martes, 2 de febrero de 2010

Ao señor Anxo Lorenzo


Leo con sorpresa na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística: "..Iniciativas innovadoras para promover o uso da lingua galega. Os proxectos galardoados cos Premios de Innovación en Normalización Lingüística destacan, principalmente, por promover o uso do galego a través da introdución do audiovisual nas aulas, do achegamento ás novas tecnoloxías e da posta en valor do multilingüismo. As iniciativas gañadoras botan man de diversos medios, como campañas de difusión, blogues, obradoiros, teatro radiofónico e mesmo festivais escolares de cine, entre outros. Así mesmo, todas elas se caracterizan pola súa colaboración con diversas entidades culturais, asociativas, empresarias, deportivas etc..."


Ninguén discute o plurilingüismo como principio para a aprendizaxe das linguas. Pero a xente que alí estaba, con maior ou menor acerto, que supoño eu que houbo de todo, fundamentalmente o que puxo en valor foi o uso do galego na educación, sinalando a necesidade de fomentar o seu coñecemento e de afondar en novas formas de traballar coa lingua galega, especialmente a través dos proxectos galardoados.

Resulta sospeitoso que as informacións se modifiquen ao gusto de quen as emite. Mellor dito: non resulta sospeitoso, resulta patético e vergoñento.
Eu estiven alí, lin varios proxectos, e o acento que se pon en todos eles é a importancia de fomentar o uso do galego, niso si que destacan a maioría.
Un vídeo da xornada realmente bo, a través dun enlace á páxina-proxecto-maravilla dos colegas(na acepción máis agarimosa e tamén literal do termo) do IES Porto do Son, representación moi activa e co proxecto que máis me gustou de todos. As caras son o que semellan ou iso din...


3 comentarios:

Anónimo con identidade coñecida. dijo...

¿E que esperabas, meu queridiño?

A cousa éche así. Fagocitar, seica se chama iso.

O que está acontecendo agora mesmo co galego -o que está acontecendo desde o poder, quero dicir- se non fose tan doloroso, sería sixelamente irracional. Produto dunha mente enaxenada, fanatizada, entolecida. Só así se pode comprender. Eu visito de cando en vez blogues da "competencia" e, como din os rapaces, alucino en colores. Non dan razóns. Nunca. Ninguén. Só expoñen comentarios xerais do estilo: eu non penso consentir que ninguén me impoña... eu falo galego cando quero e castelán cando me dá a gana... e así. E se lles pides que che expliquen cando, onde, e cómo alguén se viu obrigado a utilizar o galego como única lingua posible de expresión, contéstanche -así me contestaron a min- que era o que lles faltaba, dedicarse a desmontar argumentos.

A pena é que Anxo Lourenzo non vai ler este blogue probablemente.

Ánimo.

Ulises Lima dijo...

Non agardaba nada. Non agardo nada. Pero o que alí vin confirma o que penso cada vez máis convencido: a natureza gris, a falta de lucidez nas palabras, o silencio. Iso é: un grande silencio na voz de xente mediocre. Si, refírome só ao secretario xeral. E sei que se trata dunha persoa reputada no ámbito político e académico, inclusive dentro de certos sectores da esquerda, seino. Pero iso é o que alí se respiraba: mediocridade e servilismo, ver como os discursos orixinais e brillantes non chegan, como as persoas se poden vender perante o poder. Tópicos? Pode, pero tristemente certos.

Ulises Lima dijo...

Esquecíao. Obviamente, este non é un blogue moi lido. Pero non descartes, anónimo con identidade coñecida, a imaxe dun alto cargo aqueloutrado diante dunha pantalla de ordenador ás tres da madrugada dun sábado, contando as entradas co seu nome en calquera buscador da Rede. Miles Davis e a ollada reflexiva ao lonxe...Somos máis comúns do que pensamos.