domingo, 14 de diciembre de 2008

A revelación de Brasensio

ignorante, sust. masc. Persoa non familiarizada con certos tipos de coñecemento que vostede sí posúe, pero que posúe outros dos que vostede non ten a menor idea.



Brasensio Fodenda veu a este mundo no xa distante 1876, un ano especialmente ateigado de neves e de xeadas que fixeron que a máis dun can se lle conxelaran os collós(os puristas poden ler o seguinte no canto da boutade anterior: "que fixeron que máis dun can tivera extraordinarios soños nos que un can era gobernador de territorios conxelados e posuía un cetro de xeo, un trono de xeo, e falaba ao xeito das persoas, exhalando xeo e tiña exércitos de cans conxelados que morrían esnaquizados cos ladridos conxelados do gobernador...)


Os pais de Brasensio non coñecían, sobra dicilo, a chanson francesa nin a nova xeira de trovadores franceses que surxiría case que cen anos despois, Brassens incluído, polo tanto o nome de Brasensio ben puidera ser unha deformación dun nome máis antigo, que modelado pola fonética atropelada e ignorante, involucioara cara dita forma, cecais dende Plasencio ou Asensio. Descoñecemos a orixe do apelido.


Nos papeis consultados, consta que Brasensio Fodenda ignorou en todo momento da súa infancia e xuventude calquera contacto coa escola, todo apunta á meditación espontánea no marco incomparable dos Ancares, o escrutinio inopinado dos ollos das bestas, a libación repentina dos tetos das vacas e a inolvidabeis solpores escoitando o moucho e esas caralladas propias da nosa poesía. En calquera caso, as mesmas fontes revelan que posuía Brasensio Fodenda un talento extraordinario para cantar, vencido unha e outra vez pola timidez excluínte, pola brutalidade dos seus familiares, e polas escasas oportunidades de contrastar o seu don con algo semellante á instrucción.


Houbo unha festa. Festas nas que a inxestión de alimentos e viño era desaforada, na que os homes embrutecían e as mulleres semellaban homes. Os rapaces da pequena aldea onde vivía Brasensio cantaron consecutivamente cancións relativas ao río, ás vacas, ao viño, ás romarías e aos desenganos, tamén sachos e fouces, houbo grande ledicia. Nalgún intre desa festa, Brasensio retirouse a durmir á corte, coas vacas, e alí, no medio da palla, tivo un soño. No mesmo, apareceu Xesucristo, dicíndolle que era o Xesucristo dos Ancares, tamén lle dixo: canta! No soño, Brasensio Fodenda respostou: e que canto?

Xesucristo dos Ancares, aínda que era un soño, e polo tanto unha personaxe onírica que non precisaba respirar para existir(ademais era Xesucristo), colleu aire e díxolle solemne: Brasensio, escóitame ben, animal, eres baixo e ignorante, sen dúbida triunfarás na vida, canta! É un imperativo!

Brasensio, que como xa dixemos, non recibira educación ningunha(descoñecía a sucesión dos días, as estacións, a orixe da vida, o significado da palabra imperativo, as consecuencias das enfermidades, a relación da dor cos golpes nas costas, en fin, era no seu caso o descoñecemento un territorio amplo e indómito), Brasensio respostou: eu non sei cantar é un imperativo!

Xesucristo dos Ancares, díxolle no soño: Canta todo!


Brasensio espertou confuso, voltou á festa, e dixo que quería cantar. Fíxose un silencio e entón Brasensio, empregando palabras que descoñecía e que non escoitara nunca, cantou con magnífico timbre e incomparábel cor: as guerras do Peloponeso segundo os versos de Tucídides, o teatro grego de Sófocles, Esquilo e Aristófanes, os diarios do primeiro César, as trece cartas de Pablo e Sabiduría, pasaxes de Melitón de Sardis, Atanasio, Gregorio Nacianceno, e o Evanxelio de Felipe revisado por Dante, tamén o descanso na fuxida a Exipto e a morte do fillo de Anás. Vinte horas seguidas de canto espontáneo que provocaron choros, desmaios, e prostración dos aldeáns abraiados, axeonllados aos pés de Brasensio Fodenda, dende entón San Brasensio. Logo diso, din que Brasensio caeu fulminado ao chan, cun sorriso na faciana. Dende entón, o espírito de Brasensio repousa nas nevadas montañas dos Ancares. Era un 14 de Decembro de 1876, hai 132 anos. Trátase do único caso coñecido, na provincia de Lugo.