martes, 2 de febrero de 2010

Ao señor Anxo Lorenzo


Leo con sorpresa na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística: "..Iniciativas innovadoras para promover o uso da lingua galega. Os proxectos galardoados cos Premios de Innovación en Normalización Lingüística destacan, principalmente, por promover o uso do galego a través da introdución do audiovisual nas aulas, do achegamento ás novas tecnoloxías e da posta en valor do multilingüismo. As iniciativas gañadoras botan man de diversos medios, como campañas de difusión, blogues, obradoiros, teatro radiofónico e mesmo festivais escolares de cine, entre outros. Así mesmo, todas elas se caracterizan pola súa colaboración con diversas entidades culturais, asociativas, empresarias, deportivas etc..."


Ninguén discute o plurilingüismo como principio para a aprendizaxe das linguas. Pero a xente que alí estaba, con maior ou menor acerto, que supoño eu que houbo de todo, fundamentalmente o que puxo en valor foi o uso do galego na educación, sinalando a necesidade de fomentar o seu coñecemento e de afondar en novas formas de traballar coa lingua galega, especialmente a través dos proxectos galardoados.

Resulta sospeitoso que as informacións se modifiquen ao gusto de quen as emite. Mellor dito: non resulta sospeitoso, resulta patético e vergoñento.
Eu estiven alí, lin varios proxectos, e o acento que se pon en todos eles é a importancia de fomentar o uso do galego, niso si que destacan a maioría.
Un vídeo da xornada realmente bo, a través dun enlace á páxina-proxecto-maravilla dos colegas(na acepción máis agarimosa e tamén literal do termo) do IES Porto do Son, representación moi activa e co proxecto que máis me gustou de todos. As caras son o que semellan ou iso din...