jueves, 2 de julio de 2009

Dylan e Peter Buckley: alegato pluriforme do rock


Xullo de 2009. Parc Central Hotel, en Central Park, 2:00 da mañá, na Séptima coa 56, New York. Recén chegado da noite do Greenwich Village, que dicir, visión descomunal dos arañaceos da cidade, procedo á seguinte reflexión entre as bucinas ao lonxe, que carallo, Niullór, un español en Nueva York de Los Rebeldes, Peta en Nueva York de Lorca:




Explícome. Estaba a matinar escoitando "This dream of you" de Bob Dylan en cousas diversas e en apariencia inconexas. En primeiro lugar, afondando na letra de Estadio Azteca de Andrés Calamaro, porque de que fala Estadio Azteca? "...Prendido, a tu botella vacía, esa que antes, siempre tuvo gusto a nada. Apretando los dedos, agarrándole, dándole mi vida,a ese para-avalanchas...Cuando era niño, y conocí el estadio Azteca, me quedé duro, me aplastó ver al gigante, de grande me volvió a pasar lo mismo, pero ya estaba duro mucho antes...Dicen que hay, Dicen que hay, un mundo de tentaciones, también hay caramelos con forma de corazones...Dicen que hay, Bueno, malo, Dicen que hay mas o menos, Dicen que hay algo que tener,y no muchos tenemos...y no muchos tenemos...Prendido, a tu botella vacía, esa que antes, siempre tuvo gusto a nada." Cuino Scornik, co-autor da letra, mexicano de nacemento e arxentino en adopción, ten referido que as frases correspóndense cun paseo nocturno nas inmediacións do egrexio estadio, polo visto nunha situación persoal e fisiolóxica hostil, paseo no cal a silueta da enorme construción provocaría unha sorte de impacto catártico relacioado co desamor, imaxes da infancia pendurado ao valado do campo na celebración dun gol( ao paraavalanchas), a deambulación solitaria polas rúas do México D.F. , en combinación cunha mestura de guitarra acústica e española, baixo, caixón e piano nun ritmo moi propicio, e algo máis, que como dixera o poeta, ninguén sabe o que é, pero que é o máis importante.


Calquera que por curiosidade ou diletancia, ou casualidade se achegue a moitas das letras de Dylan, tamén en moitos outros (ou non tantos), incluído Calamaro, pero engadamos ao bote pronto Tom Waits ou Cohen, todos eles máis ou menos referencias obvias e de común acordo aceptadas por moitos afecioados á música, detectaría ás veces un certo hermetismo, pero cheo de incógnita e de pulsión vital: rúas, intres temporais rescatados en recordos, noite, misterio, e sobre todo, e na miña opinión que é ao que vou, o enfoque invariabelmente orixinal, o posicioamento dende o cal se leva a cabo esa escrita, a orixinal perspectiva coa que enfrontar a expresión dun determinado estado de ánimo, situación, imaxe... Na miña modesta opinión, e deixando a unha beira o asunto capital da ACTITUDE, pode que sexa este elemento, un dos eixos nos que se puidera encadrar o rock, trascendendo lixeiramente os aspectos musicais máis ou menos fieis ao propio xénero(non poderíamos negar esta presenza en cancións gloriosas tan alonxadas formalmente do rock, pero no fondo tan comprometidas nesta dirección: escoitemos ao Compay, ao Camarón na Lenda do tempo, Paolo Conte inventariando o amor, Jose Alfredo laiando nunha rancheira, Amos Milburn ou Johnny Otis no boogie- boogie, empurrando o blues ás portas do rock xa nos anos corenta neses pianos salvaxes, ou un blues- man roubando a bombilla verde dun taxi para empregala nos efectos da guitarra, e tantos outros, Santiago Auserón lembrándonos a importancia de saber que o desgaste do propio corpo é o único xeito de medirnos co lume do mundo...)


Din os rumorosos que os grandes letristas do rock foron Artaud( me destruía yo para así salvar a los demás, como Leopoldo María Panero sentenciaba en El Desencanto), Lautréamont nos Cantos de Maldoror botando espuma na primeira páxina, Ginsberg con palabras que súan directamente como apuntara o propio Dylan, Baudelaire, Bukowski e Roberto Bolaño. O enfoque. Lendo a poesía dos tres primeiros, a inclasificábel prosa do último e sobre todo, descubrindo e digámolo ben alto, reivindicando a poesía de Bukowski(...Escrutaba las rutas, la locura, la muerte...) nos poemas de Cando boto a vista atrás ou Senón tí entre centos deles igualmente excelsos, refulxe como nunca a lucidez do máis remoto sen máis, crúa e espida, experiencia sen filtro e procura da síntese, a palabra quirúrxica e incisiva, apuntando á desesperada cara as preguntas, querendo pasar por riba delas e sementando moitas outras, e en moitos intres gloriosos un pode advertir que case se puidera contemplar aquelo que nunca saberemos. E entón fala Borges: "...acaso sea eso el hecho estético: la inminencia de una revelación que nunca nos es dada" en Otras Inquisiciones. En definitiva, iso, a obstinación da persoa na procura da resposta, pero no exercicio consciente de que esa resposta non existe, no fondo esa Autopista chea de dor e de pracer, Vivir y Llorar, a importancia da viaxe en sí mesma, fixándose nas sombras do arcén...


Hai meses, durante a gala dos Premios de Teatro Radiofónico 2009, gañados por Rubén Ruibal e César Candelas pola historia dun boxeador que sempre perde, e ollando todo aquelo como espectador no Teatro Rosalía de Castro da Coruña(eu fixera a miña propia obra co Brais, coido que era unha historia ben boa), lembrei a historia que narraba Sam Shepard na crónica da Rolling Thunder Revue, como convidado daquela xira do ´72(creo), e na que se contaba que Shepard convidara ao Dylan á estrea dunha obra de teatro aínda que Shepard supoñía que Dylan non iría. Pero sí. E conta como no entreacto atopou ao Dylan nos baños cunha morea de anotacións sobre a obra que se estaba escenificando reflectidas en anacos de papeis que se lle caían dos petos. Intres antes do final da obra, Dylan tivo que ser agarrado polos seus amigos e sacado do teatro, pois comezara a vociferar na primeira fila erguéndose e dicindo cos papeis na man que non, que iso non podía ser, non casaba aquel final co seu razoamento. Que boa!


O caso é que a min gustoume a obra gañadora, a do boxeador, por varios motivos que agora non veñen ao caso, pero ademais porque me imaxinei a min mesmo coa faciana do boxeador que sempre perdía no medio do público. E de paso, un sentimento moi estrano, pois aquela gala era no mes de abril, cando se producía o relevo político en Galicia, e sentín o seguinte ao ver aquela cerimonia tan boa con aquelas luces, o teatro, a música en directo, a noite treboenta nas rúas da Coruña, chovendo, e foi coma unha mestura dun baile feliz de Scott Fitzgeraldt coa Grande Depresión e o París ocupado ao fondo dunha canción de Edith Piaf, imaxinei un teatro Rosalía arrasado e todos os alí presentes propulsados ao baleiro, incluído eu.


Idiot wind, ou porque los tiempos están cambiando de Loquillo. Lembro unha secuencia do Telexornal de hai días, no que tres políticos de distinta ideoloxía amosaban a súa opinión verbo da construción dunha glorieta. Saúdade i morriña, ea lo bés...


Pola fiestra corroboro a reflexión: dous taxistas fuman apoiados nun coche, un home durme no cartón, coches disparados e luces de cores, e noite, e misterio. Rematamos con Ireneo, sabio vispo da diócese de Lyon, Francia, no século dezaseis, que anticipou a fin do mundo no ano 2008. Subnormal.


Saúdos dende Manhattan Demoliciones Mohammed. Saúdos cordiais dende New York, despídese, Tedio Carrera. Boas noites, Milwaukee. Lembremos, como suxería Berkeley, que todo o pensado é vivido, e refírome ao Charles Berkeley, o Gordo Berkeley, mítico pívot dos Philadelphia 76Sixers. Por certo, un bo roqueiro tamén este Charles. Era.


http://www.youtube.com/watch?v=RtXwK6brRLI Estadio Azteca, de Calamaro

http://www.youtube.com/watch?v=iDirj-AvqtE This dream of you, de Dylan

http://www.youtube.com/watch?v=Q72M--DQY5Y&feature=related "situación de estupefacientes, rock, fútbol, sala de ensayo..."