sábado, 20 de octubre de 2007

O outro


O seguinte escrito urxente é un intento cecais fallido dun motivo recurrente na imaxinación das persoas. Teño que puntualizar o seguinte:

-O meu amigo Rubén, logo de lelo, preguntoume se eu lera a obra de Saramago, agora non lembro o título. Dixen que non, só lin esa sobre unhas eleccións, "Ensaio sobre a cegueira"(perhaps?)

-Asimesmo, traicioume o meu espírito aventureiro e caín na trampa de perder a formalidade que debe acompañar a linguaxe dos escritos administrativos formais, elemento que tratei de solucionar precisamente sacrificando ó meu amigo Rubén.

Dito esto, sen mais, O Outro.

O Outro



Refiro aquí un caso que pola súa excepcionalidade e singularidade non soportaría ser terxiversado por un alleo. Polo tanto, remítome ás actas levantadas no seu día con motivo da importancia do mesmo. O primeiro manuscrito ten data do vinteoito de Decembro do ano 1978, redactado pola secretaria da Comisaría de Policía de Santiago, seguindo instruccións precisas do propio comisario daquel entón, D. Nicanor Dorribo Lérez.Asimesmo, precísase no mesmo que os feitos ós que alude aconteceron a mesma mañán do día vinteoito ás 11:45 horas, baixo xuramento do propio denunciante, D. Amable Cochón Fernández, natural de Santiago de Compostela, de setenta e sete anos. Sen mais, remítome ó mencioado documento:

Policía Nacional
Delegación de Santiago
Praza da Alameda, s/n

Acta de Denuncia


“Ás once e corenta e cinco minutos da mañán do día 28 de Decembro de 1978, persóase na Comisaría D. Amable Cochón Fernández, natural de Santiago, de 77 anos, visiblemente aturdido e nervoso, coa intención de denunciar un feito que pola súa singularidade e gravidade, e no caso de ser certo, me vexo na obriga de rexistrar baixo acta para que as autoridades pertinentes dispoñan da información necesaria para a resolución do caso. Este ancián, reputado na cidade, pois é un afamado reloxeiro nun pequeno baixo na praciña de San Afonso, denuncia baixo xuramento e advertencias das consecuencias legais que conleva o delito de falsa acusación, que hoxe, logo de se erguer ás dez e media da mañán con lixeiras dores nas costas, e tendo inxerido unha cunca de leite acompañada dun pouco pan con manteiga, recolleu un pouco a casa, mais di que non é o mesmo dende que morreu súa dona hai dous anos, pois él non é quen de cambiar regularmente a roupa da cama, posto que sofre ademais algún problema de cadeira e engade que mesmo deixou de frecuentar a compaña dalgunhas vellas amigas da súa dona polos motivos anteriormente citados. Precisa que as dores da cadeira ocasionan unha profunda mágoa nas amigas da súa dona difunta, pois como él mesmo sinala, o reloxo non pode funcionar se as agulla dos minutos non lle obedece á das horas. Declara a continuación, que logo de se lavar e afeitar, vestiu os seus vellos pantalóns e o gabán gris, calzando na cabeza un gorro de lá, pois non é o frío o mellor amigo dun ancián. Dis que saiu da casa, e xa na rúa, percorreu a Praza de Galicia, dobrou a esquina do banco, baixou a rúa e chegou ó paso de peóns e detívose petrificado no borde da beirarrúa ó observar ó outro lado do paso de peóns, a un home duns setenta e sete anos, seica vestido exactamente coma él, igualiño a él mesmo, segundo as descripcións do afectado e que mesmo lle respondeu cando o chamou polo seu propio nome, Amable. Cando se puxo en verde o semáforo, o outro home, sempre segundo declara o denunciante, sorriu e díxolle: “¡En Dios, Amable!” O denunciante afirma que estas son as últimas verbas que este home idéntico pronuncia posto que nese momento un camión de bombeiros que non respetara o paso de peóns, pois ía en misión de emerxencia atravesa a gran velocidade a rúa, atropelando brutalmente ó individuo en cuestión. Segundo está en condicións de certificar esta Comisaría, logo de se por en contacto co Parque de Bombeiros, esto aconteceu tal que así, e engade o bombeiro que conducía o camión que o home ó que se refiren os feitos estaba a interpelar a un individuo ó outro lado da rúa, pero que pola velocidade dos acontecementos, non é quen de dicir se un era idéntico ó outro. Sí precisa o bombeiro que o corpo do ancián non opuxo resistencia no momento do atropelo. Despois de manter conversa cos forenses do hospital da cidade, conclúese que non é posible identificar a víctima do atropelo debido o estado do seu rostro, si ben se acredita que as roupas que viste coinciden coas descripcións realizadas polo denunciante dos feitos.Logo da denuncia deste estrano suceso, o ancián denunciante, visiblemente afectado polos feitos e pedindo explicacións que este comisario confesa non estar en disposición de lle ofrecer, abandoa berrando exabruptos e xuramentos varios relativos a imaxinería cristiá as dependencias da comisaría. Para o que as autoridades competentes mandar, sempre leal, o comisario. “


Nicanor Dorribo Lérez


Ata aquí o primeiro manuscrito que si ben constitúe un feito que se alonxa do ordinario, non deixa de estar suxeito a evidentes consideracións subxectivas relativas a un posible equívoco, confusión ou simples motivos de enaxenación ligados a avanzada idade do denunciante. Nembargantes, non morre aquí o caso. Un segundo informe, redactado unha hora despois pola secretaria do comisario, dictado polo mesmo, recolle a formulación dunha denuncia sorprendente, non tanto pola natureza da mesma, senón pola identidade do denunciante, e que a continuación me permito achegar para a lectura de quen guste:

Policía Nacional
Delegación de Santiago
Praza da Alameda, s/n

Acta de Denuncia


“Na mañán do 28 de Decembro de 1978, ás doce e corenta e cinco minutos, un home que eu podo xurar que é o mesmo que aquel dunha hora antes, pero finxindo baixo o meu punto de vista acento chileno, persóase nas dependencias da comisaría visiblemente axitado, denunciando un suceso idéntico na súa natureza ó rexistrado na mesma mañán. Logo de tratar de calmar ó denunciante, procedo a pedirlle o seu carné de identidade e, sorprendentemente, saca do seu gabán gris un carné de identidade de nacionalidade chilena e expedido no Departamento de Policía de Santiago de Chile, o 2 de Maio de 1902, pertencente ó cidadán chileno Amable Cochón Fernández. Logo de corroborar a identidade do denunciante na embaixada chilena mediante conferencia telefónica asi como a veracidade do documento presentado, o ancián engade que o suceso aconteceu haberá cousa dunha hora e que, só agora foi quen de se achegar a estas dependencias logo de repoñerse da impresión sentado nun banco da Alameda. Logo de ser interrogado polas súas actividades e o seu domicilio, afirma que leva dous meses na cidade, posto que veu dende Chile coa intención de visitar uns parentes en Noia. Afirma a continuación que se enterou que morreran hai dez anos e que, dende entón, sen diñeiro para regresar ó seu país, malvive polos parques e rúas da cidade, pedindo esmola e comendo nas dependencias do asilo de anciáns, punto que puido ser confirmado polo centro logo de contactar a comisaría co mesmo. Despois de relatar o acontecido, o cidadán comeza a pedir explicacións e esixe ser trasladado ó seu país, pois afirma que quere morrer na terra que o viu nacer, non no inferno de loucos que é esta cidade. Convídoo a abandoar a comisaría polos seus propios medios coa firme vontade de axudalo en breve, non sen antes resolver os estranos sucesos acontecidos no día de hoxe. Para o que as autoridades competentes mandar, sempre leal, o comisario.”



Nicanor Dorribo Lérez


Xúntanse aquí dous testimonios cecais únicos, inéditos, sorprendentes, antagónicos pero complementarios pois a negación dun dos dous sería a negación do outro e a posible veracidade dun dos dous valida a do outro, por mais que o suceso se presente imposible, mais que nada pola remota posibilidade de que existan dúas persoas iguais, idénticas, sen relación de parentesco familiar polo medio, pois poderían ser xemelgos. De todas formas, o feito de ter poucas posibilidades de que existan dous seres exactamente iguais, non por improbable o temos que supoñer imposible. Quen non soñou algunha vez ser varios, ser un exército enteiro de iguais, conectados polo mesmo pensamento e polas mesmas reaccións; ou cando menos atopar un igual, un alma xemelga.

Mais non desviemos a atención cara suposicións superficiais, e descubramos agora sí, por improbable e imposible que semelle, a parte mais sorprendente deste asunto. Logo de redactar os dous documentos reflexando as denuncias de ámbolos dous anciáns, abriuse a pertinente investigación. Centos de documentos periciais avalan infaliblemente a exactitude das roupas e da composición corporal do home atropelado co informe e as fotografías asi como expedientes médicos do primeiro denunciante, isto é, o vello reloxeiro Amable Cochón Fernández. Mais enfoquemos agora, antes de revisar os dous últimos informes que sobre este caso constan no Arquivo Xeral da Policía, enfoquemos digo, un dato esencial e aterrador do caso: logo da denuncia consta nos mesmos arquivos anteriormente referidos a acta de defunción dos dous anciáns, o chileno e o vello reloxeiro. O primeiro foi atopado morto ó día seguinte na súa reloxería, sentado nunha vella cadeira na trastenda, coa cabeza descansando sobre un bonito reloxo suizo de madeira de nogal, con fermosas agullas douradas, e mesmo o clásico paxariño engaiolado que nunca mais marcaría ningunha hora. O informe do forense conclúe que a morte foi debida a unha parada cardíaca fatal. Do segundo nunca mais se soubo. O ancián chileno desapareceu e mesmo fontes gubernamentais chilenas consultadas a instancias da embaixada, negaron saber del.

Abriuse unha extensa investigación tratando de dar resposta ó acontecido, mais ningún dos especialistas da comisaría, nin tampouco eminentes autoridades na materia chegadas da Europa foron quén de resolver o asunto ou ofrecer unha explicación coherente. O mais que facían era pasear perdidos pola zona vella da cidade. Mesmo un detective chegado da Escocia, que namorara da reloxería, con todos aqueles reloxos, trasladou a súa residencia á cidade e abandoou a carreira policial para mercar a reloxería e aprender o oficio. Mais isto alónxanos unha vez mais do esencial. A continuación ofrezo íntegros os dous últimos documentos que sobre este estrano suceso quedaron recollidos no Arquivo da Policía. En primeiro lugar, achego un sorprendente compilado de conclusións que un mozo becario de prácticas que non contaba mais de vintedous anos tivo a valentía de achegar ó seu superior, o señor comisario. Polo xeito de interpelar directamente ó comisario, podemos deducir que non era a primeira conversa que sobre o asunto mantiveran os dous. Ademais, a hora igual de rexistro dos dous documentos fainos supoñer que a secretaria non facía outra cousa senón que transcribir unha conversa mantida polos dous con motivo da investigación do caso. Calquera das dúas actas non deixará indiferente a ninguén. Sen mais, velaí van:


Policía Nacional
Delegación de Santiago
Praza da Alameda, s/n

Acta de Reunión

“O licenciado en Dereito D. Olegario Tizón Dapena, de vintedous anos, natural de Xinzo de Limia, en fase de prácticas no Departamento de Criminoloxía da Comisaría da Policía Nacional sita na Praza da Alameda, en Santiago, achega ó señor comisario as seguintes conclusións. En primeiro lugar quere facer constar o grao de acaloramento do seu superior ao tempo que lle amosa os seus mais sentidos respeitos. En segundo lugar quere manifestar o seu desacordo co feito de que o caso relativo ás denuncias dos dous homes idénticos teña que ser pechado en falso. Amosa tamén a súa disconformidade cos procedementos seguidos no transcurso da investigación polos sucesivos responsables da mesma. Sinala neste punto que a todos lles faltou un elemento esencial segundo o seu modesto entender: a perspectiva. Afirma nesta liña de argumentación que o Departamento de Criminoloxía segue na penumbra das covas e das sombras, namentres que a razón segue agardando en formas diversas fóra, baixo a verdadeira luz do sol. Prima, que os seus superiores teñen unha forma de intelixencia moi amiga do misterio, ó que o señor comisario inquire se ten a cara de lles chamar ignorantes. Secunda o señor becario que a inxesta excesiva de alcohol en horas de traballo tende a reducir o estado de lucidez que rara vez acadan os homes adormecidos no seu cargo, e menos cando se persegue inxerindo unha copa tras outra acadar un punto que xa non regresará, e só quedará, sempre segundo as palabras do becario, baixar en cuadrupedia e lambendo tristemente un por un, os escalóns cara a disipación e a paranoia depresiva; escalóns que minutos antes un subira pleno e heroico inxerindo as primeiras copas, nesa búsqueda intrépida da plenitude intelectual. Tercia finalmente o señor becario, que é propio de pensamentos pouco desenvoltos, non filtrar as reaccións impulsivas no trancurso dunha discusión diverxente, asi coma non di moito de quen as emprega, recurrir a palabras malsoantes para encubrir a falta de crédito argumentativo. A continuación ten a delicadeza de guiñarlle un ollo a secretaria que redacta este informe, o que se lle agradece encarecidamente, pois é un home de bo ver e moi educado. Seguidamente sucédense unha serie de reaccións pouco atinadas do estimado comisario que non se rexistran no presente documento. Logo das mesmas, cálmase o ambiente da reunión e o comisario esixe que o becario lle explique as súas conclusións dunha vez. O becario érguese pausado da súa cadeira e comeza o seu alegato final. Así, comeza dicindo que logo de levar meses investigando o estrano suceso obxecto do caso, non pode senón ofrecer dúas explicacións perfectamente comprensibles e que veñen a dar a solución ó misterio. A primeira posibilidade é que sinxelamente se trate de buscar ou do Fetch. Ante tal afirmación resopla o señor comisario, pero o becario explica que isto, buscar ou Fetch, que é como o chaman en Escocia, é o momento en que un home idéntico a outro o ven a buscar para levalo á morte. Engade que é ademais unha tradición recollida tamén no Talmud, precisando que para os xudeus era un mal presaxio. Era a certidume de ter acadado o estado profético. Ante esta primeira hipótese das dúas o comisario rasca na cabeza, pasa a man pola faciana e derrama accidentalmente o güisqui na chaqueta. O becario móstrase comprensivo, colle aire e procede a explicar a súa segunda hipótese. Di que a outra posibilidade perfectamente verosímil é o influxo dos planetas. Mais mostras de inquedanza do señor comisario que se serve outra copa. O becario explica que segundo di Tácito no Diálogo dos Oradores, un ciclo completo da vida comprende exactamente doce mil noventa e catro anos comúns, logo dos cales, e polo influxo dos planetas, o ciclo da vida volta a repetirse exactamente punto por punto ó longo da Historia. Pequenos desfases nos cálculos de Tácito ou unha alineación indebida dos pranetas nun momento dado poderían ter propiciado a existencia coetánea dos dous anciáns idénticos, e que isto fora a razón do acontecido. A continuación o comisario leva a man á entreperna, torce o xesto e logo recolle os cabelos coa mesma, prende un cigarriño e comeza a emitir diversas palabras de disconformidade co exposto polo becario, xurando que será ese o seu primeiro e último destino como detective.A continuación prégalle ó becario que abandoe a comisaría e que entregue a súa praca identificativa, secundando as ordes con diversas invocacións relacioadas coa pureza da nai do becario.”

Oleguina Sexismúndez Chorén


Por último, e para os lectores que non abandoaran precipitadamente o seu posto de garda, a última acta redactada polo propio comisario e que resolve ó seu xeito este insólito caso:

“Logo de longas horas de reflexión na única compaña de min mesmo, procedo a tomar as seguintes determinacións en prol de pechar o caso definitivamente:

1- Expulsar do corpo de detectives ó becario e licenciado en Dereito na especialidade de Criminoloxoxía, Olegario Tizón Dapena, mais que nada pola súa manifesta incompetencia, pero sobre todo, pola súa explícita falta de educación, respeto e pola ausencia dun mínimo protocolo no exercicio das súas funcións.
2- Asimesmo, procedín a emitir un informe negativo da secretaria Oleguina Sexismúndez Chorén, que transmitín ó señor Rubén Vázquez, xefe de Persoal, pola súa falta de displicencia e carencia de profesionalidade no seu traballo, en especial, logo de revisar as actas que redactou ás miñas ordes, e que están cheas de consideracións alleas ó carácter formal e estrictamente administrativo que deberían gardar ditos documentos, engadindo impresións subxectivas e persoais sobre feitos e reunións que non lle compete avaliar.

3- Emito orde inmediata de detención contra o cidadán referido polo detective Olegario Tizón, un tal Tácito, por alteración do orde público e homicidio en segundo grao.

4- Finalmente, e con carácter irrevocábel, presento a miña dimisión e por propia vontade, contando co beneprácito do meu médico de cabeceira, o doutor Aniceto Castrón, solicito o ingreso no centro psiquiátrico provincial.

No hay comentarios: