Haberá xa tres anos que aconteceu. Atopábame eu cun peculiar amigo meu, que coñezo dende a infancia, e con outros dous que atopamos por pura coincidencia nun bar. Destes dous, só direi que un sabe os diálogos enteiros das películas de Rambo, coas conseguintes dramatizacións, e o outro é un consumado guitarrista. Gosta este último de presentarse só a unha asignatura ó ano da carreira que estudia. Só se presenta se vai sacar matrícula( "la vida es corta pero ancha"). Ademais, ten un gusto moi particular de lecturas. Góstalle a filosofía china e demais. Coido que xa terán, vostedes, os lectores, un perfil. O caso é que eramos catro e fumos recorrendo diversos locais ou pubs. No primeiro atopábamonos a falar de música, pero retireime da conversa cando comezaron dous deles a falar de folk checo. No seguinte bar eu animeime e por debaixo da música comecei a explicarlle a outro un poema de Gil de Biedma co que andaba obsesionado ("que vivir y morir es el único argumento de la obra..."), non lembro como se titula. Logo, xa na rúa, e camiño doutro pub, pensei que tal vez estaba a ser unha noite curiosa. Do terceiro acompañante, o amigo da infancia, non direi nada. Só que comezou a explicarme que nos pubs podía un atopar de todo. Reuníanse alí fontaneiros, avogados, borrachuzas, iletrados, cabaleiros, mulleres formais, informais, desgrazados, vellos verdes... En fin, díxome que alí, comezaba o xogo. O xogo da seducción. Os homes mais capaces, mellor parecidos e de mais poder económico eran os que divisaban as posibilidades do local, ó igual que as mulleres, que facían o mesmo. Entón, estabrecíanse niveis e comezaba a interacción. Acontecía que mulleres e homes buscaban relacionarse con aqueles/as mais afíns en canto a condición económica, aspecto físico, etc...Pero si se daba a feliz circunstancia de que algún home ou muller conseguía establecer relación con algunha persoa das consideradas fóra do seu radio de acción, entón abríanse de par en par as posibilidades de abandoar o estadio e nivel anterior e acceder ó seguinte. As persoas do nivel superior comezaban a mostrar curiosidade polo ousado ou ousada e entón chegaban as invitacións ás copas, os guiños cómplices do dono do local, os corriños de mulleres ou homes asexantes por acercarse ó recén ascendido. Así, comezaba a funcionar a pirámide social no medio do fume, a música de pachanga ou non, o alcohol e as conversacións a berros. Era a palmadiña nas costas, que podía facer que un desgrazado, si actuaba con intuición e astucia poidera por unhas horas sentirse o rei do mundo, para logo voltar o luns á tristeza habitual.
Mais o curioso desta explicación sociolóxica, que eu escoitaba rindo a esgalla, foi cecais o lugar onde se deu. Atopábamonos na zona vella da cidade, perto dun pub, e o esquelete dunha vella casa chamou a nosa atención. Entramos, pois só conservaba as catro paredes e non tiña teito e, alí, vixiados polas estrelas, eu escoitaba ó meu colega namentres os outros dous discutían se as marcas das escaleiras naquela parede que caía a cachos correspondíanse co primeiro ou co segundo andar. Logo duns vinte minutos voltamos ó centro. Unha estrana tertulia.
Martes, 25 de setembro de 2007
martes, 25 de septiembre de 2007
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario