martes, 25 de marzo de 2008

A historia que non quere ser contada


Ben, logo de esquivar tódalas trampas que esta historia puxo no meu camiño, tentarei antes de que se decate, contala sin que ela o saiba. Porque esta historia ten unha historia. Hai trece meses, nun día de neve, atopábame eu en Viveiro(onde non nevou ese día), diante dun ordenador, na miña habitación, rematando unha historia. Por causas que aínda descoñezo, pero sin dúbida asociadas coa miña pouca pericia coa informática, a historia, coma un atracador logo do asalto, borrouse e non puiden voltar vela. Levaba cinco bonitas páxinas escritas e coidaba que estaba a quedar redondiña. Pero xa digo, de súpeto, foi borrada no medio da neve, e o estupor conseguinte de quen escribía por aquel entón e o fai agora. Pasou a nevada, a primaveira chegou e foise, e sen tempo para coller o bronceado chegou o verán. A finais de Xullo, atopábame eu escribindo a mesma historia nunha noite bastante calurosa. Inclusive visualizara toda a versión da primeira historia e engadira cousiñas que coidei, podían virlle ben á mesma, coa perspectiva tranquila do tempo que pasara dende a nevada. Levaba xa sete páxinas e coidaba que estaba quedando mellor ca primeira versión. De tódolos xeitos, unha historia perdida é unha traxedia, porque por moito que un se afane en escribila de novo, sen dúbida xa vai haber algún filtro mais. E tampouco vai ser a mesma persoa a que a escriba. Uns segundos ou uns anos poden ser dabondo para trocar o maxín ou a persoa enteira. Un xa é outro, aterrador de todas formas. O caso é que xa estaba rematada, e entón collín un lápiz portátil e metín a historia no mesmo, ou eso coidei eu. Non a gardei no ordenador. Cal sería a miña sorpresa cando ao día seguinte, ao tentar recuperala deste aparatiño que levaba conmigo no peto, tan só había o molde. A historia xa bulira dalí. Non estaba. Aquelo abondou para que me comera o pensamento riba da toalla, unha tarde enteira na praia. Onde carallo vai o que escribín eu?, niso pensaba.




E así que chegamos ata o mes de Febreiro, hai uns días, cando xa feita por terceira vez, teño un problema co ordenador e perdo non só a historia, senón outras seis e toda a música que gardaba no aparato do diaño, no ordenador, refírome. Sete historias e moitísimas cancións que como dicía algún: "Só fixen unha canción boa, o resto eran boas cancións".




Isto era a historia da historia. Unha historia que se resiste a ser contada.




A miña historia consistía nun home polaco que se atopaba nunha ponte moi bonita, propia da bonita capital polaca, sobre o río que cruza a cidade. Este home tiña bigote e ollaba o río en silencio. No río vía moitas cousas: a merda que naufragaba co propio río, a auga...pero tamén vía cousas da súa imaxinación. Eu adornaba este momento con evocadoras esceas da súa infancia, dando detalles con nomes propios da capital polaca, de barrios, rúas, o nome do río que agora non lembro, e este home, no medio dos seus pensamentos, vía a un vello dándolle de comer a unha pomba; mais ben, aquel vello ríase da pomba. Sí, aquel vello dalí que agora vos estades imaxinando, e ben podería ser algún coñecido voso, ou familiar ou o que queirades. Entón o vello facía o seguinte: conseguía chamar a atención da pomba cunha boliña de pan entre os dedos e logo, amagaba o lanzamento cara a pomba, pero no último momento facía un lixeiro movemento cheo de armonía e a boliña de pan pasaba mansamente por riba do bico da pomba e caía no chan. Isto provocaba que o vello rira a esgalla e repetía unha e outra vez a operación. Eu, neste punto da historia, introducía unha imaxinación que xulguei perfecta, e era a seguinte: diante desa visión, o noso home bigotudo da ponte, tiña un pensamento erótico, e pensaba nunha noite disipada na que unha polaca de pel branca ceibaba a roupa interior nunha vella habitación podre dunha mísera pensión, ata que esta roupa interior caía nos fuciños do imaxinador. A continuación describíase unha cópula evitando caer no obvio, primando aspectos básicos do erotismo, segundo Bataille: a tensión sexual, a iconografía receptor-transmisor e tamén o tamaño dos peitos segundo as distintas culturas...elementos todos que estou inventando, porque aínda non rematei de ler un libro do propio Bataille, pero o texto quedaba magnífico.


A miña historia continuaba coas visións do home bigotudo que camiñaba cara o barrio bohemio da cidade cavilando no lanzamento do pan por parte do vello. Logo entraba nun pub cara a noitiña e aquí descubriamos que o bigotudo en cuestión era futbolista profesional. E xogaba nos Bohemians, un equipo polaco, mítico por outra parte. Eu incluía algunha divagación da orixe do nome do equipo, e asociábaa ao primeiro bohemio declarado en Polonia, que comezara a empregar un elefante para tirar do arado, sustituíndo o seu vello tractor. Eu relataba que ao principio este troco non daba moito resultado, porque o labrego polaco posuía, cecais influenzado pola xenética, maior destreza para apreciar as irregularidades do terreo a través dos perceptores kinestésicos do seu cú sobre o asento dun trator Husqvarna que riba do lombo morno, vital, peludo dun elefante indú de nove anos.


Asimesmo, mencioaba de pasada un coñecido relato do Cunqueiro sobre un soño no que o protagonista voaba polo ceo riba dun elefante, e estabrecía unha pregunta intrigante: era coñecedor o Cunqueiro da existencia deste labrego polaco cando escribiu o conto ou era o labrego polaco lector ávido e insólito do Cunqueiro? Por outra parte, eu deslizaba a posibilidade, que agora xa non poderei facer, pois xa non me lembro de cómo continuaba, que o feito de que a marca Husqvarna introducira maquinaria agrícola en toda Europa provocara cecais que a contemplación do seu logotipo tivera efectos similares en canto a imaxinar cousas semellantes como subir nun elefante para arar a terra ou voar riba dun elefante en soños e que esa fora a causa final da coincidencia, ou fora tan só iso, unha coincidencia?


Concluía esta loucura cunha bonita afirmación, que tentarei lembrar o mellor que poda:"...e entón o labrego polaco, riba do seu elefante, e matinando no seu vello tractor Husqvarna coas rodas cheas de esterco, sentiu no seu peito o de sempre. Invariablemente, cando pensaba nos quilos de patacas que ía vender na feira de Varsovia, sentía como o seu peito se entumecía e o seu corazón de labrego polaco enrugaba, entón baixaba do elefante, achegábase ao valado e sacaba a pirola emocioado para mexar nas terras do seu viciño Smolarek, labrego prantador de patacas coma el, pero que se vendera aos fillos de puta da John Deere e manexaba fachendoso aquel tractor ianqui. Ogallá te arruínes, Smolarek, pensaba o labrego polaco...o primeiro bohemio de Polonia".


Claro, estos desvíos da narración principal, eu adornábaos coas mellores verbas que eu sabía, e coidei que quedaba bastante ben, antes de entrar xa, na parte final e central da miña historia, unha historia que xa nunca vou poder ver escrita enteira como eu a soñara.


O caso é que logo de tomar unhas cervexas, o noso amigo ía para a casa e durmía e tiña un sono no que, nun penalti, imitaba o lanzamento do pan que fixera o vello, isto é, unha vaselina, pois así se coñece comunmente esta sorte futbolística. Ao día seguinte dirixíase emocioado cara o campo de adestramento do seu equipo, unha instalación que eu describía nun día de choiva, gris, a carón dunhas fábricas que non paraban de botar fume, mais descoñezo o tecido industrial polaco daquel entón, pero ficaba bonito o contraste entre o día gris, as fábricas co fume e un verde campo de adestramento baixo a choiva, no que ía emerxer o lanzamento de vaselina de penalti, ou a Panenka, pois tal era o nome do bigotudo. Panenka, un lanzador de penaltis que fixo historia co seu espectacular lanzamento que lle deu a Polonia unha Eurocopa. Eu describía con perfección como transcorrera o adestramento, o cansanzo dos xogadores, a rectitude dos sistemas de adestramento polacos. O Fartleck polaco e un detalle moi interesante para a historia: a tensión entre as olladas que se dirixían Panenka e o porteiro do seu equipo no momento de ensaiar os penaltis. Logo a historia continuaba coa descripción do xesto de Panenka, pero como un lixeiro erro no último intre da execución fixera que o porteiro non caera ao chan e detivera o golpeo.


O mais interesante desta historia que xa nunca vou poder contar é o seguinte detalle: Panenka vai cara a casa entristecido por ter errado o penalti que imaxinara, e continúa adestrando durante meses sen voltar repetilo. Sabe que o porteiro e calquera xogador manexan referencias inmediatas de adestramentos anteriores, accións recentemente acontecidas e empregan toda esa información para non cometer os mesmos erros. O feito de que Panenka resista tres meses sen voltar ensaiar o lanzamento de Panenka cando desexa constantemente facelo é sinxelamente xenial, e isto aconteceu así. Tres meses agardando que o porteiro do seu equipo baixara a garda para voltar repetir o lanzamento. Cando o repite por segunda vez, Panenka non erra. O porteiro pica e cae ao chan, en tanto a pelota entra de paseniño na portería, coma a boliña de pan do vello, describindo no aire unha parábola perfecta. Eu remataba a historia narrando como só foron testemuñas desta primeira Panenka da historia o propio Panenka, o porteiro do seu equipo e un rapaz que recollía as pelotas que ían fóra durante os adestramentos. Logo, meses despois, nun estadio cheo, na final dunha Eurocopa, no penalti decisivo, Panenka lanza a Panenka. Un dos goles mais fermosos da historia do fútbol, e precursor dunha sorte futbolística que tivo en Djalminha ou Zidane(no derradeiro partido da súa carreira) a ilustres imitadores do golpeo primixenio. E eu remataba describindo os bigotes de Panenka, que corría pola banda celebrando o gol con ese corpo de electricista e as perniñas brancas. E do mais fondo da Polonia, dunha paisaxe gris, industrial, dun inverno duro e depresivo, dalí florecera o arte feito fútbol. Un home desafiara a tristura e inventara a Panenka.


E eu atópome triste porque perdín aquela historia e nunca a vou poder contar. Só lembrala así, sen mais.


PD: Gracias, Antonin Panenka. Velaí vos vai: http://www.youtube.com/watch?v=KdvUnhSv7cs