sábado, 20 de septiembre de 2008

O xogo de espellos( Premio Fontanaría 2005), de espellos, de espellos...


"Leva algún tempo pelexando no meu interior un estrano pensamento que, ás veces, torna perfectamente claro e lexíbel, e outras simplemente non aparece ou si o fai, pronto se esvaece. Pode perfectamente que fora a outra fin de semana, nun día espléndido de sol, camiñando pola rúa. Cando se trocan os ritmos do sono, froito de trasnoitar, o corpo e a mente atópanse inutilizados para moitas cousas, pero nunca me deixa de sorprender a natureza diverxente de moitas fases do pensamento. En ocasións, estas diverxencias condúcente diretamente cara ningures e noutras, coma unha milagre, veñen para se quedar durante unhas horas, e por algún estrano motivo sabes que ese camiño que se vai debuxando ten un porqué, e que cecais só teña sentido para o propio ser pensante, pero aínda así, un coida que no fondo, soterrado, aquelo que está agochado pode revelar algo. Unha vez, cun amigo meu, pensamos que nos atopabamos chegando a un punto importante dese algo estrano, falando dalgunha lectura preferida que nos tiña apoiados cunha perna a cada un nunha parede dunha casa nalgún punto da Milagrosa: pode que fora verán, pode que foran as cinco da tarde, pode que tiveramos aspecto de chapeiros, pode que estiveramos ollando cara o chan, pode que houbera dous homes ao outro lado da rúa, ollando para nós con cara de póquer, pode que foran fontaneiros, pode que pensaran en nós coma chapeiros. Ben puidemos estar medio minuto calados, interrogando o aire, máis sería entrar no literario, e como non entrar? Logo despedímonos coma sempre, e eu fun convencido e contento de que algo comprendera, pero o caso é que ao tempo que conducía decateime que non sabía o motivo da miña ledicia. Souben que non comprendera nada.


Así que o outro día, eu atopábame nun intre deses, tentando atar cabos: ao tempo que camiñaba, e ollando as árbores(minto, non ía ollando absolutamente nada), pensaba nun fragmento de 2666, a derradeira obra do Roberto Bolaño, na que un destacamento de soldados alemáns chega a un vello castelo da Rumanía, no que se atopan cun escadrón de soldados rumanos completamente ebrios, ou loucos,e ingresa no patio. Alí, os soldados ollaban sorprendidos un grande lume medio acendido, e unha enorme cruz desigual presidindo a insólita combustión, unha cruz feita con cachos de mobres, e o que é mais sorprendente, o propio capitán dos soldados rumanos, espido e algo queimado(algo normal cando un expón a pel ao lume). Os alemáns asústanse, pero os rumanos fican calmos. Logo, un rumano explícalles aos alemáns que levan alí un mes, e que eles o que fixeron o primeiro día foi facer a cruz, e só logo de tres semanas se lles ocorreu crucificar ao capitán, que luce tres cravos en cada pulso, e outros tantos nos pés. Non sabían o motivo de erguer a cruz, nin tampouco porqué o capitán se atopaba alí. O capitán lucía un pene de trinta centímetros, tamén algo queimado, froito da elevada temperatura do lume. Claro, eu pensaba sobre esta escea camiñando(algo que non ten excesivo mérito: todos podemos camiñar, parar, pensar un pouco, e voltar camiñar) e pensaba tamén en Funes o memorioso de Borges, aquel que tiña a "funesta" virtude de poder lembrar todo con exactitude, precisaba un día enteiro para lembrar como fora o día anterior; pensei no conto do Chéjov, aquel que de súpeto comeza a pedir excusas todos os días ao seu xefe por terlle cuspido sen querer e finalmente mátao, pensei de novo no castelo da Rumanía do libro do Bolaño, e aquí aconteceu algo, lembreime do mosteiro de Sobrado dos Monxes, lembrei un escritorio que non se podía tocar, eu tería nove anos, e como sentín o desexo de achegarme ao escritorio e tocalo aínda que sabía que non estaba permitido, recorrín algunha parte daquel castelo mentalmente, facía frío á sombra. Comecei a preguntarme despois desta regresión infantil, si realmente un libro era o que semellaba, ou era algo mais perigoso. Voltei pensar no Borges, no conto aquel no que unha familia de aldeáns rematan por aforcar ao convidado, establecendo un paralelismo entre este e un mártir, froito dunha historia que él lles conta previamente. A forca levoume a pensar nun home que coidaba ovellas preto da casa de miña avoa, nós voltabamos polo medio das berzas despois do colexio, eu tería nove anos tamén, e alí, naquel canellón de terra e madeira carcomida, un home de moi mala virxe saía ao noso encontro, os seus dedos interrogaban sempre aos seus dentes e moas, se cadra comera queixo, e igual xuraba de carallo e nos ameazaba. Nós sentíamos medo, pero non deixabamos de pasar por alí. Él guindábanos pedras ou coios, e nós si nos atopabamos con forza igual lle chamabamos fillo de puta, ou cabrón, e corríamos rindo. Un día non apareceu no canellón, aforcárase no galiñeiro.

Así que eu seguía andando, pensaba nos contos recurrentes do Rulfo, os do Llano en Llamas, e na caste de home que podía ter erguido acta de tanta tristura e beleza a partes iguais, e pensaba no Rulfo escribindo durante horas folios e folios, na soidade na que sempre viviu, corrixindo escrupulosamente aquelas maravillas, e logo queimándoas unha despois de outra, até que un amigo lle roubou unhas e as levou a unha editorial. Aquí tentei conectar estas lembranzas con algún soño meu próximo no tempo, coma aquel no que voaba e aterraba e vivía dentro dunha tenda de campaña chea de silvas, ou no que ía coa miña rapaza a un bar e vía a un rumano coa súa noiva, o mesmo rumano que vira no verán en Salvador de Bahía, logo algo ía mal e baixabamos cara o aparcadoiro subterráneo, que estaba deserto, e eu camiñaba e camiñaba e non daba co coche. Había alguén sempre fitándome medio revirado ao pé dunhas escaleiras, e eu sentía a necesidade recurrente de correr e non poder. Tamén o lamentábel soño de entrar en Zara e que un comando terrorista, non sei porqué, comezaba a ametrallar o edificio: un edificio no que todas as prantas eran deseñadas para ananos, de tal xeito que eu case que non me podía deitar para evitar os disparos porque batía coa testa no teito.


Neste punto do razoamento, a miña sensación era de satisfación e de medo moderado, e lembrei ao Bioy dicindo aquelo de que abonda camiñar media hora só para petar ás portas da loucura, o conto aquel do arxentino cos colegas en París. Comecei a pensar nas facianas daqueles tipos na Francia de posguerra, e pensei con satisfacción que chegara á clave do asunto: Bolaño coñecía aquel conto de Bioy, claro que o coñecía e sería por este motivo que eu, no meu pensamento, lle vía a mesma cara ao tipo arxentino que ao capitán rumano crucificado no castelo. Xa estaba, como non me decatara antes? Bioy coñecía Rumanía, e pode que Sobrado, logo pensei no Rulfo crucificado riba dos seus contos ardendo, e logo vin aos soldados rumanos ríndose de min, pode que foran uns impostores. En realidade, pode que Bolaño fora un impostor tamén, e Chéjov, con ese puto nome ruso, e toda esa corte de escritores rusos que só saben escribir para que nos imaxinemos historias en branco e negro, ou case sen contraste, pode que Borges fora alemán, si, esa era a clave, Borges era alemán, e o pai de Borges era cego, e vagaba xa maior polas rúas sen recoñecer a ninguén, por iso eu imaxinaba cego ao capitán, por iso Bolaño pensou nel, mais ben pode que todos foran uns fillos de puta mentireiros, pode que eles mesmos foran en realidade o grupo de soldados rumanos. Pode que sí. Pode que non. Pode que todo fora coma un eterno xogo de espellos para o puto home invisible.


E así, camiñando, decidín voltar para a casa. Achegueime á ventá, e non souben que era mais tétrico, si calquera soño aterrador, ou aquel xardín verde, calmo, limpo, aquel xardín que eu pensei fantasmal."



Abelardo Mañanes, fontaneiro, extraído da súa obra "Pensamentos dende a fiestra"


Nota: Este conto foi premiado no certame literario para fontaneiros Fontanaría 2005.

Abelardo Mañanes nunca mais voltou escribir. Un lavabo Roca precipitouse dende dez metros sobre as súas mans, non opoñendo estas resistencia algunha ao impacto. Dende entón, entreténse aconsellando aos amigos nas partidas de birisca.

Hai un ano, perdeu os pés, logo de acompañar á súa filla no coche, cando lle indicaba o movemento de volante nunhas prácticas de aparcamento en batería.


Hai dous meses, Abelardo Mañanes, coroando un ano cheo de adversidades, partiu os dous brazos, froito dunha discusión familiar sobre o peso dun frigorífico. Hai tres días, Abelardo Mañanes foi declarado fontaneiro oficial de San Pedro, aló no alto do ceo, o mesmo ceo que apagou coa súa choiva o lume daquel castelo rumano do libro de Bolaño.


http://es.youtube.com/watch?v=Q1VGoKBKR3I