viernes, 14 de marzo de 2008

Cecilio& Chuck Berry (Oh Carol)


Houbo un día no fútbol sala, polo menos un día, ou varios días, nos que Cecilio puido ser fácilmente o mellor xogador do mundo. Houbo días nos que Cecilio foi Maradona. Cecilio foi un deus. Ninguén se lembra, porque só vale a actualidade, pero así foi. E agora nós imos lembralo. É de xustiza. É decisión(Xavi,estás aí, Ione? Ione anda a cen)


Chuck Berry foi o inventor do rock. Segundo as súas verbas, triunfou porque escribía letras para brancos. Escribía sobre historias da escola, á que él non ía. Escribía sobre historias de coches, un Cadillac cor café e cousas así, como os coches que él mesmo arranxaba para os brancos antes de se facer famoso. Escribía historias sobre os rapaces que verten os batidos polos pantalóns cando ven cruzar ás animadoras a carón de fontes que verten de mais nos días de verán, batidos que o Chuck non probara na súa vida. Por suposto escribiu Johnny Be (or B. or not to bee) Good. E cando a campá da canción soou ( just like the ringing bell), Chuck Berry pegou en tódalas radios e hipnotizou durante décadas ao mundo, e iniciou aos Beatles, e aos Stones, etc...


Cecilio foi Chuck Berry.


Chuck Cecilio contoume unha historia que sempre lembrarei e logo visitarei outra de Chuck Berry, ou ao revés, agora non me lembro. Praia de Ipanema, é verán, os turistas enchen a praia para queimar o corpo e ver as cadeiras dos garotos e garotas deslumbrantes pola area, en tanto beben copos de cachaça. Ce, que é un Zé pequeno, coma na película, corre polas favelas abaixo, detrás dun neumático(isto do neumático saqueimo eu da manga) xunto con ducias de nenos, rapaces e quincallada en xeral, aos ollos dos alleos. Xente da rúa para os dalí. Polo visto, ao se achegaren á zona da praia, conflúen nas grandes avenidas e multiplícanse. Aí chega a pelada. A pelada é a historia en sí. A pelada consiste nunha marea de ducias, cecais un cento de garotos negros da favela que comezan a correr ao louco invadindo a praia. No camiño, arrasan reloxios, carteiras, copos de cachaça, lentes de sol, toallas, todo...logo fuxen. Isto mesmo é o que contei algunha vez dos pirañitas, é un fenómeno habitual onde hai necesidade(os pirañitas son en Perú). Os turistas fican aterrorizados baixo os efectos da cachaça e a indignación. Pobriños. Sinten pavor, ou uncanny (curiosamente os ingleses encontraron un só termo para definir o horror sobrenatural).


En canto a Chuck Berry, contaban algúns, que nos seus tempos mozos andaba cunha pistola no peto, mais que nada por precaución. Contan do Chuck que un día, cando caera na bebedoira pediulle casamento a unha puta a altas horas da madrugada. Aquelo non prosperou.


Anos despois, Chuck Berry, logo dun partido para esquecer nunha cidade mediterránea, e logo dunha tangana monumental, da que de milagre saímos él e eu os primeiros polo túnel de vestiario de puro milagre, Cé pequeno comezou a falar cunha animadora que pasaba, apoiado na parede coma se nada. Eu aínda estaba tentando esquecer as ostias ofrecidas no parqué.


O feito estético( a inminencia dunha revelación que nunca se produce, pero que con Ceclilio sí se producía)


Nun corpo de negro ancestral, baixo moreas de músculos que dibuxaban un incerto perfil, aúnaba a explosividade, a forza, o músculo, a resistencia(calcius, altius, fortius, negrus) e uns pés do corenta e cinco que semellaban os dunha bailarina das de Nureyev. Pero o mellor de Cecilio, tendo todo isto, ademais de técnica, disparo, regate infinito( regate cun punto en todas partes e unha circunferencia en ningures) e os pés tortos e planos, o mellor non era isto. O mellor era algo que non se ve nos xogadores, pero que todo aquel que o vira, e entendera un pouco, desexaría posuir. A súa imaxinación para inventar aquelas xogadas paralizantes, chamánicas, o phármakon dunha viaxe psíquica cara o centro do xogo, cara o estado orxiástico, cara o desconcerto. Só restos de rivais vencidos. Nove disfrazados de xogadores e só un negro xogador verdadeiro. Esa era a miña impresión partido tras partido. O Cecilio nacera para ir vestido de xogador, o resto íamos disfrazados de putos espantallos, deses que lles caga unha pomba negra dende o alto do ceo. Cecilio debuxaba chilenas, elásticos, rabonas, bicicletas, cordas, taconazos, lambretas, recortes con traxe incluído, túneis cara atrás e cara diante, Cecilio era Cézanne. Xogaba coas zapatillas de cores, e foi o mais semellante a un ídolo que puiden ver nas expresións dos ollos dos nenos daquel entón. Cecilio regateaba ata as porterías, queda claro?


Chuck Berry era mentireiro, folgazán, un día dixo que non podía ensaiar porque lle doía o pulso, e ao final do ensaio, estaba a tirar chilenas co fillo do baixista. Berry gastaba en coches, era egocéntrico, pantasma, pero Chuck Berry existiu e existe, e é un bo rapaz. Porque aínda que cumpra cento vinte anos calquera día, Cecilio sempre será un neno que corría polas favelas ata Ipanema, para a pelada, e será lembrado con respeto como xogador por aqueles que se dignen de entender algo deste xogo. Os que se rían del, corren o risco de ser espantallos tamén. Non vístedes que xa vos está facendo un caño, ah, e que pensei que saías tí á axuda, joder co negro este. Facemos saque de centro?


Ceo azul, piscina elegante, auga límpida, quietude, xardíns que impoñen, soa unha melodía dunha slide guitar que adormece aos vivos e fai bailar aos mortos. A cámara vai achegándose por riba da piscina ata unha casa branca, unha mansión. Cruza o xardín nun travellin perfecto, chega ao vestíbulo, hai escuridade. Todo o chan está enmoquetado en roxo, hai unhas paredes de cristal transparente e a melodía pode escoitarse agora con maior claridade. Hai unha luz no medio da escuridade. Nunha cabina transparente, Chuck Berry rasguexa a slide guitar. Vai vestido de roxo. Logo non sucede nada mais. Cecilio autonauta do seu propio espazo infinito. Oh...Carol.


Pd: Gourmet edition. Chuck Berry e Keith Richards ensaiando Oh Carol. Atención facianas de Chuck e de Keith, e do pianista gordo.