viernes, 2 de noviembre de 2007

Cohesión grupal: Josefa na NBA


Cámara en travelling no interior dunha casa de pranta baixa. Tarde soleada. Achégase a imaxe ó xardín, hai unha pelexa. É unha pelexa entre dous homes duns cincuenta e tantos anos, preto da piscina. Van elegantemente vestidos. Hai planos curtos e planos cenitais. O xardín e a casa están sitos nunha zona residencial de Miami, ó lado da canle que conduce cara o mar, canle ateigada de casas residenciais de clase varia. Segue a pelexa. Michael Caine e Jack Nicholson pelexan coma cans. Ó final, Jack consegue vencer a Michael Caine cun forte golpe na cabeza, e este cae na piscina inconsciente para afogar. Nicholson, coa cara chea de sangue, expresión desencaixada e ollando o cadáver do seu ex-amigo di: "Harry, polo menos morriche coa túa roupa posta, e iso é algo que ninguén che vai quitar".


O vello sorriu e ergueuse do sofá. Xa é a hora. Deu uns pasos nervoso polo salón, ollou pola fiestra e viu que a rúa ficaba moi calma. Gostaba moito daquel momento da noite. Berrou pola muller:"Oi, Josefa, a ver, vamos logo, veña, que hoxe gánoche eu" Josefa atópase na cociña cocendo unhas patacas. A radio soa a todo volume. Esta mañá madrugara, puxera a batiña, as zapatillas e botárase polas escaleiras abaixo ata a pranta subterránea do garaxe. Alí, alí está a aldea. A aldea está no trasteiro que teñen alí, xusto cando se sae do ascensor para acceder ó garaxe. Unha porta metálica. Abríndoa, a escuridade vai tornando en formas imprecisas. Adivíñase unha estantería, botes, caixas, aquilo fede. Hai mazás pudrindo, botes de mel, patacas da aldea, unhas podres e outras non, carne de porco, de tenreira, hai chourizos curando, xamóns, leña. José insistira en traer a leña para a casa nova, porque aínda que recén mercaron un piso novo nun edificio de cinco prantas, calefacción central, iluminación automática, auga, luz, etc...os invernos son moi duros, Josefa, os invernos son moi duros. Tamén hai cebolas, allos, hai oito coellos nunha esquina do trasteiro, nunha vella caixa de madeira. Josefa dálles de comer e fala un pouquiño con eles. Logo colleu as patacas e saíu dalí dicindo: "Sssss, calade a boquiña, bonitiños, ssss..." Ó sair, pecha a porta metálica do trasteiro. Abriuse a porta de acceso ó garaxe e entrou o viciño do cuarto. Elegantemente vestido, cun maletín de coiro, un móvil de última tecnoloxía(penúltima), e enchufado nuns auriculares. Josefa salúdao desconfiada. Suben os dous no ascensor. Josefa repara nos zapatos do viciño e intrigada, inquire: "Leva uns zapatos ben xeitosos, ¿e custáronlle moito? Debéronlle custar...¿gana moitos cartiños?...débeos gañar ben gañados, si oh, son uns zapatos ben bonitos..." O home saca os auriculares e repara condescendente coa Josefa: "Disculpe, ¿cómo dice?, no la he oído..." Josefa fica en silencio e baixa a cabeza anoxada. Volta a mirar aqueles zapatiños tan bonitos. "Quedaríanlle tan ben ó meu José..." O home volta a conectarse nos auriculares e co seu lápiz óptico manexa unha axenda informática. Chegan á pranta de Josefa. Josefa sae sen saludalo, cargada coas patacas. O home despídese friamente namentres conversa con alguén polos auriculares: "Ah, adiós, hasta luego,...sí, como le decía, la política de la empresa tiende a buscar el máximo beneficio para el cliente, al tiempo que persigue la identificación del empleado con los objetivos económicos del grupo, un bien que redunda en definitiva, en la calidad del producto, me escucha...es que estoy en el ascensor..."






A Josefa camiña cara a porta do piso coas patacas botando terra por todo o corredor da pranta. Logo, sucedeuse un día mais. A parsimonia de facer o xantar, viron a televisión co volume no máximo en tanto que comían, o José lavou a louza e deulle de comer ó gato. Ela sentara na tarde diante do televisor e adormecera; plató de televisión tipo, cómodos sofás en cores vivas, música ambiente, e o presentador do magacine autonómico con ese prescindible peiteado que evoca anos que xa non voltarán, expresións faciais que buscan a complicidade adormecida da Josefa que durme prácidamente, camisa axustada con enruga bella e gafas de pasta que completan unha estampa realmente cómica, próxima ó patetismo senón patética pero que en todo caso espertan compracencia e complicidade no espectador. Tarde feliz.




Logo chegou a noite, que, acabáramos, é o punto onde agora se atopan. José mostra inquedanza: "Oi, Josefa, se a de ser hoxe ven e si non, ó carallo...sempre nas mismas...xa teño aquí o cartón para apuntar..." Ó escoitar "o cartón", Josefa esperta da súa apatía e rápidamente recolle o asunto e camiña para o salón. José abre a fiestra e sorrí. Recuperan nese intre a patria perdida da infancia e auséntase a dor. José agarda ó lado da fiestra vixiante pola ventá. Mira á Josefa: "Non ven naide, muller, vamos ostia, que entra o frío, coño..." E alí, dende a mesa que se atopa segundo se ingresa no salón, a Josefa vai carretando o asunto a duras penas, atravesa coma un lóstrego o espazo existente entre a porta do salón e a fiestra, deixando atrás os retratos da neta, dos fillos, dos primos da Suiza, as imaxes da Virxe, e colle impulso xusto ó chegar á fiestra. Cando se dispón a soltar o asunto das mans, un apunte tardío do José provoca o contratempo: "Non, carallo!...cuidao co chavalito!..." É tarde. Josefa soltara nese momento, para deixalo voar, o asunto, a bolsa do lixo: varias botellas de viño dentro, os restos das patacas, lixo en xeral pero sobre todo as catro botellas de viño baleiras. Iso foi un erro tremendo. José e Josefa achéganse a ventá e observan en silencio o panorama. Silencio.


No medio da rúa, iluminado coma un Sinatra que se dispuxera a cantar "My way" repousaba moi tranquilo, mais ben morto, o viciño do cuarto, co traxe, cos auriculares, coa axenda...e cos zapatos bonitos. Josefa, envolta nun deses raros pasatempos que nos ocupan cando xa nos aburrimos de todo, como é tirar o lixo dende a ventá do primeiro para encestar no vertedoiro da beirarrúa de enfrente, matara ó viciño do cuarto. Pobre rapaz; xa non podería disertar sobre as técnicas de cohesión grupal para mellorar o rendemento do capital humano das corporacións. Alí estaba, deitadiño no medio da rúa, na noite en que José apuntaba nun vello cartón dos Ducados, como quen xoga á birisca, cantas bolsas do lixo atinaba a Josefa no vertedoiro. Logo ían ver a película da autonómica. A vella homicida e o seu home decidiron baixar á rúa. Ollaron a un lado e outro da rúa, ós edificios, nada. Decidiron o mais prudente: agarraron ó pobre diaño do cuarto como puideron, inclusive o José mentou ó Señor "...faime pinza na ciática, colle ben, colle ben..." e erguéndoo da rúa metérono no ascensor e baixaron á pranta subterránea. Abriron a porta do trasteiro e sí, no medio dos coellos, as patacas podres, os chorizos, os xamóns, meteron o corpo sen vida do triunfador no arcón, coas cebolas. Xa se dispoñían a marchar, mais Josefa púxose sentimental. Voltou onde o viciño morto, e con moito coidado e mimo, quitoulle aqueles zapatiños tan bonitos que lle vira pola mañán no ascensor. "Ai, José, que guapiño vas estar, vanche dar bon traer, candas cos zapatós eses, que parce que non sexas de Dios..." José sorriu emocionado e camiñou cara o ascensor. Josefa pechaba a porta, collendo tamén un pouco de xamón para o caldo, e dicía polo baixo: "Sssss, coellos, caladiños, caladiños..."

2 comentarios:

Marselus dijo...

Supónse que á Josefa lle fallou o torque no xiro de boneca, ou ben o José fíxolle unha inoportuna pantalla verbal á que non puido reaccionar a tempo. E o pobre rapaz urbán ali deitado, malogrado. Púxolles tapón ás botellas. Qué carallo, a esas horas de seguro convencera á muller de que tiña que facer horas extra... diante do Windows, xesto de preocupación perante dun balance, dunha gráfica... Ou gráficamente, baixo o teclado coleta de muller abaneándose...quén sabe. Si foi o mp3 a todo volume o que o soterrou coas cebolas ou o Hades mesmo quen o retirou da competición por sobresaínte oposición máis posible vacante (son demasiadas coincidencias: as 3 botellas valeiras,o turno de noite, o mans libres posto, Josefa en plan Larry Bird...) que últimamente disque hoxe en día hai lista de espera ata no inferno, e sobre todo nel. Seino porque o outro día levei un carallazo no Opel Kadett e incomprensiblemente cheguei a facer os estiramentos cos chavales. Terei que seguir a conformarme coa interinidade por esta nosa senda terrenal.

Joder, ao final metinme tanto no texto que tiven a ousadía de prolongalo en divagacións e non che din o meu comentario: "Ensalada agridoce, convivencia insoportable entre o rural e o urbano. A aldea primixenia (idade de ferro) engulindo metal (idade do aceiro e cristal). A matanza do porco. Os coellos agardarán calados o seu turno. Nova foto de José no salón, voda dun parente, borracho perdido sen garavata e zapatos Jean Paul. Galiza caníbal"

Anónimo dijo...

Grazas, MEU. Espíritu libre gustaríame ser. Fermoso calificativo. Sempre ficará gravado a lume na materia gris deste espírito, ese descafeinado concerto do "Loco" na Praza do Obradorio (joder, facía de teloneiro un case imberbe Coty; Ricard Puigdomenech todavía non se alonxara do manager...). Concerto ao que grazas ao ceo (e sobre todo a Diegol, que comezaba a currar daquela) lle puidemos engadir a pólvora suficiente a base de Ron e Gyn; onde a media luz, o enorme tupé do case cincuentenario rockeiro convirteuse en mecha para a nosa bomba de fabricación caseira con aquel impas entre canción e canción, sentida alusión ao mestre Cyrano: "De volar, puede que no volemos muy alto. Pero siempre libres"