jueves, 8 de abril de 2010

Da xustiza e do ladroízo




Por certo
Non o quito da cabeza,
Ás veces é coma se vira
Extenderse diante miña,
Toda a vida enteira,
coma se descubrira a farsa
de que a vida é moi longa,
cando en realidade
non hai tanto que andaba
berrando por miña avoa,
dende o cuarto de baño,
lémbroo coma se fora onte,
e aínda se supón que todo
é fantástico, non sei,
ás veces miro arredor,
vexo a moitos por aí,
engulindo a nación,
engulindo a Deus,
engulindo a economía,
erguendo bandeiras absurdas
que non elixiron
Ás veces penso que
canto máis se esforza un
por entender as cousas,
é coma se o teu coche
se detivera no medio da autovía,
e cando te dirixes a un puto teléfono
deses que poñen SOS(a eterna curiosidade)
descólgalo e descubres que é de xoguete.
Non hai ninguén ao outro lado.

lunes, 29 de marzo de 2010

El mundo se desmorona, padre, ¿y usted me habla de Dios?


Que clase de sociedade adormecida temos, que os actuais escándalos que sacuden a unha das súas institucións máis poderosas e corruptas, a Igrexa, non merecen ningún tipo de sanción pública por parte dos nosos dirixentes políticos? Que hai no interior da cabeza de tanta xente que confía nesta institución, que non lle permite observar ningún tipo de reflexión que mude o seu comportamento servil e displicente verbo da mesma?

Como o vispo desta capital de provincias pode dicir tan tranquilo sobre a polémica da pederastia, que a carne é débil e quedar tan tranquilo?

A min prodúceme noxo e repulsión non só o vispo de Lugo, senón a maioría de persoas que pertencen a esta organización, a Igrexa, Conferencia Episcopal, ou como lle queiramos chamar, porque representan a inmobilidade e a ausencia de actividade cerebral relevante. Porque dende sempre viven estreitamente vencellados ao conservadurismo, cando non ás ditaduras que matan ou mataron ás persoas que pensan de xeito distinto ao seu, ofrecendo o seu silencio cómprice.

Porque lle dan voz ao elitismo e ao fanatismo ignorante, porque colaboran nesta infatuación da culpa e do pecado, e afunden ás persoas no medo e na ignorancia de descoñecerse a si mesmos.

Tamén me dan noxo pola súa ideoloxía neofascista, e pola hipocresía coa que actúan.

Dende sempre, actuaron como ferramentas de control do individuo, polo demais coma moitas outras institucións; como organizacións represivas da liberdade da persoa, dirixindo e presidindo as principais actividades da vida en sociedade.


E falemos de sexo: reprimindo, castigando e condeando a bisexualidade, homosexualidade ou a poligamia, contribúen dende sempre á persecución e aniquilación do natural instinto das persoas. Con esta acción, provocaron que as persoas tiveran que perseguir a satisfacción destas necesidades de primeira orde, postergando a posta en dúbida da orde estabrecida noutros ámbitos(político, económico...), favorecendo a perpetuación das inxustizas e desterrando a maxia e a orixinalidade que todos levamos dentro.


A súa teima en dicir que todas as verdades da vida son mentiras, a súa iconografía e vestiario, son tan absurdos coma anacrónicos. Sinto vergoña de pertencer a unha sociedade que colabora co seu silencio en moitos ámbitos, a que unha organización así dirixa a vida de tantas e tantas persoas coma min.


O que digo non é nada novo, pero boto de menos palabras rotundas de moita máis xente.

Agardo con fonda sinceridade que o medo á morte e a inseguridade das persoas ofreza no século vinteún unha alternativa realmente transformadora e positiva para as persoas, que convirta a vida nunha viaxe apaixoante e non nun camiño alumado pola idiotez, e que este fato de indocumentados e reprimidos sexuais non goce dun minuto máis de perdón nin indulxencia por parte de ninguén.


Comezando polo propio vispo de Lugo e polo seu tío, Rouco Varela, e demais tropa. Desaparezan do espazo público.


P.D: Desculpen a falta de orixinalidade.


P.D.:


martes, 2 de febrero de 2010

Ao señor Anxo Lorenzo


Leo con sorpresa na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística: "..Iniciativas innovadoras para promover o uso da lingua galega. Os proxectos galardoados cos Premios de Innovación en Normalización Lingüística destacan, principalmente, por promover o uso do galego a través da introdución do audiovisual nas aulas, do achegamento ás novas tecnoloxías e da posta en valor do multilingüismo. As iniciativas gañadoras botan man de diversos medios, como campañas de difusión, blogues, obradoiros, teatro radiofónico e mesmo festivais escolares de cine, entre outros. Así mesmo, todas elas se caracterizan pola súa colaboración con diversas entidades culturais, asociativas, empresarias, deportivas etc..."


Ninguén discute o plurilingüismo como principio para a aprendizaxe das linguas. Pero a xente que alí estaba, con maior ou menor acerto, que supoño eu que houbo de todo, fundamentalmente o que puxo en valor foi o uso do galego na educación, sinalando a necesidade de fomentar o seu coñecemento e de afondar en novas formas de traballar coa lingua galega, especialmente a través dos proxectos galardoados.

Resulta sospeitoso que as informacións se modifiquen ao gusto de quen as emite. Mellor dito: non resulta sospeitoso, resulta patético e vergoñento.
Eu estiven alí, lin varios proxectos, e o acento que se pon en todos eles é a importancia de fomentar o uso do galego, niso si que destacan a maioría.
Un vídeo da xornada realmente bo, a través dun enlace á páxina-proxecto-maravilla dos colegas(na acepción máis agarimosa e tamén literal do termo) do IES Porto do Son, representación moi activa e co proxecto que máis me gustou de todos. As caras son o que semellan ou iso din...


martes, 19 de enero de 2010

En relación ao galego


E ao final hai un lugar que é a escola. Un lugar onde só hai nenos e nenas que entran e saen e un día serán coma nós, cando nós xa non figuremos, imaxinemos calquera de nós cincuenta ou sesenta anos, non tantos...(dicía un uruguayo do Depor chamado Manteca Martínez preguntado pola súa pouca participación: yo acá no figuro). O feito obxectivo é que as bases deste novo decreto supoñen un retroceso evidente do idioma que corre o perigo de desaparecer, podendo engadir que o castelán e o inglés atópanse lonxe dese risco. Pero non sigamos coas obviedades. É manifesto que existe na opinión pública e na opinión publicada un posicioamento político previo que condiciona os xuízos que sobre a cuestión se fan; é normal, coma calquera asunto relacionado coa vida en sociedade, a ideoloxía determina en grande medida o achegamento a unhas posicións ou outras. Podemos afirmar sen risco de enganarnos que hai un partido de dereitas que non posúe sensibilidade dabondo polo tema da lingua e por outros moitos, fundamentalmente os vencellados ao eido cultural, e tradúcese en que estes aspectos non importan moito á sociedade galega, ou ben é unha sociedade bastante desinformada, co grao de inconsciencia que iso provoca. A realidade é que sobre as bases dun plurilingüismo que ninguén pode discutir que é o enfoque axeitado para a aprendizaxe dos idiomas(aínda que a formulación do mesmo resposte a criterios electorais afastados da preocupación pola educación, ou que a posta en práctica do mesmo en relación ás linguas estranxeiras non é realista, viable nin desexable), o galego diminúe obxectivamente a súa presenza na educación de levarse adiante o futuro decreto, entre outros aspectos tan lamentables coma que un goberno derive nos pais as súas responsabilidades no tocante a preservar o patrimonio lingüístico e cultural dun país, un xeito de interpretar a realidade que por riba de consideracións políticas, é resultado da despreocupación que unha parte moi ampla da sociedade galega sente respecto ao idioma, triste realidade que non debemos esquecer. Pero hai máis. Hai tamén un problema de alternativas no presente e houbo un problema de habilidade política no pasado recente. A confrontación directa non é o camiño, xa vemos a virulencia que desataron na dereita e nas organizacións que ben saben onde teñen a man dereita, iniciativas e actitudes viscerais por parte do bipartito no tocante ao idioma, especialmente por parte do nacionalismo, unha percepción de suposta imposición idiomática(manda carallo) que non se soubo ou non se puido contrarrestar. O liderazgo e a cobertura mediática que reciben certos grupos ou asociacións, concretamente a Mesa pola Normalización, non axuda tampouco a que sectores da sociedade galega reaccionen e abandoen a súa inacción, interiorizando a gravidade dun problema que require algo máis que axitar unhas bandeiras polas rúas ou establecer diálogos de xordos na televisión sen algo orixinal que aportar, sen que isto estea mal, porque de feito é preciso, pero non abonda. De seguido se plantexa outra cuestión: se unha persoa coma Feijoó pode gobernar Galicia e o máximo expoñente da defensa do galego pode ser Carlos Callón, a lectura é aterradora: que referentes posúe Galicia entre a xente nova? Onde están os individuos representativos que sexan aceptados pola xuventude que dentro duns poucos anos terá a responsabilidade de decidir sobre o futuro galego? Eu boto de menos xente brillante que trascenda coa súa actividade, sexa o eido que sexa, o ámbito local ou autonómico, e se convirta nun verdadeiro exemplo pola súa actividade. No seu lugar, vexo sobre todo individuos abafados pola dinámica das elites, de acadar determinados lugares, sexa o eido cultural, político, empresarial; si, xa o sei, é a vida. Pois non. Falta algo de risco, algo máis de desapego, e de rebeldía. E algunha iniciativa máis de tipo individual, afastada do proxecto: a miña sensación é que faltan iniciativas e sobran proxectos. Por riba, os medios de comunicación non descoñecen este feito, e axudan a visualizar a defensa do galego como algo propio de fundamentalistas viscerais asociados ao nacionalismo máis rancio, no canto de darlle voz a xente que posúa algo máis que o desexo de ascender postos dentro dunha organización política, e teña finalmente algo intelixente que dicir e chegue a máis xente. Xa o sei, supoño que é unha visión utópica e pouco realista. Pode ser. Pero se hai que conformarse con isto, dacordo. Eu irei á folga e manifestareime, porque así coido que debe ser, porque me avergoña ser gobernado por un fato de indocumentados, pero sigo a pensar nestas cousas, e se non hai máis cera da que arde e con isto hai que conformarse, e entón Galicia vai estar representada por personaxes tan grises e faltos de orixinalidade, non o acepto. Di Pessoa: "Me resultaría indiferente que invadiesen Portugal, siempre que no me agredan personalmente".