viernes, 17 de abril de 2009

O té de Inocencio


Saín da casa do meu amigo algo alporizado. El é veterinario e andivo a tolearme a cabeza con loucuras, díxome que nunha viaxe que fixo hai pouco á India mercou un mono. Chamoulle Inocencio, na lembranza dun compañeiro que tivemos na escola. O mono Inocencio aterrou en Santiago de Compostela cun forte catarro, e pasouno mal en Lugo os primeiros días. O meu amigo veterinario ten tamén catro cans e tres gatos, un loro, unha tartaruga e unha peceira. Vive só. Pero isto non é o que me alporiza, pois penso naquela cabareteira e actriz americana de cor, a primeira actriz de cor que actuou no Olimpia de París, que viaxaba acompañada de doce cans, oito gatos, un camaleón, un tigre, dous porcos, tres loros e un pequeno porquiño chamado Kafka(pódense dar pequenas variacións, dous cans máis ou menos)
O que verdadeiramente me alporizou foi que levaba un mes dicindo que lle ensinara a falar ao mono, comezara cos futbolistas e cos nomes dos cereais que lle daba de comer polas mañás e logo seguira coas menciñas, coas intervencións do presentador do Telexornal. O meu amigo díxome que o que mellor lle saía ao mono Inocencio era facer de Terio Carrera("Tedio" Carrera, así o pronunciaba o mono Inocencio, e logo dicía en alto a alineación do Deportivo da Coruña), e sobre todo do Gaioso. Eu rapidamente me puxen á defensiva, porque levo unha tempada bastante baixo, e sinceiramente, non me fixo graza. Meu amigo insistía, e contábame o xeito no que sorprendentemente, o mono Inocencio lle falaba ao meu colega das películas de Jim Jarmusch ou Abel Ferrara, ao carón dun bo lume e unha cunquiña de té; o mono Inocencio tomaba cereais con leite. Así que, coincidencias da vida, hai uns días meu amigo díxome que se tería que ausentar uns días e que si non tería inconvinte en ir pola súa casa e dárlle de comer ao mono e sacalo da habitación. Eu aceptei, tiña curiosidade. Cando cheguei á casa berrei varias veces polo Inocencio, o mono, que non ousou respostar. Subín á pranta superior e cheguei á habitación de convidados onde en teoría se atopaba o mono. Cando abrín a porta, vin un bulto debaixo do cobertor, o mono Inocencio estaba durmindo. Vin varios libros de Xosé de Coirós, e tamén un de Mirtha Ribeiro de la Luz envoltos no cobertor. Deixei que o Inocencio seguira durmindo e baixei á cociña. Cando me atopaba preparando o leite cos cereais para o mono escoitei unha voz no corredor: "Cago na virxe, escrgrravo! Non dixen que non quegrría que ninguén me espertagrra? Eu fiquei en silencio, a voz tiña un lixeiro acento do bloque nororiental, moi marcado, e con algunhas dificuldades para pronunciar o erre, coma os franceses. Pensei inmediatamente na posibilidade de que o meu amigo andivera de brincadeira. Logo duns segundos puiden velo, o mono: un simio de metro escaso de estatura que me ensinaba os dentes e rascaba coa man na cabeza. El tamén ficou reparando en min. Eu tiña o cartón de leite nas mans e non me movín: causoume grande impresión a súa pelaxe, os seus ollos negros, a forma incriblemente humana das súas mans, a súa boca, a súa expresión de calada superioridade e condescendencia, aquelo non me gostou, pero disimulei. Logo díxenlle, por probar: Inocencio, aquí tés os cereais e o leite. Queres que cho quente? Inocencio respostou: ¡¡qui,quiiiii, quiii!! Ao mesmo tempo ensinaba moito os dentes, logo achegouse á mesa e sentou diante miña. Sentín que un anoxo progresivo invadía o meu corpo, o mono comía e reparaba en min, e dicía: quiii!!quiii!! Emitía uns sons moi agudos.Tentando calmarme dirixinme a el coa mellor educación que un lle pode ofrecer a un mono: Inocencio, o meu amigo di que falas, non vas falar?Anda, fala, fillo de puta, mono dos collós!Non respostou nada e colleu a caixa dos cereais, e ao tempo que me ollaba, botaba os cereais no leite. Sorría tamén. Iso desestabilizoume. Da primeira ostia que lle din guindeino contra o frigorífico. Caeu o leite e os cereais tamén. Achegueime a el, mordeume. A miña ferida sangraba e laiei con dor. Collino do pescozo e mandeille outra boa ostia. Desta vez foi parar ao chan. O mono sangraba tamén polos fuciños, eu nunca vira os fuciños dun mono cheos de sangue. O mono levou as mans á boca e dixo: quiiiiii!!! Eu entendín que me estaba a insultar e chanteille unha patada á altura da cintura. O mono achicárase contra a porta da galería. Eu xa non sabía o que dicía: Veña!! Mono cabrón!!!Vouche dar tantas ostias que vas falar en francés, fillo da puta dunha mona!!O mono botou as mans á cabeza cubríndose e aquel xesto tan cheo de humanidade, deixoume tenro co pobre Inocencio. Achegueime a el, acenando cos brazos en actitude conciliadora e nese mesmo intre, o mono sacudiume unha boa labazada na cabeza. Logo deu un chimpo, e aproveitando que eu caera ao chan subiu riba de min e pisoume a cara. Logo pechou a man e deume con todas as súas ganas na fronte. Sorprendentemente berrou: Egrres un fillo da puta, ogrrangután analfabeto!! Cabgrronaso!! Xa se dispoñía a matarme a paus cando eu comecei a implorar o seu perdón á desesperada: Non, perdoa!! Escoita! Falemos de home a home!! Falemos de Xosé de Coirós! O mono non atendía a razóns. Eu continuei: Escoita, Inocencio, tranquilo, joder!! Falemos de Mirtha Ribeiro!! El respostou: non fales desa zogrra na miña pgrresenza!! Esgotábanse as miñas opcións: Falemos de Jarmusch!!! O mono botouse cara atrás e comezou a sorrir. Pensei ver a satisfacción nos seus ollos: Jagrrmusch! Si, falemos de Jagrrmush! Inocencio comezou a apraudir coas mans e a saltar, tirando o cartón de leite polo chan: Jagrrmusch, o grran poeta grroqueigro, viva o grrock!! Logo collín uns plátanos e leite, tamén un pano para limpar o sangue, e estivemos toda a tarde no salón vendo películas de Jim Jarmusch. Cara a noite, chegou o meu amigo e cando abriu a porta sorriu compracido ao ver que fixéramos amizade. Preguntounos: Non vos pelexaríades, eh, pillabáns? Inocencio e eu ollámonos e sorrimos tranquilos. Eu respostei: Quiiiquiii!!! Inocencio ría tranquilo, tan humano... Logo espertei, había dous libros no cobertor, pasei a man polos dentes, polos ollos, logo un home entrou na habitación, faloume: "Señor Inocencio, desculpe herr doktorr..." Ensineille os dentes, gustaríame saber falar...
http://www.youtube.com/watch?v=hJxC2deuN7I