domingo, 18 de mayo de 2008

O contertulio: historia do que fumos.


É unha longa historia. Logo de pubricar oito libros sobre a nobreza lucense e galega, decateime que xa non había mais nobreza que reflexar nas páxinas de futuros libros. Nembargantes, a miña traxectoria até ese punto fora meteórica. Comezara enviando cartas ao director de El Regreso; gardo con especial cariño unha que lle adiquei como agasallo ao señor vispo, con motivo do seu nomeamento. Lugo enteiro era frores nos balcóns e alegría desbordante nas rúas do centro. Por aquel tempo eu comecei a abandoar a compaña dos borrachos que seguían con atención os meus progresos na inxesta alcohólica e as miñas crónicas trepidantes sobre calquera suceso que acontecera na cidade ou na miña aínda refulxente imaxinación. Era o mellor da nosa vida. Como dicía, deixei a estes borrachos, ignorantes e pendencieiros na súa inmensa maioría. Tamén deixei o traballo, e deixei á miña muller, e deixei varios fillos e fillas coa miña impronta ao ancho e longo da comarca lucense. Ao tempo, comecei a explorar os límites da literatura, e deixei melena. Saía pola mañá da casa e comezaba a andar, lendo, eu que sei, un libro sobre Cela nun pobo que se chamaba a Casa de Cristo, e ao chegar á metade, erguía a vista e xa me atopaba na Tolda. Logo daba a volta e chimpábao nun vertedoiro. Á noite xa non me lembraba do que lera, pero toda a cidade vira ao seu tótem lendo coas guedellas ao vento o libro dos elixidos. O caso é que, abandoei a compaña daqueles borrachos e comecei a frecuentar a compaña doutros escritores da miña xeración, mais borrachos e mais cultivados que os meus primeiros seguidores. Ao comezo, xuntabámonos en calquera taverna da Milagrosa, ou da Ponte, e pedíamos unhas tortillas e falábamos de mulleres, de homes, e tamén, algo, de política. Logo, cando xa as nosas carreiras comezaron a medrar, decidimos que unha xeración de escritores tiña que ter un local emblemático. Acordamos que un vello bar ou café no casco vello sería un marco idóneo para as nosas pretensións. Pero aquelas reunións esporádicas, logo tornaron nun hábito que ocupaba as longas tardes e noitiñas de inverno, e que se transformou no centro da nosa actividade: nacera a Tertulia. Todo aquelo desencadeou unha serie de comportamentos rituais e actitudes que nunca teriamos pensado que se poidera dar. O motivo principal foron os ciúmes. Os ciúmes literarios. Eu que sei, se nun bar un entraba só, e era convidado a un café ou a unha copa polo dono, pronto a nova se espallaba coma a pólvora, e entón alí acudían de contado os demais do grupo, esixindo o mesmo trato. Nunha ocasión, un contertulio meu, abriulle a cabeza a un pobre home que rexentaba un modesto bar na Rúa Nova. Entrou feito un furacán, din que botaba espuma pola boca, e colleu e preguntoulle ao home que pensaba da obra literaria de Boris Vian. O vello díxolle que alí non servían merdas desas ou algo así, e entón o meu contertulio ollouno con faciana afectada e díxolle solemne:" É vostede un fillo de puta, e o peor de todo, é vostede un completo ignorante". Logo saiu do bar recitando cancións do Vian, e enganchou un tabrón dunha obra, ingresou de novo no bar, e preguntándolle de novo se se atopaba conforme e seguro coa súa resposta, colleuno dunha orellla e levouno para fóra da barra. Logo partiulle o tabrón na cabeza. Namentres o pobre home laiaba no chan, sangrando pola cabeza, o meu contertulio serviu unha copa de güisqui e procedeu a axeonllarse á súa altura, recitándolle as pasaxes mais sustantivas da existencia e da obra do Boris Vian. Facía acenos coas mans ao tempo, e inclusive botou unhas bágoas resaltando o conmovedor daquela escritura.

As cousas non ficaron así. De súpeto, comezamos a desconfiar os uns dos outros. Ao principio tentábamos o clásico destes encontros: despistar. Se a tertulia se celebraba pola tarde, pola mañá cada un preparaba as súas armas, lendo frases ou pasaxes preferidas dunha obra determinada. Unha frase dun matemático grego por aquí, unha afirmación dun pensador do século XIX por aló, unha canción memorizada, algún rasgo do compositor da mesma, cousas así, tamén o vestiario. Houbo unha temporadiña na que comezáramos a levar garavata. Logo, todo eran competicións por quen levaba a garavata mais bonita. Pronto observamos que o feito de que combinara cos carpíns era algo que chamaba a atención dos demais, e si coincidía coas feituras do pano, moito mellor. A hora de chegada ao café ou ao bar tamén era importante. Coidábamos que o feito de ser o último outorgaba algo de literario a quen se retrasaba."Atoparase rematando ese gran artigo, xa o coñecedes...él é así". Pronto comezamos a chegar tarde, e entón, como xa era algo que todos facíamos, chegou a época das razóns mais convincentes. "Non, é que me detiven cun par de policías na Porta Falsa, levo varios días detrás deles, ando estudando aos personaxes da miña próxima novela" , ou "cando me erguín esta mañá atopábame no termo municipal de Barallobre, nunha casa de putas, onte estiven con dous coñecidos pintores e unha escultora da cidade, e unha cousa levou a outra e...", e tamén o clásico "non puiden chegar antes. Miña muller fíxome limpar todas as paredes da casa. Marchou unha semana coa nai a tomar as augas, e cando entrou leu os dous primeiros capítulos do meu ensaio escritos na parede da cociña, comecei a crear e...". En definitiva, aquelo estábase a desviar dos cauces normais dunha reunión literaria. Pero o peor de todo é isto que agora contarei. Un ano, co gallo do Día das Letras Galegas, saiu o tema. Dunha banda, dábase a circunstancia de que os oito escritores que compoñíamos aquela tertulia publicabamos libro a comezos do verán. E polo outro, nalgúns corriños da Praza de España, comezara o infundio da posibilidade de que un de nós podería ser homenaxeado se se dera a terrible circunstancia da nosa desaparición. Isto creou polémica. Uns falaban de matar ao mais veterano da tertulia, pois aquelo daríalle o pulo definitivo á nosa xeración. Outros falaban de simular unha morte, a do mais novo, pois aquelo outorgaríanos o malditismo que, para seren francos, non posuíamos. Dous membros houbo que deslizaron nos días posteriores que pensaban no suicidio, dicían que por problemas económicos, unha mala racha. Ao final, só se atreveu un, un pobre diaño da zona de Alfoz, que escribía infumábeis historias de homes viúvos que choraban na soidade, e alí, na escuridade, comezaban a recitar monólogos de gardaría. O moi fillo de puta foi orixinal. Arrincou todas as follas do seu último libro, ainda sen publicar, e comeunas. Morreu por perforación estomacal. Os editores sacaron unha por unha as follas do libro, faltáballe o final. O moi pillabán gravárao nos cuadrís cunha punta da caixa das ferramentas. Pobre diaño. A verdade é que eu nunca o tivera moito en conta, pois só se animaba a falar a partires das oito da mañá, cando os demais xa entráramos na decadencia dos berros salvaxes e os lanzamentos de botellas. Por riba, tivo mala sorte. No último momento, un escritor da zona de Verín, provincia de Ourense, guindárase dende o alto da igrexa do pobo, e convocara por escrito a tódolos viciños. Alí falara sobre a necesidade dunha actitude radical ante a literatura, e logo saltou o malpocado. Din que os viciños miráronse os uns aos outros e logo foron tomar o vermú. Así que, pasado o Día das Letras Galegas, e pasada a presentación de tódalas nosas obras, veu cecais o mais curioso desta insólita historia. Era a procura do argumento para a seguinte. Influídos por unha obra de Poe, na que falaba da capacidade dos nenos para saber o que pensan os maiores adoitando a súa mesma expresión facial, comezamos a non mirarnos aos ollos directamente. Aquelo provocaba que, ao mellor se discutira a nova poesía latinoamericana e que os contertulios nos atopasemos ollando o chan. Rematamos por non falar, só diciamos incoherencias, tentando non facer ningún aceno sospeitoso de pensar nunha cousa determinada. E pouco a pouco, a tertulia foi derivando nunha sorte de procesión silenciosa de enaxenados, que pedían as súas consumicións, ficaban en silencio unha hora e logo ían para a casa, a escribir. Aquelo deteriorou a unión que se estabrecera entre nós e nunca mais voltamos vernos. Hoxe recibín unha carta dun deles e, de súpeto, entendín toda aquela loucura febril. A carta dicía o seguinte: "Mirade, Cabaleiros, coido que é hora de rematar con esta tolería e de poñer as cousas en claro. Para tal motivo, convoco a tódolos antigos membros da Tertulia a un combate a morte no aparcadoiro do Anxo Carro, á medianoite, baixo a luz da lúa. Só levaremos enriba a nosa pel, quero dicir que acudiremos espidos, e sen mais armas que as nosas mans, os pés, e os collóns que cada un considere pertinente empregar. Será un combate a morte. Só o mais forte debe continuar escribindo. Os demais deben desaparecer. Alí vos agardo. Asdo: O Cabaleiro da Piringalla."

E agora, minutos antes de partir cara a batalla final, cara a gloria literaria, aquí, espido ollándome nos cristais do portal, decido deixar acta escrita do que fun, do que fumos, aquela Tertulia, os homes que quixemos trocar o mundo. Déixolle as chaves da finca de Mos á miña irmá Esmeralda, se algo malo me pasara dalle de comer ao Roni e colle as chaves de riba da entrada.


Asdo: O Cabaleiro de Fontiñas.