lunes, 14 de julio de 2008

Crónica dun mundo que agoniza: happy hour en Barna


E con el, tamén nós, algo de nós.


Veño de pasar tres días en Barcelona. Teño xogado catro ou cinco veces alí, sempre algún día solto, e tamén algunha lembranza dunha viaxe cando era neno. Barcelona é sorprendente como conxunto arquitectónico, e urbanístico, en moitos casos, unha cidade deslumbrante nese aspecto: as avenidas, as prazas, os monumentos, os xardíns, os transportes...todo iso. O hotel no que nos hospedamos atopábase na zona que se construiu co gallo do Fórum das culturas, un espazo que me sorprendeu segundo cheguei. O azar quixo que para chegar ao hotel só tivesemos que seguir en liña recta dende Zaragoza ata chegar á Diagonal, xa en plena cidade. Logo de circular durante trinta minutos para atravesar a cidade, no primeiro xiro á dereita, alí se atopaba o hotel, ás veces acontecen cousas así. O edificio érguese, como apuntaba antes, no Carril do Taulat, sito na Ronda Litoral, á beira do mar, nunha zona que xulguei case que fantasmagórica, ben fora pola alta temperatura e pola hora na que chegamos á cidade, eran as tres da tarde, baixo un sol sustantivo. Unha rapaza nórdica atendeunos na recepción e logo subimos á habitación. Era un bo hotel. Pola fiestra víase o mar inmenso, unha vista espectacular, detrás dunhas naves metálicas e dalgúns rañaceos en construción, e mais aló, como afogado, había un rompeondas, que eu xulguei era no que aínda se ulía o sol, coma na canción. Ollando para as naves aquelas e para aquela cantidade esaxerada de rañaceos e hoteis descomunais, pensei automaticamente en Gotham, a cidade na que Batman pelexaba co Joker. E mais aló, o mar, un mar como afogado tamén, ao igual que o rompeondas, por non ter espazo para respirar. Foi o primeiro elemento que pensei errado. Era hora de comer, e como o prezo non incluía o xantar, e en vista da hora, achegueime a un centro comercial que se atopaba fronte ao hotel e merquei algo de froita. Cando voltaba cruceime coa rapaza nórdica que había uns minutos me atendera xentilmente na recepción do hotel. Sorprendentemente, ao tempo que pasaba ficou ollando para min con faciana seria, como se non me coñecera, e eu quedeime co saúdo na boca, tentando pensar o motivo polo que alguén que rematara a súa quenda no traballo non podía saudar normalmente a unha persoa coa que remataba de falar, aínda que agora non se atopase no hotel. Tampouco entendín iso. Logo voltei ao hotel, e mais tarde saímos a camiñar a cidade. Barrio Gótico, Rambla, Praza Real, Liceu, Teatro Nacional, Boquería, Colón, Raval, foi o percorrido elexido. A grande cantidade de turistas, a multitude, a voráxine, e todos os edificios, as formas, os detalles, todo iso no que un repara cando vai diso, de turista. Pero houbo algo que foi no que andivemos matinando no resto dos días alí, e era dalgún xeito, a estrana sensación de sentirse un alleo, pero tan alleo coma un islandés, ou un guineano, algo que non sentimos en Londres ou Madrid, ou Zaragoza, ou Xamaica, ou Dublín; algo distinto, en definitiva. Supoño que será iso o que toca, pero dende logo foi algo sorprendente por inesperado: unha mestura de Sanxenxo- Malibú no prantexamento, unha sorte de combinado Kentucky Fried Chicken, Fujifilm, Starbucks, e unha grande xirándola devoradora de cartos. Tentamos camiñar noutras direccións pensando que cecais noutras direccións, algo trocaría. E camiñando dúas rúas nalgunha dirección era como si a maquillaxe e as pinturas se esvaeceran coa auga, como si o real da cidade fora usurpado por unha intención efectista, na que as luces recoñecíbeis en todo o mundo para calquera occidental foran o faro que guiara ese turismo de hamburguesa autóctona e mimos dantescos que poboaban a Rambla. Non atopamos á Negra Fror, e no seu lugar só había multitudes de adolescentes anglosaxóns en viaxe iniciática. No Raval asomaba a triste realidade do intercambio(intercambio do que nos falara a recepcionista previamente no hotel: "si os gusta el intercambio cultural, el Raval también puede estar bien"). Cruzamos edificios que caían a cachos, e o único intercambio que observamos foi o de cincuenta ou sesenta anciáns que reparaban nas prostitutas, moitas delas foráneas que por alí paseaban, tamén subsaharianos sentados na beirarrúa con ollos desenganados, e xente maior asomada ás fiestras, como acobardada de sair á rúa...algúns grupos de turistas coma nós botaban fotos a toda aquela xente. No Barrio Gótico, cousas semellantes, aínda que a presenza de occidentais era maior, procuraban a festa, a sensación. Ceamos algo nun local de mentira preto da catedral e logo voltamos en metro para o hotel, un servizo que funciona cunha puntualidade incrible, e no que puidemos respirar os estranos silencios das estacións e dos vagóns, un silencio que se cheira.


O segundo día coido que foi bastante mellor, fumos até o Parque Well ben cedo e a cidade e outras zonas da mesma menos enquistadas no circuito turístico ofrecéronnos a cotidianeidade que estranábamos o día anterior. Sentín medo e impresión diante da Sagrada Familia, diante de Gaudí, tamén as casas. Camiñamos felices, xente tranquila, tamén había unha perruquería de mascotas. Tomamos café nun bar. Ía dicir nun bar típico, pero mais ben cómpre dicir atípico, pois nel podías falar co camareiro e ninguén tiña presa, e o café custaba un euro. Continuamos camiñando toda a mañá. Serían as tres e media cando regresamos cara o hotel para protexernos do sol e descansar un pouco. No hotel había unha piscina. Decidimos subir. Atopábase no piso trece, e dende ela podías ver toda a cidade por un lado, e por outro o mar. Escoitábase unha prescindible música, e sentamos a descansar e ler. Unha parella moi feliz paseábase en gafas de sol e sentou preto de nós. Pronto descubrín, ollándoos por riba do libro, que actuaban. Semellaban moi contentos coa elección do hotel, e daquela espléndida piscina no piso trece, e daquela música, e él estaba adquirindo unha cor vermella froito do sol que o castigaba, e iso tamén era motivo de felicidade. Pero faltaba o protagonista principal. Un home duns corenta anos, esbelto, forte, bronceado, con barba na que se vían canas, ingresou na piscina envolto nun albornoz branco do hotel e nunhas zapatillas brancas tamén cos distintivos da cadena hoteleira. Falaba con seguridade polo móbil, non sei si en perfecto italiano, pero en italiano. Levaba tamén unhas gafas de sol de espello. Todos levaban gafas de sol. Sentouse nun sofá ao noso carón e comezou a pasar a man polo pelo. Prendeu un cigarrillo. Reparaba na cidade, na piscina, en nós, e sobre todo na muller que acompañaba ao home que se queimaba baixo o sol. Había un par de suecos que comían nunha mesa e falaban do rica que estaba a ensalada pero en sueco, eu levaba albornoz tamén. O italiano ergueuse varias veces, pediu unha auga, logo un café, logo falou coa camareira, voltou reparar na muller do home queimado. Eu decidín ingresar naquela actuación e puxen as gafas de sol, tamén unha pucha coa que estou moi contento ultimamente. Alba ría. Pouco a pouco sentín que gañaba enteiros naquela actuación mentirosa, pouco a pouco o italiano, os suecos, o home queimado, a muller, repararon en min, naquel tipo de gafas e pucha anacrónica que se agochaba baixo un libro de relatos de Cortázar. O italiano voltou sentarse, comezaba a aburrirse. Logo dirixiuse a min acenando co móbil para que lle botara unha foto. Eu botei a man, pousei o libro, e collendo o seu móbil, tentei coller unha boa instantánea que recollera aquel intre sublime da felicidade dun italiano que se atopaba no cumio trece dunha vida feliz, a carón da piscina, en albornoz e coa cidade ás súas costas, pero inmensamente aburrido. Logo deume as grazas e ao pouco liscou. Alba e eu cansamos, bañámonos pronto e logo saímos de novo para a cidade. Museos, lectura,paseo da praia, porto olímpico...a xente bañábase no mar e un rapaz cunha guitarra acústica e unha armónica cantaba Knockin on heaven´s door, ao tempo que tres norteamericanos bébedos facían o indio, escenificando a canción. E alí pregunteime, pensando nas persoas que morreron este fin de semana no estreito, ignoradas polos buques que as cruzaron sin prestarlles auxilio, e nos barcos deportivos de Telefónica que adestraban cando as atoparon, e na fame, e na auga que se lle nega a millóns de persoas no mundo en pleno século vinteún, en toda a mentira que envolve o noso modelo de vida, e no que pretende significar unha cidade como Barcelona, expoñente tamén dalgo mais, e pensei que só pode acontecer isto nunha sociedade profundamente enferma como na que vivimos. Pensei tamén na clase política, concretamente e polo lugar onde me atopaba, pensei no que calquera das opcións políticas que alí pelexan polo poder nos tentan vender. Realmente as cousas das que discuten alí e noutras comunidades como a nosa, ou coma calquera outra, realmente esas cousas son o centro do debate? Ao final, as decisións verdadeiras xa están tomadas por nós?

Será que rematarei por falar só? Será que no fondo, todo o noso xeito de vida é profundamente conservador? Profundamente cego? Cego o arte, conservador? Cega a política, cínica? Cego o tempo de ocio? Simples monicreques? Era iso? Será que a realidade é profundamente inxusta, criminal, e que o feito de telo presente mais tempo do debido podería rematar por deixarnos loucos, invalidados para levar unha vida normal? Teño a impresión como turista, como cidadán, de que somos zombis delegadores-observadores pasivos, si é que tal cousa existe, dun mundo ao que lle resta pouco tal como o coñecemos, un mundo que agoniza de inxustiza e de sucedáneos de vida. Buñuel dicía que o cine non era mais que catrocentos idiotas diante dun anaco de tea, collemos todos alí. E non se me ocorre ningunha idiotez mais.

Chegamos a Lugo de madrugada antonte. Veña, vamos facer unhas tortillas, xa está rematando o San Fermín. Viva Jesucristo!

E aquí seguimos.