miércoles, 22 de julio de 2009

A chave


Hoxe quería escribir unha historia, pero ultimamente non me sinto capaz, quería escribir unha historia na que dous chavales de Antas de Ulla duns vintedous anos decidiran vir a Lugo ao San Froilán, non sei, supoño que sería unha historia que escoitei un día de domingo desaiunando con dous amigos meus, antes de ir botar un partido de fútbol en pleno verán. Sí, definitivamente, a miña intención era escribir unha historia así. Un dos dous rapaces desta historia, de nome Xosé Manuel, chamaría ao seu primo, Damián, un chapista do barrio da Piringalla, un tipo capaz de vivir dous anos en Viveiro coa súa muller, e deixala pechada na furgoneta do taller ao tempo que él, vestido co mono azul, tomaba unhas copas no pub de moda ás dúas da mañá. Damián sentiría unha fonda ledicia ao recibir a chamada de seu primo máis novo, o Xosé Manuel, e sabendo a intención del e do seu amigo de querer saír por Lugo no San Froilán, él accedería a deixarlles a chave do piso para que dormiran na súa casa a fin de semana, posto que Damián aproveitaría a festividade para marchar á vila coa súa muller, natural de Castroverde. Xosé Manuel e o seu amigo, de nome Marcos, Marquitos, Marquiños, Marqui, collerían un bus para Lugo e chegarían o sábado pola noite á estación de autobuses, onde decidirían coa clásica présa por se embebedar pedir catro cubalibres cada un no espazo dunha hora. Alí, comezarían a dicir incongruencias sobre o feito de embebedarse, farían o bruto ao ver pasar pola rúa a dúas chavalas dun ciclo de perruquería que camiñaban cara a zona da festa, e alucinarían ao ver a dous indios con sombreiro pedir un café con leite. Esa historia, seguiría co paseo entre as barracas até un bar e pub dun amigo de Damián, o lugar onde tería deixado a chave para que a recollera seu primo. Unha vez alí, e logo de intercambiar unhas palabras co amigo de seu primo, tomarían outras catro copas cada un e recollerían a chave, e logo chimparíanse á noite deambulando polos pubs e bares ateigados do centro, vomitando nun lavabo, tentando ligar con dúas mozas que atoparían na Praza do Campo, cegas perdidas coma eles, sen obter os resultados agardados polos dous aventureiros. Xosé Manuel, algo quente, diríalle ao Marcos, Marquitos, Marquiños, ou Marqui que tiña que ir urxentemente ao baño, e entón entran noutro bar. Alí, Marquiños entreteríase agardando vendo como dous rapaces con pinta rara falaban de revolución, e él pensaría nun Ford Escort ben preparadiño con turbo que tiña un amigo da pandilla, aló en Antas de Ulla, que seica o puxera a cento cincuenta por hora coas luces apagadas. Xosé Manuel pola súa parte, e en tanto facía cola no baño, vería como unha rapariga ben nova se atopaba vomitando suxeitada por dúas amigas na porta do baño de mulleres; sentiría unha grande excitación ao ver de esguello o escote da afectada mulleriña así como ao intuír a tea dun tanguiña ben sedutor, cambaleando caprichoso por riba do pantalón axustado. Xa no interior do baño, Xosé Manuel decidiría trocar a súa intención de botar unha mexada coa que aliviarse, introducindo un segundo elemento aliviador: unha boa e transgresora palliña que calmara aquela excitación de había uns minutos, tamén pensaba Xosé Manuel, a súa loucura particular, que carallo, era o San Froilán, non se viña a Lugo todos os días, e así tentaba concentrarse ollando cara o espello no escote da rapariga que se atopaba tan mal aló fóra, no corredor, e de paso, a imaxe fugaz dun Ford Escort, o mesmo no que se atopaba a matinar na barra do bar o Marquitos. E sen querer que ese fora o último pensamento antes de correrse, lamentabelmente foi o último, detalle polo cal o Xosé Manuel non sairía moi contento do baño. Tomarían algo máis alí, e catro rapaces de Albeiros ofreceríanlles unhas ostias logo de que se lles caera unha copa por riba da cazadora dun deles. Algo saturados polos excesos e polo medo de apañar uns paus, xa eran as seis da mañá, os dous aventureiros decidirían coller o camiño da casa, pedindo un taxi. O tipo do taxi falaríalles do mal que ía a xente esa noite, e dun amigo seu que un ano, cando o taxista era novo, estrelara o taxi na fachada dunha sucursal bancaria da Praza de San Pedro, e logo saíra do coche e seguira de festa até que o detivera a policía. Finalmente, chegarían ao fin ao piso do Damián, no barrio da Piringalla, nun edificio de recente construción. Subirían no ascensor, e logo de abrir con dificultade a porta, entre gargalladas, camiñarían até a cociña, onde con algo de fame explorarían a neveira: catro cervexas, un par de iogures con marmelada, algo de xamón, iso antes de se decidir por uns chourizos envasados e coller catro ovos e fritir todo xunto en aceite fervendo, enchoupando toda a cociña de graxa, entre agradabeis recordos da bebedeira, animaladas en voz alta, incluída a palla que Xosé Manuel se fixera pensando finalmente no Ford Escort do amigo de Antas, coche do que falaran no traxecto en bus cara Lugo, feito que explicaría a coincidencia no pensamento dos dous rapaces, coincidencia confesada polo Marquiños, metendo chourizo na boca coma un morto de fame e bebendo cervexa coma se fora rematar o mundo aquela mesma noite. A continuación, Xosé Manuel camiñaría cara o baño a mexar, advertido previamente por Marquiños de que desta volta non se palleara. No corredor, cruzaríase de esguello coa silueta dunha rapaza que entraba nunha habitación do piso. Será outra amiga da muller de meu primo, ou unha irmá da muller, que carallo máis ten, pensaría Xosé Manuel. Ao tempo que Xosé Manuel tiña pensamentos deste tipo, Marquiños atoparíase rematando os chourizos e os ovos fritidos, erguendo cara o balcón e reparando nas luces encendidas dunha cociña noutro edificio calquera, nos zapatos e na lavadora, cousas deste estilo, antes de decidirse a camiñar cara unha das habitacións para durmir. Entón, ao abrir a porta dunha das habitacións e acender a luz, vería con arrepío e sorpresa a unha muller cos ollos saíndoselle das órbitas e totalmente espida berrando debaixo do cobertor e a un home con trazas de chamarse Sito, cagándose en Cristo, chaval, que te mato, me cago na Virgen, cun peito ben poboado de pelo e de mala ostia. Aparecería o Xosé Manuel pola porta, tu quién eres, joder? E entón o fulano, xa erguido e cagándose en todo de novo, tirando sen querer un bote de colonia ao chan, mecagón...Vos fulmino, fijaros bien, fillos de puta!! Entón tería lugar unha torpe conversa, na que Xosé Manuel diría que era primo do Damián o chapista que lles deixara a chave para saír no San Froilán, e Sito, o auténtico animal en pelotas e inquilino ofendido daquela casa diría que o Damián vivía no terceiro esquerda, non no dereita, e que os mataba igual, e entón Xosé Manuel, vendo perigar os seus fuciños sacaría a toda velocidade a chave e diría que abrira con ela, que foran mirar se pensaba que mentían. De seguido, tería lugar a escea estrela da historia, na que o Sito espido, o Marquiños pálido do medo pero aínda cun anaco de chourizo fritido nunha man e os fuciños cheos de graxa do ovo fritido e o Xosé Manuel cun bote de cervexa na man comprobarían como a chave que seu primo lle deixara, abría a porta do terceiro esquerda pero tamén a do terceiro dereita. Pasados dous días, saberíase que o construtor, un home adicado ao gando que levaba a contabilidade da construtora nunha libreta coa figura de Lucky Lucke, e nun xesto de excesiva confianza a un encargado de obra, deixara nas súas mans a elección das pechaduras, e que un erro fortuíto provocara o grave malentendido. A frase remataría cunha frase xenial relativa ao azar, a chave, o destino e o San Froilán, pero síntome incapacitado para facelo, polo cal mando a historia ao carallo. Por certo, a historia é verdadeira.



Keith Richards, amosándonos a actitude debida