domingo 8 de noviembre de 2009

Mención especial para A Distancia

En Abelleira, sendo as 16.00 horas do día 26 de setembro de 2009 reúnense os membros do xurado do IIIº Certame de Relato Curto "A Orola", organizado pola A.C.R. Ponte Vella de Abelleira.

O xurado formado por:

  • Dona Caridad González Cerviño(Presidenta do xurado e Presidenta da Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio histórico-artístico da Deputación da Coruña).
  • Don Xosé Manuel Sande Chouza (Mestre e xornalista de La Voz de Galicia).
  • Don Xosé Antonio Formoso Lado(filólogo)
  • Don Antonio Priegue Leis(secretario do xurado, con voz e sen voto.

Despois de comentar os relatos e deliberar sobre os mesmos o xurado decidiu por unanimidade:

Conceder o premio como gañador ao relato presentado baixo o lema "Axóuxere". Unha vez aberta a plica correspondeu a autora Rocío Leira Castro co título O ALPENDRE DOS MEUS SOÑOS.

Así mesmo, o xurado quixo facer unha mención especial ao relato A DISTANCIA de Lois Pérez Díaz.

Sendo as 18.00 horas levantouse a sesión e redactouse a presente acta da cal como secretario dou fe.

En Abelleira, 26 de setembro de 2009

martes 20 de octubre de 2009

Galicia Bilingüe: Borges, os caníbais e Stevenson


Non todas as palabras do título pertencen á mesma caste: Galicia Bilingüe, a asociación, non debería figurar nunca ao carón de Borges(non as noces, senón o arxentino), os pobres caníbais da Polinesia e o Stevenson, pero permítanme que o deixe así sen máis para agora amosarlles o que sen dúbida algunha constitúe un "didáctico" e "respetuoso" exercicio de intolerancia cara a miña persoa por parte desta asociación veciñal galega( ao seu pesar), a partires dun correo recibido na escola onde traballaba hai dous anos, e que por puro diletantismo me decidín a respostar, sen agardar ser requerido de novo por dita asociación, en claro estado de desenfreno brasileiro, pero que deixa ben claro o nivel de fondura intelectual deste colectivo aldraxado nos seus dereitos, sempre á fronte da vangarda intelectual(ou tan só sempre á fronte, máis ben).

Agardo saiban perdoar certa inocencia na argumentación pola miña parte, aínda non revisara de xeito adecuado o tema idiomático, agora tampouco son un grande experto, pero daquela escribírao a título individual, dende a perspectiva dunha persoa que traballaba de mestre substituto e lía por azar aquel correo; admiren tamén a prosa fluída e erudita, ancorada na reflexión calma e no trato respetuoso dos responsábeis de Galicia Bilingüe. Sen máis, velaí van os correos:


Correo 1, lido na biblioteca da escola unha mañá do 15 de Abril de 2008:



----- Mensaxe orixinal -----
De
info@galiciabilingue.es
Data
Mon, 14 Apr 2008 16:38:49 +0200 (CEST)
Para
undisclosed-recipients
Asunto
Conferencia Galicia Bilingüe
Estimados Señores:En un archivo adjunto les enviamos una carta de invitación para asistir ala conferencia que Galicia Bilingüe celebrará el próximo viernes, día 18,a las 20.00 horas, en la ciudad de Lugo (Gran Hotel de Lugo). También lesenviamos una presentación en Power Point con imágenes de nuestrasanteriores conferencias.Un saludo de Gloria Lago, presidente de Galicia Bilingüe.



Resposta do mestre substituto Lois Pérez, ás 13:55 da mañá do 15 de Abril de 2008:


Estimad@s membros de Galicia Bilingüe(á atención de Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe):

Diríxome a vostedes para comunicarlles que non asistirei a dito acto que a súa organización celebra. Malia iso, quixera manifestarlles os motivos para non facelo:


1. As ideas que vostedes promoven, por riba de achegarse a posicioamentos anticonstitucionais, parten de supostos que na realidade non se dan, isto é, unha suposta marxinación do castelán e un hipotético dereito vulnerado a elixir que non é tal. Tod@s temos dereitos, pero tamén temos obrigas, de natureza constitucional.


2. Pensar ou o que é peor, querer facer pensar aos demais, que o galego e o castelán están en igualdade de condicións con respecto ao seu uso por parte da poboación, neste caso a comunidade escolar, iso é unha infamia.


3. O bilingüismo é un feito fácilmente corroborable en Galicia. Agora ben, o uso dun e doutro idioma, e as dificuldades para o seu uso non son as mesmas nunhas zonas que en outras, se ben a nivel estatístico, o estudio da situación idiomática informa que o uso do galego é moito menor que o do castelán, e que evidentemente atópase en claro retroceso e desvantaxe con respecto ao castelán en moitos ámbitos sociais.


4. A súa organización agocha unha ideoloxía política determinada que, ao abeiro de determinadas problemáticas de ámbito estatal(concretamente, o País Vasco e Cataluña) que un determinado Partido tenta promover como asuntos de capital importancia, pretende trasladar de xeito análogo a Galicia, cando obviamente iso non se corresponde coa realidade.


5. Non me interesan as xuntanzas de xente que o último que pretende é resolver os problemas reais da cidadanía, senón plantexar problemáticas de natureza política, transformándose en sinxelos voceiros de formacións políticas e non en membros con capacidade propia para pensar e movilizarse.


6. Non me interesan as xuntanzas (como a que a súa organización celebrou en Vigo, de xeito suntuoso por certo) na que se descalifica a distinguidos membros da comunidade cultural galega tan só por non defender posturas como a súa, e posuír ideoloxías distintas.


7. Galicia Bilingüe pode ubicarse no imaxinario colectivo, á mesma altura doutras organizacións que até hai ben pouco tamén saíron á escea pública e que axiña como naceron, pronto se esvaíron misteriosamente. Poñamos algúns exemplos: Manos Limpias, Agua para Todos...etcétera, lémbranse?


8. O idioma, neste caso o castelán e o galego, son fonte de riqueza, un xeito de intepretar a realidade, legado cultural dos nosos devanceiros, nexo de identidade, e o seu uso non é antagónico, senón complementario(xunto coa aprendizaxe doutros idiomas, cantos máis mellor), e isto fai medrar ás persoas, e achégaas a plenitude persoal, que as pon no camiño de ser cidadáns mais capacitados para decidir, para saber, para actuar...Para vivir mellor. E teñen que saber que o feito de que vostedes non compartan a importancia por igual dos dous, ou a discriminación histórica dun deles, isto é, o galego, non significa que as institucións non teñan que cumprir coa súa obriga de defender o propio patrimonio lingüístico e cultural, tentando discriminar en positivo o uso do mesmo, sen negar a importancia do castelán, que por suposto a ten, tanta como o galego. Pero o punto de partida non é o mesmo.


9. Cando de verdade teñan propostas coherentes que ofrecer á cidadanía, cando menos, falaremos.



Atentamente, Lois Pérez Díaz , mestre substituto 33337051-T


Correo recibido ao día seguinte por parte da asociación Galicia Bilingüe, xa dirixido directamente á miña conta de correo:



Señor Lois Pérez:


Dicir que as nosas propostas son inconstitucionais amosa un notable graode ignorancia (niso compite con Manolo Rivas, que non le do que fala). E iso que a xurisprudencia do TC parécenos verdadeiramente disparatada - ten párrafos memorables, a parte de non ter nin idea do que é 'centro de gravidade' en Física - no que atinxe á STC 337/1994, xa que di o que a CE dí o que claramente non di (compartimos o voto discrepante de Diáz Eimil eos criterios que sostiña de aquela o TS). No resto debería vostede informarse das nosas propostas, e no que atinxe a que somos instrumentosde certo partido político fai que a sua catadura moral sexa consideradacomo ben baixa por nós. O punto 8 do seu correo encaixa perfectamente conque propón GB, e desde logo non coa presente normativa lingüístcia deGalicia. As linguas non teñen dereitos, e os cidadáns deben ter dereito aempregara a que queiran ( e a aprender a que queiran, mesmo estamos encontra da obriga do deber de saber castelán, que, por outra parte, é undeber imposible de esixir ou de sancionar aos 'infractores'). Estude as políticas lingúísticas dos países democráticos: todas están, com matices,baseadas nas propostas de GB, e ningunha se achega ás que se levan a caboen certas rexións de España. Desde logo, é un problema que haxa mestres con ideoloxías totalitarias no ámbito lingüístico, e tamén certo grao deignorancia: é un risco para os seus alumnos, aínda que tales especimens abondan no sistema educativo, e non só na rede pública. Así saen alumnos, compunxidos, que din que non son quen de falar a súa lingua propia e barbaridades coma esa (curioso que alguén non saiba falar a súa propia lingua: os mudos seica).Mellor que non vaia a nosa conferencia e aproveite o tempo para estudar, mestre substituto, aínda que algo aprendería, sonbre todo en materia de dereito comparado. Máis que nada para non dicir disparates ou manipular a realidade ou as propostas de outros. Saudiña.



Correo enviado por min, o mestre substituto(daquela), na mesma semana:


Obviarei o de estimados:


"Ideoloxía totalitaria", "ignorancia", "compite en ignorancia"...Que máis podo engadir? Comprobo non sen indiferenza(isto é, con indiferenza) a linguaxe que vostedes manexan para contrastar as súas ideas coas miñas. Non dubido do seu coñecemento do dereito, pero semella sensato pensar que o tema da lingua require algo máis que o coñecemento do dereito...Diversas formas da sensibilidade. Engaden que compito en ignorancia con Manuel Rivas: as súas palabras énchenme de satisfacción, pois non agardaba eu na mañá de hoxe recibir loubanza semellante. En canto ao de "especimen", tan só engadirei que se escribe con til( espécimen ou espécime) en castelán e en galego, e deberían coidar a ortografía indistintamente do idioma que usen. En canto ao significado do termo, totalmente dacordo, engado: ser, exemplar coas características principais que definen a unha determinada especie.


Neste punto, penso agora en Herman Mellville, o autor de Moby Dick(hai edicións fantásticas en castelán e en galego, de feito, en case que calquera idioma no que se sintan aldraxados), que embarcou polo Índico e logo desertou indo a parar a unha illa das moitas que na Polinesia son. Alí, topou, coma min, cunha tribu de antropófagos(forma culta de caníbais) que o acolleron, ao contrario que vostedes, con fondo respeto, antes de que liscara dalí.

"...mesmo o dereito a non saber castelán..." Ben, aquí coido que non se poden facer afirmacións tan lixeiras, e remítoos ao punto central do meu anterior correo: a lingua, por riba de ser un determinado xeito de expresarse, constitúe un legado cultural que vostedes son incapaces de valorar, e soster posturas como as que vostedes refiren na súa carta, é case que alinearse co todo e coa nada; por suposto que hai moitos dereitos que se poden defender, así poderiamos defender o dereito a non ir á escola tamén, ou o dereito a saltar os semáforos en vermello..A viaxe a ningunha parte. Aquela película do Fernán Gómez(excelente) ou o disco de Bunbury(do mesmo nome) na que os cómicos vagaban polos pobos sen rumbo. É unha boa metáfora do lugar a onde vostedes se dirixen: a ningunha parte. Pero gostaríame insistir nun punto básico: o feito de que vostedes non teñan a preocupación dabondo pola conservación dalgo que trascende o que é unha lingua, non implica que as Administracións non teñan que estar na obriga de preservar un patrimonio que forma parte da esencia dos que aquí vivimos(dalgúns, por outra parte) e que conforma un patrimonio de todos de calquera xeito. Iso non exclúe o coñecemento do castelán, eu non estou defendendo prantexamentos extremos, pero a discriminación en positivo do galego é unha medida necesaria e pertinente. Os cidadáns, na medida en que se atopan nun lugar onde teñen a sorte de posuír dúas linguas(cando menos), están en disposición de gozar e de usar un patrimonio cultural inmenso, aprender a valoralo, para poder decidir dende o coñecemento e a sensibilidade pola lingua, polo que comporta, para gañar en calidade de vida. Iso non se consigue do xeito que vostedes promoven, baixo un bilingüismo tan indeterminado que abonda con ingresar no seu foro, para saber de que están a falar, a aniquilación. A liberalización xa ten outros terreos, onde por desgraza, se reproduce o que acontecería co idioma: o grande come ao pequeno, e o último que peche a porta.


Reclaman vostedes un suposto paraíso idiomático(xa sabemos a que conduciu o bilingüismo armónico, verdade?) no que cadaquén elixe en liberdade, coma quen fora mercar froita. Estabrecen un decálogo no que, polo visto, a ausencia de posicioamentos mais explícitos é unha constante, e por riba, en cartas coma a que tiveron a ben facer para respostarme, caen nos tópicos e en sentenzas de tribunais, cando o que se lles pide é que razoen, e a poder ser, emitan argumentacións..


Ah, agora xa o entendo, son vostedes borgianos. Defenden o esquecemento(do idioma neste caso) coma unha manifestación complexa da memoria.


P.D.: E que hai do dereito ao islandés, refírome ao dereito de mexar en territorio islandés?







domingo 2 de agosto de 2009

Noel was a good man: Xamaican tour 2006

Radiado no 2007 no programa A Boca da Noite, da Radio Galega.


O aeroporto de Ocho Ríos en Xamaica posúe unha pista de aterraxe asfaltada, e o dato é importante.
Hai tres anos, descendía eu do avión fedendo a suor logo de oito ou nove horas de voo, no medio dun heteroxéneo grupo de turistas europeos,supostamente “civilizados”, pois tan alta é a consideración que habitualmente posuímos de nós mesmos. Inclusive un tipo, evidentemente entusiasmado coa viaxe, portaba unha prescindible camisa de palmeiras e unha perruca con bandeira tricolor incluída.

Cecais foran as once ou as doce da noite, calor abafante, subimos no bus, e non puiden deixar de ollar a decoración barroca, con lámpadas de falsos diamantes que aquel vello vehículo, segundo os meus cálculos dos anos setenta, amosaba no seu interior. Cos “civilizados” acomodados, comezou o traxecto cara o hotel, no medio dos rostros de felicidade e algunha burla cara o sufrido e atento guía que nos recibira. Ante o panorama decidín ollar ao outro lado do cristal, mais non vin case nada. A escuridade mais absoluta presidía o meu campo visual, e a miña cabeza batía unha e outra vez contra a ventá froito das manifestas irregularidades da estrada. Logo duns minutos, comecei a distinguir casas no medio da escuridade. Tamén casetas con luces de cores, se cadra prostíbulos xamaicanos de estrada, os equivalentes ós nosos, coma ese clásico da A-6, “Furacán 69”, ou outros perto de Lugo, ubicados en concellos que ostentan o dubidoso liderato de clubes de alterne por número de habitantes de España (verídico). Presidíndoo todo, e ignorando a escuridade, unha vexetación salvaxe, desbordada, vixiante.

No hotel, foi impactante comprobar o elevado nivel de tranquilidade que impregnaba as accións do rapaz que me axudou a levar as maletas ata a habitación.

Ao día seguinte,logo de desfilar coma un parvo coa bandexa do desaiuno entre a variada oferta do bufett, ateigado de alemáns e ingleses que metían o cóbado en busca duns ovos fritidos(semellaba que algún non comera dende a Noiteboa), saín da burbulla hoteleira á realidade e din cun taxista excepcional, Noel, que me levou no seu taxi pola Highway 2000, unha autovía de catro carrís de pura terra, ao contrario que o aeroporto, e que rodeaba a illa por completo. Polo visto, o diñeiro que correspondería ao asfalto, levárano os franceses da Shell, logo de facer negocios coas trinta ou cuarenta familias, básicamente de orixe norteamericano e inglés que “posúen” case en exclusiva a illa, vendendo ou alugando as mellores praias ás cadeas hoteleiras foráneas e enviando todo o diñeiro que expolian ao estranxeiro, en especial e “misteriosamente” os norteamericanos, os mais ladróns segundo Noel, dedicados maiormente á venta de bisutería e xoias. Un operario descansaba tranquilo tumbado riba dunha apisonadora, e logo dunha hora de viaxe, paramos. Noel apartouse da “autovía”, entramos sen dificultade nunha taberna que só tiña teito, pediu dúas cervexas e xunto a dous que estaban por alí, comezou a armar un canutiño de maría, que liaba misteriosamente en diagonal. Observei que o acto de fumar herba respondía alí a unha costume moi arraigada, coma aquí encherse a viños antes de ir comer á casa dos sogros nos domingos: “manoel, pon outras aquí carallo, que hoxe chegamos quentiños a comer!”. Eu participei fatigado no “brindis”, ao tempo que un vello trataba de convencerme que lle tiña que pagar por ollar unha mula que tiña amarrada na porta. Reemprendimos a marcha en dirección á montaña. Noel díxonos que subiríamos e que logo teriamos que dar a volta, namentres explicaba tamén que a calidade das casas, o seu tamaño, e o poder adquisitivo dos propietarios eran proporcionais aos metros de altitude e puiden comprobar que, en efecto, era así. O mais abraiante estaba por chegar. Logo de subir durante media hora, ao sair dunha curva, a estrada remataba. Diante dela, un enorme e luxoso muro anunciaba unha enorme mansión que tan só adiviñábamos atrás. A estrada da montaña remataba na casa mais luxosa de Ocho Ríos. Tivemos que dar a volta.

Noel contou que levaba varios anos conducindo aquel taxi, en réxime de aluguer, e que aspiraba a telo en propiedade. Noel era un home miúdo pero, ao meu entender, un home grande. Contaría uns sesenta anos e posuía un rostro escuro e negro, e unha mirada morna, límpida, calma, que observaba toda aquela dura realidade con aterradora serenidade. Falounos do Marcus Garvey, e de Busta e Norman Manley, os dous primos que lideraran durante anos o JLP e o PNP, os dous principais partidos da illa, e que se disputaron durante mais de vinte anos a dirección do país, con longas e terribles historias nas que se entremezclan o armamento, a droga, a CIA, Inglaterra, asasinatos e mesmo a música. Noel contou tamén que tódolos días se dicía a él mesmo que non era pobre, que era rico, e que pelexaba por mellorar, ao tempo que perdía a súa vista na lonxanía, e logo ría de novo. Comimos nunha sorte de ultramarinos ao lado do río un polo exquisito, con verduras e arroz. Pedimos cervexa e él recomendounos un zume especial do lugar, que él inxeriu, e que polo visto incrementaba notablemente o vigor sexual. Noel estaba a ser o mellor da viaxe. Logo levounos pola montaña, cara Nine Miles, onde din nacera o Bob Marley. Cecais fora a acumulación extraordinaria de sucesos ordinarios e sorprendentes, ou tal vez a “condimentación” do polo, ou mais probablemente o relato de Noel, o que provocou que me comezara a fixar moito mais na mestura de absurdo, inxustiza e beleza que adornaba a illa, todo elo tinguido dun surrealismo cruel. Na casa do Bob Marley, a oferta de marihuana multiplicouse por mil. O complexo era precario, e por debaixo das portas que protexían todo o recinto, coláronse de súpeto dez ou doce extremidades superiores, que portaban nas súas mans marihuana en estados diversos (ao natural, en canuto, envasada) ao tempo que unhas voces berraban ao outro lado do muro ofertando a mercadoría. O guía, un home de rastas, coa conciencia alterada pola herba, cantaba “a pelo” cancións do Bob ante un grupo de islandeses, ou finlandeses, ou suecos. Sete ou oito nenos que non terían mais de oito ou nove anos, seguían o traxecto ao outro lado do muro e, subidos nas polas dunha árbore facíanlle os coros ao guía, e anticipábanse ao seu discurso rematándolle as frases, adornando de sensibilidade aquel recinto ruinoso e mórbido. Un dos suecos, enorme, e en bañador, recostábase orgulloso na pedra que segundo o guía, utilizaba o Bob para ollar as estrelas e facer que as musas voaran mais baixo. Mentres o individuo sueco posaba para a foto,eu oía o canto do guía, os coros dos meniños, sentía ganas de lle romper a crisma ao sueco, ou ao finlandés, vía todo aquelo caendo a cachos, e comezou a chover, sen mais explicacións. Tropecei cunha vella guitarra que adornaba unha das estancias onde dicían que descansaba o músico, e unha pota descansaba riba dun piano ruinoso. Observei bastante improbable que aquel piano puidera ser da época do Bob, e que llo levaran ata alí, no quinto carallo de Xamaica,en dirección á montaña.E menos probable me pareceu que aquela pota tivera cincuenta anos, pois vertía aceite por riba do piano. Saímos dalí. Por riba de todo, era aquela natureza que non entendía de sumisións a que se impoñía unha e outra vez. As frores, as árbores, a auga eran as raíñas daquel espazo caribeño. Paramos nunca das praias preferidas de Noel, que carecía de sinal algunha. Non había nela ningún turista, agás o referido pailán lucense, eu. Vimos un grupo de xente celebrando algo na beira da auga e dous homes con roupas brancas e azuis, dentro da auga. Na beira, todos cantaban e aplaudían. Noel díxonos que eran cerimonias bautismais moi propias daquela época do ano, mais chamoume a atención a idade do bautizado, pois rondaría os cincuenta anos. Tamén nos informou das múltiples confesións relixiosas existentes na illa, que ían dende os rastas ate a igrexa do advenimento do sétimo día. Falounos de Rasta Fari, da inacción coma loita, e de mil cousas mais. Logo Noel comezou a falar de Kingston, e mudoulle a expresión. Aduciu que non lle parecía moi adecuado achegarnos alí, que él podía entrar sen problemas, pero que dende logo non llo recomendaba a un pailán lucense coma min, cun bronceado de pel propio dun noruegués. Dixo que nin falar, asi que eu tampouco insistín. Vimos de pasada o peor taller de lavado de coches do mundo e Noel riu a gargalladas. Pregunteille polo ritmo tranquilo no que vivían os xamaicanos, deixando á marxe a causalidade climática, e novamente sacou outro as, o avó Noel, pois asi o considerei, meu avó. Díxome que a pobreza non tiña presa. Non había ningún lugar ao que chegar. Aquelo ía ser así sempre, e sempre o fora, dende que él era neno. Eran as expectativas de algo o que ocasionaban as presas. Cambiou de tema e na radio soaba a música que a él lle gustaba, un gospel moi característico, alonxado do reggae. Tamén a vexetación, con aquelas herbas que se replegaban cando as rozabas cos dedos. No hotel, un par de guitarristas acompañaban ao cantante, que se acomodaba riba dun curioso instrumento semellante ao “caixón” framenco, mais equipado cuns pedais metálicos e caseiros para ser tocados coas mans, facendo as veces do baixo. Tamén no hotel, Micky, un irlandés cunhas tatuaxes incribles e look de hooligan gañara o concurso de cervexas, e na categoría de mulleres, fora a súa dona a gañadora. Él entretíñase disparando cóctel a través dunha palliña aos cangrexos da área da praia, e dúas adolescentes británicas facíanlle as beiras ao cociñeiro, un contundente xamaicano, que aguantaba estoicamente as proclamas ebrias daquelas dúas, que dicían que non querían ser vulgares, querían ser sexys. Un dos guitarristas facía unhas versións caseiras dos Eagles sinxelamente xeniais. Conversei con él, ensinoume a súa guitarra. Pero o mais sorprendente foi a púa, que resultou ser un irregular anaco de plástico que sacou dun inservible equipo de radio. Logo duns días, despedinme de Noel, e desexei, tal vez por puro egoísmo, que agora conduza o seu propio taxi. Noel, o quiet taxi driver. E tamén o recordo dunha natureza incriblemente exuberante, desbordante, que segue salvaxe, por mais que lles pese ós da Shell.

http://www.youtube.com/watch?v=oWjeSmOZi3E

martes 28 de julio de 2009

O elefante de Belavista: summer edition

Crésida, Desdémona, Julieta, McBeth, Ofelia, Titania, Rosalinda, Viola, pensaba Amalio Portasueiro, durmido. Logo Yoli, súa dona, Yolanda Crasende, segundo rezaba nos arquivos da "Asociación Teta de Leite", espertábao. Amalio Portasueiro gostaba daquel cerimonial polo cal espertaba a unha nova vida, a un novo día: as unllas lacadas e ben longas dos pés de Yoli rabuñábano dende os nocellos até chamar a outros lugares máis prohibidos. Amalio, bo estudoso de Pavlov, ben sabía o que significaban aqueles acenos da Yoli, ah, os prácidos domingos. Logo, sen rematar de lembrar a novena das oito musas de Shakespeare ao tempo que Yoli se quentaba e pensaba en Alain Delon ou Juan Pardo, Amalio despregaba a súa torpeza riba da Yoli; tamén acontecían cousas misteriosas. Pero cando Amalio quentaba o café velaí estaba: o elefante. O seu elefante, ao outro lado do xardín, o belvedere que presidía a paisaxe da Urbanización Bela Vista. Amalio Portasueiro aínda lembraba a visita a Mármores Adrio, e a ollada perdida daquel chaval de Rábade cando Amalio, quitando a pipa da boca e acenando cos brazos, cos ollos fitando o infinito, lle explicaba aos marmoristas que formas descoñecidas tería que ter o paquidermo, un elefante de pedra e mármore a tamaño real que simbolizara a nostalxia e a tradición heráldica dos Portasueiro, descendentes segundo Amalio dunha familia da nobreza hindú, trasladada a Londres no século XIX, e que tomara sangue galego cando o bisavó de Amalio, nunha reunión de veteráns do exército inglés se encaprichara coa criada dunha elegante señora de Mirror Road. En tanto aquela dona inglesa acariñaba a súa palatina de raposo ao tempo que quitaba uns guantes finos de seda, o bisavó de Amalio, perdendo o hipo e a partida de bridge, reparara naquela mulleriña de formas redondas e ollos rechamantes. Logo todo fora seducir. Así que era domingo e Amalio, pensando na novena musa de Shakespeare e na liga de fútbol, recollera o Marca que repousaba ao pé da porta. Yoli asomou pola fiestra e, imperial, co secador na cabeza e asomando un peito polo camisón,sentenciara: "Ami, xa lle refulxe a merda ao Paquiño dende o monte Segade. Dálle unha auga!!" Amalio, con verdadeira actitude shakesperiana, sacando o cigarro da boca, o café fumeante, batín e zapatillas do mercado da Frigsa, respostara: "E quen máis que eu, só eu, pode saber que é o inferno?" Logo duns intres coas mans apuntando á fiestra, Amalio collera a mangueira e a escaleira do garaxe, saíra ao xardín e logo de acariñar ao seu elefante, lavárao coma quen lava un Ford fiesta. Máis tarde, a tranquila lectura do Marca dacabalo do paquidermo, o pensamento distraído, o paxaro fuxido da cela do sultán, as persecucións polos labirintos do xardín detrás das súbditas, secar o río que levaba a Babilonia, dirixir un exército, matar trinta mil homes, durmir no deserto, ollar cara as casas dos seus súbditos da urbanización, acariñar a pixa vendo facer jogging por diante da casa á filla do construtor viciño , pero sempre o paxaro, aquel paxaro de prumas douradas que escapara da cela, que se negara a falar, a tristura do sultán, o soño da súa filla inundando de mexos Asia enteira, motivo polo cal a mandara casar cun príncipe lonxano, o misterio do neto do sultán, que de pequeno fora visto mandar de xeito espontáneo sobre oito pequenos nun xogo infantil, un desobedecérao e mandárao azoutar, así soubera o sultán que a súa orde de mandar asasinar a calquera fillo nado do ventre daquela filla maldita non fora cumprida, os pronósticos da xornada no Marca, o reino, o seu reino, terra fértil, o elefante, o seu elefante, zas, zas, eu ordéoche, zas e zas movendo os brazos riba do elefante... A aqueloutrada faciana do panadeiro ollando cara o Amalio. Pode que Amalio dixera bos días. Pode que o panadeiro non dixera nada. Pode que Amalio fora naquela mañá o sultán da Antiga Delhi. Namentres o panadeiro se alonxaba dándolle á cabeza, Amalio pensaba en...Porcia, era Porcia. Crésida, Desdémona, Porcia, Julieta, McBeth, Ofelia, Rosalinda, Titania e Viola. As nove musas do Shakespeare. Yoli cociñaba o xantar na cociña. Era domingo.

http://www.youtube.com/watch?v=Lp4ONsrlhzc Bruce, na autopista treboenta, especial por moitos motivos, pero sobre todo por un...

miércoles 22 de julio de 2009

A chave


Hoxe quería escribir unha historia, pero ultimamente non me sinto capaz, quería escribir unha historia na que dous chavales de Antas de Ulla duns vintedous anos decidiran vir a Lugo ao San Froilán, non sei, supoño que sería unha historia que escoitei un día de domingo desaiunando con dous amigos meus, antes de ir botar un partido de fútbol en pleno verán. Sí, definitivamente, a miña intención era escribir unha historia así. Un dos dous rapaces desta historia, de nome Xosé Manuel, chamaría ao seu primo, Damián, un chapista do barrio da Piringalla, un tipo capaz de vivir dous anos en Viveiro coa súa muller, e deixala pechada na furgoneta do taller ao tempo que él, vestido co mono azul, tomaba unhas copas no pub de moda ás dúas da mañá. Damián sentiría unha fonda ledicia ao recibir a chamada de seu primo máis novo, o Xosé Manuel, e sabendo a intención del e do seu amigo de querer saír por Lugo no San Froilán, él accedería a deixarlles a chave do piso para que dormiran na súa casa a fin de semana, posto que Damián aproveitaría a festividade para marchar á vila coa súa muller, natural de Castroverde. Xosé Manuel e o seu amigo, de nome Marcos, Marquitos, Marquiños, Marqui, collerían un bus para Lugo e chegarían o sábado pola noite á estación de autobuses, onde decidirían coa clásica présa por se embebedar pedir catro cubalibres cada un no espazo dunha hora. Alí, comezarían a dicir incongruencias sobre o feito de embebedarse, farían o bruto ao ver pasar pola rúa a dúas chavalas dun ciclo de perruquería que camiñaban cara a zona da festa, e alucinarían ao ver a dous indios con sombreiro pedir un café con leite. Esa historia, seguiría co paseo entre as barracas até un bar e pub dun amigo de Damián, o lugar onde tería deixado a chave para que a recollera seu primo. Unha vez alí, e logo de intercambiar unhas palabras co amigo de seu primo, tomarían outras catro copas cada un e recollerían a chave, e logo chimparíanse á noite deambulando polos pubs e bares ateigados do centro, vomitando nun lavabo, tentando ligar con dúas mozas que atoparían na Praza do Campo, cegas perdidas coma eles, sen obter os resultados agardados polos dous aventureiros. Xosé Manuel, algo quente, diríalle ao Marcos, Marquitos, Marquiños, ou Marqui que tiña que ir urxentemente ao baño, e entón entran noutro bar. Alí, Marquiños entreteríase agardando vendo como dous rapaces con pinta rara falaban de revolución, e él pensaría nun Ford Escort ben preparadiño con turbo que tiña un amigo da pandilla, aló en Antas de Ulla, que seica o puxera a cento cincuenta por hora coas luces apagadas. Xosé Manuel pola súa parte, e en tanto facía cola no baño, vería como unha rapariga ben nova se atopaba vomitando suxeitada por dúas amigas na porta do baño de mulleres; sentiría unha grande excitación ao ver de esguello o escote da afectada mulleriña así como ao intuír a tea dun tanguiña ben sedutor, cambaleando caprichoso por riba do pantalón axustado. Xa no interior do baño, Xosé Manuel decidiría trocar a súa intención de botar unha mexada coa que aliviarse, introducindo un segundo elemento aliviador: unha boa e transgresora palliña que calmara aquela excitación de había uns minutos, tamén pensaba Xosé Manuel, a súa loucura particular, que carallo, era o San Froilán, non se viña a Lugo todos os días, e así tentaba concentrarse ollando cara o espello no escote da rapariga que se atopaba tan mal aló fóra, no corredor, e de paso, a imaxe fugaz dun Ford Escort, o mesmo no que se atopaba a matinar na barra do bar o Marquitos. E sen querer que ese fora o último pensamento antes de correrse, lamentabelmente foi o último, detalle polo cal o Xosé Manuel non sairía moi contento do baño. Tomarían algo máis alí, e catro rapaces de Albeiros ofreceríanlles unhas ostias logo de que se lles caera unha copa por riba da cazadora dun deles. Algo saturados polos excesos e polo medo de apañar uns paus, xa eran as seis da mañá, os dous aventureiros decidirían coller o camiño da casa, pedindo un taxi. O tipo do taxi falaríalles do mal que ía a xente esa noite, e dun amigo seu que un ano, cando o taxista era novo, estrelara o taxi na fachada dunha sucursal bancaria da Praza de San Pedro, e logo saíra do coche e seguira de festa até que o detivera a policía. Finalmente, chegarían ao fin ao piso do Damián, no barrio da Piringalla, nun edificio de recente construción. Subirían no ascensor, e logo de abrir con dificultade a porta, entre gargalladas, camiñarían até a cociña, onde con algo de fame explorarían a neveira: catro cervexas, un par de iogures con marmelada, algo de xamón, iso antes de se decidir por uns chourizos envasados e coller catro ovos e fritir todo xunto en aceite fervendo, enchoupando toda a cociña de graxa, entre agradabeis recordos da bebedeira, animaladas en voz alta, incluída a palla que Xosé Manuel se fixera pensando finalmente no Ford Escort do amigo de Antas, coche do que falaran no traxecto en bus cara Lugo, feito que explicaría a coincidencia no pensamento dos dous rapaces, coincidencia confesada polo Marquiños, metendo chourizo na boca coma un morto de fame e bebendo cervexa coma se fora rematar o mundo aquela mesma noite. A continuación, Xosé Manuel camiñaría cara o baño a mexar, advertido previamente por Marquiños de que desta volta non se palleara. No corredor, cruzaríase de esguello coa silueta dunha rapaza que entraba nunha habitación do piso. Será outra amiga da muller de meu primo, ou unha irmá da muller, que carallo máis ten, pensaría Xosé Manuel. Ao tempo que Xosé Manuel tiña pensamentos deste tipo, Marquiños atoparíase rematando os chourizos e os ovos fritidos, erguendo cara o balcón e reparando nas luces encendidas dunha cociña noutro edificio calquera, nos zapatos e na lavadora, cousas deste estilo, antes de decidirse a camiñar cara unha das habitacións para durmir. Entón, ao abrir a porta dunha das habitacións e acender a luz, vería con arrepío e sorpresa a unha muller cos ollos saíndoselle das órbitas e totalmente espida berrando debaixo do cobertor e a un home con trazas de chamarse Sito, cagándose en Cristo, chaval, que te mato, me cago na Virgen, cun peito ben poboado de pelo e de mala ostia. Aparecería o Xosé Manuel pola porta, tu quién eres, joder? E entón o fulano, xa erguido e cagándose en todo de novo, tirando sen querer un bote de colonia ao chan, mecagón...Vos fulmino, fijaros bien, fillos de puta!! Entón tería lugar unha torpe conversa, na que Xosé Manuel diría que era primo do Damián o chapista que lles deixara a chave para saír no San Froilán, e Sito, o auténtico animal en pelotas e inquilino ofendido daquela casa diría que o Damián vivía no terceiro esquerda, non no dereita, e que os mataba igual, e entón Xosé Manuel, vendo perigar os seus fuciños sacaría a toda velocidade a chave e diría que abrira con ela, que foran mirar se pensaba que mentían. De seguido, tería lugar a escea estrela da historia, na que o Sito espido, o Marquiños pálido do medo pero aínda cun anaco de chourizo fritido nunha man e os fuciños cheos de graxa do ovo fritido e o Xosé Manuel cun bote de cervexa na man comprobarían como a chave que seu primo lle deixara, abría a porta do terceiro esquerda pero tamén a do terceiro dereita. Pasados dous días, saberíase que o construtor, un home adicado ao gando que levaba a contabilidade da construtora nunha libreta coa figura de Lucky Lucke, e nun xesto de excesiva confianza a un encargado de obra, deixara nas súas mans a elección das pechaduras, e que un erro fortuíto provocara o grave malentendido. A frase remataría cunha frase xenial relativa ao azar, a chave, o destino e o San Froilán, pero síntome incapacitado para facelo, polo cal mando a historia ao carallo. Por certo, a historia é verdadeira.



Keith Richards, amosándonos a actitude debida


jueves 2 de julio de 2009

Dylan e Peter Buckley: alegato pluriforme do rock


Xullo de 2009. Parc Central Hotel, en Central Park, 2:00 da mañá, na Séptima coa 56, New York. Recén chegado da noite do Greenwich Village, que dicir, visión descomunal dos arañaceos da cidade, procedo á seguinte reflexión entre as bucinas ao lonxe, que carallo, Niullór, un español en Nueva York de Los Rebeldes, Peta en Nueva York de Lorca:




Explícome. Estaba a matinar escoitando "This dream of you" de Bob Dylan en cousas diversas e en apariencia inconexas. En primeiro lugar, afondando na letra de Estadio Azteca de Andrés Calamaro, porque de que fala Estadio Azteca? "...Prendido, a tu botella vacía, esa que antes, siempre tuvo gusto a nada. Apretando los dedos, agarrándole, dándole mi vida,a ese para-avalanchas...Cuando era niño, y conocí el estadio Azteca, me quedé duro, me aplastó ver al gigante, de grande me volvió a pasar lo mismo, pero ya estaba duro mucho antes...Dicen que hay, Dicen que hay, un mundo de tentaciones, también hay caramelos con forma de corazones...Dicen que hay, Bueno, malo, Dicen que hay mas o menos, Dicen que hay algo que tener,y no muchos tenemos...y no muchos tenemos...Prendido, a tu botella vacía, esa que antes, siempre tuvo gusto a nada." Cuino Scornik, co-autor da letra, mexicano de nacemento e arxentino en adopción, ten referido que as frases correspóndense cun paseo nocturno nas inmediacións do egrexio estadio, polo visto nunha situación persoal e fisiolóxica hostil, paseo no cal a silueta da enorme construción provocaría unha sorte de impacto catártico relacioado co desamor, imaxes da infancia pendurado ao valado do campo na celebración dun gol( ao paraavalanchas), a deambulación solitaria polas rúas do México D.F. , en combinación cunha mestura de guitarra acústica e española, baixo, caixón e piano nun ritmo moi propicio, e algo máis, que como dixera o poeta, ninguén sabe o que é, pero que é o máis importante.


Calquera que por curiosidade ou diletancia, ou casualidade se achegue a moitas das letras de Dylan, tamén en moitos outros (ou non tantos), incluído Calamaro, pero engadamos ao bote pronto Tom Waits ou Cohen, todos eles máis ou menos referencias obvias e de común acordo aceptadas por moitos afecioados á música, detectaría ás veces un certo hermetismo, pero cheo de incógnita e de pulsión vital: rúas, intres temporais rescatados en recordos, noite, misterio, e sobre todo, e na miña opinión que é ao que vou, o enfoque invariabelmente orixinal, o posicioamento dende o cal se leva a cabo esa escrita, a orixinal perspectiva coa que enfrontar a expresión dun determinado estado de ánimo, situación, imaxe... Na miña modesta opinión, e deixando a unha beira o asunto capital da ACTITUDE, pode que sexa este elemento, un dos eixos nos que se puidera encadrar o rock, trascendendo lixeiramente os aspectos musicais máis ou menos fieis ao propio xénero(non poderíamos negar esta presenza en cancións gloriosas tan alonxadas formalmente do rock, pero no fondo tan comprometidas nesta dirección: escoitemos ao Compay, ao Camarón na Lenda do tempo, Paolo Conte inventariando o amor, Jose Alfredo laiando nunha rancheira, Amos Milburn ou Johnny Otis no boogie- boogie, empurrando o blues ás portas do rock xa nos anos corenta neses pianos salvaxes, ou un blues- man roubando a bombilla verde dun taxi para empregala nos efectos da guitarra, e tantos outros, Santiago Auserón lembrándonos a importancia de saber que o desgaste do propio corpo é o único xeito de medirnos co lume do mundo...)


Din os rumorosos que os grandes letristas do rock foron Artaud( me destruía yo para así salvar a los demás, como Leopoldo María Panero sentenciaba en El Desencanto), Lautréamont nos Cantos de Maldoror botando espuma na primeira páxina, Ginsberg con palabras que súan directamente como apuntara o propio Dylan, Baudelaire, Bukowski e Roberto Bolaño. O enfoque. Lendo a poesía dos tres primeiros, a inclasificábel prosa do último e sobre todo, descubrindo e digámolo ben alto, reivindicando a poesía de Bukowski(...Escrutaba las rutas, la locura, la muerte...) nos poemas de Cando boto a vista atrás ou Senón tí entre centos deles igualmente excelsos, refulxe como nunca a lucidez do máis remoto sen máis, crúa e espida, experiencia sen filtro e procura da síntese, a palabra quirúrxica e incisiva, apuntando á desesperada cara as preguntas, querendo pasar por riba delas e sementando moitas outras, e en moitos intres gloriosos un pode advertir que case se puidera contemplar aquelo que nunca saberemos. E entón fala Borges: "...acaso sea eso el hecho estético: la inminencia de una revelación que nunca nos es dada" en Otras Inquisiciones. En definitiva, iso, a obstinación da persoa na procura da resposta, pero no exercicio consciente de que esa resposta non existe, no fondo esa Autopista chea de dor e de pracer, Vivir y Llorar, a importancia da viaxe en sí mesma, fixándose nas sombras do arcén...


Hai meses, durante a gala dos Premios de Teatro Radiofónico 2009, gañados por Rubén Ruibal e César Candelas pola historia dun boxeador que sempre perde, e ollando todo aquelo como espectador no Teatro Rosalía de Castro da Coruña(eu fixera a miña propia obra co Brais, coido que era unha historia ben boa), lembrei a historia que narraba Sam Shepard na crónica da Rolling Thunder Revue, como convidado daquela xira do ´72(creo), e na que se contaba que Shepard convidara ao Dylan á estrea dunha obra de teatro aínda que Shepard supoñía que Dylan non iría. Pero sí. E conta como no entreacto atopou ao Dylan nos baños cunha morea de anotacións sobre a obra que se estaba escenificando reflectidas en anacos de papeis que se lle caían dos petos. Intres antes do final da obra, Dylan tivo que ser agarrado polos seus amigos e sacado do teatro, pois comezara a vociferar na primeira fila erguéndose e dicindo cos papeis na man que non, que iso non podía ser, non casaba aquel final co seu razoamento. Que boa!


O caso é que a min gustoume a obra gañadora, a do boxeador, por varios motivos que agora non veñen ao caso, pero ademais porque me imaxinei a min mesmo coa faciana do boxeador que sempre perdía no medio do público. E de paso, un sentimento moi estrano, pois aquela gala era no mes de abril, cando se producía o relevo político en Galicia, e sentín o seguinte ao ver aquela cerimonia tan boa con aquelas luces, o teatro, a música en directo, a noite treboenta nas rúas da Coruña, chovendo, e foi coma unha mestura dun baile feliz de Scott Fitzgeraldt coa Grande Depresión e o París ocupado ao fondo dunha canción de Edith Piaf, imaxinei un teatro Rosalía arrasado e todos os alí presentes propulsados ao baleiro, incluído eu.


Idiot wind, ou porque los tiempos están cambiando de Loquillo. Lembro unha secuencia do Telexornal de hai días, no que tres políticos de distinta ideoloxía amosaban a súa opinión verbo da construción dunha glorieta. Saúdade i morriña, ea lo bés...


Pola fiestra corroboro a reflexión: dous taxistas fuman apoiados nun coche, un home durme no cartón, coches disparados e luces de cores, e noite, e misterio. Rematamos con Ireneo, sabio vispo da diócese de Lyon, Francia, no século dezaseis, que anticipou a fin do mundo no ano 2008. Subnormal.


Saúdos dende Manhattan Demoliciones Mohammed. Saúdos cordiais dende New York, despídese, Tedio Carrera. Boas noites, Milwaukee. Lembremos, como suxería Berkeley, que todo o pensado é vivido, e refírome ao Charles Berkeley, o Gordo Berkeley, mítico pívot dos Philadelphia 76Sixers. Por certo, un bo roqueiro tamén este Charles. Era.


http://www.youtube.com/watch?v=RtXwK6brRLI Estadio Azteca, de Calamaro

http://www.youtube.com/watch?v=iDirj-AvqtE This dream of you, de Dylan

http://www.youtube.com/watch?v=Q72M--DQY5Y&feature=related "situación de estupefacientes, rock, fútbol, sala de ensayo..."




viernes 5 de junio de 2009

O inspector Buceta: a misteriosa morte do depravado nº 3


No ano 2007, A Boca da Noite, programa radiofónico da Radio galega, dirixido por Quico Cadaval, remataba as súas emisións no mes de maio. O Cadaval, naquel último programa, radiou esta modesta historia que, por ser miña, cedo a Escritos Urxentes para que sexa colgada; é dicir, cólloa do meu arquivo e publícoa eu. Un saúdo ao Monsieur Cadaval, onde queira que se atope.



Inspector Buceta: a misteriosa morte do depravado nº 3

O inspector Buceta incorporouse tapando o nariz e ollando arrepiado o aspecto daquel home, que descansaba comodamente deitado coa cabeza aberta riba da beirarrúa. A luz da lúa, silandeira, xogaba coas casas suburbanas, e algunha moza, soñadora ou alertada polas sereas mecánicas do coche-patrulla asomaba á ventá e ollaba co pulso acelerado a escea do crime e aquela cabeza chea de sangue fumeante. O Buceta pensou na tristura das ambulancias nas noites fermosas de verán, e non tivo pena daquel pobre diaño, sen dúbida asasinado e precipitado á morte por mor dalgún axuste de contas. Prendeu un cigarriño, e nunha mirada perfeitamente estudiada namorou a aquela rapaza que ollaba dende a ventá.Chamade ós da morgue, díxolle ó Facal, o seu axudante. Namentres, pola radio do coche alertaban dun estrano e misterioso suceso dúas mazás mais atrás. Quedaba preto dalí. Axiña, teño un presentimento. No coche, Facal e o inspector Buceta divagaban sobre aquela sórdida concatenación de asasinatos sen resolver: os dous representantes de fármacos que se tiraran pola ventá dende a consulta dun psiquiatra tamén morto, un ancián de Parga asasinado no medio do esterco e por riba, a desaparición dunha interminábel serie de persoeiros ilustres da literatura, mesmo a morte en estranas circunstancias dun escritor tiroteado na Alameda, que reclamara para sí o Día das Letras Galegas, fixera que as tertulias radiofónicas e televisivas, mesmo os artigos dos periódicos foran ocupados polos principais periodistas deportivos do país, e que estaban sumindo o país nun entroido surrealista, mais aínda.

Logo chegaron, baixaron co pulso acelerado do coche e accederon á zona precintada pola policía. Ningún dos oficiais fora quén de entrares no lugar do presunto crime, mais unha cheirume tétrica, lonxanamente familiar, invadíao todo. O inmobre era un vello edificio de cinco prantas, de liñas sobrias, escuro, pero sobre todo, aterrador, pois ese era o efecto que o inspector Buceta sentiu no momento en que o ollou, sabéndose diante dun momento crucial da súa existencia. Ollou a porta da entrada, díxolle a Facal que agardase alí, sacou a súa arma, que por suposto ía cargada, e adentrouse na escuridade na compaña da lanterna. O cheiro procedía, contra o que procedía pensar, da pranta baixa. Unha porta de madeira entreaberta regateaba un fío de luz e Buceta, abríndoa por completo, entrou de vagar, vixiante, preparado para disparar. Unhas escaleiras estreitas e podres ofrecían a única opción de baixar ou ficar alí, no recibidor. O inspector decidiu baixar levando un pano ó nariz, pois o cheiro era cada vez mais insoportable. Descendeu e lembrouse daquela rapaza que ollaba dende a ventá había quince minutos, e pensou que tal vez fora mellor idea ter tentado á sorte, dicirlle un par de frases inolvidables e ver como ela deixaba caer a bata e ficaba espida ao tempo que se borraba da ventá. Logo o Buceta subiría as escaleiras do edificio, febril, chegaría á porta e comprobaría que a porta estaba aberta, mais coa cadea posta. Polo pequeno recuncho anunciábase de súpeto a rapaza e dicía que se tanto desexaba entrar , tería que derrubar a porta, e logo perdíase espida polo corredor do piso, anunciando verbena cun andar insinuante. O Buceta pensou que non dubidaría en dar dous pasos atrás e logo en diante e destrozar a porta, a cadea coma un animal, botar a correr por aquel piso descoñecido na procura da rapaza e logo entregarse os dous á loucura sexual, coma dous sordomudos en tanto que o mundo ardía, ou se afundía na última guerra dos tempos para desaparecer.

O inspector voltou en sí e pensou que todo aquelo non ía poder ser si primeiro non resolvía aquel caso, saíndo por suposto, polo seu propio pé daquel sórdido lugar, demoníaco. Pensou que había moita diferencia entre saír dun edificio polo teu propio pé, coas dedas mirando á fronte, que saír coas puntas dos pés inmóviles e ollando cara o teito, en decúbito horizontal, co xuez de paz diante dos camilleiros. Así que chegou á pranta baixa e o que alí viu fixo que a náusea, a túa, a miña ou a de calquera Camus percorrera a súa anatomía. Un corredor infinito, que se perdía na escuridade, dividía a estancia nun espazo descomunal, enorme. Calculou polo pronto, centos, cecais miles de habitacións a un e outro lado daquela sorte de camiño infernal. Estranos ruídos adornaban aquel horror, mais o inspector Buceta comezou a andar. As paredes estaban cheas de frases inintelixibles, se cadra pensamentos inconexos, cunha tinta roxa que o inspector xulgou sangue. O teito estaba tamén escrito. Ollou as dúas primeiras habitacións, a un e outro lado, e berrou aturdido. As sucesivas habitacións, acollían os corpos lobotomizados do Borges, do Cortázar, do Dante, do Séneca,do Homero, do Hipócrates, do Cirlote, do Kundera, do Cunqueiro, do Castelao, dos rockeiros dos setenta, senón réplicas exactas, ficaban pendurados do teito, e equipos informáticos, funcionando, semellaban recoller a inédita actividade mental daqueles mortos. A samba, a bossa nova, o folk, os solos imposibles do Charlie Parker, toda a música mediterránea, os ritmos africanos, o blues, mesturábanse e soaban cada vez con mais forza facendo que aquelo causase case que a loucura na mente do inspector. Continuou camiñando, fregando os ollos coas mans para comprobar que non fosen delirios. Caíanlle as bágoas e sostiña con forza a pistola. Milleiros de libros, escritos literarios, teatrais, anecdotarios, amontoábanse naquel lugar, sen dúbida o mesmo inferno. Miles de mulleres de tódalas idades corrían espidas ou non e desaparecían por detrás de cortiñas que logo viraban fantasía deixando de ser realidade. Helenio Herrera, Coubertain, Kurt Cobain, historias do tango, noites que semellaban días nun mesmo segundo, o inspector puido ver en direito o seu propio enterro, e logo nacía, mais nada era seguro, todo era ilusión. De súpeto, naquel baño de irrealidade, o silencio chegou e a luz liscou. Viu unha mesa, cunha pequena luz. Achegouse e de súpeto viu unha ventá. Mirou por ela e puido ver dous homes mortos con sendas etiquetas cravadas no peito. Leu: “Augusto”, “Albanés”. Escoitou, procedente do corredor, unha voz perdida que falaba sen sentido: “Síntoo, albanés, augusto, …pobres guerreiros, nada ten sentido xa, por qué, por qué, por qué!!!!!” Logo a voz calou. O inspector Buceta achegouse á pantalla do ordenador que misteriosamente aparecera riba da mesa e leu algo que o deixou mudo:”…o inspector Buceta tremía e ollaba a pantalla do ordenador, decatándose de que a historia que estaba a ler eran os sucesos que aconteceran na súa vida durante a última hora. De súpeto, sentiu unha pistola na cabeza. Era o depravado nº 3, naquela sorte de inferno mental. Disparou, pero en tanto que a bala se alonxaba na cabeza do inspector…”

O inspector Buceta tivo o tempo xusto para reaccionar antes da última viaxe, ollou a faciana daquel pobre diaño, o autoproclamado depravado nº 3 e disparou. Os dous caían paseniño polo aire cheirento daquel lugar na procura do chan, e mesmo se adicaron un sorriso, antes de abrir a cabeza e desaparecer para sempre.

Abriu os ollos e reaccionou. O onirista Martínez mirou a monsieur Cadaval, que agardaba o veredicto daquela misteriosa visión onírica que un ouvinte tiña enviado naquel preciso momento. Logo todo acabou. A Boca abriuse máis e máis e logo aquela rapaza e eu perdímonos na noite. Unha noite escura, húmida, e quente.

P.D.: Escóitese ao tempo que se lé. http://www.youtube.com/watch?v=OE9MssyhWrM