martes, 23 de diciembre de 2008

"Padrón" de Ouro: A corrente salvaxe


O sábado foime notificado telefonicamente que recibira unha mención especial do xurado da Fundación Pedrón de Ouro; o nome do relato que presentei é "A corrente salvaxe". Nin gañei, nin conseguín accésit algún, pero si esa mención especial que comporta a publicación o ano que ven do relato anteriormente referido en Ediciós do Castro, xunto cos outros premiados.


Un paso insignificante para o mundo, pero un pasiño importante para min. Teño que dicir varias cousas: estou satisfeito, o simple feito de ser lido é reconfortante, sobre todo logo de escribir sen saber exactamente porqué(o que significa que sei inexactamente o porqué), moito máis aínda que o que un fai sexa considerado de calidade; tamén me lembro de Rubén Ceide, o gañador do ano pasado, amigo meu, que co seu exemplo me animou a lanzarme; tamén de Xoán Ramón Díaz, alguén que coa súa fondura e sabiduría me abre xenerosamente portas literarias privadas que eu nunca tería sabido que existían(cómo corresponder tantas e tantas horas de conversacións e aprendizaxe, escoitar a cambio de nada?), por ser alguén que me amosa a verdade maravillosa e terrible de escribir; tamén ao Vázquez(compañeiro infatigable de lecturas que nunca sei cara onde nos levan, seguramente cara un océano infinito de confusión, agradable océano), ao Brais(Good! It shall be! Revealment of myself! But listen, for we must co-operate; I don´drink tea: permit me the cigar!...lembra) a Maikel e Xavi(inspiración permanente) e tamén aos meus avós, aos ausentes e aos vivos(foron o Aniceto e a Dedica os que sementaron na miña cabeza a imaxe do Comesoltas).
Á Alba e a meus pais e meu irmán, por sempre.

Tamén ao resto dos que me animan coa súa amizade ou cariño, ao Xaime, ese "descoñecido" que de cando en vez aterra no blogue e me pide máis.

PD: Demasiada adicacións, fóiseme a man..."non me xulguen tan severamente"(Brian Wilson dixit).

PD2: Unha das miñas inspiracións permanentes....http://www.youtube.com/watch?v=T-P0w3wextE

PREMIO “ MODESTO R FIGUEIREDO” ( cunha contía de 600€) para a obra:
“ UNHA CASA CHEA DE XANELAS” da que é autor IVÁN GARCÍA CAMPOS de A Coruña. Destácase deste autor que xa foi premiado neste Certame en 2006 e da obra gañadora deste ano valórase a capacidade narrativa, o detallismo na construcción psicolóxica dos personaxes, o multiperspectivismo para crear a historia mestura de realidade e imaxinación. Tamén se destaca a gradación de accións, o detallismo e obsérvase cualitativamente a pluralidade de emisores nos contextos sociais así como as referencias temáticas do momento e asemade a elementos narrativos de definición cinematográfica.
ACCESES ( cunha contía cadanseu de 200 €) para as obras:
a) “ COLLEITA DE SOMBRAS” da que é autora CHELO SUÁREZ MUÍÑOS de A Coruña. Desta obra valórase a heteroxeneidade narrativa con recreación de ambientes diversos e mención a lugares recoñecibeis ( concretos). A altura estilística conseguida a través dunha linguaxe coidada que é capaz de espellar os estados anímicos dos protagonistas mantendo unha intensidade afectiva resolta con brillantez.
b) “ UN PINTOR MALOGRADO” da que é autor ALBERTO GÓMEZ ANEIROS de Santiago de Compostela. Autor premiado tamén, no 2007, neste Cetame. Desta obra saliéntase unha capacidade significada para recrear unha situación extraordinaria, sorprendente, para os lectores con axilidade narrativa.Recolle aspectos clásicos da literatura de introspección persoal na liña de Kafka e Albert Camus.
O XURADO propón pola súa calidade literaria a publicación das seguintes obras presentadas co título:
a) “AI PADRIÑO!
b) “ A CORRENTE SALVAXE
c) “ HAPPY SUNDAY
DATA DO ACTO DE ENTREGA DOS PREMIOS: día 27 de decembro ás DOCE TRINTA HORAS na CASA DO CONCELLO DE PADRÓN. Mantedor do ACTO DE ENTREGA: Sechu Sende ( escritor)
PUBLICACIÓN: Tanto os traballos premiados como os propostos para publicación , se así o permiten os seus autores, serán publicados nun tomo da Colección “ PREMIOS MODESTO RODRÍGUEZ FIGUEIREDO” pola Editorial O CASTRO.

domingo, 21 de diciembre de 2008

Preclaro


Reproduzo un poema de Boris Vian, adaptado por Andy Chango e Luis Antonio de Villena, ao tempo que Krahe:


Non quixera morrer,
antes de coñecer
os monos do Brasil,
que durmen sen soñar,
os raposos de Moscú,
devorando o xardín,
as arañas de prata,
de seda e rubí.

Non quixera morrer,
sen saber que a lúa
redonda disimula,
o filo dunha fouce,
si nas catro estacións
collen tres primaveiras,
si vai frío no sol,
sen ter paseado
vestido de muller
por un gran bulevar,
sen ter penetrado
nas turbias olladas,
sen entrar na túa casa
pola porta de atrás.

Non quixera morrer,
sen coñecer as chagas,
nin calquera doenza
que nos fai sufrir,
o contaxio do mal,
ou o contaxio do ben,
si se estrean en min,
botaríame a rir.

E tamén, como non,
o que xa coñecín,
no fondo do mar,
onde bailan un vals,
o polvo e o delfín,
e a herba de Abril,
o cheiro da resina,
e o arrecendo da pel,
da miña clara madame,
miña amante, miña heroína,
o meu peluche cruel,
o meu eterno manancial.
Non quixera morrer,
sen ter esgotado
os meus beizos nos seus beizos,
o meu todo co seu todo,
o seu todo coas miñas mans,
o seu infinito tesouro,
o meu amor desmesurado.

Non quixera morrer,
sen que se teña inventado
a rosa permanente,
o ocio laboral,
o mar na montaña,
a montaña no mar,
a dor que non doe,
a sombra en cor.

Os nenos voando,
o inxenio inventando,
a vacuna total,
a aventura espacial,
fontaneiros baratos,
os monarcas en coiros,
arquitectos modestos,
avogados sinceros,
tantas cousas que ver,
tantas cousas que oír,
tanto por agardar
contra a escuridade...

E agora vexo o final,
que se achega cara min,
que me quixera bicar,
con bicos de marfil,
que me quere levar.
Non quixera morrer,
sen deixar de probar,
a xélida noiva,
a do gusto máis forte,
o sabor que me agobia.

Non quixera morrer,
sen deixar de probar,
o sabor da morte.