miércoles, 31 de diciembre de 2008

Conto de Nadal: Fumos emperadores


Nunca me acheguei a este asunto coa delicadeza que requería, supoño que polo medo que transita polas lembranzas que o marcan a un: a seguinte historia é unha delas. Corresponde á miña infancia, e eu só poido reproducir aquí a visión que alguén coma min tivo na periferia da mesma, pero tal é o desacougo que un pode sentir a través da intuición do que tivo que supoñer para os seus protagonistas que non é tarea sinxela referila sen tremer.

Os dous rapaces que a protagonizaron xa non están connosco, foi o seu un final anticipado e tráxico, en accidente de coche, quen sabe se fortuíto ou premeditado. Eu tería oito anos, unha tarde na que entrei nunha xeladaría no barrio da Milagrosa. Alí, co escaso entendemento dun neno de oito anos, puiden escoitar a outros dous rapaces que se atopaban ao meu carón o seu singular desexo: dominaremos a cidade. Eu, aqueloutrado reparando nos diferentes sabores dos xeados, non pensei na frase até que ía camiño da casa da man de meus pais. Pregunteille a meus pais quen dominaba a cidade. Os caciques, fillo, domínana os caciques. Eu logo díxenlle aos meus avós que quería ser un cacique, que quería dominar a cidade. Non voltei ver a aqueles rapaces até o cuarto curso de educación primaria, non os recoñecín nun primeiro intre, pero logo decateime de que eran os mesmos. Voltábamos xuntos para a casa logo da escola, e nos dous primeiros meses de curso, cinco mestres estiveron de baixa pola súa culpa. Posuían unha estrana intelixencia, descomunal para a súa idade: sostiñan diálogos amezantes cos mestres, dotados dunha sobrecolledora educación, facían chorar aos nenos e nenas do oitavo curso e provocaron un pequeno incendio o día do festival de Nadal. Meses máis tarde foron expulsados. Polo visto, foran recluídos nun centro de menores. Anos máis tarde, xa no instituto, atopei a un deles, enfermo e incapacitado para falar co resto dos compañeiros. Tardei varias semanas en achegarme a el, foi nun recreo cando me decidín a preguntarlle pola súa vida. Posuía unha ollada perdida, tremíalle a voz, ollaba de esguello a todo o mundo, referíase a si mesmo en terceira persoa e en primeira de xeito indiscriminado, logo foi cando lle preguntei polo seu compañeiro e por todo aquelo de dominar a cidade. Logo de ficar en silencio varios minutos, decidiu falar e o que escoitei foi o seguinte: "...Non sei se foi o azar, supoño que Marcos e el eran bos amigos...si, coido que eu sempre fun bo amigo seu, empatamos, éramos tan semellantes...Seu pai era psicólogo, isto soubeno o primeiro día que fun convidado á súa casa, el convidouno e entón Marcos aceptou, rebuscamos na roupa interior da súa irmá, tiñamos seis anos, os dous botaban tardes enteiras enredados nestas trasnadas, tamén botábamos horas e horas pechados no despacho do seu pai, lendo libros non demasiado apropiados para nenos de seis ou sete anos, en realidade líamos libros para universitarios, non sei, aqueles libros posuían certo encanto para Marcos e para el, gostaba deles porque posuían belos gravados, era moi divertido todo aquelo. De tal xeito que aos dous anos, tiñamos acumuladas lecturas que unha persoa adulta cecais non completara en toda unha vida enteira. Repetimos curso, por iso coincidimos contigo anos máis tarde. Marcos e el atopábamonos en pleno imperio, éramos os reis da cidade, non tiñamos rival. Un día propuxémonos dominar a cidade, foi nunha xeladaría..." Nese intre, interrumpindo o seu relato, pregunteille se a xeladaría se atopaba no barrio da Milagrosa, respostou que si. O corazón case non me collía no peito, latexante como nunca me acontecera. Marcos, así se chamaba, continuou a súa historia: "...comezamos na escola, non nos costou nada someter ao alumnado menor de oito anos...nesa idade, os nenos aínda se atopan desartellando o labirinto das súas propias percepcións da realidade, a súa credulidade é inmensa. Nós, con oito anos, atopábamonos xa moi lonxe de todo aquelo, discutíamos libros de Philip K. Dick sobre o que é real e o que non, o favorito deles era Dous homes nun castelo, o de Pablo era Valis, acostumaba lelo en italiano diante de seu pai. Non sei, gostei sempre máis de Dous homes nun castelo, posuía algo que nunca souben explicar, pero Pablo gostaba máis dos labirintos mentais...Foi nun recreo que conseguimos reunir a todos os nenos e nenas da escola que non tiñan máis de oito anos, presentámonos como os emperadores do futuro, os xefes supremos e secretos que deberían ser obedecidos a partires daquela, o silencio era aterrador: cincuenta infantes ollándonos con medo e sorpresa, paralizados polo medo iniciático no espanto, incapaces de interrumpir o noso discurso. Marcos e Pablo atopábanse moi seguros das súas palabras, de feito mencioámoslles en que consistía o inferno, en que os nenos e as nenas que desobedeceran as nosas palabras levarían para sempre un sombreiro e unhas botas de lume até o fin dos tempos. Algúns choraban, Pablo achegouse a un pequeno, agarrouno como se fora un boneco de trapo e propinoulle dúas labazadas contra a alambrada do xardín do colexio, que lindaba coa rúa. A berros e lixeiramente desencaixado, advertiulles que o peor dos infernos e os castigos agardaba a aqueles que foran capaces de traizoar o segredo. Así que, logo duns días, aquel pequeno exército de nenos e nenas desfilaban en ringleiras ao noso arbitrio por diante de mestres, nenos doutros cursos...Aquelo tería abondado. Pero a ambición de Pablo non coñecía límites, Marcos seguíao. Eu seguíao porque sentíame moi vencellado ao meu amigo, eran compañeiriños dende os dous anos, tantas cousas...Aos dous meses, decidimos facer reunións cos rapaces de sétimo e oitavo curso, algún tentou agredirnos, só tiñamos oito anos, pero Pablo comezou a falarlles de Swedenborg, das lendas das terras do Norte, do castigo dos ignorantes, preguntoulle a aquel pobre diaño de expresión idiota se se masturbaba habitualmente, aquel pobre neno de doce anos rematou chorando axeonllado supricando perdón a un de oito anos, no medio do silencio que agora tamén gardaba toda aquela tropa de brutos de oitavo, cen cecais, pode que foran máis...entregados aos novos emperadores. Pronto medrou a nosa ambición, quedábamos para a fin de semana, aproveitábamos os paseos con nosos pais ao parque para bulir ás salas de xogo, ás pistas de baloncesto dos institutos do centro, secundados por aquel exército de douscentos nenos e nenas, que co paso dos meses convertíronse no primeiro millar. Fundáramos escadróns, delegáramos en líderes, ofrecíamos malleiras aos traidores, éramos tratados como monarcas...unha noitiña de verán, nun vello solar da Piringalla, agora ocupado pola praza de Viana do Castelo, Pablo e Marcos presentáronse envolveitos en capas azuis, recibidos con reverencias de tres mil nenos de todos os puntos de Lugo, os nosos fieis...Alí, Pablo ordeou que dende aquel momento, non sería permitido abrir os ollos na nosa presenza, logo referiu a aquel auditorio de crédulos unha historia que conxugaba habilmente a ameaza, o talento, e a épica, faláramos na casa de Pablo dela: alí comentoulles que nalgúns países, tamén noutras cidades, exércitos de nenos foran conducidos polos seus superiores para visitar Xerusalén, para ver a Xesús, cruzarían o mar. Algúns nenos, cheos de medo, comezaron a berrar chorando, pronto foron conducidos diante nosa e azoutados polos seus líderes de escadrón. Díxolles que non tiñan nada que temer ao se atoparen con nós, os seus líderes, chegados do ceo para guialos á gloria. Sucedíanse as ovacións. Aquel vello conto era de Marcel Schowb, A cruzada dos nenos pero ¿que podía saber aquel fato de idiotas de non máis de doce anos? A alienación que sufriran en tan pouco espazo de tempo fora máis que suficiente para incapacitalos para a traizón ou a deserción, eran autómatas ao noso servizo. Foron días moi grandes: saqueamos supermercados, librarías, fixemos desaparecer a dous policías, establecéramos puntos de extorsión nas principais salas recreativas da cidade, os nosos exércitos seguían medrando. O medo apoderárase da infancia da cidade. Por riba, a nosa lenda non deixaba de continuar imparable a súa ascensión; os novos membros non podían abrir os ollos na nosa presenza, só se lles revelaba a nosa identidade cando subían algún grao no noso sistema de liderazgo. Pero un día intuín a desgraza. Cada vez Marcos víase menos con Pablo, el rexía a zona norte da cidade e eu a zona sur. Xa só nos víamos as fins de semana. Había un mes que non tiña novas del; en troques diso, lía alarmado no parque na compaña de meu avó, os titulares da prensa local que non deixaban de mencioar os actos vandálicos dun descoñecido grupo de delincuentes xuvenís, que cometían grande cantidade de roubos e secuestros. O asunto pintaba ben feo. Aquel domingo, Pablo veu comer con seus pais á miña casa. Súa nai traía un ollo marcado e seu pai os ollos enxugados en sangue, o insomnio. Pablo ía vestido como un auténtico mafioso e suxeitaba da súa man unha correa da que tiraban dous mastíns enormes que case lle provocan un infarto á miña nai. Durante a comida non falou, foi logo, na soidade do cuarto de xogos, cando me comunicou os seus plans: "...e se Deus verdadeiramente nos enviou a nós, e se en realidade o entendemento deses libros e a súa difusión nos foi reservado a nós, emperador, para a súa revelación ao exército de iguais, porque non atravesar Europa, conquistar Europa enteira, xuntar millóns de fieis, visitar Xerusalén, porque non resucitar a Xesucristo noso pai, porque non derrubar o inferno, porque non? porque non? Partiremos o luns, xa fixen as previsións necesarias, partiremos dende Lugo dez mil nenos á medianoite, a pé, evitando a rede de estradas, en Ponferrada xuntarémonos co noso exército, son uns tres mil na zona de León, ao chegar a Francia pode que sexamos xa máis de cen mil..."


Eu comenteille que perdera o xuízo, non tiñamos máis de oito anos, aquelo xa era demasiado, agrediume. Agrediume e subiuse nunha cadeira, dixo que non ousara contradecilo, que Marcos chegara ao cumio pola súa xenerosidade, agora non temos límites, dicía, o desterro dos adultos, a súa aniquilación, eu non puiden evitalo...eu, entón, entón, Marcos chorou. Víñenme abaixo, vinme louco, recluído nun centro psiquiátrico para menores, dous anos máis tarde el foi ingresado nun reformatorio, nunca máis voltamos vernos, a historia cortouse, o magnífico camiño daquela historia, esgazado pola ambición, a maldita ambición desmesurada de dous nenos de oito anos..."


Eu escoitaba en silencio, logo aquel rapaz de instituto continuou falando só, eu alonxeime, nunca máis voltei velo. Anos máis tarde souben que os dous morreran en accidente de coche. Atopábanse nun punto indeterminado de Bielorrusia, formaban parte dun grupo de rapaces europeos que ninguén coñecía, unha caravana que malia o infortunio dos dous rapaces, seguira o seu camiño. Pouco máis tarde, desapareceron nalgún lugar da estepa bielorrusa, as temperaturas achéganse aos trinta graos baixo cero. O estupor non me permitiu contar antes esta historia. Por riba, ¿quen ousa traizoar aos seus emperadores?