As luces apagábanse, patalexábamos nas madeiras do chan e abaneábamonos nas butacas co pulso acelerado. Logo saía o león, ou o anagrama da 20th Century Fox e comezaba a película; tanto ten: Bud Spencer e Terence Hill, Batman, E.T., os Bicivoadores e mil mais, palomitas, os refrescos, os berros para enfadar ó acomodador, clichés de todo infante nunha sala de cine. Será que o paso do tempo actúa tamén para os que nos temos por novos, porque desaparecen as salas de cine. Gran Teatro, Kursal, o que sube dende o 18 de Xullo, non me lembro, o Vitoria(posterior) e Lugo quédase sen salas de cine. Agora só temos as das Termas, nas que as figuras do cartón-pedra dos penúltimos heroes de Hollywood inundan o vestíbulo baixo unha aséptica luz roxa impersoal. Grandes equipamentos e deseño futurista, asentos confortables, sonido excepcional...pero coido que se está a perder algo do cine das vellas salas. Ver a maxestuosidade do Gran Teatro, os balcóns baleiros en silencio antes de comezar a película, era precioso...logo quedar xa cos once anos coas chavalas do colexio, intentar meter man, pulsacións enlouquecidas, e despois a saída comentar desolado os intentos fracasados camiño da casa co Iago ou co Brais, ou cos outros...o Kursal. Alí recibín unha labazada na cabeza antolóxica. Foramos a ver Batman e no momento álxido da película, cando a Bat-Nave se superpón coa lúa, aí vai o Pedro que se levanta na butaca coma un salvaxe e berra: "Joker, fillo de puta, vamos a por tí!"Á saída, un rapaz duns dezoito anos, un maior, ven por detrás e confundíndome co meu amigo, mándame unha ostia na cabeza que me fai tremer as pernas. Cousas do cine.
Anos mais tarde, xa ninguén vai como se ía antes. Agora é mellor comprarlle un DVD ó teu chaval e que fique pechado na habitación. Supoño que ten o seu lado bo, pero a min gustábame o dos cines antigos, para sentirme un pouco como o protagonista de Cinema Paradiso, nostalxias...
Tamén lembro un mitin político no Gran Teatro no que corríamos entre pernas de maiores e era tanto o fume do tabaco que camiño da casa non tiña xa capacidade para falar, aínda non había lei do tabaco. Noutra ocasión, comezamos a xogar cunhas xeringas que había nun dos laterais, na rúa, e unha señora alarmada comezou a berrarnos se queríamos morrer. Mirámonos e pensamos que non, que non queriamos morrer. Case morre noutra ocasión o meu colega Brais, cando lle dixo a unha compañeira súa de clase:"Iria, vaca!!!", ó que o pai da nena en cuestión, visiblemente afectado lle contestou:"Vaca tu madre, payaso!"
Xa non quedan cines, e en lugar deles, agora hai putos aparcadoiros, edificios nos que hai que meter unha tarxeta para poder pasar co coche, ou tendas de telefonía móvil. Algún día pagaremos non poder adormecer tranquilamente nun Gran Teatro, nunha tarde-noite de inverno de choiva e de frío, na que viaxar a todas esas realidades fabuladas, que completan esta vida tan insuficiente...Tango, por favor, poñamos un pouco de tango namentres cargamos as metralletas contra a uniformización do ocio. ¿En qué pensarían os romanos cando inventaron AS Termas?
No hay comentarios:
Publicar un comentario