de fraqueza; así, é fundamental nun adestrador o xeito de vestir, o corte de pelo, o ton de voz(directo e solemne), programar o maior número de sesións e, sobre todo, non descoidar ningún tipo de ritual relacioado coa superstición: eliminar as patacas fritidas do menú dos xogadores, sair de último do vestiario, rezar, prohibir os paseos nas concentracións, dar a charla sen poñer o traxe, bicar unha cadea, beber un vaso de auga no balcón a noite antes do partido, e sobre todo, é importante marcar as distancias con respecto aos xogadores, porque debemos ter claro que un día botarannos do clube, independentemente do método que sigamos, e eses cabrós seguirán ao seu: tomando todo coma se fora un xogo..."


Sergio Kresic, do seu elemental "Un enfoque balcánico-bético do conflito emocioal: o xogador na súa cabeza"


"Adentro del jugador conviven Dios y el Diablo, de tal modo que debemos hablarle al jugador como si fuéramos exorcistas de la ansiedad. El jugador tiene que salir al campo dispuesto a pintar, y para ello debemos explicarle que algunas veces tendrá que servirse de la brocha gruesa(en las labores defensivas) y otras veces de los principios básicos del surrealismo, principios contenidos en los sueños de cualquier labriego de la zona de Granada(resolución de situaciones tácticas en espacios reducidos). El juego es como la vida: una gran casa de putas con los techos revestidos de mierda y miseria, y aún así, no nos queda otro remedio que jugar; para ello, como a las casas de putas, los jugadores han de acudir al día de partido con la muda limpia y preparados por si toca subir e incorporarse al ataque. El uso de metáforas sencillas como ésta, que el jugador pueda entender, de modo fácil y sencillo, harán que nos ganemos su simpatía, y que llegado el caso, nos inviten a comer o a una ronda en cualquier prostíbulo, con motivo de un ascenso a Segunda División B."


Jorge D´Alessandro, poeta e teórico do xogo de football, extraído de "El futbolista: analfabetismo e ilustración en la Segunda División B"



" O aproveitamento do tempo de lecer constitúe un enorme campo de posibilidades que o xogador debe empregar no seu proveito. Neste senso, as drogas aéreas constitúen un fantástico medio para a actividade intelectual dos mediapuntas, e tamén para revelarlle aos centrais os misterios do xogo no campo contrario. Eu, en concreto, acostumo falar en voz baixa, pois podería ser escoitado polos espías que hai dentro do meu cerebro. Normalmente, os dianteiros son mais propensos á xinebra e o vodka, son os laterais os que abusan do ron e o güisqui. Sobre iso, eu non teño preferencias, sempre fun un xogador versátil."

Xulio Alberto, ex-xogador, extraído do seu diario de viaxes "Illa de Martinica: Cando fun Xulio César"





viernes, 1 de agosto de 2008

Salvador de Bahia: o problema de Cambridge

Praia do Forte
Salvador de Bahia

3 de Agosto, 2008



En Salvador de Bahia conflúen os vestixios da cultura portuguesa, da india e a africana; tamén os restos da escravitude que Portugal promovía aló polo 1600, defendendo o monopolio da mesma na rexión fronte a posíbeis competidores holandeses, ingleses ou espanhois(tecrado brasileiro). Partimos dende Praia do Forte, a corenta quilómetros da cidade, ben cedo na manhá. A primeira visión que nos acompanha ás seis da manhá é ben inesquecíbel. Xardíns dun verde definitivo, primixenio, paxaros de moitas cores(mil cores sería excesivo), e o estrano silencio que pode darse nun hotel. Tinhamos quedado cun taxista, Flo, un negro cun sorriso sedutor, un home ben curioso. Logo de que outro taxista tentara levarnos no seu taxi, axinha chegou o Flo, con música de Sam Cook no interior dun Opel cos cristais negros, estética automobilística moi habitual no país, en parte pola moda, en parte pola seguridade. Logo dunha fase de estudo na que turistas(nós) e o taxista(Flo) tentan determinar que caste de persoa se atopa no interior do vehículo, comeza unha longa charla na que falamos de fútbol(nivel pésimo do taxista neste ámbito en comparación coa erudición futbolística de quen escribe agora mesmo), da Praia do Forte e da xente que vive nela así como de Salvador de Bahia(na que se invirten os papeis). Logo de trinta minutos de estrada, na que comprobamos o excelso da paisaxe, os peóns pola autoestrada e as bicicletas en dirección contraria tamén, chegamos ao extrarradio de Bahia onde recollemos ao irmán de Flo, tamén de cor, moi alto e fraco, elegante, e xuntos os catro(pero non revoltos) ingresamos nun dos barrios de favelas dos moitos que en Salvador de Bahia son, o barrio de Sao Caetano, bastante diferente ao do mesmo nome en Santiago de Compostela. A favela de Sao Caetano ofrece unha visión brutal, maravillosa e espeluznante ao mesmo tempo. Subimos polas súas rúas en silencio, ollando para a xente medio espida, moita xente parada, sentada ao pé das casas, falando, comendo, bebendo, ou mesmo vendo tan só. Agora a música é de Roberto Carlos, boleiros en brasileiro, o cal produce unha incómoda e mórbida sensación pasaxeira de pracer no turista, en penosos intres de abstración, pero non é ningún documental, é a realidade o que aquí hai, en contraste coa burbulla e a fantasía irreal do hotel. Por rúas cheas de furados e tamén de terra chegamos ao alto do barrio no que o espectacular do que puidemos ver chega ao incrible: quilómetros de ladrillos, cartóns, roupa pendurada das fiestras e ao lonxe, e tamén na memoria, varios policias con metralletas polo medio dos nenos e da xente en xeral. As favelas tinguen o outeiro de Sao Caetano de vida e desolación, que co azul do ceo e o sol que queima, acentúan a sensación de beleza, tristeza nao tem fin...



Ao lonxe poden verse os grandes edificios da zona de negocios da cidade. Chegamos a unhas dunas impresionantes no mesmo Sao Caetano, outra paisaxe inesquecíbel, chea de paz, na que nos achegamos á area e vemos no ceo os urubús, curmáns das nosas gaivotas, e ás que Flo pregunta cantando polo tempo que vai ir. Atopamos pechadas as portas do museo do Roteiro, pero a través dos seus cristais contemplamos o primeiro "trio" eléctrico do Carnaval de Salvador, un vello vehículo, co que se iniciaron os desfiles da festa que hoxe protagonizan enormes camións, un vello trio do ano 1956. Continuamos a viaxe cara a cidade e chegamos até as favelas do Candeal, o milagre do Candeal: milagre que consiste en que as rúas se atopen asfaltadas, non se escoiten tiros, os nenos brinquen pola rúa sen medo, e os propios cidadáns traballen en obras do barrio... Baixamos do taxi e paseamos polas súas rúas até que chegamos ao final do mesmo, antes detivémonos na escola de interpretación musical de Carlinhos Brown, pisamos as rúas que pisara o Bebo Valdés, e que o Trueba filmara con gusto. Seguimos a viaxe cara o forte de Sao Antonio, erguido polos colonizadores portugueses para non se veren privados da acción en exclusiva do seu expolio. Ao lonxe vemos a illa de Atarica e outras que non lembro, dende o alto do Forte, onde comprobamos que, efectivamente, a visión do mar rompendo nas rochas de Salvador é unha imaxe moi próxima ao paraíso: buques actuais ao lonxe, enchendo a bahía, ben puideran ser sustituídos por antigos barcos de escravos e mercadorías, e un imaxina só moi difuminado un pasado surrealista. A beleza da paisaxe pode mais. Ao baixar do forte, e antes de subir no "carro" de Flo, un cartaz publicitario de desodorante Axé(que aquí quere dicir incrible, ou maravilloso, ou irresistíbel) chama a minha atenciõn. O cartaz di, riba dunha foto xigante do bote de desodorante: "Deixa ousada até a mais santinha"



O carro de Flo aparca no dique de Tororó, unha sorte de lagoa artificial xigante no medio da cidade, que separa unha zona de favelas da zona de edificios modernos, lugar que foi obxeto de liortas entre a igrexa católica (como non), e a prefeitura da época, debido a unhas figuras xigantes que se atopan no medio do dique, e que simbolizan aos deuses do Candomblé(Oxumarè, o único que lembro agora, ao contrario que calquera nomenclator dos Césares, que podían memorizar arredor de 250.000 nomes de soldados, dicíndollos polo miúdo ao emperador, o cal provocaba a euforia das tropas, cando se dirixía a elas un por un). Mais aló, o estadio do Bahia, ao que os sateropolitanos(habitantes da cidade de Salvador de Bahia de tudos os Santos) chaman con sorna o Ja-ia: xa ía sair campiao, e descendeu á segunda, xa ía ganhar a segunda, e descendeu á terceira...o Ja-ia. Un precioso estadio de cor azul que vai ser derrubado.



Atravesamos a continuación a zona clásica da cidade, cheas de vivendas victorianas, a cidade Jardim, cos seus altos edificios de vivendas con cancelas metálicas afiadas e moitas cámaras de seguridade, que alimentan o medo dos nenos que alí moran, que crecen no medo aos iguais e na amizade coa electrónica, que estudarán na "privativa", que namorarán aos vinte, e que mercarán unha pistola que ficará na guanteira do coche até que os seus propios meninhos vinte anos mais tarde abran a mesma no medio dun engarrafamento de tráfico, e logo seu pai explique que é pola enfermidade, pola enfermidade de desolación e do tudo vale que vale aquí e na China. Logo ese antigo meninho suará e un fin de ano apuntará coa mesma á cabeza doutro meninho que trinta anos antes cruzou pola rúa. Pero isto é outra historia.

Chegamos ao Mercado Modelo, pasando a zona portuaria, e subimos no Elevador Lacerda, de 72 metros, que conecta a zona alta coa baixa. Logo de subir, un atópase na zona histórica de Salvador, chea de rúas de negra pedra, a praza de Fer(un cardeal que deu nome á praza; curiosamente, na mesma, hai un monumento en homenaxe ao negro escravo que liderou unha revolta moi importante no seu día, pero a praza leva o nome do relixioso portugués) Atravesamos sorprendidos, abraiados, en silencio, toda a zona histórica, chea de casas de vivas cores, música pola rúa, do interior das casas, percusión, alí ficaba o Caribe en esencia, unhas rúas dunha beleza extraordinaria, e chegamos até a igrexa de San Francisco, cecais unha das mais importantes de América, e alí falamos con Magnum, un vello home de cor, coido que bastante enfermo, cuns ollos cheos de pasado, e cunha erudición no pensamento e no xeito en que se expresaba(en castelán) que nos ofreceu unha clase gratuíta de historia, política e socioloxía...era amigo do taxista. Seguimos mais tarde até o Pelourinho, barrio emblemático de Salvador e no que se respira unha quietude e unha calma doutro tempo, unha verdadeira delicia. Visitamos a casa de Jorge Amado (escribiu "Capitáns de Area" entre outros), e logo percorrimos na volta, a inmensidade das rúas do extrarradio, co caos circulatorio, cheas de xente que caminhaba polo medio dos coches, de volta á casa, ou a calquera lugar, unha visión realmente espectacular que durou polo menos unha hora, xa era noite, e que nos deixou confusos...toda a beleza, toda a inxustiza, a felicidade e a tristeza, o inamovíbel e o continuo movemento, o contraste, polo que reservándome outros capítulos da aventura brasileira que non tenhen perda, procedo a formular o problema de Cambridge: dada a cor da madeira e o nome do capitán, calcule vostede a lonxitude do navío, ou polo tanto, interprete a realidade. Eu non o consigo, pero a beleza de Salvador compensa a miña confusión.

Futbol e carnaval, nada muda, todo fica igual...

jueves, 24 de julio de 2008

O primo de Océano


Nunha ocasión que non lembro agora, lembrala sería atinar co ano, e en canto ao día, a resposta tería que expoñerse a trescentas sesenta e cinco posíbeis, nunha ocasión digo, atopábame eu nun bar chamado o Lusco Fusco, un bar en Verín sito fronte ao pavillón municipal, onde nos xuntabamos os do equipo logo de adestrar ou algunha noite. Perdoen, perdoade, eivos tutear a estas alturas da película(estas frases populares); perdoade. Antes de continuar co tema central que xustifica estas letras atropeladas, teño que falarvos do parqué do pavillón: foi o mellor parqué que os meus pés do corenta e seis teñan pisado. Refulxente, eléctrico, transparente por limpo, pegañento no punto idóneo para pisar, era un mar de aceite para o balón. O motivo da súa excelente conservación era o trato obsesivo e escrupuloso que Carlos, un home duns sesenta e dous por aquel entón, cumpría con inimaxinábel mimo. A feble calidade que tiñamos como equipo só xustificou nalgunhas tardes a existencia daquela madeira que, sen dúbida, atopábase por riba da pobreza do xogo que aquel equipo despregaba. Carlos, o conserxe fumaba tabaco negro coma un caníbal nicotinómano e adoitaba elevar por riba da decena, os guliotes ao branco ou tinto ao longo do día, e foi o mellor conserxe que coñecín, algún día falarei dos conserxes. Poida ou non que Carlos se atopase naquela ocasión no Lusco Fusco, xurando ou recibíndonos ao saúdo de chavalada, pois así nos berraba, chavalada cando nos vía chegar pola mañá camiño do adestramento. O caso é que atopábame, agora si, no Lusco Fusco, un garito que rexentaban dous irmáns calvos con cara de mala virxe, boa xente. Algúns do equipo reuniamonos e antes de falar, escoitabamos a Pachi, para os que non o coñezan, unha das zurdas mais exquisitas que teñan xogado ao fútbol sala, contando ao Regueira("ese enano es un pelotero", di Jesús Candelas do pequeno grande home de Arteixo, en referencia e deferencia á súa habilidade). Así que primeiro escoitabamos a Pachi, que tiña trinta e seis anos e o físico de Mick Jagger en forte, e ás veces entendiamos e outras non. Logo falabamos de: o fillo de puta do adestrador, o malnacido do preparador físico(un día cronometrei hora e vinte correndo polos montes de Verín, que se vía diminuto ao lonxe baixo trinta graos de calor longos), das fichaxes que non lle apuntaban a un cesto, de matar ao adestrador do Ourense, que saíra na prensa facendo o paiaso cun balón na cabeza, de costas ao adestramento que dirixía no intre da foto. Tamén falabamos de: Carlos o conserxe, de Brasil, historias das favelas que nos contaban Duda e Muniz, de pechar ao utilleiro no almacén, de matar ao noso adestrador, de matar varios adestradores, de historias de personaxes do fútbol sala, coma aquel coñecido gurú do fútbol sala nacional que había pouco chamara a un ex-compañeiro meu para pedirlle axuda. O pobre home, xa levaba varios anos retirado, e sabendo que ao meu colega o patrocinaba unha coñecida marca deportiva, pediulle cinco polos de manga curta e unhas equipacións de adestramento. Cando o meu colega lle preguntou a motivación de tal pretensión a contestación foi a que segue: resultou que se atopaba gravando uns vídeos que ían formar parte dun próximo libro(xa ten publicado varios), até aí todo ben, pero o curioso do asunto era a temática do libro: "La preparación física de los toreros"; atopábase gravando os vídeos de preparación física con cinco matadores profesionais e para iso era a roupa. Normalmente, unha anécdota deste tipo, da que eu non a teño entre as trinta mellores anécdotas do fútbol sala, podía chegar até a fase final das tres mellores anécdotas da tarde, tardes que se consumían logo do adestramento entre contos deste estilo. Resumo a continuación as outras dúas finalistas:


- contada por Muniz, un brasileiro daquel equipo, que se atopaba na reunión: a historia dun enorme negro internacional brasileiro, negro de metro noventa, que nunha concentración, compartindo habitación cun afamado zurdo brasileiro, soubo que ía recibir a visita dos médicos para o control anti-dopaxe; Non é que o negro se dopara, él gostaba de fumar mariguana polas noites, namentres poñía xeo nos nocellos. Foi entón unha noite que lle preguntou ao seu compañeiro que podía facer. O outro díxolle que bebendo bastante leite, podía superar o control limpamente, sen problemas. Á mañá seguinte, logo do adestramento, camiño do hotel pararon o negro e o compañeiro nunha tenda, e o negro colleu varios litros de leite, e bebeu un litro enteiro antes de chegar ao hotel. Logo púxose mal do estómago, levaba varios días bebendo leite coma Rómulo e Remo, e foi que soubo que co leite non ía chegar, polo menos tendo en conta que tamén fumaba mariguana coma quen bebe leite. Así que chegou o día do partido e aconteceu o que o negro non quería: no entretempo comunicáronlle que lle tocara no sorteo ir mexar, ir mexar para o control. Ao malpoucado non se lle ocorreu outra cousa que simular un desfalecemento no medio do xogo, e foi retirado en ambulancia camiño do hospital, onde pasou a noite. Librou do control.


Ao rematar o partido, co negro no hospital, o seu compañeiro de habitación atopábase no vestiario, os demais preguntaban que acontecera, que acontecera, que foi, que foi?, e nun intre de debilidade e anoxamento, seica o porteiro do equipo achegouse aínda coa toalla nas mans á súa taquilla e metendo as mans no peto do chándal, e sacando unha man de mariguana, berrou en pelotas: "Por isto, poja!, por isto, foi pola macoña(maconha, mariguana), fillos da puta!"


-Agora refiro a outra finalista. Anécdota contada por Bomba, un porteiro de Murcia que xogaba conmigo aquel ano, ás veces enroscaba ben as mans e non metía para dentro as que ían fóra; nela permitireime imprudencias lingüísticas que nos permitan saborear a anécdota en toda a súa grandeza. É o que segue: "...y entonces el hijo´puta del andaluz, que eso sí, era un fenómeno... con el balón en los pies era un fenómeno, el hijo´puta la armó...el tío le daba a la farlopa que paqué, gastaba todo el dinero en las máquinas, no se entendía bien con la mujé, bebía como un carretero, le gustaban de carajo los relojes, los relojes le gustaban al hijo´puta, pero le gustaba robarlos en los torneos, limpiaba los vestuarios el cabrón..., azta le robó al joputa aquel del conserje de aquel pabellón de Las Palmas que nos entró en la primera vuelta en el vestuario...no os recordais, sí, joder, aquel que creo que palmó, que se meó dentro del veztuario llamándono hijos de puta, decía el cabrón, pue azta a ese le robó el cabrón del andaluz...que porqué la armó? digo que ezte andaluz nos la lió un día, jugando en Tenerife, coño, al tío lo expulsaron, andaba encabronado ya con el presi, que era otro joputa, hai que decirlo, pero eso no se hace, eso no se hace...cabrón...lo que hizo fue que cogió y en el vestuario, el tío con la bronca por la expulsión, el partido aún seguía, se duchó y nos robó toda la pasta a los compañeros, y los relojes, coño, y robó también algún par de zapatillas, cojones...y robó en el otro vestuario, joder, y se piró al aeropuerto y avión pa´Cadiz y nunca má se supo, oztia, y azta ezte año que lo vi en un partido de la televisión, que bien hace la bicicleta el hijo puta...que bien la hace, zá, zá...os juro que si lo cojo le rompo la puta cabeza.


Logo desta incursión nese submundo do deporte de elite, continuarei co relato principal que tentarei concluir sen mais interferencias. Como digo, naquel bar entraba todo tipo de xente, e entre estas anécdotas íase o tempo. Sen sabelo, atopabámonos a piques de presenciar unha grande historia que é a que segue; vimos polos vidros do local como un antigo Mercedes branco, destes que saen nas persecucións polas rúas de Tetuán, ese modelo, se detiña diante da porta do bar, matrícula portuguesa. Do interior do mesmo desembarcaba un inmenso negro, case que dous metros, sobrepasando con gusto os cento vinte quilos, con varias cadeas de ouro, tamén aneis, e botas suxas, camisa aberta por debaixo dun inmenso e grasento peito, que só escondía pelo xeneroso, pendentes, cara de mala virxe, cara de fódase pá. Do asento traseiro baixaron dúas mulleres tamén de cor, vestidas con extravagantes e minimalistas vestidos, con faciana aburrida e perdida. No mostrador atopábanse uns rapaces do povo que xa ían algo encendidos e nese intre, na nosa mesa, Pachi dixo: -Ese negro é o primo de Océano. Non é broma. É o primo de Océano.


Océano: mítico centrocampista da Real Sociedade, de cando Atocha, que xogaba co dez ás costas, xogador negro, cun físico de leñador e unha exquisita técnica, cunhas enormes patillas que sempre chamaron a miña atención, as patillas de Océano. Compartía equipo con Carlos Xabier, outro portugués da Real Sociedade. Botas negras, sen marca coñecida, probablemente Adidas baixo a graxa, Adidas modelo World Cup. Lembremos para os que se incorporasen agora ao fútbol, que as Adidas World Cup teñen os tacos de aluminio, e as Adidas Copa Mundial, teñen tacos de goma en negro.


Todos miramos ao Pachi, e contemplamos con mais ou menos disimulo os pasos do primo de Océano no bar. Un dos rapaces do grupo que se atopaba na barra, un rapaz que sempre ía contra o Dépor cando o televisaban no bar aquel, e que por certo comezou a tempada con dez dedos e rematouna con nove, pois era carpinteiro e non andivera vivo coa serra eléctrica, comezou a falar co primo de Océano, era un chaval gracioso, aínda con nove dedos. O caso é que a conversación foi subindo de ton, eu xa non me atrevía a ollar para o primo de Océano, que antes tiña os ollos moi brancos, e agora se lle vían vermellos, e foi que o chaval achegouse un pouquiño mais ao animal aquel e díxolle sabes o que? eres o fillo de puta dun negro. Inmediatamente o silencio apoderouse do bar, que estaba en Verín, pero ben puidera ter aberto no Far West naquel intre, tal era o grao de tensión e incertidume que nos invadiu a todos. Resulta que o fillo de puta do negro achegou a enorme cabeza rapada á faciana do fillo de puta aquel do carpinteiro con nove dedos, e quedou mirando uns breves segundos para el, cunha mestura de sorpresa, ledicia e indignación, ninguén se moveu. Todos nos identificabamos en décimas de segundo co carpinteiro ou co primo de Océano. O primo de Océano pousou a man sobre as costas do coitado de Verín e foi que lle dixo estas solemnes verbas, nunha mestura de portugués galeguizado, ou ao revés:


-O chavalo ten bos coiós. Eu vou convidar voçé, pá. Cerveixa?


Logo duns segundos de incredulidade, todos os asistentes a aquela escea bíblica, rimos coma se alguén tivera contado o mellor chiste da historia universal, e non aconteceu nada mais. E iso foi o mellor que puido acontecer. O primo de Océano.


lunes, 14 de julio de 2008

Crónica dun mundo que agoniza: happy hour en Barna


E con el, tamén nós, algo de nós.


Veño de pasar tres días en Barcelona. Teño xogado catro ou cinco veces alí, sempre algún día solto, e tamén algunha lembranza dunha viaxe cando era neno. Barcelona é sorprendente como conxunto arquitectónico, e urbanístico, en moitos casos, unha cidade deslumbrante nese aspecto: as avenidas, as prazas, os monumentos, os xardíns, os transportes...todo iso. O hotel no que nos hospedamos atopábase na zona que se construiu co gallo do Fórum das culturas, un espazo que me sorprendeu segundo cheguei. O azar quixo que para chegar ao hotel só tivesemos que seguir en liña recta dende Zaragoza ata chegar á Diagonal, xa en plena cidade. Logo de circular durante trinta minutos para atravesar a cidade, no primeiro xiro á dereita, alí se atopaba o hotel, ás veces acontecen cousas así. O edificio érguese, como apuntaba antes, no Carril do Taulat, sito na Ronda Litoral, á beira do mar, nunha zona que xulguei case que fantasmagórica, ben fora pola alta temperatura e pola hora na que chegamos á cidade, eran as tres da tarde, baixo un sol sustantivo. Unha rapaza nórdica atendeunos na recepción e logo subimos á habitación. Era un bo hotel. Pola fiestra víase o mar inmenso, unha vista espectacular, detrás dunhas naves metálicas e dalgúns rañaceos en construción, e mais aló, como afogado, había un rompeondas, que eu xulguei era no que aínda se ulía o sol, coma na canción. Ollando para as naves aquelas e para aquela cantidade esaxerada de rañaceos e hoteis descomunais, pensei automaticamente en Gotham, a cidade na que Batman pelexaba co Joker. E mais aló, o mar, un mar como afogado tamén, ao igual que o rompeondas, por non ter espazo para respirar. Foi o primeiro elemento que pensei errado. Era hora de comer, e como o prezo non incluía o xantar, e en vista da hora, achegueime a un centro comercial que se atopaba fronte ao hotel e merquei algo de froita. Cando voltaba cruceime coa rapaza nórdica que había uns minutos me atendera xentilmente na recepción do hotel. Sorprendentemente, ao tempo que pasaba ficou ollando para min con faciana seria, como se non me coñecera, e eu quedeime co saúdo na boca, tentando pensar o motivo polo que alguén que rematara a súa quenda no traballo non podía saudar normalmente a unha persoa coa que remataba de falar, aínda que agora non se atopase no hotel. Tampouco entendín iso. Logo voltei ao hotel, e mais tarde saímos a camiñar a cidade. Barrio Gótico, Rambla, Praza Real, Liceu, Teatro Nacional, Boquería, Colón, Raval, foi o percorrido elexido. A grande cantidade de turistas, a multitude, a voráxine, e todos os edificios, as formas, os detalles, todo iso no que un repara cando vai diso, de turista. Pero houbo algo que foi no que andivemos matinando no resto dos días alí, e era dalgún xeito, a estrana sensación de sentirse un alleo, pero tan alleo coma un islandés, ou un guineano, algo que non sentimos en Londres ou Madrid, ou Zaragoza, ou Xamaica, ou Dublín; algo distinto, en definitiva. Supoño que será iso o que toca, pero dende logo foi algo sorprendente por inesperado: unha mestura de Sanxenxo- Malibú no prantexamento, unha sorte de combinado Kentucky Fried Chicken, Fujifilm, Starbucks, e unha grande xirándola devoradora de cartos. Tentamos camiñar noutras direccións pensando que cecais noutras direccións, algo trocaría. E camiñando dúas rúas nalgunha dirección era como si a maquillaxe e as pinturas se esvaeceran coa auga, como si o real da cidade fora usurpado por unha intención efectista, na que as luces recoñecíbeis en todo o mundo para calquera occidental foran o faro que guiara ese turismo de hamburguesa autóctona e mimos dantescos que poboaban a Rambla. Non atopamos á Negra Fror, e no seu lugar só había multitudes de adolescentes anglosaxóns en viaxe iniciática. No Raval asomaba a triste realidade do intercambio(intercambio do que nos falara a recepcionista previamente no hotel: "si os gusta el intercambio cultural, el Raval también puede estar bien"). Cruzamos edificios que caían a cachos, e o único intercambio que observamos foi o de cincuenta ou sesenta anciáns que reparaban nas prostitutas, moitas delas foráneas que por alí paseaban, tamén subsaharianos sentados na beirarrúa con ollos desenganados, e xente maior asomada ás fiestras, como acobardada de sair á rúa...algúns grupos de turistas coma nós botaban fotos a toda aquela xente. No Barrio Gótico, cousas semellantes, aínda que a presenza de occidentais era maior, procuraban a festa, a sensación. Ceamos algo nun local de mentira preto da catedral e logo voltamos en metro para o hotel, un servizo que funciona cunha puntualidade incrible, e no que puidemos respirar os estranos silencios das estacións e dos vagóns, un silencio que se cheira.


O segundo día coido que foi bastante mellor, fumos até o Parque Well ben cedo e a cidade e outras zonas da mesma menos enquistadas no circuito turístico ofrecéronnos a cotidianeidade que estranábamos o día anterior. Sentín medo e impresión diante da Sagrada Familia, diante de Gaudí, tamén as casas. Camiñamos felices, xente tranquila, tamén había unha perruquería de mascotas. Tomamos café nun bar. Ía dicir nun bar típico, pero mais ben cómpre dicir atípico, pois nel podías falar co camareiro e ninguén tiña presa, e o café custaba un euro. Continuamos camiñando toda a mañá. Serían as tres e media cando regresamos cara o hotel para protexernos do sol e descansar un pouco. No hotel había unha piscina. Decidimos subir. Atopábase no piso trece, e dende ela podías ver toda a cidade por un lado, e por outro o mar. Escoitábase unha prescindible música, e sentamos a descansar e ler. Unha parella moi feliz paseábase en gafas de sol e sentou preto de nós. Pronto descubrín, ollándoos por riba do libro, que actuaban. Semellaban moi contentos coa elección do hotel, e daquela espléndida piscina no piso trece, e daquela música, e él estaba adquirindo unha cor vermella froito do sol que o castigaba, e iso tamén era motivo de felicidade. Pero faltaba o protagonista principal. Un home duns corenta anos, esbelto, forte, bronceado, con barba na que se vían canas, ingresou na piscina envolto nun albornoz branco do hotel e nunhas zapatillas brancas tamén cos distintivos da cadena hoteleira. Falaba con seguridade polo móbil, non sei si en perfecto italiano, pero en italiano. Levaba tamén unhas gafas de sol de espello. Todos levaban gafas de sol. Sentouse nun sofá ao noso carón e comezou a pasar a man polo pelo. Prendeu un cigarrillo. Reparaba na cidade, na piscina, en nós, e sobre todo na muller que acompañaba ao home que se queimaba baixo o sol. Había un par de suecos que comían nunha mesa e falaban do rica que estaba a ensalada pero en sueco, eu levaba albornoz tamén. O italiano ergueuse varias veces, pediu unha auga, logo un café, logo falou coa camareira, voltou reparar na muller do home queimado. Eu decidín ingresar naquela actuación e puxen as gafas de sol, tamén unha pucha coa que estou moi contento ultimamente. Alba ría. Pouco a pouco sentín que gañaba enteiros naquela actuación mentirosa, pouco a pouco o italiano, os suecos, o home queimado, a muller, repararon en min, naquel tipo de gafas e pucha anacrónica que se agochaba baixo un libro de relatos de Cortázar. O italiano voltou sentarse, comezaba a aburrirse. Logo dirixiuse a min acenando co móbil para que lle botara unha foto. Eu botei a man, pousei o libro, e collendo o seu móbil, tentei coller unha boa instantánea que recollera aquel intre sublime da felicidade dun italiano que se atopaba no cumio trece dunha vida feliz, a carón da piscina, en albornoz e coa cidade ás súas costas, pero inmensamente aburrido. Logo deume as grazas e ao pouco liscou. Alba e eu cansamos, bañámonos pronto e logo saímos de novo para a cidade. Museos, lectura,paseo da praia, porto olímpico...a xente bañábase no mar e un rapaz cunha guitarra acústica e unha armónica cantaba Knockin on heaven´s door, ao tempo que tres norteamericanos bébedos facían o indio, escenificando a canción. E alí pregunteime, pensando nas persoas que morreron este fin de semana no estreito, ignoradas polos buques que as cruzaron sin prestarlles auxilio, e nos barcos deportivos de Telefónica que adestraban cando as atoparon, e na fame, e na auga que se lle nega a millóns de persoas no mundo en pleno século vinteún, en toda a mentira que envolve o noso modelo de vida, e no que pretende significar unha cidade como Barcelona, expoñente tamén dalgo mais, e pensei que só pode acontecer isto nunha sociedade profundamente enferma como na que vivimos. Pensei tamén na clase política, concretamente e polo lugar onde me atopaba, pensei no que calquera das opcións políticas que alí pelexan polo poder nos tentan vender. Realmente as cousas das que discuten alí e noutras comunidades como a nosa, ou coma calquera outra, realmente esas cousas son o centro do debate? Ao final, as decisións verdadeiras xa están tomadas por nós?

Será que rematarei por falar só? Será que no fondo, todo o noso xeito de vida é profundamente conservador? Profundamente cego? Cego o arte, conservador? Cega a política, cínica? Cego o tempo de ocio? Simples monicreques? Era iso? Será que a realidade é profundamente inxusta, criminal, e que o feito de telo presente mais tempo do debido podería rematar por deixarnos loucos, invalidados para levar unha vida normal? Teño a impresión como turista, como cidadán, de que somos zombis delegadores-observadores pasivos, si é que tal cousa existe, dun mundo ao que lle resta pouco tal como o coñecemos, un mundo que agoniza de inxustiza e de sucedáneos de vida. Buñuel dicía que o cine non era mais que catrocentos idiotas diante dun anaco de tea, collemos todos alí. E non se me ocorre ningunha idiotez mais.

Chegamos a Lugo de madrugada antonte. Veña, vamos facer unhas tortillas, xa está rematando o San Fermín. Viva Jesucristo!

E aquí seguimos.




miércoles, 2 de julio de 2008

Pappo Napolitano ou a guitarra que fala


Norberto Pappo Napolitano é parte da historia do rock arxentino. Con dezasete anos, todas as bandas dos anos sesenta en Arxentina, se disputaban os servizos deste rapaz melenudo de Chacarita, algo caprichoso e bastante temperamental, pero cun sentimento para a guitarra eléctrica e para o rock co que só nacen algúns. Así, nun período convulso do rock arxentino, de fundación, nun prazo duns poucos días, si, días, e duns poucos meses, figura como pianista de Manal, Los Abuelos de la Nada e finalmente chega a Los Gatos, nos que non durará moito tempo, pero dabondo para deixar rexistrado un dos riffs mais gloriosos do rock: "Rock de la mujer perdida".


Viaxa a Estados Unidos nos setenta e coñece as orixes do blues, do rock, si é que aínda non as sabía ben, pois dende os dez anos insistía na guitarra escoitando na súa habitación os discos de Little Richard, Bo Didley, Steve Ray, e algúns mais...Actúa por todo o país. Á súa volta á Arxentina deixa editados volumes para a lenda baixo a mítica formación de Pappo´s Blues, verdadeiro libro sacro do rock arxentino, un compilado exemplar de pureza roqueira, salvaxismo, sensibilidade, melodía e actitude. Posteriormente fundará Riff, unha formación de heavy metal, cun nome redondo por certo(Riff) e como case que todos os que algunha vez pisan os terreos do non establecido, ten os seus altibaixos, pasa por intres de gloria e decadencia a partes iguais, pero coido que fiel a si mesmo. Hai varios feitos salientables, moitos mellor dito, pero só citarei algúns: sube ao escenario dun ateigado Madison Square Garden da man de B.B. King e é presentado por este coma "un dos mellores bluesman do mundo". Pappo merca ese mesmo día pola tarde nalgunha tenda neoiorquina, o único traxe de toda a súa vida. Xira con B.B. King, comparte esceario en Buenos Aires con Motorhead e telonea a AC/DC. Nun momento especialmente delicado para o roqueiro, Juanse, o líder de Ratones Paranoicos, unha formación mais actual da música arxentina, convídao ao esceario nun concerto multitudinario e Pappo triunfa unha vez mais. Posteriormente, un disco coa creme do rock arxentino, Pappo&Amigos, recolle a profunda pegada e admiración compartida que multitude de artistas e músicos insignes do rock recoñecen en Norberto Napolitano. A finais do século XX participa en grabacións con Calamaro, con Charly García, e con varios dos artistas mais reputados da Arxentina, xira por todo Estados Unidos no comezo do século actual, a dúas semanas de distancia de B.B. King, como lle gostaba dicir a el. En cada disco, graba unha canción de Freddie King( o que foi membro, xunto con Albert King, the Velvet Bulldozer, e B.B. King, do trío de reis do blues).


Auténtico showman, abonda visionar calquera vídeo do Pappo Napolitano para saber a que caste pertence. O seu gusto polo blues e polo rock provocaba certa confusión entre os músicos norteamericanos, pois existe unha certa separación entre os músicos dos dous xéneros, non o digo eu, dicíao o propio Pappo(así que xa sabedes, se non estades dacordo, investigade e logo borro o que escribín...). Pappo, entre outras moitas, deixa unha frase para a posteridade, que define o que se agochaba baixo a imaxe do Carpo(así se lle coñece no argot roqueiro): "Cuando me siento algo triste, o algo me parece injusto, o me siento algo solo, por ahí es que me sale mejor el blues".


Ao tempo, sempre combinou a súa vida de roqueiro co traballo no seu taller, herdanza de seu pai que rexentara "Siderurxia Napolitano", e no que repara coches antigos e motos. Sobre a súa pasión polos coches cómpre dicir que chegou a participar en carreiras de coches, ao estilo desas nas que se pegan uns hostións criminais. No seu taller, agocha tamén un dos segredos mais preciados polos seguidores do rock arxentino, a súa colección de guitarras, cun par de bos candados na porta. Recoñece que cunha das guitarras que empregaba, durmía todas as noites. Se xa vos animastes a ver algún vídeo, é prausíbel(prausíbel e posíbel?) a explicación que ofrece do curioso bus no que realiza as xiras. Polo visto, só era perigoso cando comezaba a respostar con monosílabos guturais.


Deixa para a historia da música, auténticos himnos como "Fiesta Cervezal", "El hombre suburbano", "Sucio y desprolijo", "El tren de las 16", "Ella es un ángel", "Rock de la mujer perdida", "Desconfío", "No obstante lo cual", "Rock and roll y fiebre", "Ruta 66", "Mi vieja", por poñer algúns exemplos que o convirten nunha lenda, non nun mito, nunha lenda dos pés á cabeza.


Norberto "Pappo" Napolitano falece nunha madrugada de febreiro de 2005, nun accidente de moto, á saída dunha parrillada, logo de cear co seu fillo e coa noiva deste. Manexaba, nese fatal momento, a Victoria, unha Harley Davidson a que, ironías da vida, lle chamou así, Victoria. Con esa mesma moto, con Victoria, cruza nalgún día da década dos setenta, a mítica Ruta 66, para hoxe deixar algo mais triste a un cando escoita "Juntos a la par". O mundo é algo mellor por momentos grazas á súa música. Tiña 54 anos. Pappo Napolitano.








Especial de Pappo en La Viola(impresionante) http://es.youtube.com/watch?v=Ad9azTL-mkk


Pappo, quentándose un pouco co paiaso dun presentador http://es.youtube.com/watch?v=j8OURMFhVRU&feature=related


sábado, 28 de junio de 2008

O home do sombreiro (camiño ao infinito)


"Aínda non está escuro, pero xa está escurecendo..." (de Not Dark Yet)


Soou Lay, Lady, Lay e por algún estrano motivo erizóuseme a pel, e pensei no que dicía Borges de Stefan Zweig: "As súas verbas fixéronme comprender o tempo en toda a súa inmensidade"
PD: Lay lady lay en Dallas http://es.youtube.com/watch?v=g22Cl51_OI0 Like a rolling stone en Vigo:http://es.youtube.com/watch?v=zhKrBxcKOH0

Bótate, dama, bótate, fica conmigo namentres nos reste algo de noite... aínda
Déitate, dama, déitate, deitate na miña grande cama de latón

jueves, 26 de junio de 2008

Tres Variacións


Da loucura

Toronto.
Canadá. 1982.

Chamábase Glenn Gould. Tal vez non vos diga nada e a min tampouco, ou si,mais iso é outra historia. Glenn Gould era músico. Aprendeu a tocar o piano na infancia, encaramado nunha cadeira paticurta que seu pai construiu especialmente para él. Sentado nela, as súas mans comezaron os primeiros diálogos coas tecras. Diálogos que eran senón, pequenas partes do que
remataría sendo un dos mais excepcionais discursos musicais do século XX.Canadá é a terra anónima. O lugar no que un pode ser completamente ignorado para o resto dos seus días. Cecais Leonard Cohen ou Neil Young sexan ilustres excepcións. Ninguén se lembra xa de Sem, un rapaz de pelo loiro e esbraguelado que se sentaba no fondo da clase. Un día chegou dicindo que liscaba de Lugo para Canadá. Nunca mais voltou. Ninguén voltou tampouco preguntar por el. O seu rostro de sete ou oito anos, correndo torpe detrás dun vello balón pinchado no patio do recreo, sempre creara indiferenza.

O noviño Glenn tivo unha traxectoria fulgurante. Pronto comezou a destacar no piano, tanto dende o punto de vista estrictamente musical como dende as formas. Acostumaba chegar tarde ao comezo das actuacións e facía a súa entrada no escenario cun vello frac enrugado, cuberto dunha ou varias bufandas e visiblemente despistado. Raramente ollaba ó público. Sentía un profundo rechazo polos descoñecidos e odiaba dar a man a ninguén, especialmente aos nenos e aos homes de pouca estatura, pois unha das súas múltiples obsesións era a posibilidade de fracturarse as mans e non poder tocar. Evitaba na medida do posible, facerse notar mais ca súa música e nada ansiaba mais que o feito de que o público que acudía ás súas actuacións non lembrase o seu nome á saída, só a música que escoitara. Glenn Gould adouraba unha das formas primixenias da música, a forma en que se remite á súa estructura intrínseca, isto é, o mecanismo de repetición, e que a fai recoñecible ó oído humano: as variacións. Na interpretación do tema con variacións residiu o eixo principal da súa actividade artística. Así, nunha secuencia dada alteraba elementos relativos á tonalidade, a armonización, o modo, o tempo, a melodía...Esta concepción da música non fixo senón alimentar a controversia e desatou profundos desencontros entre a troupe de seguidores e detractores que o artista posuía. Acostumaba dicir que “a relación que existe entre a miña man esquerda e a miña man dereita só lles concerne a elas e a min”. Abafado polos primeiros ecos da fama, asediado polos estudiosos, polos axentes ávidos de facer negocio co xoven talento, só encontrou descanso nos estudios discográficos, na paz do ensaio en morna calma, no que reinventar por enésima vez unha ou outra peza preferida. Mais acadou fama internacional cunha obra moi concreta de Bach: as Variacións Goldberg. Arredor desta peza
realizou a súa gran viaxe. Unha viaxe que o conduciría a unha sorte de furado negro, unha obra por sempre viva, un camiño que sabía de antemán, nunca podería percorrer enteiro.
A súa personalidade non o axudou en demasía. A certos hábitos conductuais relacioados co síndrome de Asperger, unha variante do autismo tinxida desigualmente de elevados parámetros intelectuais xunto a deficiencias no ámbito de relación social, engadiu unha preocupante dependencia polas pastillas. Un amplo abanico de medicamentos adornaban unha traxetoria persoal errática e contradictoria. Unha mente cecais só preparada para viaxar unha e outra vez cara ese, o seu furado negro: as Variacións Goldberg. Logo de triunfar coma pianista e aumentar a súa lenda cos seus enigmáticos comportamentos, decide abandoar a vida pública, a exhibición, cando só contaba 34 anos. Opta por viaxar ao infinito unha e outra vez, recluído nos estudios, perdido nalgún recuncho de mil partituras musicais, aillado do contacto cos demais. Que é o que conduce ás persoas ao illamento absoluto? Que encanto posúe a soidade? Acaso sexa o non ter nada que dicir, ou non querer escoitar, ou tal vez a conciencia de que o tempo se esgota, algo por facer antes da nada mais abismal. A soidade terrible mesturada co espírito solitario, a búsqueda. Foi o mesmo motivo que levou ó jazzista Sonny Rollins a abandoar os escenarios e botar dous anos seguidos practicando incansablemente co seu saxo debaixo dunha ponte? Que levou ao xenial Django Reinhardt, o guitarrista ao que lle faltaban parte dos seus dedos da man esquerda, a deixar no punto álxido da súa carreira a guitarra e entregarse á pintura nunha casa perdida no medio do monte?
Nembargantes, Glenn Gould nunca voltou. O que nun primeiro momento se considerou unha estratexia de marketing, resultou ser unha decisión permanente mais relacionada coa verdadeira búsqueda artística. Só as Variacións Goldberg impoñían normalidade nunha vida anómala, anodina. Aqueixado de fortes dores de cabeza, Gould sempre practicou a automedicación, o que lle ocasionaba mais problemas de saúde e un insomnio desgarrador. Poucos días logo do seu cumpreanos, na cincuentena, e despois dun derrame cerebral, Glenn Gould abandoaba a súa gaiola e morría na mesma Canadá indiferente que o vira nacer facía cincuenta anos. Só uns poucos anos antes, executaba o seu enésimo exercicio maxistral: unha última versión das Variacións Goldberg, pero incluíndo unha curiosa inversión da obra: primeiro interpretaba as trinta variacións que contiña a peza, e logo interpretaba a peza en si, ao contrario que na orixinal de Bach, pero sen facer nada especial que as distinguise das que grabara con vinte anos. Sinxelamente, o tempo. O paso do tempo como elemento alterador da mesma obra. O tempo entendido como outra variación. Sen mais. Hoxe, Glenn Gould xa é lenda absoluta da música.

Da soidade
Sem nunca foi feliz en Canadá. Ás dificultades propias dun pais e dun idioma descoñecido, do frío, engadiuse no seu caso un extrano sentimento de desubicación. Nunca chegou a entender aos canadenses. Non entendeu todo iso nada que nada tiña que ver con moitos dos salvaxes estadounidenses que vivían algunhas millas mais abaixo. Non sabe cal é a orixe dos cafés en vasos de plástico a calquera hora do día, mesmo para asasinar ao viciño do segundo. As bandeiras nos xardíns. A garda montada. O porqué de que a selección de soccer pareza o combinado nacional de Luxemburgo. O viciño que invitou a seu pai a un pack de cervexas en camiseta de tirantes, mentres nas noticias da noite se detallaba que o Challenger estadounidense estoupara ao pouco de despegar de Cabo Cañaveral. Dicía que agora todo sería diferente para os canadenses.Nin que falar do puto Bryam Adams. Ou o bobsleigh, ese deporte no que catro ilusos con traxes propios de Star Trek se chimpan nun trineo e logo pechan os ollos, e logo caen, e logo saen nas noticias. Todos mortos agás o que ía en último lugar que sae nalgún magacine marxinal de sucesos impactantes a altas horas da madrugada, contando a súa experiencia. Sem nunca entendeu nada de todo isto, e un día, decidiu voltar a Lugo, voltar sentirse coma
de neno cando corría detrás daquel balón pinchado. De paso, podería ver o Mundial 94, animar ao Maradona (aínda que xa se animaba él só), e poder sentirse por algunha curiosa razón superior a todos esos países, por exemplo Canadá, nos que non teñen nin idea
de xogar ao fútbol, e cecais sen probas científicas que o avalen, relacionar esta pouca pericia futbolística con algún tipo de deficiencia intelectual. Sentirse ben. Nada que ver coa tristura de seu pai, que malvivira coma técnico de sonido do Glenn Gould nunhos estudios de grabación ata que o negocio fora aó carallo e agora reparaba coches de segunda man.

Do horror

Lugar de Birbigueiro- San Xoán do Campo, Lugo-Galicia 2007.


A mamá sempre se preocupaba. De que houbera lume na lareira, de que o pequeno levara os zapatiños ben atados. De que sempre tivera a comidiña no seu sitio. Logo, cando o rapaz foi mozo, de que non andivera demasiado nas verbenas, de que fose ben vestido cando baixase ó San Froilán. De ter ben contento ao papá, de traballar toda a vida até ter os mellores terreos dos arredores, a casa ben recollida para cando as visitas dos domingos, a saia pranchada nos enterros de rigor. A cociña que prende nos invernos fríos que nunca rematan, que sempre son mais tristes cando o vento zoa nas ventás molladas e case sempre é de noite. A cidade estrana, no horizonte, as xornadas dominicais de Luar, as tarefas da horta, agora que abriron o Continente, deus nos protexa, din no mesón que onte andabas ca filla de Manuel, non fagas loucuras fillo, o enterro dos avós, os funerais de paraugas e bágoas que caen en zapatiños cheos de lama. Paseos polo pasillo e o insomnio pasaxeiro, facémonos maiores meu amor, cala e durme, non collas toda a manta. As viaxes a Miño nos veráns, moi fría está a auga, chegou unha carta e o filliño que se nos vai a mili, coidate e come, escríbenos, ai amor o rapaz xa se nos fai un home. E a mili non fixo mais que comezar para o rapaz de Birbigueiro, zapatiños que mudan en botas rotas e suxas, tabaco negro e hostias con algún compañeiro, cousas do exército, tamén boas festas e domingos dando manteiga pola praza do Ferrol coas rapaciñas que saen da misa, que ben o pasamos, xa chega o bo tempo, paso ligero, ¡aro is!¡aro is!¡aum!, non me atopo ben cabo, e as dores de cabeza, que o vexa o médico, tremen as pernas, padre nuestro, ai amor que chamaron do exército, o fillo que está moi mal, que nolo traen para a casa. A casa en silencio. As visitas dos viciños, a familia, bueno a ver si vai mellor, noites de insomnio, o fillo xa case non se pode mover. Logo deixou de falar, de valerse por si mesmo. Análises, probas, quedou tetrapléxico nuns poucos meses. A mamá entristeceu ao tempo que o pai acusaba cada vez mais os anos de traballo e resignación. Moitos mais invernos e todas as rutinas e coidados que unha nai pode ofrecer a seu fillo. Silla de rodas, cama, sonda, paredes, mais tristura. Confesións de amor en noites de frío inverno, porque se me faltas ti amor, eu non sei que vai ser do noso cativo, apertas compartidas e berriños pequenos de desconsolo que viaxan polo pasillo até a cama do fillo, que tan só escoita e chora en silencio, inmóvil, impedido. Un día pasou o que a nai non quería. Xa ancián, o pai faleceu. Moitas noites cos seus días de inmensa dor, polo tempo que pasa, polo fillo, polo home, por seu papá, pola vida caprichosa que non entende de tardes de ledicia aprendendo a pedalexar en bici en dúas rodas. O final da viaxe está mais preto, cando é menos o que resta do que vai. Logo, a indiferenza, os longos silencios, a sucesións dos meses e dos anos, as atencións constantes ao fillo, a única que o pode facer, as miradas ao seu meniño, a mesma que cando era cativiño e bulía cos zapatiños atados cara o colexio. A casa non está ben protexida e a mamá mandou levantar un enorme muro para rodeala. Agora nada nos inqueda, filliño, xa non se sabe, que tempos, si teu pai vivira, hoxe tes mellor cara. Ultimamente pasánselle as patacas cando fai a tortilla. Entón senta un pouco e chora até se tranquilizar, que vida meu señor, canto hei sufrir, a quen se lle conte, e xa van os oitenta anos, a ver filliño come, que non comes e hoxe xa fas cincuenta e seis ¿lembras?, que neno mais guapo eras, e teu pai, ai teu pai, pobriño, non tes culpa de nada, chegou outra vez o inverno si é que algunha vez se foi. Vou a Lugo, fillo, polas menciñas, unha muller aínda se sabe mover na cidade, logo veño. Longas mañás ollando pola ventá que vida esta.
Choros e indiferenza, alegría tamén pois a todo se acostuma un, a televisión, os fins de ano que son o fin de todo e o comezo de mais fin. Mais o outro día, cecais demasiado silencio, a nai atópase mal e, e deitada na cama, pensando no fillo, nas sondas, na menciña, no seu amor, en facer aínda mais grande o muro, e teño medo, e chorou, e os berros, mais o fillo non se pode mover, choros, ai meu deus, deus nos protexa, e xa non facía frío, xa chegaba a primaveira, a miña hortiña, berro descomunal, logo mais nada. Só os paxaros cantando timidamente fóra e un fillo tetrapléxico que non acerta a saber o que pasa, mais xa intúe que nada bo e pensa na filla de Manuel, e nas hostias do exército, e no papá e na mamá, e no sol que o cegou cando era pequeno e comezaba a montar en bici, e logo si caeu na horta, que ben, mais agora sinte fame, e cansanzo, xa ouriñou toda a roupa da cama, faise noite, berra pero case non pode falar, até iso lle negou a natureza dende hai anos, un día, dous, xa só respira ás duras penas, e no terceiro día, no medio dun cheiro moi descorazonador, deixou caer mais bágoas, morrendo de fame, morreu o fillo. Xa mais nada naquela casona agora tan grande. Xa rematara o inverno e comezara o abismo. Mais tamén morrera a soidade.

http://es.youtube.com/watch?v=xwCtgx9EqTs






miércoles, 4 de junio de 2008

Sorpresas da Rede(aquí o agardo, expectante)


Escritos Urxentes mostra a súa sorpresa e ao mesmo tempo tamén gratitude á persoa descoñecida que deixou a seguinte mensaxe neste vertedoiro cibernético. Só poido manifestar que non nos coñecemos, pero se o obxeto da súa mensaxe era provocar intriga, teña por seguro que o seu propósito cumpriuse sobradamente. Logo de darlle voltas, considero que é algo que teño que compartir con aqueles e aquelas que por aquí se deixen ver. Agardo que non se amole quen queira que o escribira. En todo caso, agardo expectante e intrigado o noso encontro, recoñézoo. Sen mais, unhas verbas que alguén que non se quere identificar, pousou en Escritos Urxentes:





El último libro

En un desierto de estatuas, de sucesos que ya no eran, de todas las leyes que en el mundo habían sido, de todos los libros, los objetos e inventos que las personas habían aparecido, no quedaba más que un gran fuego que Ellos habían ordenado prender con semejante materia para la Refundación de la Vida. Entre el humo que todo lo invadía, que se elevaba y regresaba la oscuridad junto al terror de lo desconocido, se extendía un cielo que por primera vez juzgué irreal e ilusorio. Detrás de mí, dispuestos en filas, un ejército de recuerdos, de recuerdos de los recuerdos, ¿es necesario que siga?
Vi que se desvanecían, acercándose a mi desnudez, vi las sombras de los seres queridos. Enfrente estaba la Muerte, que era un precipicio. Pero en mi mano había un libro. Lo abrí. Leí: “En un desierto de estatuas...” Eso leí.


(caballero urgente, aún no es el momento, pero todo llegará, pronto nos conoceremos.)

domingo, 18 de mayo de 2008

O contertulio: historia do que fumos.


É unha longa historia. Logo de pubricar oito libros sobre a nobreza lucense e galega, decateime que xa non había mais nobreza que reflexar nas páxinas de futuros libros. Nembargantes, a miña traxectoria até ese punto fora meteórica. Comezara enviando cartas ao director de El Regreso; gardo con especial cariño unha que lle adiquei como agasallo ao señor vispo, con motivo do seu nomeamento. Lugo enteiro era frores nos balcóns e alegría desbordante nas rúas do centro. Por aquel tempo eu comecei a abandoar a compaña dos borrachos que seguían con atención os meus progresos na inxesta alcohólica e as miñas crónicas trepidantes sobre calquera suceso que acontecera na cidade ou na miña aínda refulxente imaxinación. Era o mellor da nosa vida. Como dicía, deixei a estes borrachos, ignorantes e pendencieiros na súa inmensa maioría. Tamén deixei o traballo, e deixei á miña muller, e deixei varios fillos e fillas coa miña impronta ao ancho e longo da comarca lucense. Ao tempo, comecei a explorar os límites da literatura, e deixei melena. Saía pola mañá da casa e comezaba a andar, lendo, eu que sei, un libro sobre Cela nun pobo que se chamaba a Casa de Cristo, e ao chegar á metade, erguía a vista e xa me atopaba na Tolda. Logo daba a volta e chimpábao nun vertedoiro. Á noite xa non me lembraba do que lera, pero toda a cidade vira ao seu tótem lendo coas guedellas ao vento o libro dos elixidos. O caso é que, abandoei a compaña daqueles borrachos e comecei a frecuentar a compaña doutros escritores da miña xeración, mais borrachos e mais cultivados que os meus primeiros seguidores. Ao comezo, xuntabámonos en calquera taverna da Milagrosa, ou da Ponte, e pedíamos unhas tortillas e falábamos de mulleres, de homes, e tamén, algo, de política. Logo, cando xa as nosas carreiras comezaron a medrar, decidimos que unha xeración de escritores tiña que ter un local emblemático. Acordamos que un vello bar ou café no casco vello sería un marco idóneo para as nosas pretensións. Pero aquelas reunións esporádicas, logo tornaron nun hábito que ocupaba as longas tardes e noitiñas de inverno, e que se transformou no centro da nosa actividade: nacera a Tertulia. Todo aquelo desencadeou unha serie de comportamentos rituais e actitudes que nunca teriamos pensado que se poidera dar. O motivo principal foron os ciúmes. Os ciúmes literarios. Eu que sei, se nun bar un entraba só, e era convidado a un café ou a unha copa polo dono, pronto a nova se espallaba coma a pólvora, e entón alí acudían de contado os demais do grupo, esixindo o mesmo trato. Nunha ocasión, un contertulio meu, abriulle a cabeza a un pobre home que rexentaba un modesto bar na Rúa Nova. Entrou feito un furacán, din que botaba espuma pola boca, e colleu e preguntoulle ao home que pensaba da obra literaria de Boris Vian. O vello díxolle que alí non servían merdas desas ou algo así, e entón o meu contertulio ollouno con faciana afectada e díxolle solemne:" É vostede un fillo de puta, e o peor de todo, é vostede un completo ignorante". Logo saiu do bar recitando cancións do Vian, e enganchou un tabrón dunha obra, ingresou de novo no bar, e preguntándolle de novo se se atopaba conforme e seguro coa súa resposta, colleuno dunha orellla e levouno para fóra da barra. Logo partiulle o tabrón na cabeza. Namentres o pobre home laiaba no chan, sangrando pola cabeza, o meu contertulio serviu unha copa de güisqui e procedeu a axeonllarse á súa altura, recitándolle as pasaxes mais sustantivas da existencia e da obra do Boris Vian. Facía acenos coas mans ao tempo, e inclusive botou unhas bágoas resaltando o conmovedor daquela escritura.

As cousas non ficaron así. De súpeto, comezamos a desconfiar os uns dos outros. Ao principio tentábamos o clásico destes encontros: despistar. Se a tertulia se celebraba pola tarde, pola mañá cada un preparaba as súas armas, lendo frases ou pasaxes preferidas dunha obra determinada. Unha frase dun matemático grego por aquí, unha afirmación dun pensador do século XIX por aló, unha canción memorizada, algún rasgo do compositor da mesma, cousas así, tamén o vestiario. Houbo unha temporadiña na que comezáramos a levar garavata. Logo, todo eran competicións por quen levaba a garavata mais bonita. Pronto observamos que o feito de que combinara cos carpíns era algo que chamaba a atención dos demais, e si coincidía coas feituras do pano, moito mellor. A hora de chegada ao café ou ao bar tamén era importante. Coidábamos que o feito de ser o último outorgaba algo de literario a quen se retrasaba."Atoparase rematando ese gran artigo, xa o coñecedes...él é así". Pronto comezamos a chegar tarde, e entón, como xa era algo que todos facíamos, chegou a época das razóns mais convincentes. "Non, é que me detiven cun par de policías na Porta Falsa, levo varios días detrás deles, ando estudando aos personaxes da miña próxima novela" , ou "cando me erguín esta mañá atopábame no termo municipal de Barallobre, nunha casa de putas, onte estiven con dous coñecidos pintores e unha escultora da cidade, e unha cousa levou a outra e...", e tamén o clásico "non puiden chegar antes. Miña muller fíxome limpar todas as paredes da casa. Marchou unha semana coa nai a tomar as augas, e cando entrou leu os dous primeiros capítulos do meu ensaio escritos na parede da cociña, comecei a crear e...". En definitiva, aquelo estábase a desviar dos cauces normais dunha reunión literaria. Pero o peor de todo é isto que agora contarei. Un ano, co gallo do Día das Letras Galegas, saiu o tema. Dunha banda, dábase a circunstancia de que os oito escritores que compoñíamos aquela tertulia publicabamos libro a comezos do verán. E polo outro, nalgúns corriños da Praza de España, comezara o infundio da posibilidade de que un de nós podería ser homenaxeado se se dera a terrible circunstancia da nosa desaparición. Isto creou polémica. Uns falaban de matar ao mais veterano da tertulia, pois aquelo daríalle o pulo definitivo á nosa xeración. Outros falaban de simular unha morte, a do mais novo, pois aquelo outorgaríanos o malditismo que, para seren francos, non posuíamos. Dous membros houbo que deslizaron nos días posteriores que pensaban no suicidio, dicían que por problemas económicos, unha mala racha. Ao final, só se atreveu un, un pobre diaño da zona de Alfoz, que escribía infumábeis historias de homes viúvos que choraban na soidade, e alí, na escuridade, comezaban a recitar monólogos de gardaría. O moi fillo de puta foi orixinal. Arrincou todas as follas do seu último libro, ainda sen publicar, e comeunas. Morreu por perforación estomacal. Os editores sacaron unha por unha as follas do libro, faltáballe o final. O moi pillabán gravárao nos cuadrís cunha punta da caixa das ferramentas. Pobre diaño. A verdade é que eu nunca o tivera moito en conta, pois só se animaba a falar a partires das oito da mañá, cando os demais xa entráramos na decadencia dos berros salvaxes e os lanzamentos de botellas. Por riba, tivo mala sorte. No último momento, un escritor da zona de Verín, provincia de Ourense, guindárase dende o alto da igrexa do pobo, e convocara por escrito a tódolos viciños. Alí falara sobre a necesidade dunha actitude radical ante a literatura, e logo saltou o malpocado. Din que os viciños miráronse os uns aos outros e logo foron tomar o vermú. Así que, pasado o Día das Letras Galegas, e pasada a presentación de tódalas nosas obras, veu cecais o mais curioso desta insólita historia. Era a procura do argumento para a seguinte. Influídos por unha obra de Poe, na que falaba da capacidade dos nenos para saber o que pensan os maiores adoitando a súa mesma expresión facial, comezamos a non mirarnos aos ollos directamente. Aquelo provocaba que, ao mellor se discutira a nova poesía latinoamericana e que os contertulios nos atopasemos ollando o chan. Rematamos por non falar, só diciamos incoherencias, tentando non facer ningún aceno sospeitoso de pensar nunha cousa determinada. E pouco a pouco, a tertulia foi derivando nunha sorte de procesión silenciosa de enaxenados, que pedían as súas consumicións, ficaban en silencio unha hora e logo ían para a casa, a escribir. Aquelo deteriorou a unión que se estabrecera entre nós e nunca mais voltamos vernos. Hoxe recibín unha carta dun deles e, de súpeto, entendín toda aquela loucura febril. A carta dicía o seguinte: "Mirade, Cabaleiros, coido que é hora de rematar con esta tolería e de poñer as cousas en claro. Para tal motivo, convoco a tódolos antigos membros da Tertulia a un combate a morte no aparcadoiro do Anxo Carro, á medianoite, baixo a luz da lúa. Só levaremos enriba a nosa pel, quero dicir que acudiremos espidos, e sen mais armas que as nosas mans, os pés, e os collóns que cada un considere pertinente empregar. Será un combate a morte. Só o mais forte debe continuar escribindo. Os demais deben desaparecer. Alí vos agardo. Asdo: O Cabaleiro da Piringalla."

E agora, minutos antes de partir cara a batalla final, cara a gloria literaria, aquí, espido ollándome nos cristais do portal, decido deixar acta escrita do que fun, do que fumos, aquela Tertulia, os homes que quixemos trocar o mundo. Déixolle as chaves da finca de Mos á miña irmá Esmeralda, se algo malo me pasara dalle de comer ao Roni e colle as chaves de riba da entrada.


Asdo: O Cabaleiro de Fontiñas.

viernes, 25 de abril de 2008

As bágoas do descoñecido


"A auga é vermella. Agora é noite. O ceo é vermello tamén. Ferve. Non se ve nada. Por algún estrano motivo só se adiviñan sombras, imprecisas doutra banda, a cada unha das beiras desta sorte de río. A corrente baixa salvaxe. O vermello deste ceo é escuro e non convida a relaxarse. Unha profunda presenza invádeo todo. Pequenas nubes de fume saen desta auga que só incita a berrar. Ninguén fala, ninguén hai, ou iso semella. De súpeto, algúns ruídos estranos comezan a escoitarse dunha das beiras. Si alguén navegara o río, contra a corrente, cecais fora empurrado pola corrente. Remonta-lo río é unha fazaña inimaxinábel. A cada intre hai mais fume, a cada intre mais ferve a auga, chega das beiras do río un triquetraque enxordecedor, serras? non se sabe. Agora non se ve nada, o ceo mudou en negro, só unha grande sombra, a súa sombra...




Polas vellas táboas de madeira que conforman o chan dun piso algo coñecido corre un fío de sangue. A sangue que repousa xa case que seca, é negra, escura. Mais arriba, un regueiro de sangue, aínda vermello, aínda húmido, aínda quente, corre con violencia dende o corpo sen vida dalguén. Hai unha muller que repousa no chan. Está morta. A súa faciana é a da morte, o afiado do seu debuxo e o enrugado da súa pel fai pensar que se trataba dunha muller de avanzada idade. Hai un silencio brutal. Non. Hai alguén mais. Alguén que vive e que respira axitadamente. Riba dunha cama, sentado, nunha habitación preto do corredor, un home tamén ancián, repousa a cabeza sobre as mans e os brazos. Olla para o chan. Non ten pelo. Alí, no chan, hai un coitelo cheo de sangue. Algunhas pingas aínda penduran deste. Agora a respiración modérase. Nunha das pingas hai un reflexo, agora a pinga é mais e mais grande, do tamaño dun grande espello roxo. Nese espello hai unha faciana que non se acerta a recoñecer. Esta faciana descoñecida achégase ao espello, fúndese no vermello da sangue...




Agora só se ve con dificuldade a superficie dese gran río roxo, que ferve mais e mais, coma cando un se mergulla na auga e se sumerxe non por completo, dese xeito se ve. De súpeto, e agora sí, unha enorme figura sae do descoñecido, do medio da vexetación imprecisa dunha das beiras. Pero é unha sensación estrana, alguén familiar pero descoñecido a un tempo. Agora achégase. Sí, é él..."






Estimada Lily:





Vou morrer de calor, ou o que é peor, de desesperación. As rúas desta cidade, se así se lle pode chamar, feden a fideos, a humidade, non atopo o teu arrecendo por ningures. Onte tiven un sono extrano. Nel, atopábame nunha casa, extraordinariamente familiar, mais que soño era un pesadelo, pois dese xénero eran os feitos que nesta visión acontecían. Había un grande río, era de noite, o ceo era roxizo e escuro, nunha combinación insólita, a auga fervía. A auga era roxa. Nas beiras deste río fantasmagórico, anunciábase o medo en forma de sombras imprecisas e difusas.Sentín moito medo e logo acordei. Eran as cinco da mañá e ollei pola fiestra e bebín auga. Esta cidade semella que non durmira nunca. Hai algo sorprendente pero inquedante en todo o que aquí se produce. Non sei, é coma si algo malo estivera por acontecer.Filipinas non é exactamente o Vietnam, pero supoño que moi semellante; Manila non é Hanoi. Onte camiñei por Roxas Boulevard e vin moitas luces. Estas rúas son semellantes ás do pobo, coma as rúas do noso pobo pero as luces do primeiro día en que as vimos, así son as rúas de Manila. Roxas Boulevard está ateigado de postos de comida rápida, hai fume por todas partes. Hai un home que vexo tódolos días antes de coller o autobús que me dirixe á rodaxe. Él olla para min e saúdame, pero é un saúdo bastante misterioso, pois sempre o fai no intre en que eu me xiro dende o bus para comprobar si se esqueceu. O mais sorprendente é que hoxe achegueime e o home era cego, coma nas películas de artes marciais das que se ri Franz na rodaxe. Aquí ninguén o coñece. Él semella bastante tranquilo, aínda que a semana pasada chegou unha carta de California, na que lle comunicaban que perdera a casa. Dentro dun mes irán tres anos de rodaxe. Os actores din que se arruinou, que xa non lle queda mais diñeiro. Os dos helicópteros dixeron que non saen mais sen que lles pague o que lles debe. A produtora di que nuns días pecha o asunto, e todos de volta. Non sei que vai ser. Onte trocando un teleobxectivo, un Bolex, case vai a cámara ao carallo. Eu atopábame a tomar imaxes dunha das esceas dende unha barca no río. Charlie chegaba ao campamento ao final do río. Houbo un grande golpe na barca e o filipino que andaba no motor, case cae á auga do impacto, dixo que fora un cocodrilo. O caso é que o teleobxectivo foi para o río. Non me quedan mais, dos de 21 mm, e entón tiven que facer o resto da escea cun de 25. Os de montaxe e mesmo Francis ficaron abraiados polo efecto, e pola noite leváronme a tomar algo con eles á cidade. Bótote de menos. Non sei que clase de loucura é esta. Eu xa perdín o fío da historia. Todo ía ben ao principio, remonta-lo río e todo iso, pero agora xa non sei nada. Xa non sei se son cámara de cine, ou un simple louco. Por riba, o divo desapareceu da rodaxe. Os de maquillaxe din que agora durme no esceario da escea final, que só poden entrar alí o director e dous actores, ninguén mais. O río. O río está presente todo o día. Se vamos tomar algo, alguén antes ou despois saca o tema do río, e que? que queren que lles diga eu do río? que boto dezaseis horas ao día facendo probas coas putas cámaras para cando o divo decida que é o intre de rodar? Non sei, onte pensei en abandoar. Díxenllo a Francis, díxenlle que se buscara un cámara, eu son demasiado novo, hainos a centos coma min, e él, con toda a tranquilidade dun louco que perdeu toda a súa fortuna e a casa nunha puta rodaxe, colleume polos ombreiros e díxome se tiña reparado nas luces de Hanoi cando chega a noite; Hanoi! Atopámonos en Manila e este enaxenado preguntoume se gostaba das luces de Hanoi! O peor de todo é que comezou a falar das luces de Hanoi, dos taxis e das bicicletas e a suor dos rapaces que pedalexan levando aos turistas, faloume dos farois das casas de masaxe, das portas vermellas dos restaurantes, do presumidos que son os filipinos, preguntoume se tiña reparado nos espellos que hai por metro cadrado nesta puta cidade, e eu díxenlle que sí, que sí, que vira moitos espellos e que vira como as recepcionistas de tódolos hoteis dos que nos botaron non deixaban de mirarse ao espello, e chiscaban o ollo ó rapaz das maletas, e o rapaz das maletas subía na bicicleta que por suposto levaba espello tamén, e o rapaz ollábase. E así, Lily, así botamos dúas horas falando dos espellos de Manila, ou de Hanoi, a cidade con mais espellos de toda Asia. Logo díxome se tomábamos unha cervexa, e dixen que sí, e esquecín os teleobxectivos no taxi, e díxome que a clave atopábase nos chinos. Os chinos, Paul, díxome. Paul, os chinos son a maxia, cando os europeos aínda non sabiamos que nos atopabamos vivos, os chinos cruzaban os mares con barcos xigantes nos que levaban hortas e prantaban froitas e hortalizas, e legumes, e evitaban o escorbuto, e trouxeron ata aquí os espellos. Os chinos traían os espellos, e os espellos son a auga, Paul. Imaxina ao señor Coppola dicíndome que os espellos son a auga, porque reflexan a vida, porque o xeneral Kurtz comprendeuno e afastouse dos espellos, para ser él, e non ser toda a vida o reflexo dun espello, comprendiches Paul? Iso quero que graves. Se non te ves con forza, me dixo, aquí mesmo, toma, colle mil dólares e colle o primeiro avión, pero se aínda confias en min, aguanta, xa nos atopamos preto. "Esto é mellor que Disneylandia" pensei e pensei nas walquirias, e en toda esa merda de Wagner, e cheguei ao hotel medio borracho, pero orgulloso de atoparme rodando co señor Coppola, e na habitación lembreime de tí, e comecei a dar golpes na parede da habitación, e xa era noite, e logo chorei. E chorando, caéndome as bágoas por tí, por tí Lily, vin a través das bágoas as luces de Hanoi, de Manila quero dicir, e esas luces na noite, na noite abafante de Manila, semelláronme as luces mais bonitas que tivera ollado nunca. Pero faltabas tí, Lily. Pronto estarei aí. Bótote en falta. Logo tumbeime na cama, baixo o ventilador, e vinme en Saigón, pero o meu ventilador non funciona, e voltaron esas horribles imaxes do sono que che contei antes, xa non aguanto mais. Quérote.



P.D.: Non sei se poderei xuntar diñeiro para ir este mes. Pero pronto estaremos xuntos. Moitos bicos e coida moito de meus pais.



Paul Letterman, Manila-Filipinas, Outubro de 1972




Telegrama urxente

Oficina da Embaixada Americana

Á atención de Paul Letterman

Remitente: Lilian Jones, Main


Querido Paul:


É urxente o teu regreso á casa. Aconteceu algo terrible. Túa nai apareceu morta na casa. Teu pai entregouse á policía. Quérote mais que nunca. Non consigo conectarme telefonicamente co hotel. Síntoo moito.








martes, 1 de abril de 2008

Saltimbanqui (Making off): Premio Diario Cultural



Un día do 2007, concretamente entre o 2 e o 5 de Decembro, un rapaz entra nunha páxina web e ve que se convoca un premio de teatro radiofónico. Logo, tecrea nas bases da primeira edición do ano anterior. Observa que o gañador da edición pasada chámase David Rodríguez, e que traballa de repartidor en Pontevedra, e que gañou cun texto que era unha conversa entre dúas persoas no interior dun coche. Moito antes, puidera escoitar a obra, tidúada "O bambán".




Comeza o xogo. Comeza en canto que o rapaz ten gañas de facer algo, pero agora o problema é qué facer exactamente. O xénero do teatro radiofónico é algo descoñecido para él, e inclusive no teatro, tendo lido algunhas cousas, considera que non abonda para aventurarse xa na escrita dun guión.






Así que se propón, de xeito informal, centrar os seus pensamentos en definir os personaxes da súa obra. Isto non ten porque ser sentado nunha cadeira, nunha habitación en silencio, ou con música. O rapaz pensa no tema camiñando pola rúa, por momentos; no coche, adestrando, ou antes de durmirse, e como resulta que é un xogo pracenteiro, pois tampouco constitúe un problema.



Nos días seguintes, logo de considerar que sería un pouco temerario, e se cadra irrespetuoso co xénero, acometer a empresa da escrita sen ler algo mais, rebusca un pouquiño mais na Rede, e atópase cunha das sorpresas mais agradables de todo o proceso: navegando na Internet, chega por casualidade a unha referencia da obra radiofónica de Enrique Santos Discépolo. Sorprendido, pois coidaba que o arxentino, o tanguista e letrista só se adicaba á música, decide afondar nesa primeira pista e rebusca un pouquiño mais. A sorpresa non se fai agardar; na páxina dunha universidade peruana, ou chilena, agora non se lembra, atopa a edición informática dun libro de Enrique Santos Discépolo, tidúado "Mordisquito", 150 follas nas que se atopan os monólogos que durante algún tempo o autor arxentino pronunciaba nas ondas herzianas, nunha sección que recibía o nome de "Mordisquito", na radio arxentina. A sorpresa é meirande aínda, cando accede a algunha das deliciosas narracións en formato de audio, que multiplican a calidade duns textos de por sí xa excelentes, a mágoa é que eran monólogos ou sinxelas reflexións sobre temas diversos fundamentalmente, aínda así, a experiencia é conmovedora.



Emocioado pola lectura e a escoita deste tesouro inédito, segue na procura de mais cousas. Le na Rede tamén algunhas cousas de Bertold Brecht, o autor de orixe alemán que tamén traballou coa radio. Mais animado xa, decide reler algunhas obras do teatro grego e compretar outras, que xa tiña lido meses atrás, libro que lle deixara Meiriño, un detective da cidade, mellor dito, o detective da cidade. Xa enganchado na idea do guión, acude a unha libreiría. Aínda non é suficiente, cómo ía abondar? Faise coa obra teatral de Bertold Brecht, outra peza teatral de Harold Pinter, pertencente á colección dos Libros Do Centro Dramático Galego. Lee tamén Os vellos non deben de namorarse, obra teatral de Castelao. Uns meses antes, tiña completado a lectura do Don Hamlet de Cunqueiro, logo de ler o libro de Darío Xohán Cabana sobre o ilustre mindoniense, tiduado "Cunqueiro no San Froilán, Don Hamlet en Lugo".




Veñen os problemas. Dunha banda, o feito de ler sen máis é unha empresa bastante reconfortante en sí mesma, sen necesidade de escribir, e por outra, canto mais lé sobre o teatro, mais respeto lle pon facer algo él mesmo, aínda que sexa sen pretensións obviamente. Pero él pretende facer algo digno, non presentarse por presentar. De calquera xeito, pensa que xa está pagando a pena, porque en pouco tempo coñece varias obras que agora degusta cada vez que as lembra. Entramos xa na segunda quincena de Decembro. O prazo remata o 8 de Xaneiro do 2008. Aínda non ten nada escrito.




Pensa o rapaz nas fontes das que tentará beber para a súa obra, e conclúe fundamentalmente que son dúas, ademais de comprobar unha característica de sí mesmo que agora se citará:




As dúas fontes: 1.- A fonte da súa propia estupidez; fonte que doutra banda mana cantidades inxentes de estupidez ata puntos sorprendentes para o propio estúpido.



2.- A fonte da Quinta de Pérez: a uns poucos metros da casa de seus pais, fonte a onde o rapaz ía coller a auga en dúas garrafas de auga cando era pequeno(set´anos) e alí coincidía habitualmente cun home de faciana helvética, enroxecidas as meixelas, algo gordo e que recollía a auga en dúas garrafas de cristal de Johnnie Walker de 3 litros, feito este que impacta profundamente ao rapaz ata gravarse xa como parte das visións da súa infancia. Pode que esta visión pesara mais que tódalas lecturas interesantes que agora de maior acometía o rapaz co ánimo de ilustrarse un pouquiño? Pode.



Característica de sí mesmo que agora se citará: relacioada coa primeira fonte, isto é, a da súa propia estupidez. E referímonos ao impermeable desta estupidez, é dicir, ao grao de resistencia a ser influída polas múltiples lecturas de natureza teatral que o rapaz acometeu. Isto, sen dúbida, é unha traxedia. Tentar documentarse dende a humildade e o respeto, un achegamento prudente ao xénero teatral, e rematar escribindo a historia de dous borrachíns, por outra parte, totalmente respetables. Rematar escribindo a historia do Maca e do Buxía. Iso, en verdade, non entraba dentro dos plans. Nin o rapaz sabe de onde saiu o triángulo amoroso do tío do Maca, o Ricardo, e a Ermenilda, ou Ermelinda. Segunda sorpresa do proceso. Unha historia que surxe dentro do propio acto da escritura, sin ideas preconcebidas.




Nota: Por suposto, este concepto da fonte da propia estupidez non é obra do rapaz, senón doutro rapaz que viviu hai un par de séculos, chamado Thomas De Quincey. Gratitude, Tom.




Séntase a escribir nos primeiros días de Nadal. Consigue escribir as primeiras liñas, non máis de media páxina. O detective Meiriño tíñalle deixado parte da obra teatral de Valle-Inclán. Acotacións perfectas do autor de Luces de Bohemia ou Martes de Carnaval. Fica impresionado de novo.



Continúa a historia e a sorpresa acontece no proceso da propia escritura. A historia que logo dará tíduo á obra, a historia do sereno, a historia do Saltimbanqui aparece sen premeditación e nunhas poucas horas queda lista a primeira parte de toda a obra, aínda sen corrixir nin revisar. Pasan alegres os días de Nadal, xa queda menos. Lembra, malia todo, algo que lle gustaría que ficara reflexado na súa historia, independentemente do mellor ou do peor que sexa esta, ou da capacidade ou incapacidade do autor para expresala axeitadamente. É o feito de tentar non ficar na anécdota, é dicir, na sucesión de historias baixo un rexistro coloquial ou sinxelo, senón tentar darlle pulo ao propio idioma tentando usar verbas que pertenzan a un galego culto tamén, tentando mesturar ambos rexistros, un mais coloquial e outro mais culto, pero claro, isto pensado dende as limitacións evidentes que ofrece quen o tenta.





Para variar o rexistro, e darlle un pequeno xiro ao rexistro e á historia, surxe a figura do Eleuterio, que o rapaz sí ten clara dende o principio. Un pesimista, un iluso cultivado, un tanto patético pero que sexa capaz de elevar algo o rexistro do Maca e do Buxía, non moito tampouco, pero sí ofrecer o contraste que provoque o escarnio por parte dos outros dous. A terceira sorpresa ven cando surxe na escritura, unha vez mais, algo que non estaba no guión. O ser consciente de que o resultado final será unha mestura entre o que se pensaba que ía resultar e o que vai surxindo polo camiño é algo que axuda a non deterse durante a escritura, polo menos sí lle axuda ao rapaz. E coida que é isto, a incertidume, o que engancha do acto de escribir, en función da expectación que se vai acumulando no interior de quen escribe. Así que, sen avisar, surxe a historia do viño con sabor a queixo, e a historia do trono que persegue ao pai do Buxía, aínda que esto ben podería ser algunha copia inconsciente das historias de Os outros feirantes, ese libro estupendo de Cunqueiro(está de mais que diga que isto é xogar a xogar a ser imitador de Cunqueiro, non é unha comparación). Aquí sí hai que ter coidado, porque hai xente que consume a vida escribindo cousas que xa están escritas, e supón o rapaz que se cumpre iso de que toda a literatura é unha parte incompleta dun poema universal eterno, e que tódolos argumentos que se lle ocorran a un xa están inventados, e que ademais o número de argumentos que se poden inventar e finito, limitado, aínda que sexa un grande número deles. Esta concepción é aterradora e pode atrancar a escritura, así que o mellor é continuar para diante. Finalmente, no último día do ano, pola tarde, na soidade da habitación, o rapaz conclúe a historia, tentando relacioar o contado polo Eleuterio coa historia do tío do Maca, pero só nalgunhas cousas, non se pretende un relato exactamente elíptico. É tarde xa para variar a natureza da obra creada. Peca de pretensión literaria e teme o rapaz que non se axuste ás esixencias do Premio. Boas sensacións por ter rematado e por divertirse ao escribila, pero demasiadas dúbidas. Son as seis da tarde aproximadamente. O móvil soa; son os amigos que agardan para xuntarse e tomar unhas cervexas. O rapaz non atende o móvil. Ao tempo que foi compretando a obra, foi pensando un pouco no tema da música.Para o disparate, Tom Waits, ou Otto e Mezzo(esta era demasiado rápida), pensa ao momento en Django Reinhardt e Stephan Grapelly, xa se inspirara na figura do Django para a fisonomía do Eleuterio, pois o Django só tiña dous dedos nunha man, e aínda así chegou a ser considerado o mellor guitarrista do mundo, pero un día abandoou todo e foise a vivir ao campo e iniciouse na pintura. Pensa tamén no Tomatito e no Michael Camilo, nunha canción que o Cadaval usara nunha emisión dunha historia do rapaz, unha historia de náufragos mariñeiros que lera o ano pasado durante unha emisión na Boca da Noite. Aquí chega un punto patético antes de sair á rúa para xuntarse cos colegas: comeza o rapaz a facer probas coa gravadora do móvil coas cancións de Youtube de Tom Waits instrumental e as acotacións do texto da obra; a figura de Eleuterio era tamén unha ironía sobre o malditismo, e descóbrese o rapaz achegando a boca ao móvil na penumbra da habitación e lendo as acotacións, iso foi pisar a lama. O rapaz abandoa a casa. Chega o 2008 e Meiriño bótalle unha visual a última hora a obra, e onde o rapaz vía algún erro, Meiriño ve cinco. Mais gratitude. Convencido de que non revisara suficientemente a obra, chega a revisión pesada co diccioario ao lado. Por fin remata, e redacta unha mísera folla de suxerencias para a súa dramatización, nos que inclúe unha pequena descripción dos persoaxes. No papel do narrador pon: descoñecémola súa natureza, pero imaxinámolo cunha voz penetrante, profunda, sombría. Cecais individualista, sabe ler. Sobrio.





A sorpresa é maiúscula meses despois cando escoita a obra e descobre que o Cadaval, director da adaptación, colleu o papel de narrador. O rapaz coida que a adaptación radiofónica debeulle dar bastante traballo ao Cadaval, e aos actores, pero o resultado paga a pena, porque lendo o texto orixinal, e escoitando o resultado, compróbase que un texto cecais excesivo, desmesurado, tornou pola man do Cadaval, nunha HISTORIA con MAIUSCULAS con vida propia, da man da voz duns actores que o bordan, nun exercicio de sensibilidade, xenerosidade e bo gusto por parte dos actores e o director. É de xustiza recoñecelo. E o rapaz síntese moi agradecido. E así o expresa. Para que conste. E agora, o rapaz entra no blog do gañador do ano pasado e inclúe o enlace para esta historia que aquí se conta. Boas noites.

PD: E un saúdo ao Goyeneche, aló onde se atope, sabios versos.http://www.youtube.com/watch?v=ZPabI7xRUYs