jueves, 11 de octubre de 2007

Albert Plá (tratado de irreverencia)


Onte a noite celebrábanse case que simultáneamente dous concertos na Praza de Ramón Ferreiro e na de Santa María. Dúas propostas diametralmente distintas tanto nos contidos coma nas formas, si ben baixo o carácter musical como denominador común e único, coido. Na Praza de Ramón Ferreiro actuou El Sueño de Morfeo, grupo liderado por unha rapaza que pasa por ser a "chavala" do Fernando Alonso, dicíase nos corriños. Demostrou ser mais que iso. Grande voz, gran posta en escea, bos músicos, en fin...certamente, un grupo pop de éxito, mais sen pretensións e dixeribles para o público en xeral. Cumpriron. Non minto, non gosto da súa música e coido que poderiámolos cambiar por "La oreja de Van Gogh", "Ella baila sola", "El canto del loco", ou "Andy y Lucas", ou "Los mundos de Yupi", ou os misteriosamente desaparecidos "Upa Dance", e aquí non tería acontecido nada. Houbéranse reunido oito mil persoas de igual modo.

Imaxino a grande lexión de potenciais pilotos de fórmula1 residentes na nosa provincia, cos seus coches marelos e negros aparcados perto do concerto, facendo os ruídos dos motores do seu coche namentres babexaban ollando á chavalita do cabrón do Alonso. "Qué boa está, tío" e o outro contesta: "Está boísima, tío." O terceiro di: "Buáh". E logo non din nada mais. Voltan a facer ruídos de motor e imaxinan que a estrada nacional de Portomarín é o circuito de Interlagos.

A proposta vibrante, baixo o meu punto de vista, levouse a cabo na Praza de Santa María (de nuestro Señor) e estou seguro que os oídos pitáronlle ó voso señor bispo de Lugho.
Albert Plá.

Albert Plá. Repito.

Apareceu en escea cunha sorte de túnica e unha chaqueta destrozada, despeinado, coa mirada desafiante, e cun velló sofá feito xiróns por todo atrezzo, na compaña dunha muller que facía os coros e ventos, un baixo, batería e un excelente guitarrista framenco, que se marcou un só estelar nun dos interludios do concerto, deixando boquiabertos e ardendo ós alí presentes. Bravo. Pero falemos do concerto. O artista catalán, baixo o seu vulnerable físico esconde un volcán en erupción. Comezou tranquilo pero pronto brotaron os ritmos vibrantes de ska,reggae, rumba catalana cunhas letras incendiarias. Irreverentes. Definitivas. Coido que non deixou moitos temas escabrosos sen tocar. Dende o varón abandoado pola súa noiva que se vai cun negro, ata o hipotético incendio dos Estados Unidos por parte dun cigarro mal apagado, letras sobre as prisións, sobre a monarquía, inxustiza...todo elo tinguido dun toque surrealista, canalla, de rimas orixinais e humorísticas e, mais que nada, coa posta en escea dun artista difícilmente catalogable, abandoado á lucidez do momento, voando coa súa imaxinación coma se estivese no salón da súa casa, provocador, e sempre sen abandoar esa delgada e case que imperceptible liña que separa a denuncia e a provocación intelixente do patetismo. Engadamos que fixo unha versión memorable do Walk on the wild side de Lou Reed, e xa temos a guinda. Baixo o meu humilde entender, un espectáculo altamente recomendable, sen ser eu un entendido da obra de Albert Plá. Un concerto ó que se podía ir a bailar, sí, pero sacando a bailar as neuronas tamén. Inclusive houbo tempo para referencias á igrexa, mais ben á pertinente desaparición do clero. Sí, por qué non...entendamos que se trata dun desexo pacífico, non de intolerancia.Ollo.
Albert Plá grande.

No hay comentarios: