jueves, 7 de mayo de 2009

Preguntas de Giovanni Papini


Identidade. Sacar o D.N.I. á segunda. Eu identifícome...Porqué? E porque se tería alguén que identificar constantemente con segundo que cousas? Porque nos custa tanto desprendernos das nosas crenzas? Porqué? Porque a maior parte das veces os nosos propios pensamentos pensan por nós ante situacións dadas? Porqué? Cal é o motivo polo que nos introducimos nun xeito de manobrar anodinamente mecánico e preconcebido? Cal? Cal é o motivo de que moitas conversacións nos resulten tan silenciosas, que non saian do propio silencio, que non se oia máis que silencio, malia a barafunda de voces e berros? Que teño eu de especial por nacer onde nacín? Que teñen os outros de especiais por nacer noutro lugar? Cal é o motivo polo que todo nos vén explicado, polo cal se constrúe o pensamento civilizado? En que deriva o suposto pensamento civilizado? Acaso non deriva en esmagar aos de sempre? Porque os periódicos, de ideoloxías tan dispares, comparten estruturas tan semellantes? Porque se glorifica a humildade, o servilismo e o traballo? Que hai de malo en disentir? Porque pensar un día unha cousa e ao día seguinte pensar a anterior é malo? Que teño eu de mellor que o outro? Non só se trata maiormente do propio azar en grande medida? Iso é motivo para sentirse mellor, ou superior, ou máis que, ou tanto coma ou que? Alguén viu o lugar cara o que se nos di que nos levará o noso comportamento intachable? Alguén o viu de verdade? En que consiste un plan de vida atractivo? É bo ter un plan? Nese suposto, é mellor que sexa un plan de vida aprobado por unanimidade? Ou sería malo ter un plan de vida non aprobado polos demais? Que ten de malo a inacción? Ou que ten de malo ser hiperactivo? Porque non é bo drogarse, e é bo ser un infeliz na miseria pero non drogarse?Porque sempre se ve mellor concordar que rebatir? Porque sempre hai recompensas e cenorias imaxinarias nun futuro que nunca se sabe ben cando vai chegar, se facemos tal cousa ben, ou facemos estoutra? Porque hai que competir con alguén? Porque se nos obliga a competir cos demais? Porque primeiro se fan estradas e antes ou despois un tanque pasa por elas? Ten sentido facer estradas? Porque morrer de fame é tolerable? Porque unha derrota deportiva ou unha victoria é un bálsamo? Cal é o nome da persoa que inventou o tempo, a imaxe móbil da eternidade? Porque as persoas de hoxe en día saben o lugar e a hora na que se van atopar de hoxe en tres anos? Porque todo aquelo que se nos vende como felicidade, non é máis que un fodido conto chino? Porque somos educados no exclusivismo que outorga o diñeiro? Porque non se fomenta o afán por coñecer? Porque os loucos din cousas tan abraiantes? Un psiquiatra é feliz? Porque os coches teñen apariencias tan distintas? Non son todos motores con catro rodas? Porque na praia levamos bañador? Porque o gordo é tonto, ou o feo non é tan listo? Porque ás sectas non lles chamamos relixións? É máis perigosa unha secta de vinte tarados coa que nos atemorizan, ou é máis perigoso o fanatismo cristiano ou islámico masivo? Porque os governos non sancionan económicamente ao Vaticano por denostar o emprego do preservativo? Porque é ilegal queimar diñeiro? Porque hai tantas depresións? Non éramos felices traballando? Porque os homes matan ás mulleres? Onde estaba o país que ía rachar se outro aprobaba unha lei? Porque non podemos vivir sen teléfono móbil? Porque eu non podo saber de onde procede a financiación dos partidos políticos? Cal é o motivo polo que toda esa xente de traxe nunca ingresa no cárcere? Eu podo ser aceptado nun partido político no que mostre o meu desacordo? Porque tantas presas en gardar nos museos o rock, por exemplo? Cal é o motivo polo cal se se rabuña un pouco nada máis na realidade, todo comeza a feder tanto? Porque estou escribindo estas preguntas? Porque teño un blogue? Porque quero mostrar aos demais o que penso? Porque é máis razoable ter un blogue que subirse nun banco no medio dunha praza e comezar a falar? Porque está mal visto falar cos descoñecidos? Porque hai que ir serios polas rúas? Porque queda moi ben apurar o paso e ter faciana de ser unha persoa moi ocupada en asuntos moi importantes? Porque hai unha parcela que defender? De quen? Quen nos vai atacar? Que hai que perder? Que nos traerá gañar? Rápido, sempre á fronte.


P.D.: "Los libros hablaban y hablaban, pero yo sólo pensaba en el fin del mundo" Leopoldo María Panero, un dos seus primeiros poemas escrito aos catro anos.




martes, 28 de abril de 2009

Debut na oralidade no I.E.S. Monterroso; Concerto de Xoan Elías no Conservatorio




Onte debutei na literatura(ou pseudoliteratura) oral, na oralidade. Supoño que me atopaba algo nervoso. Foi no salón de actos do I.E.S. Monterroso, convidado polos responsabeis da Área de Música e pola súa directora. Foi unha conferencia- monólogo e performance, se tal mestura existe, co alumnado de 4º da E.S.O.


O motivo da mesma era a relación da música cos medios de comunicación, si ben é certo que se tocou a literatura, o teatro, o cine, tamén a publicidade. Falouse de motosegadoras e de rebeldía, do poder misterioso da música, da imaxe e da palabra literaria para modificar os estados anímicos das persoas, das musas gregas e shakesperianas e da Terceira División, de rock e de folclore, de jazz e de baixar abraiados a pendente, da Guerra dos Mundos e de castiñeiros que son naves espaciais, da negación dun mesmo e de queimar edificios, tamén houbo teatro radiofónico, H.G. Wells, Orson Welles, o ele ápico-alveolar fricativo sonoro e o ese alveolar fricativo xordo, a importancia dunha correcta dicción ao falar en inglés, conversacións surrealistas escoitadas en pubs(ou pafetos), da experiencia musical, de afondar nun mesmo, de libros e dos primos da aldea, e tamén estivemos a escuras, con música, imaxes e un texto escrito para a ocasión. Desfilaron os nomes e facianas de moita xente, houbo algunha que outra gargallada e o que é máis importante, conservei a miña integridade física logo dunha hora e corenta minutos. Se os rapaces se aburriron, unha de dúas: ou foron moi ben educados ou disimularon moi ben. E quero transmitirlle a miña gratitude á Carme Sarmiento e ao Rodrigo, pola súa xenerosidade. Tamén ao alumnado que asistiu ao acto, pola súa actitude e por deixarse levar sen medo, con respeto e humor.




Concerto do Xoan Elías: os regueiros do talento




Á noite, no conservatorio, deixou o seu arrecendo xenial un pianista académico, excelso, novo, brillante, tantas cousas que se esgotan os adxectivos: un pianista e músico con maiúsculas chamado Xoán Elías Castiñeira, alumno aventaxado de Granados e demais figuras senlleiras da música clásica e universal. Pezas de Beethoven, Mompou, do propio Granados e Albéniz resoaron no auditorio do Conservatorio Lucense facendo tremer os miolos dos que puidemos asistir. Foi grande. Evidentes e tamén agochadas eran as alertas de atoparse ante un fenómeno do piano, que nas súas mans semellaba unha autopista do talento. A miña sensación foi semellante á dun analfabeto escoitando un conto de Borges: percibes que estás asistindo a algo moi grande, pero non sabes de onde procede tanta grandeza; intuín o infinito da dedicación, da disciplina, do método e da exercitación, e sentín vertixe; ademais vin a un rapaz delicadamente culto e pedagóxico co heteroxeneo dos seus ouvintes. E vin que aquel rapaz co que compartín pasaxes da miña infancia está a facer realidade algúns dos seus soños polo mundo adiante. O xoves, no Teatro Jofre de Ferrol, ás oito do serán, Xoan Elías actuará como convidado especial da Filarmónica Galega. Noraboa, Xoán!

sábado, 25 de abril de 2009

A segunda mellor historia da Historia


Un escritor bota toda a súa vida escribindo libros que ninguén lé, para o cal perde o contacto coa realidade, feito que seguramente o incapacitará para escribir algo interesante. Sesenta anos despois, unha editorial descoñecida publica un libro seu que se convirte en éxito mundial, a través de cousas que os seus amigos foron apuntando. O libro titúlase "As súas mellores frases" Na primeira páxina, o libro comeza do seguinte xeito:


"Frase 1. Nunca fun un gran aforista.


Frase 2. Case nunca."


(...)


A mellor primeira historia da Historia podería ser esta de Philip K. Dick: "En una sociedad devastada por la Guerra de Hidrógeno la joven doncella se dirige a un zoológico futurista y tiene relaciones sexuales con varias formas de vida inhumanas y deformes en las jaulas. En este particular sentido es una mujer que ha sido formada con los restos de los cuerpos dañados de varias mujeres, y tiene relaciones con una alienígena, ahí en la jaula, y después aplicados sobre la mujer medios de una ciencia futurista, concibe. El niño nace, y ella y la alienígena en la jaula luchan para ver quién se queda con él. La joven mujer humana gana, e inmediatamente devora a su progenie, pelo, dientes, dedos y todo. Justo después de haber terminado descubre que el bebé es Dios."


PD: Documento francamente emotivo polo cal comprendo mellor a que clase pertencía Pappo...


http://www.youtube.com/watch?v=pwuht1T3zmY&feature=related


http://www.youtube.com/watch?v=uSI17FRE9LY&feature=related



viernes, 17 de abril de 2009

O té de Inocencio


Saín da casa do meu amigo algo alporizado. El é veterinario e andivo a tolearme a cabeza con loucuras, díxome que nunha viaxe que fixo hai pouco á India mercou un mono. Chamoulle Inocencio, na lembranza dun compañeiro que tivemos na escola. O mono Inocencio aterrou en Santiago de Compostela cun forte catarro, e pasouno mal en Lugo os primeiros días. O meu amigo veterinario ten tamén catro cans e tres gatos, un loro, unha tartaruga e unha peceira. Vive só. Pero isto non é o que me alporiza, pois penso naquela cabareteira e actriz americana de cor, a primeira actriz de cor que actuou no Olimpia de París, que viaxaba acompañada de doce cans, oito gatos, un camaleón, un tigre, dous porcos, tres loros e un pequeno porquiño chamado Kafka(pódense dar pequenas variacións, dous cans máis ou menos)
O que verdadeiramente me alporizou foi que levaba un mes dicindo que lle ensinara a falar ao mono, comezara cos futbolistas e cos nomes dos cereais que lle daba de comer polas mañás e logo seguira coas menciñas, coas intervencións do presentador do Telexornal. O meu amigo díxome que o que mellor lle saía ao mono Inocencio era facer de Terio Carrera("Tedio" Carrera, así o pronunciaba o mono Inocencio, e logo dicía en alto a alineación do Deportivo da Coruña), e sobre todo do Gaioso. Eu rapidamente me puxen á defensiva, porque levo unha tempada bastante baixo, e sinceiramente, non me fixo graza. Meu amigo insistía, e contábame o xeito no que sorprendentemente, o mono Inocencio lle falaba ao meu colega das películas de Jim Jarmusch ou Abel Ferrara, ao carón dun bo lume e unha cunquiña de té; o mono Inocencio tomaba cereais con leite. Así que, coincidencias da vida, hai uns días meu amigo díxome que se tería que ausentar uns días e que si non tería inconvinte en ir pola súa casa e dárlle de comer ao mono e sacalo da habitación. Eu aceptei, tiña curiosidade. Cando cheguei á casa berrei varias veces polo Inocencio, o mono, que non ousou respostar. Subín á pranta superior e cheguei á habitación de convidados onde en teoría se atopaba o mono. Cando abrín a porta, vin un bulto debaixo do cobertor, o mono Inocencio estaba durmindo. Vin varios libros de Xosé de Coirós, e tamén un de Mirtha Ribeiro de la Luz envoltos no cobertor. Deixei que o Inocencio seguira durmindo e baixei á cociña. Cando me atopaba preparando o leite cos cereais para o mono escoitei unha voz no corredor: "Cago na virxe, escrgrravo! Non dixen que non quegrría que ninguén me espertagrra? Eu fiquei en silencio, a voz tiña un lixeiro acento do bloque nororiental, moi marcado, e con algunhas dificuldades para pronunciar o erre, coma os franceses. Pensei inmediatamente na posibilidade de que o meu amigo andivera de brincadeira. Logo duns segundos puiden velo, o mono: un simio de metro escaso de estatura que me ensinaba os dentes e rascaba coa man na cabeza. El tamén ficou reparando en min. Eu tiña o cartón de leite nas mans e non me movín: causoume grande impresión a súa pelaxe, os seus ollos negros, a forma incriblemente humana das súas mans, a súa boca, a súa expresión de calada superioridade e condescendencia, aquelo non me gostou, pero disimulei. Logo díxenlle, por probar: Inocencio, aquí tés os cereais e o leite. Queres que cho quente? Inocencio respostou: ¡¡qui,quiiiii, quiii!! Ao mesmo tempo ensinaba moito os dentes, logo achegouse á mesa e sentou diante miña. Sentín que un anoxo progresivo invadía o meu corpo, o mono comía e reparaba en min, e dicía: quiii!!quiii!! Emitía uns sons moi agudos.Tentando calmarme dirixinme a el coa mellor educación que un lle pode ofrecer a un mono: Inocencio, o meu amigo di que falas, non vas falar?Anda, fala, fillo de puta, mono dos collós!Non respostou nada e colleu a caixa dos cereais, e ao tempo que me ollaba, botaba os cereais no leite. Sorría tamén. Iso desestabilizoume. Da primeira ostia que lle din guindeino contra o frigorífico. Caeu o leite e os cereais tamén. Achegueime a el, mordeume. A miña ferida sangraba e laiei con dor. Collino do pescozo e mandeille outra boa ostia. Desta vez foi parar ao chan. O mono sangraba tamén polos fuciños, eu nunca vira os fuciños dun mono cheos de sangue. O mono levou as mans á boca e dixo: quiiiiii!!! Eu entendín que me estaba a insultar e chanteille unha patada á altura da cintura. O mono achicárase contra a porta da galería. Eu xa non sabía o que dicía: Veña!! Mono cabrón!!!Vouche dar tantas ostias que vas falar en francés, fillo da puta dunha mona!!O mono botou as mans á cabeza cubríndose e aquel xesto tan cheo de humanidade, deixoume tenro co pobre Inocencio. Achegueime a el, acenando cos brazos en actitude conciliadora e nese mesmo intre, o mono sacudiume unha boa labazada na cabeza. Logo deu un chimpo, e aproveitando que eu caera ao chan subiu riba de min e pisoume a cara. Logo pechou a man e deume con todas as súas ganas na fronte. Sorprendentemente berrou: Egrres un fillo da puta, ogrrangután analfabeto!! Cabgrronaso!! Xa se dispoñía a matarme a paus cando eu comecei a implorar o seu perdón á desesperada: Non, perdoa!! Escoita! Falemos de home a home!! Falemos de Xosé de Coirós! O mono non atendía a razóns. Eu continuei: Escoita, Inocencio, tranquilo, joder!! Falemos de Mirtha Ribeiro!! El respostou: non fales desa zogrra na miña pgrresenza!! Esgotábanse as miñas opcións: Falemos de Jarmusch!!! O mono botouse cara atrás e comezou a sorrir. Pensei ver a satisfacción nos seus ollos: Jagrrmusch! Si, falemos de Jagrrmush! Inocencio comezou a apraudir coas mans e a saltar, tirando o cartón de leite polo chan: Jagrrmusch, o grran poeta grroqueigro, viva o grrock!! Logo collín uns plátanos e leite, tamén un pano para limpar o sangue, e estivemos toda a tarde no salón vendo películas de Jim Jarmusch. Cara a noite, chegou o meu amigo e cando abriu a porta sorriu compracido ao ver que fixéramos amizade. Preguntounos: Non vos pelexaríades, eh, pillabáns? Inocencio e eu ollámonos e sorrimos tranquilos. Eu respostei: Quiiiquiii!!! Inocencio ría tranquilo, tan humano... Logo espertei, había dous libros no cobertor, pasei a man polos dentes, polos ollos, logo un home entrou na habitación, faloume: "Señor Inocencio, desculpe herr doktorr..." Ensineille os dentes, gustaríame saber falar...
http://www.youtube.com/watch?v=hJxC2deuN7I

viernes, 10 de abril de 2009

Larry e Wayne: Early morning rain


-Ei, rapaz, que foi? Seica toleaches?-berra Larry Mulligan.

-Claro, non oes ao meu amigo? Baixa antes de que partas a cabeza-replica agora Wayne Norton.

-Maldita sexa, que acontece cos rapaces de hoxe en día, Wayne?- di Mulligan.

- Non o sei, Larry, non o sei, alabado sexa Deus. Escoita pequeno, o mellor que podes facer agora é baixar, senón chamaremos á policia- volta berrar Wayne- Cecais ten algún problema.

-Será cabrón, este rapaz quere que levemos un infarto, ei, tes lume?- pregunta agora Larry.

-Si, teño, toma. Será o mellor, relaxarnos un pouco. Veña, rapaz! Baixa dunha vez, escoita, xa sei que seguro ves o mundo mal e todo iso, e que lle vas facer?

-Iso, que lle vas facer? Di, que lle vas facer? Se os rapaces enchen os bares e róubanlle o diñeiro aos seus pais para poñerse até o cú e logo non lembrar nada, veña, ti non podes facer nada, baixa agora, prégocho...

-Escoita, o meu amigo ten razón, aínda que non vexas saída algunha, tes que baixar xa, veña, faino agora. Se baixas cecais secuestremos ao paiaso de Bon Jovi e lle cortemos as cordas vocais, eu que sei...

- Iso tivo graza, Wayne, si. Ei, veña, ti! Baixa, xa escoitaches, se baixas cecais todos os teus problemas se resolvan, aínda eres novo, pero mira nós, acabamos de perder o traballo, e non nos queixamos.

-Ei, que perdimos que? Ti e eu traballando? Non me lembro de ter traballado nunca.

-Cala a boca, que máis ten, dígoo para facer que baixe, é unha metáfora.

-Iso non é unha metáfora.

-É unha mentira, que máis ten? Estás a chamarme mentireiro?

- Escoita, eu non che estou a chamar nada, só digo que se queres convencer a ese rapaz de que baixe de aí enriba, iso non está ben, non está ben, Larry, síntoo. Non a calquera prezo.

-Veña, só estaba tentando que o rapaz baixara, non te poñas agora con tonterías.

- Non son tonterías, digo que se es capaz de mentir agora, como podo saber que non me mentiches co prezo da maría?, ou cando me dixeches que non voltarías entrarlle á Wendy, a animadora de quinto curso?

- Ei, eu nunca dixen que fora liarme con ela, non poñas na miña boca cousas que non son.

- Xusto! Tentas desviar a atención? Porque só te refires ao tema da Wendy? Tentas centrar o asunto aí e que eu me esquenza do que me roubaches por mercar esta herba de merda? E ti, rapaz! Baixa dunha vez, fala polo menos, ou aparte de louco eres tamén mudo e xordo? Baixa agora mesmo!!

- Estasme a chamar ladrón?

- Non tería que chamarcho?

- Eu non che roubei nada...

- Mírame aos ollos e dime que esta merda que estamos fumando custa cincuenta dólares...

- Ei rapaz! Baixa xa se non queres que lle desfaga os dentes ao meu colega, estase a poñer pesado pola túa culpa. Baixa!

- Resposta a miña pregunta.

- Está ben, vai ao diaño, que queres? Custaba corenta, ei, debíalle dez dólares ao meu irmán, prestoumos onte para ir á boleira, non teño un peso, teño que sentirme culpable?

- Non, era só para poñerte a proba, non me importa, en serio, collérache vinte dólares da guanteira do coche a semana pasada, xa tiña pensado devolverchos, quedamos en paz.

- Descansando ou en paz, pero nunca as dúas cousas ao mesmo tempo, ahaha...

- Ahahaa...

- Escoita, rapaz! Ou nos fas caso e baixas ou subiremos a por ti, atópaste ademais profanando un templo relixioso, baixa agora mesmo!

- Non nos oe.

- Tes que manter a fé.

- Café? Queres café agora? Entón para que estamos fumando? Meter os pés no xeo, e prenderlle lume ás mans, es idiota ou que? Rapaz! Baixa dunha vez! Como non baixes agora mesmo, vas meterte en problemas!!

-Malditos raparigos. Xa non respetan nada. Antes había outro respeto.

- Si, e veña, limpa o cú cuns toxos, ou lava os dentes con gasolina, café e herba. Iso é unha estupidez.

- O coche de teu irmán vai a gasolina, non? Por iso o dixeche...

- Dixen o que?

-Estás insinuando que meu irmán está enganchado á herba, e iso verdade? Estableciches o paralelismo coa gasolina e a herba, non si? Non pensei que foras tan cabrón.

- Ei, esquence esas tonterías, hai un pobre rapaz aí enriba, e pode caer e matarse e ti vesme agora con intrigas persoais, eu só dixen se o coche de teu irmán ía a gasolina...

- Rapaz! Estás a quentarme os miolos! Última oportunidade, se non baixas en dez segundos chamaremos á poli, claro que si.

- Coido que non vai baixar, e por riba faise o parvo, escoita anormal! Agora xa é mellor que non baixes, porque como te colla vouche amañar os fuciños, pequeno cabrón!

- Se o insultas, non vai baixar...Ei, rapaz, baixa, como te vexa o pai Brown aí enriba vai ser el o que che poña os fuciños guapos.

- Agora que o penso, teríamos que falar con Sam, esta merda é de moi pouca calidade. Rapaz! Baixa! Darémosche un pouco desto se baixas, pero veña, deixa de facer o idiota, rematarás por mancarte.

- E se subimos a por el? Veña, suxeita aí...


O coche patrulla do axente Scott detívose nese intre diante da igrexa do pai Brown. Soa a radio: Que foi, Scott? Todo ben?

- Aquí o axente Scott, falsa alarma, non ides crer o que estou vendo. Son Larry Mulligan e Wayne Norton, os do Distrito Norte, levan unha fumada do carallo. Están agarrados do Xesucristo que hai no alto do cruceiro á entrada da igrexa, están falando con el, malditos anormais...
-Ei, Scott, que canción levabas posta?
- Early morning rain- resposta o axente Scott- É bastante cedo, é unha bonita mañá...Xa sabedes.

martes, 31 de marzo de 2009

Alfonso Orol: A conexión lucense de Burning


Martes, 31 de Marzo de 2009, Praza Maior de Lugo. Primaveira.


"A xente dicía que os benaventurados verían o ceo; o meu desexo sería ver a terra para sempre"


Con esta cita de Peter Handke comeza Sam Shepard a súa obra "Cruzando o paraíso". Pola súa banda, Henry Miller, na grandiosa Primaveira negra comeza dicindo que "o que non se atopa no medio da rúa é falso, derivado, é dicir, literatura".


O sol dunha nova primaveira refulxe hoxe á tarde na Praza Maior, onde a xente vai dun lado ao outro, ao tempo que un home fica sentado nun dos bancos. Recoñecino. Chámase Alfonso Orol, e algún día cantou cos Burning "Mueve tus caderas", concretamente no San Froilán do 2007. Pero limitarse a iso sería só adiviñar o cumio do iceberg, e sería unha mágoa non afondar nas augas puras e límpidas do xeo, alí onde o iceberg atopa a súa orixe, ben mergullado na lembranza persoal. Alfonso Orol é un home ben alto, de constitución forte e pel morena, dunha ollada limpa atrás das gafas, co sorriso e o aceno cómprice, amábel, o mesmo sorriso co que me obsequia cando lle pido uns minutos do seu tempo para escoitar o seu testemuño. Resolla lixeiramente cando me oe dicir rocanrol. Logo comeza a falar: " Non me trates de vostede, no rocanrol non hai nada de vostede...Foi en Madrid, con Tono, coñeces a Toño Ruiz? Ah... Eu andaba por alí a comezos dos setenta, é difícil de explicar, Tono..." Alfonso está a falar de Toño Ruiz, morto en circunstancias tristes dabondo, outro lucense que fora entre outras cousas, un dos primeiros mánager de Burning. Alfonso comeza a falarme dos seus anos de músico, de bohemia, do Dous de Maio, do Via Láctea, do Pentagrama. "No Penta soaban os discos de rock inglés, directos dende Londres, soaban alí antes que nas emisoras, porque traíaos un tipo dos que se deixaban caer sempre por alí, era magnífico". Alfonso Orol actúa coa súa guitarra polos bares e pubs da noite madrileña, "sobre todo cos Burning, cos Burning vivín moitas cousas, os Burning eran anarquistas en todo, pero agora estos rapaces...Póñenlles unha camiseta e unhas zapatillas e xa lles tiran as bragas, estes son roqueiros de deseño, do que eu che falo era outra cousa, había esencia..." Por aqueles tempos Alfonso fai amizade con Johny Cifuentes e cos demais, co primeiro cantante e con Pepe Risi, tamén falecido. Coñece a Nacho, de Nacha Pop, a Loquillo que "daquela era un chavaliño, boa xente, estaba comezando" Pero sobre todo, Alfonso non agocha boas palabras para o supervivinte Johny, a día de hoxe case que o único membro orixinal da banda."Johny é un tío auténtico, divertido, pero ben prantado, ten muller e fillos aló, leva un bar xa dende hai moitos anos, un tío...Que ben o pasábamos" Alfonso comeza a tocar rockabilly, cantando versións de Elvis, Fats Domino, Jerry Lee Lewis, moitas veces cos Burning, facendo de teloneiro ocasional, antes da eclosión definitiva da banda, son anos bastante intensos e aproveitados. "Lembro unha ocasión en Ponferrada, no pavillón de deportes, cumpríase precisamente un ano da morte de Elvis aquela noite, e cantamos unha trasdoutra cancións do Elvis, foi unha homenaxe improvisada. Eu cantaba cancións e ao tempo, Tono discutía coa xente da organización sobre a cantidade a cobrar polos Burning. Eles dicíanme: seguimos con Elvis, que aquí, ou nos pagan ou nada de Burning, ti dálle!" Alfonso lembra aqueles anos sen nostalxia, feliz por poder telos vivido, pero fala tamén dunha época de bastante desinformación sobre o que a xente tomaba. "Logo fúmonos a Ibiza...Ibiza. Montamos un bar que se chamaba Hasta Luego Cocodrilo, onde viñan todos os roqueiros, ás oito da tarde aquelo xa estaba cheo, era incrible. Naqueles anos había unha grande cantidade de bandas que gravaban alí os seus discos. Unha vez, un tío alemán díxonos que aquel bar era o primeiro que vía no que os donos se embebedaban antes cós clientes. Eu volvinme, Tono aínda quedou alí unha tempada, namorara dunha rapaza que era decoradora de discotecas, facía unhas decoracións que eran unha pasada, algo espectacular. Alí en Ibiza estiven nalgunhas festas que eran incribles: músicos da India, serpes, a verdade é que había de todo un pouco...Eh, aínda queda o Miguel Ríos, un verán en Viveiro, no campo de fútbol en Covas(Cantarrana), subín a cantar tamén con el, que digo, ti aínda non naceras, non sei...Da última vez que veu o Sabina á Coruña aínda nos vimos alí tamén na Coruña, xa nos coñecíamos do Elígeme, o pub que montara en Madrid hai moitos anos..." Alfonso vai relatando a súa experiencia vital con ledicia, surxen os versos de "Es especial" dos Burning, tamén recalca a importancia de Barcelona para os Burning: "...de feito, alí gravaron ao comezo, en Madrid tiñan que turrar con Maricarmen y sus muñecos, con Manolo Escobar, no selo Belter..." Cos ollos cheos de entusiasmo, entra na análise do vivido, das imaxes que tornan en sentimento para finalmente formar parte do propio individuo: "En todos aqueles grupos, nos Burning pero en moita outra xente houbo raíz, esencia. Eu coido que o rocanrol vai ir desaparecendo xa, o mundo está borracho -cita curiosamente un brillante verso de Moris, un dos arxentinos que fixo carreira en Madrid por aqueles anos-, agora a electrónica...A xente nova, polo menos moita, non entende a cultura rock, non como o que significou e no que derivou, e os máis novos, cada vez menos, vaise perdendo...Son intres vividos que son máxicos, vivín situacións moi máxicas, a ilusión vaise perdendo."

Alfonso Orol fai un alto e refírese á súa situación actual e ri: "Tiven mulleres, coñecín bastantes, pero non teño fillos, así que podo morrer cando me salga dos collós-ri a esgalla- Teño sobriños, Ezequiel, é guitarrista con Mercedes Peón. Agora aínda estou ben, podo moverme perfectamente, disfrutar de moitas cousas, pero non quero rematar vendo a vida pasar como se nada apoiado nun caiado...Andiven por Francia, por Italia, tocando nos bares, tamén en Dinamarca, supoño que non fun constante, gustoume a vida cachonda e sedentaria, a imaxinación, como din? A arte do invisíbel. Iso é. Iso non se pode explicar. Alguén me dixo que non chegaría aos setenta e cinco anos...Hoxe actúa AC/DC en Barcelona e os Burning sairán na Primeira, eh, aínda estou ao tanto!" Eu escoito e disfruto como un privilexiado cada unha das súas palabras, non quero que esa conversación remate. Pídolle permiso para sacar unha foto, decide que sexa de perfil, eu sei que a mellor foto é a que eu me levo na miña cabeza, a súa ollada, a súa xenerosidade na charla, no relato da súa vida de rocanrol, da súa mítica gravación cos versos do Sabina titulada "Rock del inclinado". Alfonso Orol despídese cunha educación exquisita, sorrindo, pero antes unha última afirmación: "Cando morra, quero morrer dicindo rocanrol" Agora tento escribir unhas palabras que fagan honra á figura que as protagoniza, e desexando que Alfonso Orol siga construíndo a súa propia historia, co pelo longo por sempre. Enrique Symns dicía que a palabra é mentireira, que fora outorgada ao home para confundilo porque o vivenciado non é susceptible de ser falado, eu temo que sexa así, unhas palabras tan pequenas para unha historia tan grande. Á súa(túa) saúde, Alfonso Orol. God save the queen!

http://www.youtube.com/watch?v=Yqy7fI2472k

domingo, 25 de enero de 2009

O inferno de Pécuchet: Dylan e Flaubert, segundo Vicente de El Bosco

Engado directamente do libro "Dylan sobre Dylan", páxina 313, o anaco dunha entrevista feita por Kurt Loder, da Rolling Stone, o 21 de Xuño de 1984, ao propio Bob Dylan: "...Lois ideó un formato de vídeo afín al talante algo rígido y renuente de Dylan ante la cámara. El rostro de Dylan sólo aparecería en pantalla durante los coros. Los versos estarían ilustrados por reproducciones pictóricas provenientes de la propia biblioteca de Lois: pinturas de Miguel Ángel, Durero, Munch, y en un guiño irónico, El Infierno de los Músicos de El Bosco[...] Una técnica que Lois definió como poesía en tu puta cara".

Segundo os meus propios documentos, o 21 de Xuño de 1984, eu contaba cinco anos e dezanove días. Asimesmo, algunha lembranza daquela época serían os ruídos dos coches dende a casa de meus avós, unha forte caída no empedrado dunha cidade portuguesa, berrar pola miña avoa sentado na taza do baño e o tacto duns sillóns verdes do salón da casa.

Só me resta engadir, a xeito de curiosidade, que unha copia d´O Inferno dos Músicos, do Bosco, preside o salón da miña casa dende hai un ano e medio.

É a segunda casualidade que me acontece con este libro. A primeira foi que eu anotei unha frase de William Blake, do seu libro Matrimonio entre el Cielo y el Infierno: "O camiño dos excesos conduce cara o palacio da sabiduría"; certas anotacións estúpidas...


Dous meses máis tarde, leo nunha das entrevistas de Dylan que o entrevistador coméntalle a frase de William Blake. Dylan saca o libro de Blake(a entrevista é nun jet), e lé a frase, logo di: É unha das miñas favoritas.
Isto confirmaría varias cousas: eu traballei con cinco anos como creativo de Dylan, extremo que non me consta. Eu lin a William Blake, ao igual que o entrevistador e que o propio Dylan. A miña elección da lámina do Bosco no seu día non foi un acto casual. William Blake era un fodido tarado. Eu non son William Blake. Eu non son Bob Dylan. O entrevistador non é Bob Dylan. Eu non son El Bosco. El Bosco era un fodido tarado.
Doutra banda, o tema do palacio da sabiduría deixa outra porta aberta: na mitoloxía china a sabiduría relacióase coas flores. O disco de Andrés Calamaro titulado "El Palacio de las Flores" podería aludir á frase de William Blake; remotamente, podería facer alusión ao suceso rexistrado na historia do Buddha, cando aínda se chama Siddharta e ao ser atacado polo diaño cun mar de lumes, e por obra do seu amor, convírteos en palacios de flores.


Demasiados interrogantes nesta historia.


PD: Engado unha frase de Flaubert que di que " Ser estúpido, egoísta y estar bien de salud, he aquí las tres condiciones que se requieren para ser feliz. Pero si os falta la primera, estáis perdidos.»


Plenamente posuído polo espírito de Pécuchet, aquel idiota de Flaubert, afirmo sen concesións que son plenamente feliz. Boas noites.


http://www.youtube.com/watch?v=d5uKHa9Gmks&feature=channel

miércoles, 31 de diciembre de 2008

Conto de Nadal: Fumos emperadores


Nunca me acheguei a este asunto coa delicadeza que requería, supoño que polo medo que transita polas lembranzas que o marcan a un: a seguinte historia é unha delas. Corresponde á miña infancia, e eu só poido reproducir aquí a visión que alguén coma min tivo na periferia da mesma, pero tal é o desacougo que un pode sentir a través da intuición do que tivo que supoñer para os seus protagonistas que non é tarea sinxela referila sen tremer.

Os dous rapaces que a protagonizaron xa non están connosco, foi o seu un final anticipado e tráxico, en accidente de coche, quen sabe se fortuíto ou premeditado. Eu tería oito anos, unha tarde na que entrei nunha xeladaría no barrio da Milagrosa. Alí, co escaso entendemento dun neno de oito anos, puiden escoitar a outros dous rapaces que se atopaban ao meu carón o seu singular desexo: dominaremos a cidade. Eu, aqueloutrado reparando nos diferentes sabores dos xeados, non pensei na frase até que ía camiño da casa da man de meus pais. Pregunteille a meus pais quen dominaba a cidade. Os caciques, fillo, domínana os caciques. Eu logo díxenlle aos meus avós que quería ser un cacique, que quería dominar a cidade. Non voltei ver a aqueles rapaces até o cuarto curso de educación primaria, non os recoñecín nun primeiro intre, pero logo decateime de que eran os mesmos. Voltábamos xuntos para a casa logo da escola, e nos dous primeiros meses de curso, cinco mestres estiveron de baixa pola súa culpa. Posuían unha estrana intelixencia, descomunal para a súa idade: sostiñan diálogos amezantes cos mestres, dotados dunha sobrecolledora educación, facían chorar aos nenos e nenas do oitavo curso e provocaron un pequeno incendio o día do festival de Nadal. Meses máis tarde foron expulsados. Polo visto, foran recluídos nun centro de menores. Anos máis tarde, xa no instituto, atopei a un deles, enfermo e incapacitado para falar co resto dos compañeiros. Tardei varias semanas en achegarme a el, foi nun recreo cando me decidín a preguntarlle pola súa vida. Posuía unha ollada perdida, tremíalle a voz, ollaba de esguello a todo o mundo, referíase a si mesmo en terceira persoa e en primeira de xeito indiscriminado, logo foi cando lle preguntei polo seu compañeiro e por todo aquelo de dominar a cidade. Logo de ficar en silencio varios minutos, decidiu falar e o que escoitei foi o seguinte: "...Non sei se foi o azar, supoño que Marcos e el eran bos amigos...si, coido que eu sempre fun bo amigo seu, empatamos, éramos tan semellantes...Seu pai era psicólogo, isto soubeno o primeiro día que fun convidado á súa casa, el convidouno e entón Marcos aceptou, rebuscamos na roupa interior da súa irmá, tiñamos seis anos, os dous botaban tardes enteiras enredados nestas trasnadas, tamén botábamos horas e horas pechados no despacho do seu pai, lendo libros non demasiado apropiados para nenos de seis ou sete anos, en realidade líamos libros para universitarios, non sei, aqueles libros posuían certo encanto para Marcos e para el, gostaba deles porque posuían belos gravados, era moi divertido todo aquelo. De tal xeito que aos dous anos, tiñamos acumuladas lecturas que unha persoa adulta cecais non completara en toda unha vida enteira. Repetimos curso, por iso coincidimos contigo anos máis tarde. Marcos e el atopábamonos en pleno imperio, éramos os reis da cidade, non tiñamos rival. Un día propuxémonos dominar a cidade, foi nunha xeladaría..." Nese intre, interrumpindo o seu relato, pregunteille se a xeladaría se atopaba no barrio da Milagrosa, respostou que si. O corazón case non me collía no peito, latexante como nunca me acontecera. Marcos, así se chamaba, continuou a súa historia: "...comezamos na escola, non nos costou nada someter ao alumnado menor de oito anos...nesa idade, os nenos aínda se atopan desartellando o labirinto das súas propias percepcións da realidade, a súa credulidade é inmensa. Nós, con oito anos, atopábamonos xa moi lonxe de todo aquelo, discutíamos libros de Philip K. Dick sobre o que é real e o que non, o favorito deles era Dous homes nun castelo, o de Pablo era Valis, acostumaba lelo en italiano diante de seu pai. Non sei, gostei sempre máis de Dous homes nun castelo, posuía algo que nunca souben explicar, pero Pablo gostaba máis dos labirintos mentais...Foi nun recreo que conseguimos reunir a todos os nenos e nenas da escola que non tiñan máis de oito anos, presentámonos como os emperadores do futuro, os xefes supremos e secretos que deberían ser obedecidos a partires daquela, o silencio era aterrador: cincuenta infantes ollándonos con medo e sorpresa, paralizados polo medo iniciático no espanto, incapaces de interrumpir o noso discurso. Marcos e Pablo atopábanse moi seguros das súas palabras, de feito mencioámoslles en que consistía o inferno, en que os nenos e as nenas que desobedeceran as nosas palabras levarían para sempre un sombreiro e unhas botas de lume até o fin dos tempos. Algúns choraban, Pablo achegouse a un pequeno, agarrouno como se fora un boneco de trapo e propinoulle dúas labazadas contra a alambrada do xardín do colexio, que lindaba coa rúa. A berros e lixeiramente desencaixado, advertiulles que o peor dos infernos e os castigos agardaba a aqueles que foran capaces de traizoar o segredo. Así que, logo duns días, aquel pequeno exército de nenos e nenas desfilaban en ringleiras ao noso arbitrio por diante de mestres, nenos doutros cursos...Aquelo tería abondado. Pero a ambición de Pablo non coñecía límites, Marcos seguíao. Eu seguíao porque sentíame moi vencellado ao meu amigo, eran compañeiriños dende os dous anos, tantas cousas...Aos dous meses, decidimos facer reunións cos rapaces de sétimo e oitavo curso, algún tentou agredirnos, só tiñamos oito anos, pero Pablo comezou a falarlles de Swedenborg, das lendas das terras do Norte, do castigo dos ignorantes, preguntoulle a aquel pobre diaño de expresión idiota se se masturbaba habitualmente, aquel pobre neno de doce anos rematou chorando axeonllado supricando perdón a un de oito anos, no medio do silencio que agora tamén gardaba toda aquela tropa de brutos de oitavo, cen cecais, pode que foran máis...entregados aos novos emperadores. Pronto medrou a nosa ambición, quedábamos para a fin de semana, aproveitábamos os paseos con nosos pais ao parque para bulir ás salas de xogo, ás pistas de baloncesto dos institutos do centro, secundados por aquel exército de douscentos nenos e nenas, que co paso dos meses convertíronse no primeiro millar. Fundáramos escadróns, delegáramos en líderes, ofrecíamos malleiras aos traidores, éramos tratados como monarcas...unha noitiña de verán, nun vello solar da Piringalla, agora ocupado pola praza de Viana do Castelo, Pablo e Marcos presentáronse envolveitos en capas azuis, recibidos con reverencias de tres mil nenos de todos os puntos de Lugo, os nosos fieis...Alí, Pablo ordeou que dende aquel momento, non sería permitido abrir os ollos na nosa presenza, logo referiu a aquel auditorio de crédulos unha historia que conxugaba habilmente a ameaza, o talento, e a épica, faláramos na casa de Pablo dela: alí comentoulles que nalgúns países, tamén noutras cidades, exércitos de nenos foran conducidos polos seus superiores para visitar Xerusalén, para ver a Xesús, cruzarían o mar. Algúns nenos, cheos de medo, comezaron a berrar chorando, pronto foron conducidos diante nosa e azoutados polos seus líderes de escadrón. Díxolles que non tiñan nada que temer ao se atoparen con nós, os seus líderes, chegados do ceo para guialos á gloria. Sucedíanse as ovacións. Aquel vello conto era de Marcel Schowb, A cruzada dos nenos pero ¿que podía saber aquel fato de idiotas de non máis de doce anos? A alienación que sufriran en tan pouco espazo de tempo fora máis que suficiente para incapacitalos para a traizón ou a deserción, eran autómatas ao noso servizo. Foron días moi grandes: saqueamos supermercados, librarías, fixemos desaparecer a dous policías, establecéramos puntos de extorsión nas principais salas recreativas da cidade, os nosos exércitos seguían medrando. O medo apoderárase da infancia da cidade. Por riba, a nosa lenda non deixaba de continuar imparable a súa ascensión; os novos membros non podían abrir os ollos na nosa presenza, só se lles revelaba a nosa identidade cando subían algún grao no noso sistema de liderazgo. Pero un día intuín a desgraza. Cada vez Marcos víase menos con Pablo, el rexía a zona norte da cidade e eu a zona sur. Xa só nos víamos as fins de semana. Había un mes que non tiña novas del; en troques diso, lía alarmado no parque na compaña de meu avó, os titulares da prensa local que non deixaban de mencioar os actos vandálicos dun descoñecido grupo de delincuentes xuvenís, que cometían grande cantidade de roubos e secuestros. O asunto pintaba ben feo. Aquel domingo, Pablo veu comer con seus pais á miña casa. Súa nai traía un ollo marcado e seu pai os ollos enxugados en sangue, o insomnio. Pablo ía vestido como un auténtico mafioso e suxeitaba da súa man unha correa da que tiraban dous mastíns enormes que case lle provocan un infarto á miña nai. Durante a comida non falou, foi logo, na soidade do cuarto de xogos, cando me comunicou os seus plans: "...e se Deus verdadeiramente nos enviou a nós, e se en realidade o entendemento deses libros e a súa difusión nos foi reservado a nós, emperador, para a súa revelación ao exército de iguais, porque non atravesar Europa, conquistar Europa enteira, xuntar millóns de fieis, visitar Xerusalén, porque non resucitar a Xesucristo noso pai, porque non derrubar o inferno, porque non? porque non? Partiremos o luns, xa fixen as previsións necesarias, partiremos dende Lugo dez mil nenos á medianoite, a pé, evitando a rede de estradas, en Ponferrada xuntarémonos co noso exército, son uns tres mil na zona de León, ao chegar a Francia pode que sexamos xa máis de cen mil..."


Eu comenteille que perdera o xuízo, non tiñamos máis de oito anos, aquelo xa era demasiado, agrediume. Agrediume e subiuse nunha cadeira, dixo que non ousara contradecilo, que Marcos chegara ao cumio pola súa xenerosidade, agora non temos límites, dicía, o desterro dos adultos, a súa aniquilación, eu non puiden evitalo...eu, entón, entón, Marcos chorou. Víñenme abaixo, vinme louco, recluído nun centro psiquiátrico para menores, dous anos máis tarde el foi ingresado nun reformatorio, nunca máis voltamos vernos, a historia cortouse, o magnífico camiño daquela historia, esgazado pola ambición, a maldita ambición desmesurada de dous nenos de oito anos..."


Eu escoitaba en silencio, logo aquel rapaz de instituto continuou falando só, eu alonxeime, nunca máis voltei velo. Anos máis tarde souben que os dous morreran en accidente de coche. Atopábanse nun punto indeterminado de Bielorrusia, formaban parte dun grupo de rapaces europeos que ninguén coñecía, unha caravana que malia o infortunio dos dous rapaces, seguira o seu camiño. Pouco máis tarde, desapareceron nalgún lugar da estepa bielorrusa, as temperaturas achéganse aos trinta graos baixo cero. O estupor non me permitiu contar antes esta historia. Por riba, ¿quen ousa traizoar aos seus emperadores?

martes, 23 de diciembre de 2008

"Padrón" de Ouro: A corrente salvaxe


O sábado foime notificado telefonicamente que recibira unha mención especial do xurado da Fundación Pedrón de Ouro; o nome do relato que presentei é "A corrente salvaxe". Nin gañei, nin conseguín accésit algún, pero si esa mención especial que comporta a publicación o ano que ven do relato anteriormente referido en Ediciós do Castro, xunto cos outros premiados.


Un paso insignificante para o mundo, pero un pasiño importante para min. Teño que dicir varias cousas: estou satisfeito, o simple feito de ser lido é reconfortante, sobre todo logo de escribir sen saber exactamente porqué(o que significa que sei inexactamente o porqué), moito máis aínda que o que un fai sexa considerado de calidade; tamén me lembro de Rubén Ceide, o gañador do ano pasado, amigo meu, que co seu exemplo me animou a lanzarme; tamén de Xoán Ramón Díaz, alguén que coa súa fondura e sabiduría me abre xenerosamente portas literarias privadas que eu nunca tería sabido que existían(cómo corresponder tantas e tantas horas de conversacións e aprendizaxe, escoitar a cambio de nada?), por ser alguén que me amosa a verdade maravillosa e terrible de escribir; tamén ao Vázquez(compañeiro infatigable de lecturas que nunca sei cara onde nos levan, seguramente cara un océano infinito de confusión, agradable océano), ao Brais(Good! It shall be! Revealment of myself! But listen, for we must co-operate; I don´drink tea: permit me the cigar!...lembra) a Maikel e Xavi(inspiración permanente) e tamén aos meus avós, aos ausentes e aos vivos(foron o Aniceto e a Dedica os que sementaron na miña cabeza a imaxe do Comesoltas).
Á Alba e a meus pais e meu irmán, por sempre.

Tamén ao resto dos que me animan coa súa amizade ou cariño, ao Xaime, ese "descoñecido" que de cando en vez aterra no blogue e me pide máis.

PD: Demasiada adicacións, fóiseme a man..."non me xulguen tan severamente"(Brian Wilson dixit).

PD2: Unha das miñas inspiracións permanentes....http://www.youtube.com/watch?v=T-P0w3wextE

PREMIO “ MODESTO R FIGUEIREDO” ( cunha contía de 600€) para a obra:
“ UNHA CASA CHEA DE XANELAS” da que é autor IVÁN GARCÍA CAMPOS de A Coruña. Destácase deste autor que xa foi premiado neste Certame en 2006 e da obra gañadora deste ano valórase a capacidade narrativa, o detallismo na construcción psicolóxica dos personaxes, o multiperspectivismo para crear a historia mestura de realidade e imaxinación. Tamén se destaca a gradación de accións, o detallismo e obsérvase cualitativamente a pluralidade de emisores nos contextos sociais así como as referencias temáticas do momento e asemade a elementos narrativos de definición cinematográfica.
ACCESES ( cunha contía cadanseu de 200 €) para as obras:
a) “ COLLEITA DE SOMBRAS” da que é autora CHELO SUÁREZ MUÍÑOS de A Coruña. Desta obra valórase a heteroxeneidade narrativa con recreación de ambientes diversos e mención a lugares recoñecibeis ( concretos). A altura estilística conseguida a través dunha linguaxe coidada que é capaz de espellar os estados anímicos dos protagonistas mantendo unha intensidade afectiva resolta con brillantez.
b) “ UN PINTOR MALOGRADO” da que é autor ALBERTO GÓMEZ ANEIROS de Santiago de Compostela. Autor premiado tamén, no 2007, neste Cetame. Desta obra saliéntase unha capacidade significada para recrear unha situación extraordinaria, sorprendente, para os lectores con axilidade narrativa.Recolle aspectos clásicos da literatura de introspección persoal na liña de Kafka e Albert Camus.
O XURADO propón pola súa calidade literaria a publicación das seguintes obras presentadas co título:
a) “AI PADRIÑO!
b) “ A CORRENTE SALVAXE”
c) “ HAPPY SUNDAY
DATA DO ACTO DE ENTREGA DOS PREMIOS: día 27 de decembro ás DOCE TRINTA HORAS na CASA DO CONCELLO DE PADRÓN. Mantedor do ACTO DE ENTREGA: Sechu Sende ( escritor)
PUBLICACIÓN: Tanto os traballos premiados como os propostos para publicación , se así o permiten os seus autores, serán publicados nun tomo da Colección “ PREMIOS MODESTO RODRÍGUEZ FIGUEIREDO” pola Editorial O CASTRO.

domingo, 21 de diciembre de 2008

Preclaro


Reproduzo un poema de Boris Vian, adaptado por Andy Chango e Luis Antonio de Villena, ao tempo que Krahe:


Non quixera morrer,
antes de coñecer
os monos do Brasil,
que durmen sen soñar,
os raposos de Moscú,
devorando o xardín,
as arañas de prata,
de seda e rubí.

Non quixera morrer,
sen saber que a lúa
redonda disimula,
o filo dunha fouce,
si nas catro estacións
collen tres primaveiras,
si vai frío no sol,
sen ter paseado
vestido de muller
por un gran bulevar,
sen ter penetrado
nas turbias olladas,
sen entrar na túa casa
pola porta de atrás.

Non quixera morrer,
sen coñecer as chagas,
nin calquera doenza
que nos fai sufrir,
o contaxio do mal,
ou o contaxio do ben,
si se estrean en min,
botaríame a rir.

E tamén, como non,
o que xa coñecín,
no fondo do mar,
onde bailan un vals,
o polvo e o delfín,
e a herba de Abril,
o cheiro da resina,
e o arrecendo da pel,
da miña clara madame,
miña amante, miña heroína,
o meu peluche cruel,
o meu eterno manancial.
Non quixera morrer,
sen ter esgotado
os meus beizos nos seus beizos,
o meu todo co seu todo,
o seu todo coas miñas mans,
o seu infinito tesouro,
o meu amor desmesurado.

Non quixera morrer,
sen que se teña inventado
a rosa permanente,
o ocio laboral,
o mar na montaña,
a montaña no mar,
a dor que non doe,
a sombra en cor.

Os nenos voando,
o inxenio inventando,
a vacuna total,
a aventura espacial,
fontaneiros baratos,
os monarcas en coiros,
arquitectos modestos,
avogados sinceros,
tantas cousas que ver,
tantas cousas que oír,
tanto por agardar
contra a escuridade...

E agora vexo o final,
que se achega cara min,
que me quixera bicar,
con bicos de marfil,
que me quere levar.
Non quixera morrer,
sen deixar de probar,
a xélida noiva,
a do gusto máis forte,
o sabor que me agobia.

Non quixera morrer,
sen deixar de probar,
o sabor da morte.













domingo, 14 de diciembre de 2008

A revelación de Brasensio

ignorante, sust. masc. Persoa non familiarizada con certos tipos de coñecemento que vostede sí posúe, pero que posúe outros dos que vostede non ten a menor idea.



Brasensio Fodenda veu a este mundo no xa distante 1876, un ano especialmente ateigado de neves e de xeadas que fixeron que a máis dun can se lle conxelaran os collós(os puristas poden ler o seguinte no canto da boutade anterior: "que fixeron que máis dun can tivera extraordinarios soños nos que un can era gobernador de territorios conxelados e posuía un cetro de xeo, un trono de xeo, e falaba ao xeito das persoas, exhalando xeo e tiña exércitos de cans conxelados que morrían esnaquizados cos ladridos conxelados do gobernador...)


Os pais de Brasensio non coñecían, sobra dicilo, a chanson francesa nin a nova xeira de trovadores franceses que surxiría case que cen anos despois, Brassens incluído, polo tanto o nome de Brasensio ben puidera ser unha deformación dun nome máis antigo, que modelado pola fonética atropelada e ignorante, involucioara cara dita forma, cecais dende Plasencio ou Asensio. Descoñecemos a orixe do apelido.


Nos papeis consultados, consta que Brasensio Fodenda ignorou en todo momento da súa infancia e xuventude calquera contacto coa escola, todo apunta á meditación espontánea no marco incomparable dos Ancares, o escrutinio inopinado dos ollos das bestas, a libación repentina dos tetos das vacas e a inolvidabeis solpores escoitando o moucho e esas caralladas propias da nosa poesía. En calquera caso, as mesmas fontes revelan que posuía Brasensio Fodenda un talento extraordinario para cantar, vencido unha e outra vez pola timidez excluínte, pola brutalidade dos seus familiares, e polas escasas oportunidades de contrastar o seu don con algo semellante á instrucción.


Houbo unha festa. Festas nas que a inxestión de alimentos e viño era desaforada, na que os homes embrutecían e as mulleres semellaban homes. Os rapaces da pequena aldea onde vivía Brasensio cantaron consecutivamente cancións relativas ao río, ás vacas, ao viño, ás romarías e aos desenganos, tamén sachos e fouces, houbo grande ledicia. Nalgún intre desa festa, Brasensio retirouse a durmir á corte, coas vacas, e alí, no medio da palla, tivo un soño. No mesmo, apareceu Xesucristo, dicíndolle que era o Xesucristo dos Ancares, tamén lle dixo: canta! No soño, Brasensio Fodenda respostou: e que canto?

Xesucristo dos Ancares, aínda que era un soño, e polo tanto unha personaxe onírica que non precisaba respirar para existir(ademais era Xesucristo), colleu aire e díxolle solemne: Brasensio, escóitame ben, animal, eres baixo e ignorante, sen dúbida triunfarás na vida, canta! É un imperativo!

Brasensio, que como xa dixemos, non recibira educación ningunha(descoñecía a sucesión dos días, as estacións, a orixe da vida, o significado da palabra imperativo, as consecuencias das enfermidades, a relación da dor cos golpes nas costas, en fin, era no seu caso o descoñecemento un territorio amplo e indómito), Brasensio respostou: eu non sei cantar é un imperativo!

Xesucristo dos Ancares, díxolle no soño: Canta todo!


Brasensio espertou confuso, voltou á festa, e dixo que quería cantar. Fíxose un silencio e entón Brasensio, empregando palabras que descoñecía e que non escoitara nunca, cantou con magnífico timbre e incomparábel cor: as guerras do Peloponeso segundo os versos de Tucídides, o teatro grego de Sófocles, Esquilo e Aristófanes, os diarios do primeiro César, as trece cartas de Pablo e Sabiduría, pasaxes de Melitón de Sardis, Atanasio, Gregorio Nacianceno, e o Evanxelio de Felipe revisado por Dante, tamén o descanso na fuxida a Exipto e a morte do fillo de Anás. Vinte horas seguidas de canto espontáneo que provocaron choros, desmaios, e prostración dos aldeáns abraiados, axeonllados aos pés de Brasensio Fodenda, dende entón San Brasensio. Logo diso, din que Brasensio caeu fulminado ao chan, cun sorriso na faciana. Dende entón, o espírito de Brasensio repousa nas nevadas montañas dos Ancares. Era un 14 de Decembro de 1876, hai 132 anos. Trátase do único caso coñecido, na provincia de Lugo.

miércoles, 3 de diciembre de 2008

Discusión


Quilómetro 55 da estrada que une Vilalba con Viveiro.


Nunha cantina, varios paisanos falan de escritura e fonética. O vilalbés Frumilde non sabe ler nin escribir, e deduce que a palabra branchetufo non se pode escribir, logo pasa a man pola boca. Abladio Matelle, tamén analfabeto, mantén que todo o que se fala pode ser escrito.


-Me cago en Dios, pago unhos viños, sescribes branchetufo-sentencia o vilalbés.

-Padiante- resposta Abladio. Saca a navalliña dos dentes e coa sangue das encías fai uns garabatos riba dun periódico do revés que repousa no chan.

Dende atrás, achega os fuciños o vello Xalmiro, que resolve:


-Ben clariño, Bran-che-tu-fo.



De Rosvaldo Agrelo, Antoloxía dos salvaxes lucenses.
PD: Vinnie Jones, premio nacional de ensaio do Reino Unido:http://www.youtube.com/watch?v=X2P9gGElMB4


domingo, 9 de noviembre de 2008

Hai un lugar


Hai un lugar ao que non sei ir, nin tampouco sei poñerlle nome, é unha illa, un lugar que me visita de cando en vez; varios soños meus foron sorprendidos pola súa visita. Propúxenme anotar todos os soños que tivera, especificar que persoas, que palabras, que alucinacións ou terrores, ou estupideces decoraban a súa escea: non tiven soños durante unha semana. De calquera xeito, a imaxe da illa ven en calquera intre, dende a autovía ao supermercado ou o váter. A illa debúxase estrana, calma e sobrecolledora, un lugar que nos soños sei que coñezo, logo non me lembro ben, de camiño alí vou sentado tranquilamente nunha barca da miña infancia, boto a man á auga, e pouco máis podo lembrar. De calquera xeito, semella unha illa de dimensións inexactas, confusas. Vexo formas arquitectónicas como atemporais e incrustadas na pedra. O primeiro soño onde vin o comezo desta imaxe recurrente foi un onde se vía a porta da zona vella de Viveiro, alí vivín até hai pouco tres anos. O absurdo deste soño é que eu coñecía a Calamaro(ben, esta imaxe é tamén recurrente, soño moitas veces con él, conversamos, tomamos café, practicamos o piano e eu de súpeto non escoito o son das tecras, ou hai unha habitación de hotel onde vemos Spinal Tap, ou subidos nun esceario, cousas así) e cando camiñaba até el tiña que cruzar aquela porta da zona vella de Viveiro, el alonxábase primeiro cun exemplar nas mans de Cruzando o Paraíso de Sam Shepard(isto é lóxico, gravou a canción do mesmo título con Loquillo). Remato: cando cruzo a porta da zona vella de Viveiro, só hai mar, miro atrás e non hai nada, só algo semellante de lonxe á imaxe que acompaña este texto. Na barca penso naquelo de Swedenborg que se atopaba morto sen sabelo, e a característica desta condición incómoda é o feito de que toda a realidade se percibe dun xeito moito máis vívido, iso acontece na barca e ao mesmo tempo sei que só se trata dun soño. Sei que estou soñando. Pensando sobre isto, e como para apuntar no meu cuaderno de casualidades, o outro día o primeiro que me dixo un tipo amigo meu foi que o 5% da poboación mundial podía soñar sobre o que quixera. Eu funlle dando voltas a este tema e foi cando me propuxen anotar todos os soños que tivera: primeiro anotaría o motivo elixido para soñar e logo, ao día seguinte, anotaría o soñado. Levo semana e media así. O primeiro día, coma os nenos pequenos, concentreime un instante neste punto. No meu caderno anotei:
Día 1 de novembro. Hoxe propóñome soñar con Borges e falar con él, visitar a súa casa, vou tentar anotar o primeiro que me diga segundo me levante para non esquecelo. Boa sorte, Lois.
Día 2 de novembro. Non soñei nada. Non teño nada que anotar.
De novo é noite. Hoxe propóñome soñar con barcos, e selvas, que apareza no meu soño o Rubén Vázquez e que me fale de libros. Quero soñar co poema de José María Sanz, con esas imaxes:"...los que bajan asombrados la pendiente, los que olvidan las heridas que conocen..."
Día 3 de novembro. Non teño nada que anotar. Moito calor. Nada máis.
Día 4 de novembro. Comezo a manexar a posibilidade de abandoar esta estupidez. Pero vou seguir. E se o acado? E se o acado? Se o acado será como de súpeto ver que sae fume da lúa, polo menos. Está ben, cecais sexa cuestión de non apuntar tan alto. Hoxe quero soñar cunha illa. Veña Lois, isto non será tan difícil.
Día 5 de novembro. Primeiro motivo para aledarme. Tiven un soño no que aparecía Calamaro, o libro de Sam Shepard "Cruzando el Paraíso", eu perseguía a Calamaro, cando cruzaba a porta da zona vella de Viveiro, xa non había ninguén, pero había un mar inmenso...nada máis.
Hoxe quero soñar con puzzles e con coches de carreiras, cunha carreira. Boa sorte.
Ben, non voltei soñar nada máis até que soñei outra vez con ese mar e coa illa referida. E agora, nos últimos días non paro de pensar nela. Ben, non teño nada máis que aportar, pero estes días vounos adicar á transcripción deste caderno de intencións oníricas, comecei a lectura do libro de Freud da interpretación dos soños e, polo intre, deixeino, logo de ler un curioso poema de Nicanor Parra que di o seguinte:

...Vemos un automóvil
Un automóvil es un símbolo fálico
Vemos un edificio en construcción
Un edificio es un símbolo fálico
Nos invitan a andar en bicicleta
La bicicleta es un símbolo fálico
Vamos a rematar al cementerio
El cementerio es un símbolo fálico
Vemos un mausoleo
Un mausoleo es un símbolo fálico
Vemos un dios clavado en una cruz
Un crucifijo es un símbolo fálico
Nos compramos un mapa de Argentina
Para estudiar el problema de límites
Toda Argentina es un símbolo fálico
Nos invitan a China Popular
Mao Tse-Tung es un símbolo fálico.
Para normalizar la situación
Hay que dormir una noche en Moscú
El pasaporte es un símbolo fálico
La Plaza Roja es un símbolo fálico.
El avión echa fuego por la boca.
Nos comemos un pan con mantequilla
La mantequilla es un símbolo fálico.
Descansamos un rato en un jardín
La mariposa es un símbolo fálico
El telescopio es un símbolo fálico
La mamadera es un símbolo fálico....
Ben, nada máis, só que escribín esto tentando atopar unha resposta, si eu tivera a resposta, para que carallo ía seguir escribindo estas idioteces?
Boas noites.
Día 9 de novembro. Hoxe quero soñar con Zidane. Que xogo con él e facemos unha parede. Ben, abonda con que apareza Zidane.

sábado, 1 de noviembre de 2008

Eduardo Collol: o escritor meticuloso

Souben da existencia de Eduardo Collol logo de escoitarlle unha noite a un tipo que vestía de chaleque e camisa branca coas mangas abombadas que había un escritor en Galicia que debería ser de lectura obrigatoria nas escolas, institutos e universidades. O fantástico Eduardo Collol, así me dixo. Eu non coñecía a súa obra e intereseime pola mesma a partires daquel día. Visitei as poucas bibliotecas da cidade onde pasei horas e horas, cecais días. A experiencia da súa procura serviume para aprender outras cousas. Nunha mesma tarde achei as relacións entre anestesia, amnesia e kinestesia, verbas todas relacioadas co esquecemento e a memoria, permaneceu para sempre en min a historia dun antropólogo francés que a mediados de século liscou ao quinto carallo de Asia para o estudo dunha das tribus mais antigas que seguían existindo no praneta. Viaxou só e contratou xa no sitio a un guía chamado Yourimu, ámbolos dous adentráronse en canoa nunha das rexións mais indómitas entre Birmania e Bangladesh. O antropólogo levaba consigo abundante café, tabaco e té en bolsiñas para lles ofrecer aos salvaxes en caso de atopalos. O caso é que desapareceu e non se voltou saber del en cinco anos. Foi atopado por militares franceses que se atopaban na zona: pesaba 29 quilos. O seu aspecto era calamitoso, e regresárono a París, onde permaneceu varios meses no hospital. Perdera a capacidade para falar, foi afeitado dunhas guedellas e barbas que lle chegaban aos pés. Pouco a pouco puido voltar a facer tareas habituais: lavarse, vestirse, decir ola e adeus, pero non falaba nada da súa experiencia. Dicía que precisaba tempo para ordear os seus pensamentos, ía dar unha serie de conferencias para referir a historia da súa viaxe. O caso é que en canto se atopou algo mellor, logo dun ano, obsesionouse coa idea de voltar cos salvaxes, cousa que conseguiu, pois burlando os coidados familiares e a vixilancia do centro médico no que seguía recluído, liscou e nunca mais se soubo del. Deixou unha carta escrita, un documento único polo que relata e pola sensación que esperta en aqueles que o len: "...adentreime na rexión na compaña do guía que contratara, un home de rasgos afiados, vestido co mínimo, un home calmo, que gostaba da carne de cocodrilo, eu vin como pelexaba con un, sempre andaba descalzo e logo de oito meses de viaxe, dixo que abandoaba, él non seguiría internándose na selva. Fiquei só pero continuei adiante, entrei sen guía naquela rexión que xa non se atopaba cartografiada en ningures, coa única compaña da miña mochila, un vello machete e algo de café, tabaco e bolsiñas de té. A viaxe foi dura, tiven febres, vómitos, pelexeime cun tigre, vin as noites mais fermosas que ninguén teña ollado nunca na inmensidade da selva descoñecida e logo de tres meses de viaxe, que cecais foran círculos arredor de ningures, pois xa me perdera, localicei aos salvaxes. Recibíronme sen inmutarse, os vellos durmían todo o día, e o resto deles ignorábanme. Deixei en sinal de boa vontade café, tabaco e té aos seus pés. Nunca o tocaron. Descubrín que a súa linguaxe compoñíase de moi poucas verbas. Coa verba "simura" denominaban a febre, o remedio, o solpor, o amor, os fillos, a fame, a pesca, a morte, o nacemento, a herba, as bestas, a lúa, a terra, os cocodrilos, a auga, a sede, a guerra e as prantas medicinais. Cada vez que morría algún ancián eliminaban da súa linguaxe unha palabra que nunca mais empregaban. Logo dalgúns meses, espertei só un día na aldea. Non había ninguén. Todos liscaran. Collín unha canoa e remontando o río atopeinos novamente instalados naquelas chozas sobre a auga logo de tres semanas de viaxe. Recibíronme coa mesma indiferenza, de calquera xeito eran totalmente pacíficos conmigo. Aos dous días liscaron de novo. Voltei atopalos. Cada vez alonxábanse mais de min, internándose en lugares cada vez mais inhóspitos e de imposible acceso. Eu seguinos. Descubrín que celebraban ritos nos que rogaban á auga que os levara ben lonxe de min, que ninguén soubera da súa existencia. Unha noite, tres mil deles, nunha sorte de imaxe abismal, axeonlláronse aos meus pés e permaneceron así por espazo de cincuenta horas, soportando a choiva, o sol, o frío da noite e o calor tropical abafante do día. Eu adormecín. Á mañá seguinte non estaban. Voltaran liscar. Levaba cinco anos vivindo con aquela xente, que a cada pouco tentaba borrarse sen deixar mais rastro. Cando me repoña, penso que voltarei xunto deles, para sempre."

O caso é que eu non atopaba obra ningunha de Eduardo Collol e un día, cando xa ía dar por vencido, un bibliotecario de case oitenta anos contoume a historia do singular escritor. Suicidárase logo de chegar ao cumio da súa obra. Empregara mais de corenta anos en escribir un manuscrito de cincuenta mil páxinas, a súa grande obra. Logo invertira case dez en corrixila, e con grande pulcritude fora borrando aquelas verbas que consideraba sobrantes. A obra comezara a disminuir. Ao cabo de cinco anos tiña pouco mais de dúas mil páxinas, e aos nove anos de correción o manuscrito non estaba conformado por mais de nove follas, que Eduardo Collol exhibía xa feble e paranoico polos cafés literarios. No intre da súa morte atopáronse dous anacos de papel, o único que quedaba xa do manuscrito orixinal, no que se podía ler:


A Obra


Coñecín a Eduardo Collol logo de escoitarlle a un tipo...


sábado, 4 de octubre de 2008

Voltar ao lugar do crime


Cando volto ao lugar do crime só atopo falsas pistas, pero todo segue igual. Hai as palabras que nunca dixen, tamén grandes silencios que xa non lembro, hai unha rúa portuguesa de adoquíns, un xersei de lá verde, negro e marelo, hai un vello coche de miña nai na beira do cantil ao borde da praia(ía calor, eu tentei acendelo, o coche deu un grande salto cara diante e eu baixei, logo voltei bañarme), hai unha enorme caída riba dunhas bostas de vaca, unhas escaleiras que feden a tempo pechado e unha habitación de parqué nunha vella casa de aldea, hai un carballo e hai unha caída cando quitei unha das rodas pequenas, un hostión criminal contra unha parede e un pastor alemán riba miña, hai un hotel abandoado, unha igrexa chea de xitanos na que eu ingreso por erro(aquel día latara ao conservatorio), un ionqui ameazándome cunha xeringa, un rapaz tentando atracarnos na muralla(logo morreu, ía ao meu colexio, o Platas), hai un estrano Opel Corsa dos vellos e un tipo que se ofrece a levarme a adestrar a Frigsa(eu declino e sigo o meu camiño, tería sete anos), hai unha fiestra e un velatorio nunha casa de dimensións mínimas(o can do finado tamén me mordera), hai podredumbre unha tarde enteira explorando o antigo matadeiro, unha rapaza da miña clase coa cabeza aberta camiñando cara min, Calamaro fitándome fronte a fronte no Magüei ás tres da mañá(era Santiago), hai destrozos nunha antiga escola unitaria(eu tiña nove anos, primeiro ataque de ira), logo fuximos, o psiquiátrico de Castro que eu asociaba á casa de Ángela Channing, un valado marelo, hai un seat 127 branco de meu tío, hai unha familia de anarquistas nunha tenda iglú dicindo tacos todo o tempo, hai unha botella vermella de licor de ginseng nun autobús o ano que rematei C.O.U., hai unha persecución dun ionqui detrás miña sen saber eu o motivo, logo entrei nun bar e quitei a chaqueta, non me atopou, hai outra persecución dun tipo sinxelamente louco ás seis da mañá camiño da miña casa, fixen o récord mundial na modalidade Avenida da Coruña con Otero Pedraio, eu puiden mais. Saco a lupa e vexo sucesivas noites de verán dende a fiestra, borrachos que viñan de Iguazú, ou sinxelamente negocios raros ou situacións surrealistas, unha pelexa de gatos a tumba aberta, unha persecución dende a Milagrosa até as Gándaras, eu pedalexando nunha bici cun só pedal, logo agocheime nunhas silveiras, dous viñan en moto; hai o puto fulano que ía cun maletín e vestido de negro, houbo unha época que eu atopábao en calquera lado(en Santiago, timbrando na casa de meus avós), hai unha buhardilla do bar América na que eu xogaba de cando en cando aos coches de miniatura, hai revistas porno naqueles solares abandoados que hoxe é a Praza Viana do Castelo(oito anos), culebras, navallas, chacos, trinta rapaces do colexio Cervantes diante da casa de meu amigo Pedro para zouparnos, unha patada nos collóns que eu xulguei ben pouco para o que me podía ter caído, hai o medo aos pozos, o medo aos cás, o medo ás barracas, o medo aos Reis Magos, hai unha biblioteca hoxe en ruínas na Torre dos Morenos(en Ribadeo), un vello que me preguntaba todas as mañás se me espertara o sol, hai un rompeondas e unha densa néboa, un home que nos ensina unha pistola, unha rapaza que nos ensina os peitos, un rapaz que nos ensina o pene, a incursión no vello cine Colón, tres cascos de bombeiro, o roubo dunha peli porno nun videoclube dun tío dun amigo meu(dez anos), balóns roubados, pinchados, o hostión do século vinte nunha bici de carreiras, e coido que podería botar horas así, e por mais que busco, e por moitas veces que volto ao lugar do crime, o crime é o paso do tempo, non atopo ningunha pista, pero supoño que o importante é buscar, e mañá poder voltar de novo, e ver que todo segue alí para sempre, tal como o vivín.
Tamén atopo estes debuxos de Escher, que o meu amigo Iago me ensinou dun libro da súa casa e que agora que non deixo de pensar neles, entendo porqué se lle ocorreu mostrarmos(once anos). Alí estaban e eu non me lembraba deles.

sábado, 20 de septiembre de 2008

O xogo de espellos( Premio Fontanaría 2005), de espellos, de espellos...


"Leva algún tempo pelexando no meu interior un estrano pensamento que, ás veces, torna perfectamente claro e lexíbel, e outras simplemente non aparece ou si o fai, pronto se esvaece. Pode perfectamente que fora a outra fin de semana, nun día espléndido de sol, camiñando pola rúa. Cando se trocan os ritmos do sono, froito de trasnoitar, o corpo e a mente atópanse inutilizados para moitas cousas, pero nunca me deixa de sorprender a natureza diverxente de moitas fases do pensamento. En ocasións, estas diverxencias condúcente diretamente cara ningures e noutras, coma unha milagre, veñen para se quedar durante unhas horas, e por algún estrano motivo sabes que ese camiño que se vai debuxando ten un porqué, e que cecais só teña sentido para o propio ser pensante, pero aínda así, un coida que no fondo, soterrado, aquelo que está agochado pode revelar algo. Unha vez, cun amigo meu, pensamos que nos atopabamos chegando a un punto importante dese algo estrano, falando dalgunha lectura preferida que nos tiña apoiados cunha perna a cada un nunha parede dunha casa nalgún punto da Milagrosa: pode que fora verán, pode que foran as cinco da tarde, pode que tiveramos aspecto de chapeiros, pode que estiveramos ollando cara o chan, pode que houbera dous homes ao outro lado da rúa, ollando para nós con cara de póquer, pode que foran fontaneiros, pode que pensaran en nós coma chapeiros. Ben puidemos estar medio minuto calados, interrogando o aire, máis sería entrar no literario, e como non entrar? Logo despedímonos coma sempre, e eu fun convencido e contento de que algo comprendera, pero o caso é que ao tempo que conducía decateime que non sabía o motivo da miña ledicia. Souben que non comprendera nada.


Así que o outro día, eu atopábame nun intre deses, tentando atar cabos: ao tempo que camiñaba, e ollando as árbores(minto, non ía ollando absolutamente nada), pensaba nun fragmento de 2666, a derradeira obra do Roberto Bolaño, na que un destacamento de soldados alemáns chega a un vello castelo da Rumanía, no que se atopan cun escadrón de soldados rumanos completamente ebrios, ou loucos,e ingresa no patio. Alí, os soldados ollaban sorprendidos un grande lume medio acendido, e unha enorme cruz desigual presidindo a insólita combustión, unha cruz feita con cachos de mobres, e o que é mais sorprendente, o propio capitán dos soldados rumanos, espido e algo queimado(algo normal cando un expón a pel ao lume). Os alemáns asústanse, pero os rumanos fican calmos. Logo, un rumano explícalles aos alemáns que levan alí un mes, e que eles o que fixeron o primeiro día foi facer a cruz, e só logo de tres semanas se lles ocorreu crucificar ao capitán, que luce tres cravos en cada pulso, e outros tantos nos pés. Non sabían o motivo de erguer a cruz, nin tampouco porqué o capitán se atopaba alí. O capitán lucía un pene de trinta centímetros, tamén algo queimado, froito da elevada temperatura do lume. Claro, eu pensaba sobre esta escea camiñando(algo que non ten excesivo mérito: todos podemos camiñar, parar, pensar un pouco, e voltar camiñar) e pensaba tamén en Funes o memorioso de Borges, aquel que tiña a "funesta" virtude de poder lembrar todo con exactitude, precisaba un día enteiro para lembrar como fora o día anterior; pensei no conto do Chéjov, aquel que de súpeto comeza a pedir excusas todos os días ao seu xefe por terlle cuspido sen querer e finalmente mátao, pensei de novo no castelo da Rumanía do libro do Bolaño, e aquí aconteceu algo, lembreime do mosteiro de Sobrado dos Monxes, lembrei un escritorio que non se podía tocar, eu tería nove anos, e como sentín o desexo de achegarme ao escritorio e tocalo aínda que sabía que non estaba permitido, recorrín algunha parte daquel castelo mentalmente, facía frío á sombra. Comecei a preguntarme despois desta regresión infantil, si realmente un libro era o que semellaba, ou era algo mais perigoso. Voltei pensar no Borges, no conto aquel no que unha familia de aldeáns rematan por aforcar ao convidado, establecendo un paralelismo entre este e un mártir, froito dunha historia que él lles conta previamente. A forca levoume a pensar nun home que coidaba ovellas preto da casa de miña avoa, nós voltabamos polo medio das berzas despois do colexio, eu tería nove anos tamén, e alí, naquel canellón de terra e madeira carcomida, un home de moi mala virxe saía ao noso encontro, os seus dedos interrogaban sempre aos seus dentes e moas, se cadra comera queixo, e igual xuraba de carallo e nos ameazaba. Nós sentíamos medo, pero non deixabamos de pasar por alí. Él guindábanos pedras ou coios, e nós si nos atopabamos con forza igual lle chamabamos fillo de puta, ou cabrón, e corríamos rindo. Un día non apareceu no canellón, aforcárase no galiñeiro.

Así que eu seguía andando, pensaba nos contos recurrentes do Rulfo, os do Llano en Llamas, e na caste de home que podía ter erguido acta de tanta tristura e beleza a partes iguais, e pensaba no Rulfo escribindo durante horas folios e folios, na soidade na que sempre viviu, corrixindo escrupulosamente aquelas maravillas, e logo queimándoas unha despois de outra, até que un amigo lle roubou unhas e as levou a unha editorial. Aquí tentei conectar estas lembranzas con algún soño meu próximo no tempo, coma aquel no que voaba e aterraba e vivía dentro dunha tenda de campaña chea de silvas, ou no que ía coa miña rapaza a un bar e vía a un rumano coa súa noiva, o mesmo rumano que vira no verán en Salvador de Bahía, logo algo ía mal e baixabamos cara o aparcadoiro subterráneo, que estaba deserto, e eu camiñaba e camiñaba e non daba co coche. Había alguén sempre fitándome medio revirado ao pé dunhas escaleiras, e eu sentía a necesidade recurrente de correr e non poder. Tamén o lamentábel soño de entrar en Zara e que un comando terrorista, non sei porqué, comezaba a ametrallar o edificio: un edificio no que todas as prantas eran deseñadas para ananos, de tal xeito que eu case que non me podía deitar para evitar os disparos porque batía coa testa no teito.


Neste punto do razoamento, a miña sensación era de satisfación e de medo moderado, e lembrei ao Bioy dicindo aquelo de que abonda camiñar media hora só para petar ás portas da loucura, o conto aquel do arxentino cos colegas en París. Comecei a pensar nas facianas daqueles tipos na Francia de posguerra, e pensei con satisfacción que chegara á clave do asunto: Bolaño coñecía aquel conto de Bioy, claro que o coñecía e sería por este motivo que eu, no meu pensamento, lle vía a mesma cara ao tipo arxentino que ao capitán rumano crucificado no castelo. Xa estaba, como non me decatara antes? Bioy coñecía Rumanía, e pode que Sobrado, logo pensei no Rulfo crucificado riba dos seus contos ardendo, e logo vin aos soldados rumanos ríndose de min, pode que foran uns impostores. En realidade, pode que Bolaño fora un impostor tamén, e Chéjov, con ese puto nome ruso, e toda esa corte de escritores rusos que só saben escribir para que nos imaxinemos historias en branco e negro, ou case sen contraste, pode que Borges fora alemán, si, esa era a clave, Borges era alemán, e o pai de Borges era cego, e vagaba xa maior polas rúas sen recoñecer a ninguén, por iso eu imaxinaba cego ao capitán, por iso Bolaño pensou nel, mais ben pode que todos foran uns fillos de puta mentireiros, pode que eles mesmos foran en realidade o grupo de soldados rumanos. Pode que sí. Pode que non. Pode que todo fora coma un eterno xogo de espellos para o puto home invisible.


E así, camiñando, decidín voltar para a casa. Achegueime á ventá, e non souben que era mais tétrico, si calquera soño aterrador, ou aquel xardín verde, calmo, limpo, aquel xardín que eu pensei fantasmal."



Abelardo Mañanes, fontaneiro, extraído da súa obra "Pensamentos dende a fiestra"


Nota: Este conto foi premiado no certame literario para fontaneiros Fontanaría 2005.

Abelardo Mañanes nunca mais voltou escribir. Un lavabo Roca precipitouse dende dez metros sobre as súas mans, non opoñendo estas resistencia algunha ao impacto. Dende entón, entreténse aconsellando aos amigos nas partidas de birisca.

Hai un ano, perdeu os pés, logo de acompañar á súa filla no coche, cando lle indicaba o movemento de volante nunhas prácticas de aparcamento en batería.


Hai dous meses, Abelardo Mañanes, coroando un ano cheo de adversidades, partiu os dous brazos, froito dunha discusión familiar sobre o peso dun frigorífico. Hai tres días, Abelardo Mañanes foi declarado fontaneiro oficial de San Pedro, aló no alto do ceo, o mesmo ceo que apagou coa súa choiva o lume daquel castelo rumano do libro de Bolaño.


http://es.youtube.com/watch?v=Q1VGoKBKR3I

domingo, 31 de agosto de 2008

Lecturas de Javier Clemente


"Un pasador defínese coma alguén que ten unha especial sensibilidade e talento para esta acción do xogo. É o elemento que lle achega o sentido colectivo ao xogo. Un mal pasador acostuma ser odiado por un pasador nato, e inclusive pode ser odiado por todo un equipo, pola súa regularidade na perda de balóns, froito de pases mal executados. Acostuma ter algún defecto na carreira e, de seguro, pésimas eleccións nas zapatillas de xogo. Poida que sexa xogador, pero non tería acontecido nada si decidira ser fontaneiro ou arquitecto. Un bo pasador, polo contrario, non un pasador ocasional, senón un pasador en toda regla, un xogador que disfruta en cada pase da acción en sí, pode ser de calquera xeito mais capullo que un mal pasador, poida cecais que despistado ou déspota, ou analfabeto e loiro. Un bo pasador é moito mais necesario que un mal pasador, e camiña normalmente coma o que é, un bo pasador. Por contra, un xogador pouco dotado para o pase, pode camiñar pola pista coma un búfalo, ou coma un turista neozelandés recén espertado logo dunha bebedeira, ou pode camiñar coma un mono. A sensación acentúase si está canso, porque é como si ademais de neozelandés e borracho, e turista, tivera cento dez anos. Un mal pasador non acostuma falar demasiado de fútbol, non acostuma falar demasiado de nada. É un tipo calado e apesadumbrado, que non se emociona cando lembra a Zidane, ou Maradona, ou se imaxina a Miguel Porlán "Chendo" correndo infinitamente por un carril dereito cheo de silvas e maleza indómita, cos nocellos sangrando baixo un deserto de tibias e peronés. Un mal pasador, cando é pequeno, entende perfectamente as matemáticas e pega aos demais, e non ten medo na escuridade. Iso é así. Un mal pasador é un tipo uranofóbico, con medo ao paraíso terreal, e acostuma abusar da sal e da zona "punteiril" do pé.


Un bo pasador, normalmente pasa ben porque ve o xogo dunha determinada maneira: ademais de ver compañeiros e contrarios, e un balón, e unha portería, e xente nas gradas, olla a ruta. E disfruta cando non se sabe que tocou o balón porque o tocou de primeiras e continúa escoitando os latidos do seu corazón e desexando que a pelota non se deteña, que siga de pé en pé, disfruta co tacto dun balón. Un bo pasador entende que pedra e pase non sonan ben, do mesmo xeito que un mal pasador pode emocioarse coas palabras cabalo e piano xuntas. Un mal pasador só ve sombras, e sospeitosos no seu camiño cara a portería contraria. Dentro de sí, latexa a frustración e o odio cara o balón. Para él sería perfecto si non existira o balón, mesmo si non existiran as porterías, nin as liñas, en realidade un mal pasador é un tipo gris e aburrido, e acostuma dar patadas. De cando en vez berra na ducha e escarállase da risa, e pouco mais. Porque eu pregúntome porque os malos xogadores dan patadas? Pois polo odio interior que albergan contra todo o que se pareza a un xogo, eles viñeron á guerra. E ao mellor, cando chegan aos dominios duns cantos bos pasadores se atopan cunha alegre merenda no campo, e ninguén leva reloxo...un mal pasador acostuma conducir ben o seu coche, hai tempo os malos pasadores acostumaban poñer os mal chamados "guardabarros" no seu coche. Isto non é algo matemático, pero sí moi frecuente nas zonas costeiras..."


Ikao Jonosaka, adestrador de Zico no Yokohama Marinos, extraído de Bushido Football: the resource of a legendary game




"Os xogadores negros teñen unha boa caralla e esto pode axudarlle ao adestrador a facer risas e brincadeiras para facer vestiario, ademais o tamaño do pene (por riba dos vinte centímetros nos xogadores procedentes da África), indícanos que poden funcionar moi ben na posición de mediocentro, polo centrífugo da súa natureza"


Alan Simons, ex- adestrador do extinto Dover Wailer extraído de Football Magistral Lessons


"O xogo é unha merda en sí mesmo, e nós temos que sacar petróleo. A vida ven antes que a morte, e nós temos que sacar petróleo. Arriba atópase o ceo, e embaixo o inferno, o petróleo, que está preto do inferno, pode conducirnos cara o ceo, e por certo, God Bless You.Sempre hai que pasar ao ataque."


Michael Thomas Bush, presidente do Cosmos de Nova Iorque nos anos 70, da súa esencial "Enciclopedy of Football Esence: Business and Oil"


"O xogo é un sistema de decisións correctas e incorrectas. A maior número de decisións correctas, menor número de decisións incorrectas. As variábeis que inflúen na toma das mesmas son a excusa dos febles. Os nosos xogadores teñen que estar por riba do ben e do mal, teñen que decidir ben. Para iso debemos promover a súa docilidade e disciplina, pois iso evitara que cuestionen o sistema en sí. Calquera elemento intruso no sistema debe ser eliminado e traspasado no mercado de inverno. Adoitan levar pelo largo, ou pegar un taconazo, ou queixarse do adestrador. Si nós deixamos que estos díscolos se propaguen, estaremos debilitando o sistema. Para decidir ben, cómpre que os xogadores leven unha dieta rica en carne de cabalo(o cabalo é un animal dócil á man do home), carne de ave(o medio aéreo é fundamental), e sobre todo, unha actividade sexual eminentemente procreadora, alonxada da recreación e o placer, pois estas prácticas fomentan pensamentos relativos ás vaselinas, sombreiros, túneis, autopases ou rabonas. Isto contradice o sistema. Si o sistema está ben aplicado, o equipo sairá adiante. Un equipo sen decisión é como martelexar uns cravos contra os propios collós e contar un chiste de escoceses ao mesmo tempo...fracasaremos seguro."


Jackie "Avestruz" Charlton, irmán do mítico Bobby Charlton e ex-adestrador de Eire.



"Un grupo é unha bomba de reloxaría, e nós somos quenes debemos canalizar toda esa dinamita emocioal cara o noso propio beneficio. Os xogadores non queren adestradores. Os xogadores queren anarquía e partidiños de adestramento. É importante non otorgar sinais de fraqueza; así, é fundamental nun adestrador o xeito de vestir, o corte de pelo, o ton de voz(directo e solemne), programar o maior número de sesións e, sobre todo, non descoidar ningún tipo de ritual relacioado coa superstición: eliminar as patacas fritidas do menú dos xogadores, sair de último do vestiario, rezar, prohibir os paseos nas concentracións, dar a charla sen poñer o traxe, bicar unha cadea, beber un vaso de auga no balcón a noite antes do partido, e sobre todo, é importante marcar as distancias con respecto aos xogadores, porque debemos ter claro que un día botarannos do clube, independentemente do método que sigamos, e eses cabrós seguirán ao seu: tomando todo coma se fora un xogo..."


Sergio Kresic, do seu elemental "Un enfoque balcánico-bético do conflito emocioal: o xogador na súa cabeza"


"Adentro del jugador conviven Dios y el Diablo, de tal modo que debemos hablarle al jugador como si fuéramos exorcistas de la ansiedad. El jugador tiene que salir al campo dispuesto a pintar, y para ello debemos explicarle que algunas veces tendrá que servirse de la brocha gruesa(en las labores defensivas) y otras veces de los principios básicos del surrealismo, principios contenidos en los sueños de cualquier labriego de la zona de Granada(resolución de situaciones tácticas en espacios reducidos). El juego es como la vida: una gran casa de putas con los techos revestidos de mierda y miseria, y aún así, no nos queda otro remedio que jugar; para ello, como a las casas de putas, los jugadores han de acudir al día de partido con la muda limpia y preparados por si toca subir e incorporarse al ataque. El uso de metáforas sencillas como ésta, que el jugador pueda entender, de modo fácil y sencillo, harán que nos ganemos su simpatía, y que llegado el caso, nos inviten a comer o a una ronda en cualquier prostíbulo, con motivo de un ascenso a Segunda División B."


Jorge D´Alessandro, poeta e teórico do xogo de football, extraído de "El futbolista: analfabetismo e ilustración en la Segunda División B"



" O aproveitamento do tempo de lecer constitúe un enorme campo de posibilidades que o xogador debe empregar no seu proveito. Neste senso, as drogas aéreas constitúen un fantástico medio para a actividade intelectual dos mediapuntas, e tamén para revelarlle aos centrais os misterios do xogo no campo contrario. Eu, en concreto, acostumo falar en voz baixa, pois podería ser escoitado polos espías que hai dentro do meu cerebro. Normalmente, os dianteiros son mais propensos á xinebra e o vodka, son os laterais os que abusan do ron e o güisqui. Sobre iso, eu non teño preferencias, sempre fun un xogador versátil."

Xulio Alberto, ex-xogador, extraído do seu diario de viaxes "Illa de Martinica: Cando fun Xulio César"